Fervenzas A Coruña

34
FERVENZAS DE A CORUÑA Adela Leiro Lois, Mon Daporta Padín Xaneiro 2013

Transcript of Fervenzas A Coruña

FERVENZAS DE

A CORUÑA

Adela Leiro Lois, Mon Daporta Padín

Xaneiro 2013

BARBANZA

CUBELOS OU CADARNOXO

No lugar de Cadarnoxo, na parroquia de Cures do concello de Boiro. No río Graña, afluente do Coroño na ladeira occidental da serra da Barbanza. O río cae nun desnivel de 30 m en rochas graníticas. O entorno está cuberto de piñeiros e eucaliptos. Nas marxes do río consérvase unha boa vexetación de ribeira. COMO CHEGAR: Na estrada de Boiro a Noia cóllese un desvío en Moimenta que vai ata a Estación de Vixiancia Aérea e despois de 500 m cóllese a estrada que pasa pola fervenza.

BASTÓN

Na parroquia de Araño (Rianxo). O río Treito, afluente do Te, forma numerosos rápidos e fervenzas en rochas graníticas. A máis grande, a fervenza do Bastón, ten uns 3 m de altura. COMO CHEGAR: Na estrada de Padrón a Ribeira, entre Burés e Araño, cóllese á dereita un cruce que vai a Ermida e Ferreiría. Séguese ata Ferreiría onde remata a pista asfaltada (2,3 km), continúase por unha pista de terra durante uns 800 m e logo andando por un camiño que segue e despois por unha desviación á dereita baixa cara ao río (outros 700 m).

PORTAS SAN AMEDIO

Na parroquia de Oleiros en Ribeira, no rego das Lobeiras (río de Artes). Hai varias fervenzas, rápidos e tobogáns. A máis alta mide uns 15 m de altura. Na parte alta da fervenza consérvanse os restos dun encoro que collía a auga para unha antiga central eléctrica. COMO CHEGAR: Pódese acceder desde Oleiros ou desde A Pobra (pola estrada da Curota). Vese desde o camping Ría de Arousa 2 e pódese acceder polo camiño que rodea o camping pola dereita e sobe ao monte. Tamén se pode baixar desde San Amedio, na Curota.

RÍO PEDRAS MISARELA

Na parroquia de Lesón (A Pobra do Caramiñal) nunha das cabeceiras do río Pedras. O río San Xoán ou Folgoso baixa da Pedra Furada, na vertente oriental da Serra da Babanza e xunto co río Barbanza forma o río Pedras. Na parte alta da serra esbara por unhas empinadas ladeiras graníticas nunha longa sucesión de tobogáns, saltos e pozas. COMO CHEGAR : Na Pobra do Caramiñal cóllese a estrada ata Aldeavella (3,8 km) e logo vaise a pe ata a ponte da Misarela. Despois de cruzar a ponte e os restos do mosteiro de San Xoán da Misarela ascéndese por un camiño ata chegar ás fervenzas e pozas do río Folgoso.

RÍO BARBANZA

Na parroquia de Lesón (A Pobra do Caramiñal) no río Barbanza, unha das cabeceiras do río Pedras. COMO CHEGAR : Na Pobra do Caramiñal cóllese a estrada ata Aldeavella (3,8 km) e logo vaise a pe ata a ponte da Misarela. Despois de cruzar a ponte, pola dereita báixase ata a confluencia co río Barbanza e o canón onde hai varios saltos pequenos e pozas.

NOIA

RIBASIEIRA MADALENA

Na parroquia de Ribasieira (Porto do Son). O río Sieira forma varias fervenzas e rápidos nun corte de gneis con intrusións graníticas. O conxunto de fervenzas máis interesante está formado por varios saltos de 15, 10, e 4 m. Máis arriba e máis abaixo hai outras fervenzas máis pequenas. COMO CHEGAR: Pódese acceder desde Porto do Son, pola estrada que está sinalada (9,5 km) ou desde Xuño pola estrada que vai a A Trabe e á igrexa da Madalena (7,5 km). Déixase o coche no aparcamento da igrexa da Madalena e un pouco máis arriba, en dirección á Trabe hai un camiño que en 10 minutos a pé conduce a varios miradores sobre as fervenzas.

TOXOS OUTOS

Parroquia de Toxosoutos (Lousame) O río San Xusto (Traba) salva un forte desnivel en granitos e xistos con varias fervenzas, rápidos e pozas. A primeira ten uns 5 m e a segunda 10 m. Está rodeado dunha vexetación de ribeira ben conservada: amieiras, salgueiros, carballos, castiñeiros… Nas proximidades están os restos do mosteiro de San Xusto de Toxos Outos. COMO CHEGAR: Na estrada de Noia a Santiago, no lugar de Toxosoutos (Lousame), xusto ao rematar a localidade atópase o mosteiro de San Xusto de Toxosoutos e hai un carreiro sinalizado que leva ás fervenzas.

FRUÍME

En Fruíme (Lousame).Unha pequena fervenza no rego do Castiñeiro, un afluente do Beluso. COMO CHEGAR Pola estrada que vai de Ponte Beluso a Lousame cóllese o desvío a Fruíme e A Escabia. A fervenza atópase a carón da estrada.

REGO DE PORTOVELLO

Nace nas abas do monte Enxa e desemboca en Porto do Son, na praia de Suaigrexa. Forma pequenos saltos. COMO CHEGAR Atópase preto da estrada de Porto do Son a Noia, nun camiño que segue o río cara arriba desde a igrexa.

FERROL

RÍO ERBELLÁS

En Erbellás, na parroquia de Régoa (Cedeira). O río Erbellás, afluente do Condomiñas, salva un desnivel duns 8 m de altura en rochas metamórficas de cor verde escuro (serpentinas). COMO CHEGAR: Na estrada de Cedeira a Santo André de Teixido. En Cruz do Martiño (antes de Rúa) cóllese un desvío á dereita a Erbellás e despois de 1 km remata a estrada e collese un camiño polo monte que segue a traída de augas (marcada en vermello).

