masterterra.usc.esmasterterra.usc.es/drupal/sites/default/files/lib/Cap2_0.pdf · Sintaxis espacial...
Transcript of masterterra.usc.esmasterterra.usc.es/drupal/sites/default/files/lib/Cap2_0.pdf · Sintaxis espacial...
Territorios a examen: trabajos de ordenación territorial = Territorios a
exame: traballos de ordenación territorial / edición a cargo de Rafael
Crecente Maseda, Urbano Fra Paleo. - Santiago de Compostela:
Universidade de Santiago de Compostela, Servizo de Publicacións e
Intercambio Científico, 2012 244 p. ; 24 cm. – (Cursos e congresos da
Universidade de Santiago de Compostela ; 211)
D.L. LU 42-2012. – ISBN: 978-84-9887-853-0 1. Ordenación do territorio – Galicia 2. Urbanismo − Galicia 3. Solo,
Utilización do − Galicia I. Crecente Maseda, Rafael, ed. lit. II. Fra Paleo,
Urbano, 1961 - , ed. lit. I. Universidade de Santiago de
Compostela. Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, ed.
352(461.1)
630*6(461.1):711.14
711.14(461.1)
© Universidade de Santiago de Compostela, 2012
Edita Servizo de Publicacións e Intercambio Científico
Campus Vida
15782 Santiago de Compostela
usc.es/publicacions
Imprime
Librería Troll
Dep. Legal LU 42-2012
ISBN 978-84-9887-853-0
Índice
Agradecimientos 7
Introducción 11
O impacto do pagamento único en Galiza 17
Fátima Docío e María do Mar Pérez
Caracterización dos procesos de repoboación forestal posteriores á
entrada de Galicia na Unión Europea
41
Beatriz Guimarey e Eduardo Corbelle
A utilización do espazo polas explotacións gandeiras. Estudio da
comarca da Terra Chá, Lugo
57
Manuel Giménez, Eduardo Corbelle e Francisco J. Ónega
A consideración dos asentamentos rurais nos procesos de xestión
de terras: o caso da concentración parcelaria e a ordenación de
núcleos rurais
71
Nieves Pérez ,Rafael Crecente e Francisco J. Ónega
El entorno inmediato del núcleo en el planeamiento rural.
Delimitación como área de transición para aplicar la concentración
parcelaria
91
Vasco Barbosa, Eduardo Corbelle y J. Ambrosio Ferreira
Estudio da utilización de información catastral para a elaboración
das bases definitivas nos procesos de concentración parcelaria en
Galicia
115
Dorinda Sarmiento, Francisco J. Ónega e David Miranda
Una introducción al Modelado Basado en Agentes para la
simulación de cambios de usos del suelo
135
Jeanneth M. Galvez, Eduardo Corbelle e Andrés García
Sintaxis espacial de la ciudad de Lugo 155
José L. de la Barrera y Urbano Fra
Escenarios de riesgo de incendio actuales y potenciales en el
Municipio de Lugo
177
Ivonne M. González y Urbano Fra
Predición de incendios forestais. Análise do índice de risco e
metodoloxía alternativa
203
Iván Sánchez, Urbano Fra e Enrique Fernández
Escenarios actuais e potenciais de risco de inundación costeira na
área metropolitana de A Coruña
225
Xurxo Loureiro e Urbano Fra
Te r r i t o r i o s a e x a m e n . T r a b a j o s d e O r d e n a c i ó n Te r r i t o r i a l
41
Caracterización dos procesos de
repoboación forestal posteriores á entrada
de Galicia na Unión Europea
Beatriz Guimarey Fernández12 e Eduardo Corbelle
Laboratorio do Territorio (LaboraTe), Universidade de Santiago de Compostela
Resumo Durante a década dos 90 tivo lugar en Galicia unha diminución da SAU, que
coincide temporalmente coa aplicación do Regulamento 2080/92 de Reforestación de Terras Agrarias da Unión Europea. Neste traballo pretendese
avaliar a procedencia, en termos de uso, das terras que foron reforestadas no período de concorrencia da normativa. Paralelamente analízase a influencia que
puideron ter os procesos demográficos, asociados á perda de poboación, con respecto á evolución dos usos agrícola e forestal, xa que diversos autores estiman
que estes parámetros sociais xogan un papel decisivo na evolución dos usos do
solo. Os resultados evidencian que a dispar evolución demográfica dos concellos galegos foi un factor diferenciador nos cambios da superficie agroforestal. Os
concellos que máis poboación perderon teñen maiores taxas de abandono de terreos agrícolas, e unha menor taxa de reforestación de terreos agrícolas. É dicir,
a forte regresión demográfica minou a capacidade repoboadora nas áreas máis despoboadas. Por outro lado tamén queda patente que a meirande parte das
plantacións se fixeron en terreos de mato, e non en superficie agraria.
