Traballo na escola de ombre2

Post on 20-Jul-2015

818 views 2 download

Transcript of Traballo na escola de ombre2

TRABALLO NA ESCOLA DE OMBRE

Somos un equipo

Neste artigo, a comunidade escolar do CEIP de Ombre quere facervos partícipes das nosas

inquedanzas didáctico-pedagóxicas e do traballo que realizamos para intentar levar a cabo as nosas arelas. O noso centro é unha escola rural formada por cinco niveis educativos que inclúen os tres últimos cursos de Infantil e os dous primeiros de Primaria. As profesoras que

estamos impartindo docencia no centro somos a titora, a especialista de lingua inglesa e a profesora de relixión. O corpo docente colabora moi estreitamente cos pais e nais do centro, levando a cabo un labor de axuda mutua que facilita e enriquece considerablemente a

realización dos proxectos e traballos educativos.

Creamos unha biblioteca

No centro dispoñiamos dunha aula que non tiña ningún cometido concreto e, entre todos, decidimos darlle unha función moi especial; sería a nosa biblioteca. Despois de que o Concello pintase as paredes, decidimos entrar a decorala co grupo de artistas que temos na escola: varias nais decoraron as paredes cos seus debuxos e co seu saber manual, algúns país axudaron a concretar os espazos- biblioteca, almacén, ludoteca- e os nenos e profesoras axudamos a decorar o recinto e a encher a biblioteca de contidos. Todo isto permitiunos ter unha biblioteca luminosa, colorida, divertida e chea de historias.

Puxemos en marcha unha cálida cociña

Dado que o noso centro é unha antiga escola rural, dispoñíamos dunha vella cociña en desuso. De novo, coa inestimable axuda do Concello, obtivemos un servizo de auga corrente ( a cociña non dispoñía dela) e dotamos á cociña cunha serie de enseres que nos teñen axudado moito na realización de actividades culinarias. O equipo de traballo adulto tivo que empregarse a fondo para limpar e acondicionar o espazo. Grazas a todo iso, hoxe dispoñemos dun lugar que nos permite levar a cabo unha serie de actividades moi interesantes e atractivas para os nenos e nenas.

Situámonos no tempo e no espazo

Seguindo unha metodoloxía activa nun ensino integral, favorecedor do desenrolo das capacidades dos nenos e nenas, comezamos ubicando os nosos proxectos de aprendizaxe nun binomio espazo-tempo. Nestas dúas variables imos colocando todos os saberes e experiencias coas que nos imos atopando. O desenrolo de procedementos e coñecementos está, en todo momento, entrelazado con valores (imprescindibles na urdimbre educativa) que propicien unha conciencia de respeto e tolerancia aos demais e ao medio no que vivimos. Dadas as idades dos alumnos e alumnas do centro o achegamento ao espazo e o tempo tiña que partir dunha concreción de fácil comprensión para eles. O elemento de partida foi a data na que eles naceran e, a partir de aí, iniciar unha viaxe polo tempo anterior a eles. Paralelo a estas viaxes imaxinarias, iniciamos outro método de traballo baseado na reciclaxe de materiais, intentando afondar no respeto ao medio ambiente e o desenrolo das posibilidades lúdicas que isto nos podía reportar.

A nosa liña do tempo comezou, nunha esquina da clase, cando naceron os nenos e nenas e, tras un periplo, rematou noutro lugar da aula, coa gran explosión. Esta liña imaxinaria estaba sustentada nun fío do que íase desenvolvendo a partir dun novelo e que abría paso as idades históricas nas que o ser humano poblara a Terra: contemporánea, moderna, media, antiga e prehistoria. Seguimos cara atrás no tempo: chegamos os primeros seres vivos que estaban no planeta, presenciamos a formación dunha gran bola celeste: a nosa Terra, que se configuraba partindo de pequenos trozos de plastilina-materia. Non nos cansamos de viaxar e seguimos ata 15.000 millóns de anos. Chegamos a aquel momento máxico no que comezou o Universo e no que apareceron os átomos dos que estamos formados. Durante a viaxe do tempo íamos pendurando letreiros de cartón reciclado aos que se lles rotulaba co nome do período histórico no que estábamos.

Gústanos a cartografía

Despois, pasamos a reflectir en papel, a viaxe histórica que

fixéramos. Como, tamén, traballamos países seleccionados

democráticamente polos alumnos e alumnas, decidimos facer un atlas xeográfico e histórico no que poñeríamos todo o que estaban coñecendo. Acudimos ao taller RRR e, utilizando carton, papeis…, fixemos uns flamantes atlas.

Ao finalizar a viaxe no tempo (cara atrás), volviamos a reiniciarla cara adiante. O noso novelo histórico íase repregando e gardando as etapas históricas das que falabamos, ata volver ao presente no que nos atopamos.