MESTAS

No linde entre Cedeira e Cerdido. Unha sucesión de rápidos e pequenas fervenzas en rochas metamórficas; a máis grande ten 2 m de altura. COMO CHEGAR: Na estrada de Cedeira a Cerdido. Crúzase o río e hai un camiño á esquerda que vai á fervenza (debaixo da ponte).

RÍO CASTRO

En Naraío (San Sadurniño) O río ten unha sucesión de rápidos e fervenzas e discorre por un estreito canón aproveitado por unha minicentral eléctrica. Accedese pola ruta que vai ao castelo ou desde a minicentral. COMO CHEGAR Entre a central e o castelo de Narahío un carreiro que sobe entre o mato e os eucaliptos leva ata a fervenza máis destacada.

MARRAXÓN RÍO BELELLE

Entre Viladonelle (Neda) e Sillobre (Fene). O río Belelle salta un desnivel de rochas graníticas duns 45 m de altura. Nos arredores hai unha interesante fraga con especies de ribeira, érbedos, carballos, loureiros, pereiras bravas… COMO CHEGAR: Na estrada de Ferrol ás Pontes cóllese un cruce á dereita en Moureda que vai dar ao Roxal. Seguindo río arriba chégase á central hidroeléctrica e desde alí por un carreiro á fervenza. Tamén se pode ir desde unha ruta que sae da Ponte da Ribeira e segue o río ou baixando desde Marraxón (Sillobre).

RÍO CONDOMIÑAS

No río Condomiñas que desemboca na ría de Cedeira. COMO CHEGAR: Na estrada de Cedeira a Santo André de Teixido, pasado Formigueiro atópase un paso canadense na estrada e máis adiante cóllese un desvío á esquerda que leva a Chimparra. A 800 m de cruce, nunhas revoltas hai un cruce á esquerda e un pouco máis adiante unha pista á dereita que sobe ao monte. Xusto nese punto está a fervenza, á esquerda da estrada. Para vela hai que ir polo monte ata un saínte, ou baixar con moita dificultade ata a súa base. Tamén se pode chegar desde Chimparra, subindo cara a Santo André (1 km).

REGO DA CANDOCÍA

Un afluente do río Seixo no concello de Cedeira. COMO CHEGAR: Pola estrada que sube de Feás a Santo André de Teixido, pasada a canteira de dunita vese a fervenza á esquerda, no punto onde se xunta o rego de Candocía co río Seixo. Pódese chegar a ela baixando polo monte e remontando un pouco o rego.

ORTEGAL

AUGA CAÍDA A MEXADOIRA

Na parroquia de Caión (Mañón). No río do Seixo ou Couce, un afluente do Sor, debaixo da serra da Coriscada. A fervenza principal (Auga Caída ou A Mexadoira) salva un desnivel en granito duns 50 m de altura e cae no río Sor pola súa marxe esquerda. Nas marxes medran amieiras, salgueiros, fentos… e os arredores están cubertos de mato espeso de toxos, silvas e fentos. No río Seixo hai outras fervenzas máis pequenas, río arriba, que se poden atopar seguindo pola súa beira. Nesta zona o Sor corre encaixado e ten rápidos. COMO CHEGAR: Na estrada de As Pontes a Ortigueira cóllese un desvío a Caión (Mañón) e desde alí cóllese un cruce á dereita que indica o miradoiro de auga Caída. Pódese baixar á base da fervenza por un carreiro que hai onde remata a estrada e seguir o río Sor. Tamén se pode chegar seguindo a ruta desde A Ponte Segade.

POZO DO INFERNO

No rego Cerdeiras, unha das cabeceiras do Casón, na parroquia de Santo Adrián de Veiga (Ortigueira). Atópase ao pé dos restos do castelo de Casón. COMO CHEGAR: Unha ruta de sendeirismo sube preto do río e permite achegarse en varios puntos e para localizar as fervenzas hai que baixar ao río seguindo o ruído, por entre o mato. A máis grande está xusto ao pé dunha crista rochosa que baixa desde o castelo. Pódese acceder en coche por unha pista que baixa desde o acceso ao castelo de Casón.

RÍO SEIXO

O río Seixo de Landoi nace na Serra de Capelada (Cariño), discorre facendo fronteira entre Cariño e Cedeira nunha gran parte do seu percorrido e desemboca na enseada do Esteiro, da Ría de Ortigueira. É un río de gran valor ecolóxico por acoller nas súas beiras varias especies de fentos en perigo de extinción. COMO CHEGAR: Accedese pola estrada que sube de Feás a Santo André de Teixido. Atópase na proximidade dunha canteira de Dunita. Crúzase o río no lugar de Seixo e cóllese por unha pista de terra, á dereita, que ía á antiga Central do Seixo e seguímola ata unha área recreativa abandonada. Desde alí remóntase o río por un carreiro que vai ata a fervenza. No camiño hai otros saltos máis pequenos. Seguindo a estrada cara a Santo André, pasada a canteira vese, á dereita, unha pequena fervenza nun afluente do Seixo

RÍO MESTAS

Na parroquia de Cerdido, no concello do mesmo nome. No río das Mestas, que desemboca na ría de Cedeira, hai unha sucesión de rápidos e pequenas fervenzas en rochas metamórficas. A máis grande ten 2 m de altura. COMO CHEGAR: Na estrada de Cedeira a Cerdido. Crúzase o río e hai un camiño á esquerda que vai á fervenza (debaixo da ponte).