Abstract During the 1990s a significant reduction of the cropped area was observed in Galicia when the EEC Regulation 2080/92 to promote the afforestation of
agricultural land was implemented. In this paper we investigate the origin, in
terms of use, of the new forested lands in that period. At the same time, we analyze the role that demographic processes, especially the loss of population,
play in the evolution of agricultural and forestry land, because it’s been observed that this process has effects on land use change. Results show that population
change in municipalities is a distinguishing factor in the evolution of the agricultural and forestry land, and the application of the European policy in this
region. Municipalities where population decreased have the highest rates of land
abandonment and the lowest share of afforestation of agricultural land. This implies that the sharp decline of population had has effects in the capacity of
reforestation. Also most of the afforestation was done in shrubland, and not in agricultural land. Finally, the detection of land use changes with CORINE Land
Cover in such a fragmented landscape has been a very difficult task.
12 e-mail: [email protected]
Te r r i t o r i o s a e x a m e . T r a b a l l o s d e O r d e n a c i ó n Te r r i t o r i a l
42
1. Xustificación
Segundo os datos aportados polas estatísticas de uso do solo, dous tercios
do territorio galego presentan unha cobertura forestal, sendo o 50% desta
superficie arborada (MARM, 2010). Sen embargo o tipo, estrutura,
función e extensión desta masa mudou totalmente como resultado dos
profundos cambios socioeconómicos acaecidos no medio rural galego no
último século. De feito, en escasos 50 anos o monte pasou de estar
plenamente integrado no sistema agrario a ser, dende finais desa década,
un sector totalmente desligado, dando lugar a un desequilibrio territorial
preocupante.
Sen embargo esa dimensión territorial non se reflectiu nas compoñentes
socioeconómicas, de xeito que o monte galego foi infrautilizado dentro
dunha configuración socioeconómica heteroxénea en canto á xestión e
poboación propietaria. A falta, entre outros, de reemprazo xeneracional e
baixa especialización da man de obra dispoñible barállanse como causas
desta situación, paralelamente á inadecuada base territorial das
explotacións agroforestais, e á excesiva parcelación, que incidiron tamén
no mal aproveitamento destas terras (Marey et. al, 2004).
A este respecto, varios autores (Lamo de Espinosa, 1997; Marey et. al.,
2004) coinciden en que os procesos que precipitaron esta caída do sistema
agrario tradicional en Galicia, que regulaba a extensión e estado do
monte, e o modelo de ordenación que implicaba, foron dous: os cambios
demográficos, que reduciron notablemente a poboación do medio rural, e
a adhesión de España á CEE, que supuxo a inserción das explotacións
familiares nunha economía de mercado. Polo tanto esa estrutura
tradicional desapareceu case por completo nunha soa xeración. Cando en
1986 España entrou na Comunidade Europea (CE), o sistema
agroforestal xa adoecía de falla de man de obra e reformas estruturais que
desen cabida ás novas necesidades acaecidas despois das transformacións
dos últimos 30 anos. Case paralelamente á adhesión, produciuse a
adopción da Política Agraria Común (PAC) no estado e, ante a nova
situación, só as explotacións máis dinámicas e de maior dimensión
sobreviviron, desaparecendo o policultivo de subsistencia e xerándose
unha clara especialización (López-Iglesias, 2000a). Deste modo, a
inserción na economía de mercado supuxo a desaparición dun grande
número de pequenas explotacións e o descenso paralelo de terras
labradas, que se acabaron convertendo, na maioría de casos, en terreos
forestais.
