Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do...

24
Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castro As visitas realizadas e os feitos aquí narrados tiveron lugar no final do curso 2013-2014, pero non difiren moito dos acontecidos en anos anteriores e, con sorte, dos que se poderán vivir en cursos vindeiros. Se cadra, a lectura deste diario pode servir de guía, orientación ou axuda para futuras viaxes. (mapa onde aparecen as rexións e principais cidades de Italia) Un autobús levounos a Oporto onde collemos o avión de Roma, dende Roma fomos en bus cara a Florencia, baixamos logo a San Giminiano e a Siena, e rematamos a viaxe visitando Venecia. A volta fixémola en avión ata Oporto, alí esperábanos un bus que nos trouxo a Vigo.

Transcript of Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do...

Page 1: Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castrocentros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2015/03/italia... · algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós

Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castro

As visitas realizadas e os feitos aquí narrados tiveron lugar no

final do curso 2013-2014, pero non difiren moito dos

acontecidos en anos anteriores e, con sorte, dos que se poderán

vivir en cursos vindeiros.

Se cadra, a lectura deste diario pode servir de guía, orientación

ou axuda para futuras viaxes.

(mapa onde aparecen as rexións e principais cidades de Italia)

Un autobús levounos a Oporto onde collemos o avión de Roma,

dende Roma fomos en bus cara a Florencia, baixamos logo a

San Giminiano e a Siena, e rematamos a viaxe visitando

Venecia. A volta fixémola en avión ata Oporto, alí esperábanos

un bus que nos trouxo a Vigo.

Page 2: Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castrocentros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2015/03/italia... · algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós

VIAXE DE FIN DE CURSO IES DO CASTRO 2014

Malia levar un seguro cunha tranquilizadora póliza que incluía a repatriación de cadáveres, como cada ano, o que máis satisfacción nos produciu da viaxe

foi traer vivos os 43 alumnos que leváramos, e axiña despedirnos deles.

Partimos de Vigo cara a Portugal ás 4'30 do que aceptaremos era día 12 de

xuño pero que parecía 11 porque practicamente ninguén durmira. Collemos o avión en Porto e chegamos ao mediodía a Roma, onde nos esperaba Javier, o

condutor que nos tería aterrorizados os seguintes seis días.

Instalámonos no hotel Center II, sito na vía Giovani Giolitti, en Términi, e saímos a comer.

Vicino ao hotel, no Viale Manzoni,hai unhas cantas trattorías, e os profes e algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós na Taverna Italiana-

mentres outros comían no hotel o que levaran de casa. Ía a calor que esperabamos e quizais unha pouquiña máis. A primeira visita que fixemos foi á Fontana de Trevi pasando antes pola praza da República. Como o hotel está en Roma pero na casa de Dios, houbemos de

andar a de Dios para chegar a esta praza onde algúns rapaces xa pensaban que non poderían continuar, tan cansados e abafados estaban. Chegamos alí

despois de pasar por unha longa rúa, que creo era Príncipe Amedeo, ateigada de tendas chinesas – unicamente chinesas- con rótulos en chinés que nos

fixeron pensar que nos confundíramos de país. Na praza da República, para

facernos os amigos dos rapaces – e para sempre: E RAPAZAS- decidimos que ao chegarmos a Lido de Jesolo fariamos todos o Legado de Tibu, que é unha

parvada viral, moi de moda no momento, que consiste e mergullarte en auga fría, vestida ou disfrazada, e nominar a outra xente para que faga o mesmo.

Page 3: Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castrocentros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2015/03/italia... · algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós

Pasear cun grupo nutrido de estudantes por unha cidade grande e ateigada de turistas, cando moitos destes son outros estudantes exactamente iguais que os

teus, é un labor titánico. Hai un que a certa altura decide mercar unha masa viscosa que se esparra na parede cando a lanzas contra ela e que alguén lle

ofrece por un módico prezo, tres amigas súas valoran mercar outra e cinco colegas máis queren ver a transacción. Xa a cagamos. A cabeza do pelotón

perdeuse na distancia e o grupo, atrasado en todos os sentidos, non atende ás

razóns do “incomodado” profe que necesariamente vai na retagarda recadando alumnos propios e alleos. Pois nós, así todo o tempo.