FORTE

Na parroquia de Cerdido, no concello do mesmo nome O río Pombeiro ou Porto do Cabo, xusto antes de xuntarse co Pontellas (Mestas), ten un pequeno tramo encaixado con rápidos, fervenzas e covas en rochas metamórficas, COMO CHEGAR: Na estrada de Cedeira a Cerdido. Despois de pasar a ponte do río hai un camiño á dereita Despois duns 50 m baixa outro camiño á dereita que vai á minicentral. Desde alí séguese río arriba.

CARBALLEIRO

En Cerdido. No río Pontellas, afluente do Río Porto do Cabo. Én unha fervenza cun amplo fronte en rochas metamórficas de aproximadamente 10 m de altura. Ao seu carón hai un muíño. COMO CHEGAR: Na estrada de Cedeira a Cerdido. Despois de pasar a ponte do río hai un camiño á dereita Despois duns 50 m baixa outro camiño á dereita que vai ata a fervenza e un muíño.

CURUTELO

No rego de Guitín, afluente do Mera. Na parrroquia de Santa María de Mera (Ortigueira). COMO CHEGAR: Desde Sta María de Mera (Muiños de Pontenoval) séguese o camiño que remonta o río, crúzao, pasa logo por debaixo do viaduto do tren e un pouco máis adiante faise carreiro, crúzase de novo o río por unha pontella de madeira e uns 300 m máis arriba atópase a fervenza.

REGO DE LOUREIRO

No rego de Loureiro, afluente do Mera, entre Os Casás (Cerdido) e Santa Cruz (Moeche). COMO CHEGAR: Na estrada de Neda a Ortigueira, despois de pasar Loureiro. sae unha pista de terra con forte pendente que baixa ao río. Unha vez alí remóntase o curso por un camiño abandoado e chégase aos tres muíños entre os que hai unha serie de rápidos, e por riba do terceiro está a fervenza. Por abaixo dos muíños hai outra fervenza máis pequena.

EUME

SOMEDE

En Aldea de Arriba, parroquia de Somede (As Pontes). O río de Somede, afluente do Eume, discorre entre xistos formando numerosos rápidos e varios saltos. O máis alto ten arredor de 10 m de altura. Na zona hai varios muíños e unha pequena minicentral eléctrica. COMO CHEGAR: Na estrada de As Pontes a Ortigueira, no km 7, cóllese un cruce que indica Somede. Séguese a estrada durante 3,5 km e ao pasar as ultimas casas de Aldea de Arriba hai un camiño á dereita e na mesma entrada nace un carreiro que baixa ao río.

BERMUI

Na parroquia de Bermui (As Pontes). O río Bermui ou das Foxas desemboca no Eume nunha zona moi encaixada. No último tramo salva un gran desnivel en xistos formando dúas fervenzas de 10 e 12 m de altura. A segunda fervenza é de moi difícil acceso e só se pode ver desde a parte alta. Na zona hai varios muíños. COMO CHEGAR: Na estrada de As Pontes a Ferrol cóllese un desvío a Ribadeume e logo outro desvío a Bermui e despois a Campo Verde e Cabo da Igrexa. Despois de pasar o cimeterio cóllese unha pista á esquerda e máis adiante outra vez á esquerda (fronte á chimenea da central das Pontes), despois pola primeira pista á dereita e e outra vez á dereita unha pista que baixa de fronte a e uns 200 m déixase o coche e cóllese un carreiro á esquerda que baixa aos muíños e ás fervenzas.

MAZOCA

Na parroquia e concello de A Capela. O río Sesín é un afluente do Eume que desemboca ao pé do mosteiro de Caaveiro. Antes de xuntarse co Eume o Sesín encáixase en granitos nunha zona con rápidos e varias fervenzas de distintas alturas. A máis grande ten uns 10 m. Todo este tramo do río está aproveitado con muíños, algúns rehabilitados como aula etnográfica. Os arredores están ocupados por unha fraga ben conservada. COMO CHEGAR: Desde o centro da capital municipal (As Neves) cóllese a estrada que baixa á central do Eume. Despois de pasado Gunxel (aproximadamente 2 km) crúzase a ponte de Mazoca e pásase un recinto pechado onde están os muíños. Ao rematar a sebe hai un pequeno entrante e un carreiro que baixa ao muíño de Pedro e á fervenza principal atravesando unha fraga. Desde a ponte da Mazoca hai tamén un carreiro á dereita polo que se pode seguir o río e ver outras fervenzas.

TEIXIDO

Parroquia e concello de A Capela. O río Teixido, afluente do Eume que desemboca ao pé da antiga central Ventureira, forma varios rápidos e fervenzas de pouca altura antes de xuntarse co Eume. COMO CHEGAR: Desde As Neves cóllese a estrada que baixa á central do Eume. As fervenzas están a carón da central.

CANÓN DO EUME

Na parroquia de Eume, concello das Pontes. No rego Morixoso que baixa do Fontardión e cae no Canón do Eume salvando un forte desnivel en rochas graníticas. COMO CHEGAR: Pola estrada que baixa desde Goente ao encoro do Eume. Un pouco antes de chegar ao encoro cóllese unha pista de terra á dereita que leva a unha antiga canteira.

BETANZOS

CASTELLANA

Na parroquia de Vilarraso (Aranga). O río Mandeo á altura da Castellana encáixase nun canón en rochas graníticas facendo unha combinación de rápidos, fervenzas e grandes pozas. A de máis altura é a do pozo da Xesta, de entre 6 e 8 m. O caudal do río está moi diminuído polo encoro que se atopa un pouco máis arriba. COMO CHEGAR: Na estrada A Coruña-Lugo, na localidade da Castellana, cóllese a estrada antiga e xusto antes da ponte vella cóllese o desvío que conduce ao encoro. Seguindo a canle da central que vai paralela ao río vese o canón do Mandeo e varias fervenzas, rápidos e pozas.