Este paulatino abandono das actividades agrarias tradicionais parece que
se acelerou ademais coa adopción do sistema de subvencións
comunitarias ó abeiro do Regulamento Comunitario de Acompañamento
da PAC 2080/92 para axudas á Reforestación de Terras Agrarias, co
obxectivo de diminuír a produción agraria e favorecer os recursos
forestais (Marey et al., 2004). Deste modo, moitas das parcelas agrarias
Te r r i t o r i o s a e x a m e n . T r a b a j o s d e O r d e n a c i ó n Te r r i t o r i a l
43
pasaron a ser reforestadas por iniciativa particular, independentemente da
súa localización relativa con respecto a outros usos ou a súa aptitude. De
feito, en canto ás áreas ocupadas polas reforestacións realizadas nos anos
90, case un 88% eran terras a monte ermo e pastos (García e Pérez,
2001). É dicir, as terras abandonadas da produción agraria, son as
primeiras que quedaron liberadas para outros usos, entre eles o forestal.
Por outro lado, a adhesión coincide tamén co inicio dunha profunda
reforma da PAC que contribúe tamén a ese trasvase de terreos ó sector
forestal. Dita reforma, ó longo dos últimos 25 anos e a través de sucesivos
pasos, foi alterando de modo substancial os obxectivos e mecanismos
desta política cunha directriz básica: a redución do mantemento dos
mercados agrarios e a introdución de medidas dirixidas a frear o
incremento da produción. Coa perspectiva que dá o tempo transcorrido,
obsérvase que a agricultura galega se integrou na CE nun momento
pouco propicio (López-Iglesias, 2000a), posto que se trataba dun sector
con potencial, no que estaban por realizar as transformacións estruturais
que o resto de agriculturas europeas máis avanzadas xa levaran a cabo en
décadas precedentes. Nestas condicións a adhesión produciuse cando a
PAC entraba nunha profunda revisión, diminuíndo a protección ofrecida
ós mercados agrarios, e abandonando progresivamente os obxectivos de
modernización e reforma estrutural, imprescindibles para lograr a
competitividade (Lamo de Espinosa, 1997; López-Iglesias, 2000a).
Súmase tamén o feito de que as axudas á reforestación de terras agrarias
non tiveron en conta a grande disparidade de comunidades agrarias, de
forma que se produciron fortes desaxustes socioeconómicos entre as
distintas rexións. E precisamente Galicia é unha das comunidades máis
desfavorecidas (López-Iglesias, 2000a; Valero, 1997) debido á
atomización da propiedade, que non permitiu aproveitar todo o potencial
que estas liñas de axudas ofreceron.
Como consecuencia directa de todos estes factores, o monte galego a
finais do século XX xurde, medra e evoluciona non por unha aposta
decidida como actividade económica, senón froito do abandono das
antigas terras agrogandeiras, e onde a inexistencia dun plan estratéxico
propio leva a que este herde os mesmos problemas estruturais e
socioeconómicos que motivaron a crise do subsector agrogandeiro
(Marey et al., 2004).
Pola súa banda, acompañando e avivando todo este proceso encóntranse
as dinámicas demográficas. Posto que a traxectoria socioeconómica e
territorial do medio rural se vincula estreitamente coa evolución da súa
poboación residente (Gray, 2000), a forte perda de poboación do medio
rural e o envellecemento, entre outros, deberon condicionar tamén a
evolución dos usos no noso territorio. Polo tanto a evolución do monte
galego despois da entrada na Comunidade Europea, está intimamente
ligado non só á adhesión e á adopción das súas políticas agroforestais,
senón tamén ós procesos demográficos anteriores e paralelos, que
Te r r i t o r i o s a e x a m e . T r a b a l l o s d e O r d e n a c i ó n Te r r i t o r i a l
44
consolidaron e acentuaron as tendencias previas a este fito.
Considerando este marco, elaboráronse múltiples traballos que analizan
en detalle a incidencia no sector primario en xeral, e no forestal en
particular, da Política Agraria Común (García e Pérez, 2001; Lamo de
Espinosa, 1997; López-Iglesias, 2000a; López-Iglesias, 2000b; Marey et
al., 2004) e estudos demográficos que buscan explicar as profundas
transformacións sociais que a comunidade galega sufriu durante a
segunda metade do século XX (Lage, 2003; López-Taboada, 1996), con
especial interese no período predemocrático. Sen embargo non se
realizaron traballos que vinculen propiamente ambas cuestións, sobre
todo no que á compoñente espacial se refire, porque a incidencia dos
programas europeos foi moi dispar en todo o territorio galego, con
diferenzas de aplicación importantes mesmo entre concellos veciños. De
aí a necesidade do presente traballo, no que se pretende analizar como e
onde incidiron as políticas de reforestación posteriores á entrada de
España na CE, tentando ó mesmo tempo establecer unha vinculación cos
procesos demográficos acaecidos nos últimos vinte anos.