Temos un taller chamado RRR• Neste taller o lema é “Reducir, Reutilizar e Reciclar”. Xa sabían da importancia de coidar

o noso planeta e, agora, despois da viaxe sideral, percibían que esa materia non estaba aquí sen ningún esforzó, senón, que como eles, era froito dunha historia universal.

• O taller de reciclado dábanos respostas ecolóxicas e lúdicas; primeiro elaboramos o edificio que ía soster o noso proxecto ecolóxico. Con cartóns recollidos en distintos ámbitos, montamos as nosas paredes e tellado, onde gardaríamos todo o material que iría chegando. Foi decorado e tomaron posesión del para dar renda solta ao seu maxín. Dende ese momento, o taller foi academia de policía, base militar, academia do amor etc. Segundo a fantasía que desenrolaban no momento, o taller desdoblaba a súa función: taller de reciclado e o nome que eles inventaban nos seus xogos. Converteuse nun elemento indispensable do seu ocio.

• Unha vez configurado o taller de traballo, acudiamos a el na procura de materiais para facer os nosos traballos.

• Antes de edificar o espazo de taller físico, tiñamos un taller disperso pola aula e xa utilizáramos moitas veces o material para reutilizar. Agora, xa tiñamos un espazo concreto.

Creamos unha compañía de teatro chamada Bolboreta Tornasolada

•Gústanos moito facer teatro no que se desenrola a expresión artística da escenificación e a da creación de textos teatrais. Creamos obras que despois representamos. Despois, facemos os decorados co cartón e co material de reciclado do noso taller RRR.

Creamos unhas editoriais; fixémonos editores.

•O curso pasado fixemos un libro de cartón co título de “Don Quixote da Mancha”. Dentro del, cada neno e nena debuxou e escribiu un resume da historia de Don Quixote.

• Este curso, as creaccións literarias e gráficas dos nenos deron pé á idea de crear un soporte físico-ecolóxico no cal gardar esas obras . Xunto co oficio de escritores e ilustradores que xa realizaban, apareceu o oficio de editores. O traballo ilusionante estaba en marcha. Cada neno e nena inventou un nome para a súa editorial, deseñou o seu libro de cartón , pegoulle as gardas, fixo as adicatorias, escribiu as súas historias, traduxo, autocorrixiu as galeradas antes da súa edición, preparou o lapis e oas cores para a rotativa…En definitiva, disfrutou dun labor creativo fantástico.

• Os nenos de infantil, nos seus libros, aportaban a parte gráfica e os maiores axudaban na elaboración dos textos deses libros.

•Unha vez rematados os primeiros exemplares, comezaron a elaboración de dous libros que ían ser agasallos para a escritora e a ilustradora do libro “Man, o Alemán de Camelle”. A escritora é unha profesora que lles dera clase : Beatriz Maceda Abeleira e a ilustradora Laura Veleiro Suaréz é unha amiga da escritora, que xa estivera na escola e nos pintara o emblema da nosa compañía de teatro: una radiante bolboreta tornasolada.

• Beatriz e Laura, trala publicación do seu libro, ían vir presentárnolo á escola. Como cada neno tiña elixido o nome da súa editorial; decidimos, entre todos, inventar un nome para a editorial que ía editar estes dous libros-agasallos. Acordamos que se chamase Bosque de papel. Fixeron dous libros moi bellos que foron entregados á escritora e á ilustradora antes mencionadas, nun acto no que elas nos leron o seu libro e nós lles fixemos unha actuación para presentar a nosa editorial conxunta de Ombre: Bosque de papel.

Na clase había un fantástico bosque, no que representabamos a nosa Fraga do Eume. Tiña unha especial característica; das súas árbores estaban pendurados os libros de cartón. Queriamos mostrar o noso amor pola literatura e pola natureza. No obra, os nenos de segundo dicían este poema.

BOSQUE DE PAPEL

A nós gústanos ler nun bosque de papel,

onde as follas sexan historias

de piratas e cenorias.

As pólas medren no aire

e movan, con moito donaire,

os libros qe nós escribimos e

cos que nos divertimos.

No río da nosa fraga,

a lúa reflexa os contos

e a súa luz vaga

por isos, os nosos contos

Que nós, nun día de tormenta,

inventamos con moita pementa.

Ai, que diversión¡

Ler e escribir

Un montón.

Aquí pendurados,

Tedes libros de coidado.

Avisamos, son divertidos¡

Adiante, co voso pitido¡

Queremos dicir, co voso sorriso¡

Foi un acto de intercambio cultural e de amizade que a todos nos encheu de benestar e satisfacción.

• Unha vez máis, a colaboración de todos foi imprescindible e rematamos con delicias culinarias feitas na nosa cociña.