REGO DA PALANCA

Na parroquia de Cambás (Aranga). A fervenza máis grande salva un desnivel duns 30 m en neis. A caída principal ten 20 m de altura. Augas arriba da fervenza grande atópase o atranco da antiga minicentral e unha pequena fervenza duns 5 m de altura. COMO CHEGAR: Seguindo a ruta de sendeirismo nº 2 do concello de Aranga. Pódese iniciar desde a estrada de Ponte Aranga á N VI no punto onde se xuntan o Cambás e o Mandeo sinalado cun cartel que indica Ponte Rodicio, seguindo a estrada a Barreiro e Carballal desde a ponte que cruza o río desde a minicentral (río arriba), ou desde Couce (na estrada que vai da N VI a Cambás), seguindo río abaixo. A ruta completa dura unhas catro horas.

POZO DE CASTRO RODICIO

No rego da Loba (Palanca-Mandeo), na parroquia de Cambás (Aranga). O río, moi diminuído polo encoro que hai máis arriba, salva un desnivel de máis de 20 m en varios saltos e forma un pozo circular moi profundo. CÓMO CHEGAR: Pola mesma ruta que o rego da Palanca, ao chegar á confluencia entre o Cambás e o Rego da Palanca séguese río arriba pola esquerda uns 300 m.

FERVENCEDO

Na parroquia de Fervenzas (Aranga). O río das Fervenzas ou Bexo, afluente do Mandeo, baixa por unha zona de rochas graníticas moi encaixado con varios saltos de máis de 5 m e numerosos rápidos. COMO CHEGAR: Na estrada A Coruña-Lugo, pasado Ois cóllese un cruce á dereita que pon Torre. Máis adiante atópase outro cruce que indica Igrexa-Mende-Fervencedo e séguese ata o final. Entre as casas nas que remata a pista hai un carreiro que conduce ao río. Á saída dunha curva pechada, antes de entrar no lugar de Fervencedo sae, pola esquerda, un camiño que baixa ao río e crúzao por unha pontella de cemento. Seguindo o curso do río por ese camiño vanse vendo as fervenzas. Para acceder ás máis grandes hai que baixar por un carreiro que sae á dereita do camiño principal. Tamén se pode chegar desde Montesalgueiro pola estrada que vai a Teixeiro collendo o cruce que leva a Fervencedo.

STA MARÍA DE OIS

No río das Fervenzas ou Bexo (Mandeo). En Santa María de Ois (Coirós). COMO CHEGAR Unha ruta circular sinalizada de 3,4 km sae de Ponte Xora e segue o curso do río no que aparecen varios saltos, áreas de rápidos, varios muíños, restos dun machuco e unha minicentral.

RÍO DO MEDIO

Entre as parroquias de Callobre (Miño) e Güimil (Vilarmaior), no río do Medio, afluente do Lambre. COMO CHEGAR: Unha ruta que parte da ponte da estrada a carón dunha vella minicentral percorre o río nunha zona con rápidos e pequenas fervenzas, con varios muíños.

REGO MAINZOSO (FONTE DO BATÁN)

No rego Mainzoso, afluente do Mandeo, no concello de Paderne. COMO CHEGAR: Desde Paderne cóllese a estrada de Vilalba e en Sanín un cruce á dereita que leva a Vilarmourel. A pouco de cruzar o río baixa, á dereita, un camiño de cemento que vai a unha casa restaurada. Da casa cara abaixo atópanse varias pequenas fervenzas. Seguindo río abaixo por carreiros pouco evidentes chegamos ás fervenzas máis grandes nunha zona onde hai restos de varios muíños.

RÍO ZARZO

É un afluente do Mandeo que baixa dos montes da Pena e atravesa terreos de Irixoa e Paderne. Únese ao Mandeo en Vigo (Paderne) nun estreito canón no que se atopan unha sucesión de rápidos e pequenas fervenzas. Está aproveitado por unha minicentral que mingua moito o seu caudal. COMO CHEGAR: Desde Vigo séguese unha pista que baixa ao río e logo un camiño abandoado.

VERÍS

No río Zarzo en Verís (Irixoa) COMO CHEGAR: Na estrada de Pazo de Irixoa a Montesalgueiro cóllese o desvío á esquerda a Verís (1 km) e desde alí a que vai aos Altos de Verís. Ao pouco de pasar as últimas casas sae un camiño á esquerda no que hai un indicador á Fervenza do Zarzo. En 500 m chegamos á parte alta das fervenzas, a carón dun muíño. Para velas todas hai que seguir río abaixo por uns carreiros pouco evidentes entre o mato e o bosque. Tamén se pode facer o percorrido cara arriba por un camiño abandoado que sae á esquerda do principal.

MÁNTARAS

No rego das Moas, afluente do Zarzo (Mandeo). En Mántaras (Irixoa). COMO CHEGAR: Na saída de Follente cara a Vigo. Onde se cruza o río hai unha pequena fervenza, por enriba da estrada e unha máis grande un pouco por abaixo. Para vela hai que baixar polo monte, antes de cruzar o río, por onde se poida seguindo o ruído.

REXEDOIRA

Na parroquia de Filgueira de Barranca (Cesuras). O río Mendo ten un tramo con rápidos e varias fervenzas en xistos e lousas. A máis grande mide arredor de 8 m de altura encaixada entre rochas. COMO CHEGAR: Na estrada de Curtis a Betanzos, no km 19, hai un cruce á esquerda que indica A Rexedoira e Fervenzas. Antes de cruzar a ponte hai un camiño á dereita que segue o río e leva a varias fervenzas.