2. Material e métodos
2.1. Materiais
As principais fontes de datos empregadas neste traballo foron:
Mapa de Cultivos y Aprovechamientos 1980-1990 (MARM,
1990), facilitado a través do SIGPAC web map service.
Ortofoto de 2007, consultada a través do SIGPAC web map
service (Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y
Marino).
Base de datos autonómica de cambios na ocupación do solo
Corine Land Cover, entre 1990-2000 e 2000-2006, a escala
1:100.000, en formato vectorial. Dispoñible a través do Centro
Nacional de Información Geográfica, do Instituto Geográfico
Nacional.
Cartografía municipal elaborada cos datos do Censo de
Población y Viviendas de 1981, 1991 e 2001, en formato
vectorial, do Instituto Nacional de Estadística (INE, 1981; INE,
1991; INE, 2001).
O programa utilizado para o tratamento dos datos xeográficos foi ESRI®
ArcMap™ 10.0, e R Project for Statistical Computing v2.13.0 (R
Development Core Team, 2011) para a análise estatística.
Te r r i t o r i o s a e x a m e n . T r a b a j o s d e O r d e n a c i ó n Te r r i t o r i a l
45
2.2. Metodoloxía
Definimos como universo do estudio as áreas do territorio galego que
cambiaron de uso agrícola a forestal entre 1990 e 2006 segundo Corine
Land Cover (códigos 200 e 300). Este universo foi estratificado en función
da evolución demográfica a nivel municipal, mediante a comparación dos
datos dos censos de poboación de 1981, 1991 e 2001. Así, os concellos de
Galicia foron agrupados en tres categorías mediante unha análise de
conglomerados atendendo ós valores dos cambios de poboación nos
períodos 1981-1991, 1991-2001 e 1981-2001.
O seguinte paso foi, a partir desa cartografía estratificada, comparar
mediante mostraxe, a cobertura existente antes da entrada de Galicia na
UE (1986) e despois da aplicación do Programa de Reforestación de
Terras Agrarias (1992-2000).
Sobre o universo de estudio, realizouse unha mostraxe aleatoria
estratificada de 100 puntos na que se definiu a cobertura antes e despois
do período considerado. Este diagnóstico fíxose asignando o uso determinado polo Mapa de Cultivos y Aprovechamientos de 1980 (MARM,
1990), e fotointerpretando sobre a fotografía aérea do PNOA de 2007,
para asignar o uso máis recente do solo a cada polígono da mostra
(Figura 1).
A afixación da mostra entre os diferentes estratos estableceuse en función
da súa variabilidade detectada nunha mostraxe piloto previa. Dacordo
con este exame previo determinouse un tamaño mostral de 30 puntos
para as masas dos estratos 2 e 3, e 40 para os do estrato 1, que amosaron
nun inicio unha variabilidade maior. O número de observacións foi
escollido para asegurar un erro de mostraxe menor do 2,5%.
Figura 1. Imaxe da dixitalización dunha unidade de mostraxe, sobre o Mapa de
Cultivos y Aprovechamientos de 1980 e sobre a ortofoto de 2007.
Para optimizar a posterior interpretación dos datos, a clasificación dos
usos na mostra fíxose utilizando unha lenda de 4 niveis.
Te r r i t o r i o s a e x a m e . T r a b a l l o s d e O r d e n a c i ó n Te r r i t o r i a l
46
No primeiro estadío clasificáronse os usos observados en agrícola,
forestal arborado, forestal-mato, improdutivo e unha cuarta categoría
denominada mixta, que recolle as masas clasificadas no Mapa de
Cultivos y Aprovechamientos como “asociacións” ou “mosaicos” de
cultivos. Na mostraxe realizada, resultou que estas áreas foron en tódolos
casos superficies de labradío, con pequenos enclaves de parcelas de uso forestal, con cobertura de Pinus pinaster. Para traballar de xeito análogo ás
demais tipoloxías establecidas, optouse por segregar as superficies
clasificadas como mixtas en dúas partes: o 30% de dita superficie
engadiuse ó uso forestal, e o 70% restante sumouse ó terreo agrícola, xa
que estas son as proporcións medias de ocupación de cada uso nestes
enclaves mixtos.