Con estas dificultades baixamos pola vía Nazionale e creo lembrar que nos

metemos por un túnel que hai a man dereita para chegarmos á Fontana de Trevi onde levamos unha certa desilusión pois estaban limpándoa e se atopaba

rodeada por un valado que nos impediu sentar diante a contemplar o espectacular grupo escultórico. De todas maneiras, guindamos, de costas ao

monumento, a imprescindible moeda que nos fará volver a Roma. Alí, diante da fonte,entre os miles de turistas que coma nós a contemplaban, decidimos

que sería moi educativo para os rapaces – que levaban cadanseu plano- e moito máis práctico e saudable para nós, movérense en grupos pola súa conta.

Démoslles as instrucións pertinentes e quedamos con eles na Praza de España.

Xa era a tardiña e a calor ía afrouxando cando chegamos alí. O seu ambiente

nunca decepciona, e sempre engaiola cando chegas por primeira vez. A xente multicolor ateiga as amplas escaleiras que son un merecido descanso para o

viaxeiro. Haberá por alí algún romano,non o dubido, pero a maioría somos bárbaros. E este ano ademais había un grupito de hare krishnas – todos

guapos, todos felices, todos europeos e todos conversos- cantando, bailando e invitando o pópolo a participar. Ao minuto xa estaba o IES do Castro

xenerosamente representado na esmorga oriental e pouco faltou para que algúns abandonaran a relixión verdadeira e abrazasen a do deus Krisna, avatar

do deus Visnú.

Page 4: Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castrocentros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2015/03/italia... · algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós

Démoslles algún tempo libre para cear, e volvémonos atopar unha hora despois

cos alumnos na Piazza do Pópolo, remate da etapa terminal do día.

Dende a Praza de España vaise ao Pópolo pola vía do Babuino, unha das que forman o Tridente, que é como se lle chama ao conxunto das tres rúas que

desembocan alí. Pero os profes preferimos subir as escaleiras e facer un traxecto paralelo e máis alto, indo pola marxe inferior dos xardíns da Vila

Borghese, dende onde se contempla unha vista preciosa de Roma.

Page 5: Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castrocentros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2015/03/italia... · algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós

Nas prazas de Roma, á morna noitiña , sempre hai músicos interpretando agradabilísimas pezas, a cuyo son divino el alma, que en olvido está sumida,

torna a cobrar el tino y memoria perdida, de su origen primera esclarecida . Eu creo que, como acontece noutras cidades, deben pasar un exame para poder

tocar na rúa. En Vigo hai un individuo, seguramente xordo e sádico, que se pon en Príncipe a aporrear un tambor inmenso, que non pasou ningún exame,

e que incriblemente aínda non foi asasinado polos comerciantes da zona.O ano que vén imos levar a Abel Caballero de viaxe a Italia para que aprenda.Na

praza do Pópolo tamén había un músico discreto que endozaba a noite.

Volvemos ao hotel en autobús e ceamos polos arredores. Esa noite Begoña e eu case enfermamos de educación. Tycho Brahe disque morreu dunha infección

urinaria porque aguantou as ganas de mexar moitas horas durante unha longa

cea da que pensou non era correcto levantarse. A nós pasounos algo parecido. Nunha noite moi calorosa para todos os seres que estaban en Roma, nós

durmimos aterecidas de frío, cun fortísimo aire acondicionado antiecolóxico, por non espertarmos a unha a outra, pois había que chamar por teléfono para

que o telerregulasen. Pola mañá sincerámonos, lamentámonos e prometemos ser, polo menos durante a viaxe, todo o maleducadas que puidésemos.

Page 6: Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castrocentros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2015/03/italia... · algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós

O segundo día en Roma foi máis fresco. Temíamos a visita ao Foro e ao Coliseo

que nos esperaba , polo solazo e polo rollazo, pero nin o un nin o outro. A guía, Simone, foi moi amena e o tempo, amable. Seguimos a explicación con

auriculares, o que é moi práctico porque teñen moito alcance e podes ir ao teu ritmo e oes igual o relato. O grao de atención dos rapaces en todas as visitas

foi diverso como a vida. Uns, ávidos de saber, non perdían detalle, outros amosaban unha atención intermitente, salferida de charlas ou risas cómplices

con compañeiros, e despois, no outro lado do espectro, outros que se esmendrelaban de risa por sabe deus que parvada, co audífono do auricular

colgándolles na barriga, indiferentes aos séculos de historia que os contemplaban. Podían estar debaixo do Sireno ou en Kabul e nada tería

cambiado.