•No respeto a natureza está a idea de reducir o consumo. Dentro do noso proxecto 3R, todo o que chega ao centro que sexa reutilizable axúdanos a ser creativos e a reducir o consumo. Facendo fincapé nestes principios, seguimos coa editorial en marcha para crear os nosos libros-poemarios nos que fomos introducindo os caligramas, os poemas, os acrósticos divertidos e os acrónimos dos nosos nomes e apelidos. A editorial vai vento en popa.

Temos un fantástico invernadoiro e árbores froiteiras

•Cando as plantas medraron,decidimos doar parte dos productos do noso invernadoiro á Cociña Económica de Ferrol coa que xa colaboráramos e a que xa visitáramos; a primeira colleita de coliflores e brócolis foi a a parar alí. Intentamos desenrolar nos nenos e nenas unha conciencia de axuda aos demais. A posibilidade de entregar algo de froito do noso esforzo nos parece moi importante e o vivimos como algo moi

gratificante.

• A carón do invernadoiro temos unhas maceiras que plantou a Asociación da Froita Autóctona do Eume. No outono, disfrutamos das súas exquisitas mazás.

•Este curso, xunto co invernadoiro, o Concello plantou unha serie de cerdeiras, típicas desta zona do Eume. Nos próximos cursos disfrutaremos da súa floración e posterior degustación.

A idea da ecoloxía, da natureza e da creación artística está en todos os ámbitos do noso traballo…

• Un día, iniciamos o estudo da cor mediante a mestura de colorantes alimentarios e alimentos. Creamos unha tinta natural formada por unha masa de fariña e auga que nos permitiu facer unha paleta de cores. Despois, inventamos e escribimos( coa tinta natural que fixeramos) un poema da primavera nun cartón reutilizable . Co engrudo natural pegamos retazos de plantas recollidas no noso colexio. Dado que estamos recollendo follas e flores para facer un herbario

• ( tamén feito de cartón reutilizado) ,decidimos combinar a lírica coa natureza e fixemos un herbario poético.

•Xa víramos, por Internet, o herbario poético de Pablo Neruda na súa “Oda ás flores de Datitla”. No noso atlas histórico colocamos a Pablo Neruda e, no xeográfico, ubicamos Chile e Uruguai. Neste último país, Neruda escribiu o herbario poético.

• Para dar un toque final á nosa obra, espolvoreamos azucre, previamente coloreado. Anteriormente, na nosa cociña xa fixéramos unhas madalenas e, na clase, as decoráramos con nata de cores. As cores e os tornasois permítennos disfrutar e investigar.

•A primavera vai chegando á escola e ao noso arredor a natureza vístese de matices colorísticos. Nós, quixemos rendir tributo ás raíñas da fraga: ás grandes árbores. Entre elas facemos as nosas andainas estacionais, para descubrir os cambios que se producen . Collemos elementos naturais e os mesturamos con envoltorios, materiais sintéticos e cartón para facer unha árbore multicor, anunciadora da estación que está chegando.

Somos construtores de cartón

•O cartón está presente en todas as facetas do traballo na escola. Fixemos unha palloza de cartón e palla para o castro celta que montamos no Samaín. Nese momento aproveitamos a falar da prehistoria. Edificamos unha catedral de cartón para estudar a Idade Media e faremos un castelo que nois permita xogar a damas e cabaleiros. Seguro que será un elemento de xogo fantástico.

En definitiva, os nenos e nenas teñen moitas ideas para dar utilidade a todo o material de reciclaxe que chega ao centro e o que producimos na clase: os rotuladores gastados convírtense en aguerridos paos das velas dun barco, os tubos vellos de pegamento van ser sólidas columnas de edificios, os …van aparecer nos sitios máis insospeitados. A imaxinación voa e constrúen xogo, deleite, aprendizaxe, respeto…

Seguimos coa creación e o reciclado

• Chegou unha vella billa á escola. Cun pouco de imaxinación e o apoio loxístico dun pai da escola, fixemos esta escultura que quere representar unha simbiose entre un vello obxeto sintético ( unha vella billa), o medio natural no que estamos, o consumo responsable da auga, as posibilidades lúdicas de uso da escultura e a creación artística. Fixemos unha escultura que pode server de xoguete e de elemento concienciador na tarefa de aforro dun ben tan importante como é a auga.

Epílogo

•Ao comezo do artigo, faise mención a comunidade escolar. Neste centro traballamos en conxunto os profesores cos país e nais porque cremos nun ensino participativo e enriquecedor no que caben as aportacións de todos os membros desa comunidade.

•Vivimos nun parque natural: A Fraga do Eume. Queremos rendir homenaxe á súa riqueza mediante o estudo, o respeto e a creatividade. É o noso medio e o queremos conservar, disfrutando del.