En canto ás superficies improdutivas, trátase de terreos que cambiaron de
uso agrícola ou forestal a improdutivo, normalmente debido á
construción de infraestruturas viarias ou embalses, e que non foi posible
discriminar na depuración de usos da capa do CORINE.
3. Resultados e discusión
O primeiro resultado obtido foi a agrupación dos concellos en tres grupos
en función da evolución da súa poboación. Tal e como se observa nos
diagramas de caixas (Figura 2), que recollen a caracterización de cada
estrato, estes son claramente diferentes. No estrato 1 sitúanse os concellos
que mantiveron ou incrementaron a súa poboación no período 1981-
2001. Pola súa parte, o estrato 3 asocia os concellos coa caracterización
oposta, é dicir, os concellos con maior perda de poboación. Trátase dun
estrato máis homoxéneo no que as maiores perdas de poboación se
produciron durante o período 1981-1991. Por último, pertencen ó estrato
2 o resto de concellos, cunha evolución demográfica intermedia entre o 1
e o 3, pero negativa en calquera caso, próxima ó -25%.
Dende o punto de vista territorial, a Figura 3 amosa a configuración
espacial das tres asociacións. Como pode comprobarse, o estrato 1 -cunha
cor máis escura- localízase na costa, sobre todo nas Rías Baixas e
concellos interiores correspondentes coas cabeceiras de comarca máis
dinámicas ou capitais provinciais. O estrato 3 –cunha cor máis clara-
abrangue unha boa parte da provincia de Ourense así como dous
concellos na provincia de A Coruña e outros tantos en Lugo. Pola súa
parte o estrato 2, aglutina o interior das provincias de A Coruña e
Pontevedra, a maior parte de Lugo, así como o resto de Ourense.
Te r r i t o r i o s a e x a m e . T r a b a l l o s d e O r d e n a c i ó n Te r r i t o r i a l
48
Figura 3. Distribución espacial dos tres estratos de concellos atendendo á súa
evolución demográfica no período 1981-2001. Fonte: elaboración a partir dos censos poboacionais de 1991, 1991 e 2001.
Centrándonos xa nas áreas que mudan cara a un uso forestal, os
resultados amosan que o maior aporte de superficie ven do mato
(22,83%), seguido moi de lonxe polos terreos agrícolas (5,28%). Isto
concorda coas teses de diversos autores como García e Pérez (2001) que
afirman que boa parte das superficies repoboadas neste período eran
terreos abandonados, e non parcelas agrarias aínda en produción.
Nas Táboas 2, 3 e 4 descríbense as proporcións obtidas para cada estrato.
Para o estrato 1 de concellos (Táboa 2), estas proceden nun 19,11% do
mato, seguido por un 5,54% de terreos agrícolas. A mesma tendencia se
observa no estrato 2 (Táboa 3), se ben, as proporcións de aporte se
incrementan substancialmente, acadando o 28,39% para o mato e o
8,01% para as terras agrícolas.
Te r r i t o r i o s a e x a m e n . T r a b a j o s d e O r d e n a c i ó n Te r r i t o r i a l
49
Táboa 1. Matriz promedio de evolución (%) dos usos do solo sobre o universo de
estudio. (MCA= Mapa Cultivos y Aprovechamientos, PNOA= ortofoto 2007).
PNOA
Agrícola Arborado Improdutivo Mato Total
MC
A
Agrícola 3,62 5,28 0,84 2,15 11,89
Arborado 5,85 35,03 1,74 11,15 53,78
Improdutivo 0,00 0,00 0,87 0,00 0,87
Mato 1,08 22,83 0,47 9,07 33,45
Total 10,56 63,14 3,92 22,37 100,00
Finalmente o estrato 3 (Táboa 4) mantense nunha proporción menor
tanto en canto ó mato (20,99%), como en canto ás terras agrarias, das que
diminúe de forma considerable ás reforestacións (2,30%). Tamén, en
clara diferenza cos outros dous estratos, aparece un 5,53% da superficie
que pasa a estar cuberta por mato.
Polo tanto en termos relativos, pódese dicir que os concellos do estrato 3,
os que máis perda de poboación rexistraron, foron os que mostran unha
transición menor a forestal arborado, fronte ó estrato 2, que aparece
como o máis dinámico no proceso repoboador.
