P da C O

Post on 08-Mar-2016

229 views 2 download

description

Poemas Hidden City

Transcript of P da C O

ALGÚNS POEMAS DA CIDADE OCULTA

A min e non a ti mordeume de neno unha balea e no espiral de ADN mesturóuseme a dolor con tres pasos e tres golpes: as chemineas enchéronse dos bechos máis pequenos e a cola do alacrán habitoume polos brazos e a memoria a memoria a memoria é um animal con solitaria.

A min e non a ti mordeume de neno unha balea e pola cidade oculta transitei cos cans ós que lle roubaron o niño e a fuxida fíxoseme así como terrible como algo que se toca e ole a xeo como algo que se ten e non sabe de lugares diferentes ás nubes.

PRIMEIRO ITINERARIO (ALGÚNS POEMAS)

Eu cheguei só, con todas as cousas de doer dentro dunha elipse.

PERO EU CHEGUEI SÓ cunha trabada de balea con todos os cromos de animais dentro dos dedos e un xeito diferente de morrer.

E aínda que todas as rúas estivesen ateigadas de homes e xigantes nin un sorriso de tigre foron capaces de darme por escusa nin un mal sitio reserváronme nas nubes nin un gramo de alcol prestaron de medida.

A MIN NON ME SOBRA O OPIO E nos ascensores máis estreitos os meus soños son da dolor máis grande Cando a choiva roza a zona máis sensible e todos morremos no reverso das dunas. Un soño de chuvia traerá o inverno envolto nas barbas da balea e xa ninguén poderá apreixarme con botóns numerados do un ó sete de decembro terceiro andar cara á saída Hei volver polas ondas da casa facer que me visiten as estrelas.

SEGUNDO ITINERARIO (ALGÚNS POEMAS)

Unha muller vendeume trescentos buracos e un aroma. Alguén agochou o sol detrás dos inmobles. Nace un do- mingo pouco a pouco e ninguén é o que é nin sequera no raíz que se nos sae das mans.

Eres el verano y mil tormentas y el león que sonríe en las ortigas.

Fernando Arrabal

E ATRAVESADOS POLA BARRIGA ela e eu morremos xuntos cada mês como se a cera das rúas estivese máis mesta e os barcos afundisen baixo a pel das grúas.

Explícame sen ferirme o tránsito do deserto cantos son os nenos que morreron nos portais deixándose os labios baleiros de memoria cantos son os animais que nos quedan e quen nos roubou o abecedario dos ollos. Cántame outra vez a canción da balea mentres absorbes o rastro do meu nome mentres me enches o lombo de cristais e o corazón costrúese no latexo oposto. Dime se se pode medir a distancia que separa a túa boca do meu ventre o cemiterio de peixes onde habitan as algas o lugar exacto dos corpos onde nos matamos cada vez máis xuntos. Arríscame os brazos as medusas ó xogo da pedra dóeme a hora en punto en que nacemos e se me quedan ondas quizais entre as dúas pernas.

Atravésame unha e outra vez o camiño da néboa o código de luces dos faros cando o palangre ole ós restos da suor e os homes traen o que lles deixa a fame. Acálame a voz da cidade e dos adornos os parques visitados con anaquiños de miga onde os cisnes dormen para non voar máis lonxe. Atravésame unha e outra vez polas entrañas da carne falándome os teus ollos dos deuses e das algas de cantos son os que ficaron apreixados nas dunas e se me quedan forzas para regresar ás veces. Tócame o teu núcleo da porta para dentro nas xanelas de enfronte as penas nos recordan e podemos xuntos mastigar sen présas o aire irrespirable do bordel.

Sobre o leito o vento se divide e ti me pasas a dolor das árbores das rochas e da casa descifras a marea nun vaso de vodka…. HOXE NON VICHES COMO AMENCÍA FOI BONITO HOXE NON VICHES COMO AMENCÍA E FOI BONITO.

TERCEIRO ITINERARIO (ALGÚNS POEMAS)

Fumando opio na escaleira. Morrer sen ningún dromedario.

E se me morres ben tamén eu morrerei contigo e ninguén o saberá irémonos paseniño cos bonecos e os cromos de animais roubaremos nas tendas os anacos máis miúdos as nubes de algodón sabor de nata algunha rúa e algún acivro que poida que morrese antes ca nosoutros. Tamén e por que non darémoslle a man ó violinista e levarémolo ó mar el sempre quixo ir ó mar facer música do mar e amarrala no peito amar o mar.

Se hoxe morremos prométoche que se hoxe morremos reflectirásenos a lúa dentro do costado e alguén nos tocará unha canción de despedida. Quizais o violinista traia todos os seus selos de balea e nos visite as mans cunha flor e un dromedario.

CUARTO ITINERARIO (ALGÚNS POEMAS)

Meter unha balea nun tarro de formol gardala pronto e facer comida

para un lugar sen paxaros.

Irei sen ti á caza da derradeira balea e non sei se morrerei pero é igual. Teño que meter á balea nun tarro de formol gardala pronto e facer comida para un lugar sen paxaros destrozarlle os ollos quitarlle a canción esquecer a lingua espila. Irei espir unha balea e morrerei de frío e a chuvia asolagará os meus pulmóns e o arpón trincará máis forte a miña carne e nunca voltarei.

E despois de que acabe coa balea quizais se me apaguen todos os latexos e nunca máis poidamos aniñar nos postes da luz como aniñan os paxaros ós que lles roubaron as árbores e o aloumiño e a pluma e a espiral de A.D.N. das especies.

QUINTO ITINERARIO (ALGÚNS POEMAS)

Eu veño dun país o máis lonxano.

E a miña nai desfacíase o rostro por min: collía as follas dos acivros e resfregaba a cara con elas, polo lado esquerdo da boca, onde máis pesa e doe o perdido. E repetía cen veces: “Corazón, pescareiche a aguia e o lobo, dareiche a estrela e os pedazos, tocareiche ps labios coas plumas da chuvia, e se fai falla, corazón, inventarei os soños da metade cara dentro aínda que non durma e me queden os ollos ateigados de sequía”.

A MIÑA NAI RECOLLEU CO SEU VENTRE TODAS AS COUSAS DAS QUE NON SE PODE FALAR TOCOUME SUAVEMENTE COS SEUS DEDOS E NON SOUBO DICIR NADA ACERCA DO SEU TACTO.

Na outra beira o meu pai pescaba nubes sete días á semana. En domingo xuntabámonos todos a comer da mesma mesa e colocabámonos as nubes na raíz.

E ASÍ, AÍNDA QUE TI NIN EU O QUEIRAMOS eu era cada día máis lobo e máis home

DEBO ESTAR DEBES ESTAR NALGÚN SITIO VISITAR ALGÚN CHAN SENTIR ALGUNHA FOLLA

EU RELEMBRO O MEU NARIZ apegado ós cristais da miña casa e todos os sons rompéndome nos ollos e todo o frío do mundo irrompéndome na face e todo o horror dunha balea mentres todos dormen e eu alí co nariz apegado ós cristais da miña casa e sen acabar o postre