Page 7: Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castrocentros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2015/03/italia... · algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós

Para comer, deixamos os que tiñan comida no parque da Domus Aurea, ao lado

do Coliseo, e o resto e nós mesmos comemos nunha perpendicular á Vía Labicana, que está en fronte. Logo, todos fomos deitarnos un pouco á sombra

no mesmo parque, e de aí, andando, andando, pola Vía dos Foros Imperiais, fomos por diante destes foros e da Columna de Traxano, pasamos por un lado

do controvertido monumento a Vittorio Emanuele ou máquina de escribir,chegamos á praza de Venezia, subimos pola Vía del Corso - que vai

dende este monumento ata a praza do Pópolo, sendo un dos brazos do tridente- e desviámonos á esquerda para ir ao Panteón.

Que ambientazo hai sempre na praza da Rotonda onde está o Panteón!

Poderíase estar alí horas sen facer nada, contemplando a xente e escoitando a música que sempre soa. Había un dúo tocando pezas de Led Zeppelin que nese

marco incomparable, no medio das milenarias columnas, soaban a maxia. Os rapaces querían marchar - a onde? Por que? Chi lo sa - e non os dabamos

xuntado para darlles instrucións. Conseguimos con moito esforzo reunir a maioría e darlles unha cita na praza Navona, e logo buscar os que faltaban e

repetírllela. E por fin quedamos sós alí sentados, saboreando un xeado riquísimo dunha xeadería que coñecía Ángel.

Page 8: Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castrocentros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2015/03/italia... · algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós

Eses intres de liberación sabíannos tan ben como o mellor dos manxares. Fomos cara á praza Navona que é un dos lugares que máis me gustan, aínda

que sexa moi turística, e perdémonos polas rúas que a rodean. Todos os pijos romanos están alí tomando algo. Son elegantes e mundanos, como decidimos

que queriamos ser nós. Sentámonos nunha terracita dun bareto e tomamos coa súa desenvoltura o spritz que tomaba todo o mundo, que resultou ser

riquísimo.

En cada cita contabamos 43. 43 ao chegarmos e 43 ao írmonos. Faciamos un corredor para pasaren polo medio e indefectiblemente algún pasaba por detrás

sen darse conta de que ía a cousa. E sempre nos enfadaban e lles berrábamos como se fósemos uns sarxentos amargados. Reunímolos na praza, que foi

construída sobre o estadio de Domiciano, ao lado da fonte dos catro ríos de

Bernini, que representa con catro xigantes o Nilo, o Danubio, o Ganxes e o Río da Plata, cada un dun continente, gozamos xuntos un cachiño a noite

romana,contámolos e volvemos en bus ao hotel.

Cada noite, ás 12, pasabamos revista ás habitacións. Esta, X, un rapaz que se comporta como os substantivos colectivos: é singular pero dá a lata como se

fose plural, díxonos que lles petaran na porta unhas rapazas espectaculares, invitándoos a unha festa. El, que disque se deu conta só velas de que eran

prostitutas, díxolles que se fosen fregar. Cando lle afeamos a conduta, dixo que non era machismo, que el lle dicía iso a calquera xénero do xénero humano.

Nunca saberemos que pasou en realidade. Esa noite, Begoña e eu pasamos calor como todo o mundo en Roma.

Page 9: Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castrocentros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2015/03/italia... · algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós

O terceiro día empezou cunha visita ao Trastévere, que é un barrio situado na marxe oeste do Tiber. Visitamos a igrexa Santa María in Trastévere onde se

celebraba unha voda e paseamos un pouco polas súas populares rúas. Logo, atravesando a illa Tiberina, pasamos ao Ghetto e dende alí á praza - largo-da

Torre Arxentina.