Táboa 2. Matriz de evolución (%) dos usos do solo resultante da mostraxe para o
estrato 1. (MCA= Mapa Cultivos y Aprovechamientos, PNOA= ortofoto 2007).
PNOA
Agr Arb Imp Mat Total
MC
A
Agr 0,82 5,54 0,00 0,00 6,36
Arb 4,39 46,41 0,69 12,11 63,60
Imp 0,00 0,00 0,00 0,00 0,00
Mat 2,95 19,11 0,00 7,98 30,04
Total 8,16 71,06 0,69 20,10 100,00
Te r r i t o r i o s a e x a m e . T r a b a l l o s d e O r d e n a c i ó n Te r r i t o r i a l
50
Táboa 3. Matriz de evolución (%) dos usos do solo resultante da mostraxe para o
estrato 2. (MCA= Mapa Cultivos y Aprovechamientos, PNOA= ortofoto 2007).
PNOA Agr Arb Imp Mat Total
MC
A
0,48 8,01 2,52 0,92 11,93
Arb 5,30 29,50 1,08 9,91 45,79
Imp 0,00 0,00 0,00 0,00 0,00
Mat 0,29 28,39 0,00 13,61 42,28
Total 6,07 65,90 3,60 24,44 100,00
Táboa 4. Matriz de evolución (%) dos usos do solo resultante da mostraxe para o
estrato 3. (MCA= Mapa Cultivos y Aprovechamientos, PNOA= ortofoto 2007).
PNOA
Agr Arb Imp Mat Total
MC
A
Agr 9,57 2,30 0,00 5,53 17,39
Arb 7,87 29,19 3,45 11,44 51,95
Imp 0,00 0,00 2,62 0,00 2,62
Mat 0,02 20,99 1,41 5,62 28,04
Total 17,46 52,48 7,49 22,58 100,00
Analizando o estrato 3, obtense que, en proporción, é o que menos
superficie agrícola deriva para as repoboacións (2,30% fronte ó 5,28% de
media dos 3 estratos), e do mesmo xeito ten unha taxa de reforestación
inferior ó resto de Galicia. Estes datos, á falta dun estudio máis en
profundidade, concorda cos diversos traballos que asocian as profundas
transformacións do medio rural galego (perda de SAU, abandono de
terras, etc) co despoboamento (López-Iglesias, 2000b; Marey et al., 2004).
Considerando que o estrato 3 está formado por concellos que perderon de
media un 50% da súa poboación entre 1981 e 2001, que previsiblemente
esta tendencia xa viña herdada de antes, e que os procesos
socioeconómicos tardan en manifestarse no territorio (Gellrich et al.,
2006), poderíase pensar, que o forte despoboamento antes e durante este
período, puido minar a capacidade de reforestación dos habitantes destas
áreas. Deste xeito, o abandono da agricultura desemboca nunha ausencia
Te r r i t o r i o s a e x a m e n . T r a b a j o s d e O r d e n a c i ó n Te r r i t o r i a l
51
absoluta de calquera tipo de actividade, derivando a cobertura de forma
natural ó mato e posteriormente a forestal arborado, tal e como podería
reflectir ese 5,53% de áreas agrarias que pasan a mato e que non se
observan nos outros estratos.
Coñecidas as proporcións globais de cambio e quedándonos coas terras
que contribúen á reforestación (mato e agrarias) podemos ver a
proporción relativa entre as dúas (Táboa 5). En termos absolutos obtense
que o 18,12% das terras forestadas neses anos eran agrarias, e o 81,88%
eran zonas de matogueira. Confírmanse polo tanto as estimacións de
García e Pérez (2001), que apuntaban a que máis do 80% das
repoboacións se fixeron en terras que xa estaban sen produción agraria,
que son as primeiras que quedan liberadas para outros usos, e non
realmente a costa da SAU.
Táboa 5. Contribución (%) das superficies agrarias e de mato á reforestación.
Estrato 1 Estrato 2 Estrato 3 Media
Agrícola 22,47 22,00 9,88 18,12
Mato 77,53 78,00 90,12 81,88
Total 100,00 100,00 100,00 100,00
Por outra parte, as diferenzas entre estratos, que antes se describían, vense
agora tamén máis claras, e o estrato 3 sepárase claramente dos outros
dous. Para este caso, como xa se dixo, a derivación de terras agrícolas
para a reforestación foi moi inferior en comparación cos outros dous
estratos. Neste, a contribución das terras agrícolas ó fenómeno
repoboador (9,88%) é un 50% máis baixo que a media global (18,12%).