RÍO CABALAR

En Vilasantar, entre as parroquias de Présaras e Mezonzo. Antes de se xuntar co Tambre, o Cabalar cae nun forte desnivel entre bolos graníticos formando varios saltos e numerosos rápidos. O máis grande ten 4 m de altura. COMO CHEGAR: Desde Mezonzo cóllese a pista que baixa á central de Présaras ata chegar a onde se cruza a canle de alimentación da central. Séguese por ela río arriba ata chegar á presa, enriba da que se atopa a confluencia dos ríos e as fervenzas.

ORDES

PORTOCIÑOS

En Portociños, na parroquia de Gorgullos (Tordoia), no río Viladabade, da Férveda ou Bustelo, afluente do Lengüelle, que á súa vez vai ao Tambre. A fervenza salva un desnivel de 10 m en tres saltos entre grandes penedos de granito. COMO CHEGAR: Na estrada de Pontepedra a Gorgullos e Ordes. Ao entrar en Portociños cóllese un cruce á esquerda que indica Férveda e a 1 km chégase a unha ponte onde remata a estrada e desde a que se ve a fervenza.

VISANTOÑA

Na parroquia de Visantoña (Mesía, no línde con Cesuras). O río da Furoca, afluente do Mero, salva un resalte en xistos e lousas de aproximadamente 8 m de altura en varios saltos. Río abaixo hai outras fervenzas máis pequenas. COMO CHEGAR: Desde Mesía (A Igrexa) cóllese a estrada a Visantoña e séguese ata Os Ricos. Ao pouco de pasar o cartel cóllese unha pista á dereita e uns 200 m tómase a pista de terra da esquerda e séguese por ela ata o final cruzando unha área repoboada con especies frondosas (Coto Escolar) e báixase ata o final (uns 3 km). Logo séguese por un sendeiro e báixase ao río. É unha zona onde se pode facer unha ruta polos bosques da beira do río.

SANTIAGO

ÍNSUA PICHO DO CASTRÓN

Na parroquia de San Román (Val do Dubra). No río Portonabo ou do Porto, afluente do Dubra que á súa vez vai ao Ulla. É un salto en dous tramos de aproximadamente 10 m de altura en xistos. No fondo do val consérvase ben o bosque de ribeira e máis arriba está rodeada dunha plantación de eucaliptos. COMO CHEGAR: Na estrada de Santiago a Carballo despois de pasar Portomouro cóllese un cruce que indica Ínsua. Despois das últimas casas cóllese un camiño á esquerda que vai entre uns prados e baixa ata o pé da fervenza.

CHAVIELOS

Na parroquia de Santa María de Ons (Brión). O río Chavielos desemboca no Tambre e no último tramo salva un forte desnivel con varias fervenzas e rápidos en rochas graníticas. O percorrido está aproveitado por unha sucesión de muíños. COMO CHEGAR: Na estrada de Urdilde a Negreira cóllese un cruce que indica Ons de Abaixo. Despois de pasar a aldea chégase ao regato e séguese río abaixo. O percorrido ten bastante dificultade xa que hai moito desnivel.

DONAS

Na parroquia de Donas (Boqueixón), no río Pontillón, afluente do Ulla. A fervenza ten uns 10 m de altura en dous saltos. O río vai moi encaixado por un val profundo e con vexetación mesta. COMO CHEGAR: Na estrada de Boqueixón a Ponte Ulla en Ardesende cóllese un desvío que indica Ponte Ledesma e Donas e despois de pasar Engas cóllese un cruce á dereita que indica Fervenza de Donas e Ponte Ulla. Despois de 500 m cóllese un cruce á esquerda, apárcase na bifurcación e báixase ao río por un camiño abandoado que atravesa os prados. Crúzase o río e séguese río arriba pola outra marxe ata a fervenza. Tamén se pode acceder desde Ponte Ulla collendo un cruce á dereita despois de pasar Caldelas.

CODESO

Na parroquia de Codeso (Boqueixón), nun afluente do río Pontillón que á súa vez verte no Ulla. O rego salva un desnivel en rochas básicas duns 20 m de altura en dúas caidas. COMO CHEGAR: Na estrada de Boqueixón a Ponte Ulla en Ardesende cóllese un desvío que indica Ponte Ledesma e Donas e aos poucos metros atópase un cruce indicado á dereita, moi estreito, que conduce ata a capela de San Paio. Desde alí báixase ao río e seguindo o curso atópase a fervenza (hai que cruzar o río no segundo muíño).

VIGO

Na parroquia de Vigo (Boqueixón), no río Zaramo, afluente do Ulla. A fervenza salva un desnivel de aproximadamente 8 m de altura en neis. Nos arredores hai unha pequena carballeira. COMO CHEGAR: Vaise pola estrada de Forte a Gastrar e ao chegar ao cruce cóllese o da esquerda cara a Vigo, despois de pasar este lugar, un cruce á esquerda sinalado co nome da fervenza. Avánzase pola pista e cóllese o ramal da dereita e a uns 300 m, antes dunha pontella déixase o coche á esquerda e accedese á fervenza.

MUÍÑO DA SERRA

Na parroquia de Lestedo, no concello de Boqueixón, no límite con Vedra, no río Pereiro ou Zaramo, afluente do Ulla. A fervenza salva un desnivel duns 8 m en rochas graníticas rodeadas de xistos. Ao pé dela está o muíño da Serra. COMO CHEGAR: Na estrada Santiago-Lalín cóllese o desvío a Ramil e despois da área de recreo, case no remate do desvío, un cruce á dereira que indica fervenza de Lestedo. Séguese a pista asfaltada ata outro indicador que desvía á dereita por unha pista de terra e despois o 2º desvío á dereita cara á autoestrada. Na curva que se atopa antes do remate da pista tómase un carreiro á dereita que leva á fervenza.