Tiñamos a visita ao Vaticano ás 2'30 e xa se nos facía tarde. Como había xente

cansada, démoslles a opción de ir ata alí en bus, pero moitos preferiron seguir andando, entón Ángel colleu un con sete rapazas e Begoña e eu seguimos

andando por Corso Vittorio Enmanuelle cos demais. A unha determinada altura vimos unha cafetaría onde vendían pizzas, bocatas e outras viandas con moi

boa pinta, e propuxémoslles aos rapaces que entrasen alí a mercar algo pois seguramente no Vaticano estaría todo máis caro. E nós? Aínda que decidíramos

sermos maleducadas, pensamos que sería mellor esperar para comer con Ángel, e estivemos media hora agardando a que mercasen algo que puidesen

tomar despois baixo a columnata de Bernini. Tardaron moito porque algúns

collían arroz ou macarróns en pratos de plástico e comíanos sentados no chan. Cando os demos arrincado de alí, ao pasaren polo mítico corredor de control,

un grupo seguiu camiño sen esperar por nós e perdémolos ata chegarmos ao Vaticano. Eles foron pola ponte Vittorio Enmanuelle e nós pola Sant´Angelo.

Cando chegamos alí, era tardísimo. Ángel, con moi bo sentido, xa comera e a Begoña e a min malamente nos deu tempo a tomar un bocata entre as dúas.

Page 10: Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castrocentros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2015/03/italia... · algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós

Na visita aos museos vaticanos, Jaime e Liz perdéronse antes de entraren na capela Sixtina pois ao non atenderen polos auriculares as instrucións da guía -

novamente Simone- sabe deus que fixeron. E xa non os vimos ata bastante despois da saída cando ao devolvermos os auriculares, tivemos que chamalos

porque había unha hora límite de entrega e eles tiñan os seus onde estiveran. Debían pagar 50€ cada un de non chegaren a tempo.

Ao saírmos do Vaticano chovía bastante. Chovía mal: poucas pingas, gordas e insistentes. Para non matalos, non fixemos desfile de grupo e mandamos os

rapaces á praza Navona pola súa conta e unha vez alí, fomos todos a un autoservicio a cear.

Aos profes pareceunos unha cea moi digna que consistía nun menú de dous

pratos e un postre que escollías entre un surtido de italianadas gastronómicas tipo melansane á parmigiana, pizza, macarróns, lasaña, insalatas... Aos

rapaces non lles gustou tanto, e X dixo directamente que era bazofia. Singular e plural. O persoal de Il Delfino, que así se chama o sitio, educadísimo e

amable. O señor, con aspecto de profesor - de Química, dixo Ángel- e a filla, de universitaria.

Era día 14 e foi un día completo e húmido.

Cando saes a unha viaxe deste tipo, debes escoller moi ben o calzado que

levas porque os pés sofren moito. Dixémoslles aos futuros viaxeiros nunha reunión preparatoria que levasen unhas chanclas na mochila por se lles

mancaban os zapatos– levabamos todos unha mochila pois pasabamos un mínimo de 12 horas pola rúa-. O.A. así o fixo. Levaba unhas bailarinas que lle

produciron ampolas co roce. Puxo tiritas. Seguíanlle mancando e puxo as chancletas. Rompéronlle as chancletas e acabou andando descalza. O. levaba

un xampú na equipaxe de man e requisáronllo no control do aeroporto. A

Page 11: Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castrocentros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2015/03/italia... · algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós

equipaxe de man era unha bolsa de deporte e rompeulle a asa ao chegar a

Roma . Ao coller a maleta na fita transportadora, decatouse de que tiña o

cadeado roto. Na súa habitación o secador non funcionaba e ademais pagou o wifi e logo non lle ía. Parecía imposible ter peor sorte. Pois non, porque pasou

toda excursión pedíndolle a A.F. un pouco de cariño e este non lle fixo nin caso. “É un toxiño”, díxonos.