Retomando de novo as proporcións de superficie agraria que mudou a
forestal arborada, e establecendo os intervalos de confianza a partir do
erro de mostraxe, estímase que a superficie agraria reforestada durante o
período que se está a estudar oscila entre as 4.642,42 ha e as 6.759.06 ha
como máximo (Táboa 6).
Repetindo o proceso para o mato (Táboa 7), a superficie de mato
reforestada oscila entre as 20.911,28 ha e as 28.364,46 ha.
Sumando as porcentaxes de ambas contribucións (agrícola e mato)
obtemos a superficie estimada que foi reforestada durante a vixencia do
REG 2080/92 de Reforestación de Terras Agrarias (Táboa 8) que oscila,
segundo este estudio, entre 25.553,69 e 35.123,53 ha. Esta cifra está
próxima as de García e Pérez (2001) que computaban a superficie
certificada e pagada ó abeiro do regulamento en Galicia, en 29.757 has
entre 1993 e 1998.
Te r r i t o r i o s a e x a m e . T r a b a l l o s d e O r d e n a c i ó n Te r r i t o r i a l
52
Táboa 6. Superficies que mudaron de uso agrícola a forestal arborado en
hectáreas e porcentaxe sobre a área do estrato, e intervalos de confianza para cada caso (nivel de confianza do 95%).
%
sup
Int. Conf.
(%)
Erro
mostraxe
Total
reforestado
(ha)
Int. Conf. (ha)
Est. 1 5,54 3,92 7,16 0,83 1.265,05 894,71 1.635,38
Est. 2 8,01 5,37 10,65 1,35 5.369,64 3.602,04 7.137,23
Est. 3 2,30 1,50 3,10 0,41 414,81 269,79 559,83
Total 5,28 3,60 6,26 0,50 5.700,74 4.642,42 6.759,06
Táboa 7. Superficie (ha) que mudou de mato a forestal arborado e porcentaxe
sobre a área do estrato, e intervalos de confianza para cada caso (nivel de confianza do 95%).
%
sup
Int. Conf.
(%)
Erro
mostraxe
(%)
Total
reforestado
(ha)
Int. Conf. (ha)
Est. 1 19,11 14,32 23,90 2,44 4.365,77 3.271,35 5.460,19
Est. 2 28,39 21,11 35,66 3,71 19.032,35 14.155,20 23.909,50
Est. 3 20,99 15,05 26,92 3,03 3.785,51 2.715,20 4.855,82
Total 22,83 16,83 28,83 1,76 24.637,87 20.911,28 28.364,46
Táboa 8. Superficie (ha) que mudou de mato ou agrícola a forestal arborado e
porcentaxe sobre a área do estrato, e intervalos de confianza para cada caso (nivel de confianza do 95%).
%
sup
Int. Conf.
(%)
Erro
mostraxe
(%)
Total
reforestado
(ha)
Int. Conf. (ha)
Est. 1 24,65 18,24 31,06 2,94 5.630,82 4.166,07 7.095,57
Est. 2 36,40 26,49 46,31 4,23 24.401,99 17.757,24 31.046,74
Est. 3 23,29 16,55 30,03 3,26 4.200,32 2.984,99 5.415,65
Total 28,11 20,42 29,33 2,02 30.338,61 25.553,69 35.123,53
Te r r i t o r i o s a e x a m e n . T r a b a j o s d e O r d e n a c i ó n Te r r i t o r i a l
53
Pola contra hai estimacións máis á alza de superficie reforestada, como a
do Plan Forestal de 2002, que eleva esta cifra a 33.000 ha, ou os anuarios
estatísticos do correspondente ministerio responsable da política agrícola,
que baseándose nos expedientes aprobados ou solicitados de
repoboacións ó abeiro do REG 2080/92 soben a cifra a máis de 40.000
ha acumuladas en 1998 (Figura 4).
Figura 4. Evolución da superficie (ha) de reforestación de terras agrarias, e valor
acumulado. Fonte: elaboración propia a partires de MARM (2008).