PAZO RIBADULLA

No rego Tomonde (afluente do Ulla). COMO CHEGAR: Está no interior dos xardíns do pazo de santa Cruz de Ribadulla (Vedra)

SAR

RUMILLE

No rego de Fontao, afluente do rego da Pía, que vai ao Ulla. O rego salva un forte desnivel en xistos nun val moi encaixado. Augas abaixo da estrada hai numerosos saltos (3 a 5 m) que se suceden nun estreito canón de paredes case verticais. COMO CHEGAR: Na estrada de Padón á Estrada, pasado Carcacía, un cruce á esquerda leva a Rumille e Berxaos. Entre estes dous lugares crúzase o río. Para ver as fervenzas séguese un camiño abandonado que se atopa á dereita antes de cruzar o río e báixase por onse se poida.

BUSTELO

Rego do Treito, afluente do Te en Bustelo (Dodro). COMO CHEGAR Pódese subir a Bustelo desde Imo (Dodro) ou desde Bexo. As fervenzas están nunha zona próxima á estrada antes de chegar a Bustelo, na que hai varios muíños.

A BARCALA

CORZÁN

Entre Barbazán e Liñaio (Negreira). O río Corzán (Tambre) ten un tramo final con grandes caídas e rápidos entre rochas graníticas. COMO CHEGAR: Pódese ver desde a estrada que vai de Negreira a Pontenafonso, desde a outra beira do encoro (Vilariño, en Brión) ou seguindo unha pista que baixa pola marxe esquerda do río. É de moi difícil acceso.

BERGANTIÑOS

OS VERDES

No lugar de Cereo, parroquia de Os Verdes, no concello de Coristanco. O río Anllóns ao seu paso polos Verdes ábrese en múltiples de brazos que forman illas, rápidos e pequenas fervenzas sobre neis. O lugar está rodeado de amieiras, salgueiros, carballos, fentos e todo tipo de plantas de ribeira. É un refuxio de pesca e ten numerosos muíños. Está acondicionado como área de lecer. COMO CHEGAR: Desde San Roque (Coristanco) seguindo os indicadores ata Verdes. Na saída de Carballo pola estrada de Fisterra hai un desvío sinalizado que conduce a Os Verdes.

SAMPAIO OU ENTRECRUCES

Na parroquia de Entrecruces (Carballo). Río de Ontón ou Outón tamén chamado da Férveda e Taboada, afluente do río Grande que á súa vez desemboca no Anllóns É unha fervenza duns 30 m de altura en gabros, con tres saltos, nunha zona de piñeiros e eucaliptos e algúns restos de bosque autóctono. Nas proximidades está a carballeira de Ribeira da Pena. COMO CHEGAR: Na estrada de Carballo a Santiago, despois de pasar Entrecruces, hai que coller un cruce que vai a San Paio. Pásase o lugar, déixase o coche xunto á capela e séguese o camiño a pé que nos leva xunto á fervenza nuns 10 minutos.

RAMIL

No rego da Férveda, afluente do Casal do Perros (río Grande-Anllóns). No lugar de Ramil (Santa Eufemia), na parroquia de Rus (Carballo). COMO CHEGAR: Na estrada de Carballo a Santiago, a uns catro quilómetros, hai que coller un cruce á esquerda que vai a Santa Eufemia de Rus. Pasada a capela cóllese un camiño que sae da primeira curva pechada e leva ata fervenza (400 m, ida e volta).

POZA DA FORCA

Na parroquia de Rioboo (Cabana de Bergantiños). Río Baiabosa ou Garguiña, afluente do Cundins que á súa vez vai ao Anllóns. Salva un desnivel de 5 m en xistos. Está rodeada dun pequeno bosque de ribeira ben conservado rodeado de plantacións de eucaliptos. COMO CHEGAR: Pola estrada de Carballo a Fisterra, despois de pasar Agualada, cóllese a estrada de Ponteceso. Ao chegar á Mata cóllese un cruce que indica Folgoso, Capela de San Brais. Despois de atarvesar o lugar de Folgoso de abaixo séguese en dirección á capela de San Brais e un pouco antes hai un sendeiro á dereita que baixa entre prados e polo medio dunha plantación de eucaliptos ata chegar á fervenza (15 minutos aproximadamente)

BRIXERÍA

No Lugar de Brixería (Cospindo-Ponteceso), no rego das Bouzas, afluente do Pelamio, que vai ao Anllóns. O río cae bruscamente do monte formando varias fervenzas. A máis grande e de acceso máis doado é a da Pedrosa. COMO CHEGAR: Na estrada de Ponteceso a Corme, pasado o lugar do Couto, unha pista á dereita baixa a Brixería. Un carreiro que sae entre as casas conduce ao río e, un pouco antes de chegar ao río, un desvío á esquerda chega á fervenza.

REGUEIRA

No rego da Regueira que baixa de Borneiro á enseada de Lodeiro. No seu curto percorrido ten 24 muíños e varios pequenos saltos. Unha ruta de 3,5 km segue case todo o seu curso. COMO CHEGAR Pódese facer a ruta desde o castro de Borneiro, río abaixo, ou subir desde Lodeiro.

MUROS

AS FONTES

No lugar de Pedrafigueira, da parroquia de Santa Comba de Carnota (Concello de Carnota). O río Pedrafigueira descende entre rochas de granito rosa e forma varios saltos e rápidos. O salto máis grande ten uns 10 m de altura. A vexetación é de bosque de ribeira con loureiros. COMO CHEGAR: Cóllese un desvío, sen asfaltar, que sobe ao monte e despois duns 800 m hai un sendeiro (indicado) que baixa á fervenza.

XALLAS

CASTRIZ

En Castriz (Santa Comba), no río Mira (Xallas). O río cae duns 8 m de altura en varios saltos. COMO CHEGAR: Na estrada de Santa Comba a Coristanco no lugar de Castriz cóllese un cruce no que hai un antigo cruceiro. Séguese sempre pola esquerda e chégase á fervenza despois de aproximadamente 1 km.