Ao día seguinte saímos para Florencia. Javier, o condutor, tiña un problema

para cada solución e non podía aparcar cerca do hotel, e había que andar dúas

rúas ata o autobús, e non podía estar máis de cinco minutos aparcado onde estaba aparcado, e tiña que ter o bus parado dez horas porque se non tería

que pagar multas multimillonarias... e nós, intentando cadrar tempos, movendo rapaces durmidos e cansados e despistados e maletas inmensas, e

nós pagando fianzas e recuperando fianzas... Antes de entrar en Florencia fixemos unha parada nun mirador para

contemplar a típica estampa de cidade, e baixamos do bus. Pola megafonía, díxenlles aos rapaces que quen quixese podía aproveitar o momento

contemplativo e achegarse a min, que daría unha breve explicación dalgunhas verdades da vida. Nin puto caso. Eu quería terlles falado da privilexiada

situación de Italia, no centro do Mediterráneo; do comercio con Oriente e Occidente; das cidades estado; das repúblicas nun momento en que todo eran

monarquías; dos comerciantes e dos banqueiros; dos mecenas; das influencias bizantinas e orientais ... : do Renacemento. Soñaba o porco coa lavadura.

Page 12: Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castrocentros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2015/03/italia... · algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós

O condutor deixounos sobre as 12 na marxe do Arno, onde nos recollería ás 11 da noite. Tivemos que poñernos serios con X para que desistise de coller a

maleta e arrastrala todo o día por Florencia, pois insistía en levala con el. Disque o tranquiliza levar as cousas ao seu carón. E ademais chovía.

Cruzamos o Arno pola Ponte alle Grazie e pola Vía dei Benci , chegamos á

Santa Croce. Nestas datas celébrase nesa praza un torneo de calcio, que é un deporte antigo - seica do S. XVI-, como unha mestura de fútbol e rugby, que

foi recuperado en épocas de Mussolini despois de anos de terse esquecido. Os xogadores van vestidos de época e xógase na praza da Santa Croce -berce do

deporte-, que está cerrada como un estadio temporal durante tres semanas -

Wykipedia-. Seguimos polo Borgo dei Greci e chegamos á Praza da Señoría. Que beleza! Grazas a que os turistas contaminamos e afeamos todo un pouco,

non nos deu a síndrome de Stendhal. Saímos da praza e encamiñámonos pola Vía dei Calzaiuoli , unha rúa animadísima e chea de tendas, ao Duomo . Estás

distraída mirando os escaparates e a xente, tan igual e tan diversa, e de súpeto aí aparece, como un puñazo que che deran nos dous ollos. Que poderío,

que abuso, que fermosura. A vista do Duomo xurdindo, colosal, impacta a todo o mundo por igual. Fere democraticamente e non impresiona menos a segunda

vez que o ves que a vixésima. Sempre noquea coa mesma forza.

Page 13: Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castrocentros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2015/03/italia... · algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós

Nalgún momento do traxecto, uns rapaces soltaron un alien que me habita, e fiquei menos. Grazas a este inmenso cabreo a despedida ante o Duomo,

despois do reconto obrigado, foi máis gozosa. Por fin sós os tres profes, fomos

polo borgo San Lorenzo que sae da praza do Duomo, detrás do baptisterio, á dereita, e comemos tras a basílica deste santo, obra de Brunellesti, que é un

edificio que non ten fachada porque o deseño para esta que encargaran a Miguel Ánxo era demasiado ambicioso e, como non debía haber pasta para

tanto, deixárona de ladrillo. A min paréceme que queda un pouco trapalleira no medio de tanta arte. A sancristía alberga a tumba dos Medici, obra de

Miguel Anxo, que disque é moi digna de ser visitada. Quedará para outro ano. Serviunos un camareiro que falaba italiano con acento andaluz porque era

andaluz. Logo tomamos un xeado delicioso na xeadería Le Parigini, na Vía dei Servi, 41, que coñecía Ángel e marchamos coa tropa de trapo a contar 43.

Citámonos para esta lideira na Señoría de novo. Alí estaban todos á hora acordada por se o alien.

Había un pallaso moi pavero que ía detrás da xente imitándoa e interactuando con ela. Señora que vía, señora que collía no colo e depositaba nas pernas dun

mozo- sempre o mesmo- que estaba no corredor dos Uffizi. Véndoo pasamos

un momento moi divertido. Uns cantos dos nosos rapaces conseguiron entrar no museo un minuto antes de que pechase, e non lles cobraron nada. Viron a

Venus de Botticelli, que era o que querían, e saíron encantados. Mentres, os demais fomos ao Ponte Vecchio a mergullarnos na marea humana, e atopamos

outra das memorables actuacións musicais que salferiron os nosos seráns italianos. Un cantante curriñísimo concitou ao seu redor todo o entusiasmo

xuvenil dos nosos rapaces que pediron e corearon varias cancións, e mesmo Ángel, forever young, fíxolle o dúo nun tema de Fito e os Fitipaldis.

Page 14: Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castrocentros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2015/03/italia... · algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós

Tiñamos contratada a cea nun restaurante e con fondo pesar abandonamos aquel escenario cheo de historia e arte. O restaurante -a Gruta de Leo - estaba

próximo á praza de Santa María Novella. De volta da cea pasamos de novo polos Uffizi, e máis música: dous violinistas

enchían de notas a cálida noite toscana. E non puidemos resistirnos, ficamos pampos escoitándoos. Como fixera Ángel no Ponte Vecchio, Laura García

Campo, unha moza violinista, interpretou cun deles o canon de Pachelbel.

Cando saímos do angaiolamento, era tardísimo e corremos aterrados cara ao

Page 15: Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castrocentros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2015/03/italia... · algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós

bus, onde Javier nos soltou o seu alien e ficamos menos, nós.

Esa noite durmimos nun hotel raro, de catro estrelas que seica, polo prezo que

pagamos, non merecemos, soso e comodísimo. Os rapaces ata esta altura se comportaran polas noites como o rato da ratiña

presumida que polas noites durmía e calaba. Nós estabamos encantados. Pero en Venecia cambiou o conto.

Outros anos empezabamos a viaxe a Italia por Venecia e encaixábannos moi ben as visitas a Siena e San Giminiano de camiño a Florencia, pero ao

comezarmos este ano por Roma, cadran mal e temos que desandar un cachiño do camiño xa andado.

Como o bus tiña que durmir 10 horas, citámonos tarde, ás 9'45, e como nos custou moito saír dun hotel tan bo, os nenos tardaron moito en baixar ao bus e

saímos cando puidemos, baixo a furiosa mirada do condutor, sedento de sacrificios humanos. O que sacrificamos pola tardanza foi a visita ao interior

da catedral de Siena e o goce demorado da paisaxe toscana e da visita ás dúas cidades. Todo tivo que ser un pouco precipitado. San Giminiano encantoulles a

todos pero a penas tivemos tempo de saborear un típico xeado de canela

dunha xeadería que sabía Ángel, e facer un par de selfies que foron unha constante na viaxe e son o signo dos tempos. En Siena tampouco puidemos

estar moito tempo.

Vou apuntar aquí como se chega á praza do Campo de Siena para futuras viaxes propias ou alleas: os autobuses, e supoño que os coches, déixanse ao

lado da Fortezza Medicea. Para baixar ao casco vello, hai que rodear as murallas desta edificación, pasando por un parque que hai diante , crúzase o

Viale Vittorio Veneto e báixase polo Viale dei Mile ata a Basílica Cateriniana de San Doménico, despois pola vía da Sapienza que a unha altura se converete en

via delle Terme, e chégase, por fin, á praza do Campo.

Page 16: Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castrocentros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2015/03/italia... · algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós

Unha vez alí, démonos un tempo para admirala xuntos e citámonos para

despois de comer diante da catedral. Que duomo señorial empoleirado sobre a cidade! Nesta ocasión non tivemos tempo de visitar o seu interior que merece

a pena ver porque é espectacular. Cando chegamos, a nosa prole estaba

sentada nas escaleiras cantando temas de ayer de hoy y de siempre, e chamando a atención de todo o turisteo que enchía a súa praza. As nenas eran

una taza y una tetera, una cuchara y un cucharón, un plato llano, un plato hondo, un cuchillito y un cucharón, bailando todas al alimón. Como lles facían

fotos e as admiraban, non había que as movese de alí.

Page 17: Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castrocentros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2015/03/italia... · algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós

Cando conseguimos saír facendo o corredor contable, Ángel foi diante e

Begoña e eu quedamos detrás de recolledoras, pero un pouco máis adiante, aínda na praza, había uns profes españois que os felicitaron pola actuación e

tivemos que pedirlles que os deixaran seguir que perdiamos a cabeza do pelotón, e cando xa saiamos da praza, había unha pomba ferida, e un por un

foron parando todos a vela e formouse un coágulo, e cando o demos desfeito,

xa estabamos perdidos da vangarda. En realidade, xa estabamos perdidos irremediablemente porque Siena é moi difícil e porque eu non teño sentido da

orientación e Begoña estaba desorientada. Vagamos polas rúas preguntando, desandamos os nosos pasos e demos saído finalmente cara á fortaleza onde

paran os buses. Eu só temía a cara do condutor.