FIRVADO NO RÍO BEBA

Na parroquia de Coiro no concello de Mazaricos. Nas proximidades hai varios rápidos e saltos pequenos por todo o percorrido do Beba (Xallas) e do seu afluente o Xendiz entre granitos. COMO CHEGAR: Cóllese a estrada de A Picota a Beba e séguese ata pasar Coiro. Despois de 1 km cóllese un carreiro que hai á dereita, antes de cruzar unha ponte, e logo de percorrer uns 400 m pola dereita dun regato (Xendriz) chégase ao lugar onde iste se xunta co río Beba.

NOVEIRA OU NUVEIRA

Rego de Arcos (Xallas). Na parroquia de Arcos do concello de Mazaricos. A fervenza salva un desnivel en rochas de granito rosa de proximadamente 10 m de altura, cunha fronte ampla. COMO CHEGAR: Pódese acceder desde Ézaro subindo ao encoro de Santa Uxía e cruzar pola presa ata pasar Fieiro e chegar a Noveira (o acceso é pola entrada dunha depuradora de augas), ou pola estrada que ven desde A Picota (por Colúns) a Arcos.

RÍO DA RIBEIRATORTA

No rego da Ribeiratorta, no lugar do Enxilde (Arcos). O río cae sobre o encoro do Xallas formando un salto de varios metros de altura. COMO CHEGAR: Para vela é mellor achegarse á outra banda do encoro, no lugar de Santa Uxía, pola estrada que vai de Ézaro a Dumbría.

CHACÍN

No río Santabaia (Entíns ou Tins) , na parroquia de Chacín (Mazaricos). O río cae de 10 m de altura en rochas de gneis. Está rodeada dun fermoso bosque de ribeira. COMO CHEGAR: Na estrada de Pino do Val (Mazaricos) a Serra de Outes por Santo Ourente. En Santa Baia de Chacín cóllese un cruce á esquerda apegado ao cimeterio e báixase ata unha estación depuradora onde se deixa o vehículo. Un sendeiro baixa a un regato que se cruza e logo pásase un prado e séguese por unha canle de rego ata chegar á fervenza principal. Máis abaixo hai rápidos e pequenos saltos.

SANTA LOCAIA

Rego do Veo, de Nosiño (Santa Baia-Entíns). Na parroquia de Chacín (Mazaricos). A fervenza principal ten dous brazos que caen de 6 m de altura en granito de grao fino. COMO CHEGAR: Na estrada de Pino do Val a Serra de Outes atópase á esquerda a capela de Santa Locaia. Detrás da capela atópase o río, e tirando cara á esquerda por un curto sendeiro báixase á fervenza. Cruzando o río pódese seguir por un fermoso bosque onde hai outros pequenos saltos.

FISTERRA

XALLAS

En Ézaro, no concello de Dumbría. O río Xallas encáixase no curso baixo formando un estreito canón entre as rochas de granito rosa do Macizo do Pindo e o Macizo de Buxán. No remate do seu percorrido cae ao mar na enseada de Ézaro nunha fervenza de máis de 30 m de altura que co paso do tempo foi excavando unha poza de máis de 16 m de profundidade. A construción do encoro de Santa Uxía privou de auga a esta fervenza e só se podía ver cando se abrían as comportas do encoro. Nos últimos anos, como a empresa está obrigada a manter o caudal ecolóxico do río, ten sempre auga. COMO CHEGAR: Desde Ézaro cóllese un desvío que vai á central hidroeléctrica.

HOSPITAL

No lugar de Hospital, na parroquia de Dumbría (concello de Dumbría). O río do Hospital é un afluente do Xallas que discorre entre penedos graníticos formando rápidos, pozas e pequenas fervenzas. A máis grande ten 6 m en tres saltos. Nas proximidades hai varios muíños ben conservados. COMO CHEGAR: Na estrada de Pino do Val a Dumbría, no lugar de Hospital. Pódese seguir o río cara abaixo desde a ponte da estrada con bastante dificultade.

XESTOSA

Buxantes (Dumbría). No río da Xestosa, afluente do Xallas. O ría salva un gran desnivel en varios saltos e unha gran escorregadeira. COMO CHEGAR: Na estrada de Dumbría a Cee cóllese o desvío a Anseán e A Xestosa. Desde o centro do lugar séguese a pista que baixa ao río ata os Muíños. Baixar a carón dela é moi complicado. Para vela ben convén achegarse, pola marxe esquerda, ao monte de en frente (Petón da Escaleira). Tamén hai boas vistas da devesa de Anllares, na outra marxe do Xallas.

CALDEIRAS DO CASTRO

Parroquia de Coucieiro, no concello de Muxía. O río do Castro cae nun desnivel de 8 m en rochas graníticas. Na parte alta hai un bosque de acacias, amieiras e carballos. Nas proximidades atópase unha área recreativa e unha capela. Hai un mirador acondicionado para ver a fervenza. COMO CHEGAR: Na estrada de Muxía, antes de chegar a Senande, cóllese un cruce á dereita que vai a Castro e chégase a unha capela onde remata a estrada. A fervenza está seguindo o camiño da dereita, debaixo dun castro.

TERRA DE SONEIRA

PONTE-FURAQUEIRA

Entre Calor e Carantoña (Vimianzo), no río Grande. COMO CHEGAR: Na estrada de Vimianzo A Ponte do Porto, despois de pasar Calo, onde se cruza o río. Vese desde a ponte.

MELIDE

RÍO PEDRIÑA

No río Pedriña (Furelos), ao pé do mosteiro de San Antoniño de Toques. COMO CHEGAR Desde Toques cóllese a estrada á capela e ao mosteiro de San Antoniño. As fervenzan atópanse a carón do mosteiro.