Page 18: Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castrocentros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2015/03/italia... · algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós

E encamiñámonos cara a Jésolo. Jesolo é unha localidade de veraneo próxima a Venecia, ateigada de hoteis e apartamentos, onde adoitan pernoctar os que

queren coñecer a marabillosa cidade e non poden pagar os prezos dos seus hoteis: nós.

Ao chegarmos a Lido de Jesolo xa era noite , chovía un pouco e a temperatura era fresca. Non se podía facer o legado de Tibu. "Que desilusión"! No hotel

había outras excursións de estudantes e algúns dos nosos rapaces fixeron amizade con eles . Ceamos e deixámolos saír pola rúa peonil onde estaba o

hotel e dixémoslles que á unha pasariamos revista polas habitacións. Houbo ao longo da viaxe unha feliz coincidencia: sempre era o aniversario de

Gonza – Pablo González- e fómolo celebrando aquí e alí nos restaurantes, nas

rúas, no bus, nas diferentes visitas, un día e outro día. No restaurante de Florencia onde ceamos tiveron o detalle de traerlle o postre cunha velita, e

tamén aquí, en Lido de Jesolo, no hotel, tiveron o detalle de traerlle o postre cunha velita. Gonza, que non sei en que mes nacería, cumpría anos un día e

outro día e todos o celebrabamos cantándolle o cumpleaños feliz. Cando nos puxemos a pasar revista, Begoña e eu encontrámonos no medio do

corredor do primeiro andar cun grupo de alemáns en gallumbos, sentados en cadeiras diante das portas abertas das súas habitacións, que se non eran

modelos de Kalvin Klein merecían selo. Inquietounos a gozosa visión porque no medio deles estaba a habitación de dúas virxinais alumnas nosas, unha das

cales asomou a súa explícita exhuberancia adolescente ao oírnos. Como sospeitamos que en realidade aqueles eran estudantes- avantaxados- ,

falámoslles coa mesma dureza que usariamos cos nosos, esixíndolles que se meteran nas habitacións. A unha da mañá xa había tempo que pasara. Eles,

que a pesar de falar unha moi outra lingua entendérannos á perfección,

sinaláronnos a causa da súa imaxinaria: un rapaz cadavérico xacía nunha cama vítima de abusos etílicos. Espertamos a suá profe, que noutra vida fora garda

nun campo de concentración e agora durmía plácida, e tomamos a decisión – Begoña tomou a decisión-, a sacrificada decisión, de cambiar a nosa

habitación pola das rapazas en perigo. Mantivemos os tres profes a vixilancia un tempo prudencial durante o cal abortamos varios intentos de festa rachada,

e volvemos ás nosas habitacións, conscientes de que iamos ser os únicos tres vigueses que aquela noite durmirían algo en Lido de Jésolo.

Page 19: Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castrocentros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2015/03/italia... · algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós

Ao día seguinte, collemos o bus cara a Punta Sabioni onde un vaporetto nos

levaría a Venecia. Venecia é un capricho da humanidade, unha cidade imposible que se,como parece, un día é sepultada polas augas, pasará a ser

para as xeracións vindeiras – se non son tamén sepultadas polas augas- unha

cidade mítica, lendaria,como a Atlántida, na que só crerán os máis parvos porque os seres intelixentes non cremos cousas tan inverosímiles.

Quedáramos cunha guía baixo o campanil para facer unha visita ao Palacio

Ducal. Non apareceu. Tras unha hora de espera, decidimos lanzarnos a pasear a cidade a pesar de que a axencia nos ofreceu outra guía unhas horas despois.

Fixemos moi ben. Só tiñamos un día e unha cidade coñécese andándoa.

Démoslles aos rapaces algunhas instrucións e soltámolos ata unhas horas despois, cando nos atopariamos na ponte Rialto. En case todas as ruelas hai

carteis indicadores da dirección da praza de San Marcos e da ponte Rialto que din: “Per San Marco”, “Per Rialto” . Ángel, Begoña e eu, con algúns rapaces

que tamén querían o mesmo plan, collemos un vaporetto- vitrasa e fomos polo Gran Canal ata a estación de tren, ao final do percorrido.

Nesta Góndola vai un grupo de alumnas nosas

Page 20: Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castrocentros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2015/03/italia... · algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós

Baixamos alí, fomos facer pis e despois perdémonos os tres por unha Venecia

menos coñecida e máis popular. Comemos na taberna Misericordia ao pé do canal do mesmo nome e visitamos o gueto que estaba a uns pasos.

No gueto hai varias sinagogas e dúas, a Española e a Levantina, son sefardís. Mercámoslle a unha pintora xudía unhas serigrafías xudías e paseamos rúas e

pontes ata a Rialto. As árbores non deixan ver o bosque e os turistas non deixan ver a ponte. Os

nosos rapaces estaban tirados polas escaleiras. Fixemos o reconto e o control de danos e separámonos de novo. A próxima cita xe era no peirao. Ángel,

Begoña e eu fixemos botellón de cereixas nunhas escaleiras do mercado de Rialto, que está ao pé do Gran Canal cruzando para o sestieri de San Polo.

Despedímonos despois da praza de San Marcos – xa mercaramos chilindradas de cristal de Murano para tutti quanti-, e embarcamos nun vaporetto da

Page 21: Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castrocentros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2015/03/italia... · algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós

compañía Marco Polo que nos levaría a Punta Sabioni onde Javier nos esperaba

para deixarnos en Lido De Jesolo, no hotel.

Ía frío e vento e "desilusionámonos" Begoña e eu por non podermos,de novo, facer o legado de Tibu colectivo. Fomos, con todo, á praia onde, na escuridade

dunha noite alí mal iluminada, ondeaba unha disuasoria bandeira vermella. Explicámoslles que non se podían bañar e prohibímoslles bañarse.

Quedariamos un cacho a xogar ao fútbol. V.A., unha encantadora nena que ata aquel momento tivera un comportamento impecable,xorda ás nosas ordes,

meteuse no mar revolto e escuro, mergullouse, nadou unhas brazadas mentres nós lle berrabamos, enfadadísimas, e saiu toda chulita. Begoña levou un susto

de morte e eu mandeina para casa, castigada sen saír aquel pouco de noite libre que aínda lles quedaba. Regresamos todos ao hotel, que queda a un paso

da praia, e deixámolos pasear un pouco pola rúa peonil. Nós, retirámonos á habitación a descansar un pouco ata a unha, hora da revista.

Quedamos polos corredores do hotel facendo garda e mandando para dentro

as cabezas que xurdían das habitacións esperando non encontrarnos. Ás dúas

e media fomos durmir e que fose o que deus quixese. O día seguinte foi a viaxe de volta. Avión, avión e autobus. Non conto os

cristos nos avións cando decidían sentar co amigo/a da alma no canto do lugar que lles correspondía, desoíndo as nosas recomendación/ordes, porque xa é a

final da viaxe e estou cansada da redacción. Celebramos no bus con Gonza o seu novo aniversario. Fixemos a enésima selfie con David Atanes que se

fotografou en trescentas localizacións, sempre co seu inmenso sorriso. Ángel gravou co seu teléfono- vitrocerámica unha reportaxe das valoracións da viaxe

e, xa no instituto,devolvemos os rapaces E AS RAPAZAS ás súas familias. E libres como o vento marchamos aos nosos fogares. Ao día seguinte, ás nove,

tiñamos que estar no instituto.

Page 22: Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castrocentros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2015/03/italia... · algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós

Na foto de arriba á dereita, Begoña e Irene están mortas de risa ao ver as ridículas dimensións da habitación de Ángel.

Page 23: Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castrocentros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2015/03/italia... · algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós

, Na Praza da República

Diante dunha farmacia con wifi

Na Praza de San Pedro

Page 24: Crónica dunha viaxe a Italia co alumnado do IES do Castrocentros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2015/03/italia... · algúns alumnos ciscámonos por un par delas - nós

No Ponte Vecchio, en Florencia

Namoradas dun erasmus brasileiro

Na Fontana del Porcellino. Frotándolle o fuciño,conseguirás volver