RÍO PEDROUZO

En Carboeiro, Vilouriz (Toques); un afluente do Furelos que baixa do Careón. COMO CHEGAR: Atópase ao pé da estrada que vai de Vilamor a Melide, nunha zona cuberta de mato onde hai varios muíños abandoados.

BRAÑAS

Na parroquia de Brañas (Toques). O río Salgueiras, unha das cabeceiras do Furelos, afluente do Ulla forma unha fervenza duns 30 m de altura ao cair nun desnivel, de neis, de fronte ampla e perfil inclinado. Nos arredores hai un bo bosque de ribeira, carballos, castiñeiros e loureiros. COMO CHEGAR: Cóllese a estrada de Melide a Toques e 2,5 km máis adiante sae unha pista que vai a Brañas e pasa por diante da fervenza.

ARZÚA

HORTAS

Na localidade de Hortas, parroquia de Dombodán (Arzúa). O Río Ufa, Santa Marta ou da Fervenza, afluente do Ulla, ten un curto percorrido no que discorre por canóns e forma varias fervenzas e rápidos. A fervenza principal cae duns 20 m de altura en neis mesturados con cuarcitas. A zona, de moi dificil acceso, conserva un bo bosque de ribeira e está aproveitada con varios muíños. COMO CHEGAR: Na estrada de Arzúa a Vila de Cruces, a uns 11 km chégase á localidade de Hortas e cóllese o cruce en dirección a Ponte San Xusto. A uns 200 m cóllese un cruce á dereita (xunto ao bar Varela) e atravésase a localidade seguindo por unha pista de terra que pasa xunto a un lavadoiro e uns muíños (hai unha ruta de sendeirismo marcada). Apárcase o vehículo xunto a un muíño grande de cemento e un pouco máis abaixo á esquerda sae un carreiro que cruza uns prados e baixa ao río con moita dificultade. Seguindo o camiño cara abaixo chégase ao Ulla.

SALTO DAS POMBAS

Na parroquia de Cornado (Touro). O río Lañas é un afluente do Ulla que percorre o concello de Touro de Norte a Sur, salvando un forte desnivel no seu tramo final onde forma varios rápidos e fervenzas. A máis alta cae duns 8 m encaixada entre rochas metafórficas. COMO CHEGAR: Unha ruta indicada de 10 km parte da área recreativa de Santalla, pasa pola fervenza e remata en Ponte Basebe. Pódese chegar ás proximidades pola estrada de Fonte Díaz (Touro) a Cornado e unha vez cruzado o río na ponte da estrada, no lugar onde hai uns muíños, coller a ruta indicada. Tamén se pode baixar por unha pista de terra un pouco máis adiante á dereita.

RÍO BESEÑO

Santiso de Cornado (Touro). O río Beseño é un afluente do Lañas (Ulla) que salva un forte desnivel na zona de Santiso. COMO CHEGAR: Pola estrada de Fonte Díaz (Touro) a Cornado cóllese un desvío á dereita a Santiso. Despois de pasar a igrexa cóllese outro desvío á dereita (a carón do lavadoiro) e séguese ata chegar a río. Remontámos o río uns 200 m, pola parte dos prados, e vemos as fervenzas.

INFERNIÑO

Na parroquia de Novefontes (Touro), nun pequeno rego afluente do Ulla que salva un forte desnivel. COMO CHEGAR: Pódese acceder desde a ruta de sendeirismo “Ribeira do Ulla”, desde Ponte Basebe ou San Pedro da Ribeira. Tamén se pode achegar co coche por unha pista que baixa por diante da igrexa de Novefontes ata chegar á conexión coa ruta de sendeirismo, onde está indicada cun cartel. Seguindo a ruta en dirección a San Pedro da Ribeira, á altura de Fao, atópase a fervenza da Pena, nun pequeno rego.

MINCE

Na parroquia de Prevediños (Touro). O río Quintás, afluente do Ulla, salva un desnivel en xistos de aproximadamente 10 m en dous saltos. A zona ten moita pendente e está moi chea de mato e árbores caídas o que fai moi complicado o camiño. COMO CHEGAR: Desde Fonte Díaz (Touro) séguese cara a Loxo e Prevediños e ao chegar a Mince tómase a primeira pista á dereita despois do pazo e báixase aproximadamente 500 m rodeando un emparrado ata chegar a uns prados situados á esquerda. Desde ahí cóllese unha pista de terra e a uns 100 m á dereita báixase seguindo unha canle de muíño abandoada ata o río. Crúzase e séguese río arriba uns 200 m por un carreiro de moita dificultade ata atopar a fervenza.

REGATO DE LAMAS

Un afluente do Iso (Ulla). En Maroxo (Arzúa). Varios saltos sucesivos. COMO CHEGAR: Na estrada de Arzúa a Portodemouros, antes de cruzar o río Carracedo, collemos o desvío á Fonte Santa (segue o trazado da antiga estrada) e un pouco máis adiante, á esquerda o desvío que vai a Maroxo. Séguese ata Fondevila, onde se colle á dereita, pásase A Cal e ao cruzar o rego paramos para baixar á fervenza que se atopa un pouco máis abaixo.

A CORUÑA

COSTA DA ÉGOA RÍO ABELLEIRA

En Hervés (Carral). No Rego de Abelleira, afluente do Barcés (Mero). O Rego de Abelleira ou do Batán ten un curto percorrido, desde o monte San Bartolomeu, ata xuntarse co Barcés. Na baixada da costa da Égoa salva un gran desnivel con rápidos e fervenzas nunha zona aproveitada por catorce muíños, unha pequena central hidroeléctrica e batáns convertidos nun ecomuseo. COMO CHEGAR: Na Estrada de A Coruña a Santiago, pasado Hervés, na zona da Costa da Égoa, atópase un indicador nunha curva da estrada vella abandoada. Séguese o sendeiro a carón do río por onde se poida e vense varias fervenzas.