Á vista das cifras, é obrigado facer neste punto unha reflexión sobre en
qué medida o Programa de Reforestación de Terras Agrarias foi a orixe
dunha importante perda de SAU. A pesares de non concordar en cifras
absolutas, as diversas estatísticas agroforestais españolas e galegas
constatan unha importante diminución de SAU na década dos 90, que
oscila, dependendo das fontes, entre as 25.000 e as 75.000 ha de terreo
agrario perdido (Corbelle e Crecente, 2009). Sen embargo, tamén é certo,
que a cifra de superficie repoboada estimada neste traballo debería
considerarse como un valor mínimo por dúas razóns: Primeiro porque
unha parte non calculada das novas superficies arboradas son froito da
rexeneración natural, e segundo estase asumindo que toda a superficie
que mudou a arborado, o fixo baixo o REG 2080/92. A este respecto,
unha parte de reforestacións de terras agrícolas, que tampouco podemos
estimar, foron realizadas con financiación particular (Marey et al., 2004),
sobre todo en pequenas parcelas que non cumprían, na maioría dos casos,
os requisitos mínimos en canto a superficie. De feito, se ben se pode
afirmar que a comunidade de Galicia foi das que máis solicitudes fixo, a
superficie final forestada é moi inferior á do resto de rexións. Isto débese
principalmente ó menor tamaño das propiedades forestais. De feito a
partir de 1998, cando os Montes Veciñais en Man Común poden optar ás
0
10.000
20.000
30.000
40.000
50.000
60.000
70.000
1994 1995 1996 1997 1998 1999 2000 2001 2002 2003 2004 2005 2006
Anual Acumulado
Te r r i t o r i o s a e x a m e . T r a b a l l o s d e O r d e n a c i ó n Te r r i t o r i a l
54
axudas, o cómputo de superficies repoboadas medra significativamente, a
pesares de baixar de xeito substancial o número de solicitudes a partir
dese ano (García e Pérez, 2001).
Por outro lado, moitas desas parcelas, illadas e pequenas en moitos casos,
non son detectadas polo CORINE e, polo tanto, posiblemente contribúan
pola contra a manter as estimacións de superficie, pero en menor medida.
De calquera xeito, á vista do exposto neste traballo, as disertacións sobre
a influencia real do Programa de Reforestación de Terras Agrarias, en
termos de superficie reforestada, e a súa relación coa perda de SAU no
período comprendido entre 1990 e 2000 debería revisarse, xa que este e
outros estudios instan a unha moderación nas cifras reais de afectación.
A proporción de terra agraria destinada a reforestación é relativamente
pequena (en torno a un 18%), que en termos de superficie real non chega
ás 6.000 ha. Ademais, tamén é unha parte minoritaria de toda a superficie
agrícola perdida na área estudada (25.000 a 70.000 ha pasaron de uso
agrícola a mato, forestal, ou improdutivo).
4. Conclusións
A maior parte (80%) das novas masas forestais aparecidas entre 1990 e
2000 proceden de terreos de mato e non de superficie agrícola. Por outro
lado, a superficie estimada de terras agrarias que son reforestadas é de
5.700 ha. Esta cifra debe considerarse como o mínimo, principalmente
pola desviación producida pola emprego do CORINE Land Cover na
determinación do universo de estudio. A súa falta de resolución non
permite detectar parcelas pequenas que incrementarían esa superficie
calculada.
Independentemente dos valores medios e globais, o certo é que se observa
un comportamento dispar entre os diferentes estratos, en canto á
composición dos cambios: os concellos que máis poboación perderon
teñen taxas maiores de abandono e menores de repoboación de terras
agrícolas.
Bibliografía
Corbelle, E. e Crecente, R. 2009. Evolución histórica de la Superficie
Agrícola Utilizada en Galicia (1962-2006). Integración de fuentes estadísticas y cartográficas. Economía Agraria y Recursos Naturales, 9(2):
183-192.
García, A.I. e Pérez, M. 2001.Análise e evolución da aplicación en
Galicia do programa de Axudas á reforestación de terras agrarias: (REG. CEE 2080/92). Revista Galega de Economía, 10 (1): 151-176.
Te r r i t o r i o s a e x a m e n . T r a b a j o s d e O r d e n a c i ó n Te r r i t o r i a l
55
Gellrich, M., Baur, P., Koch, B. e Zimmermann, N.E. 2006. Agricultural
land abandonment and natural forest re-growth in the Swiss mountains: A spatially explicit economic analysis. Agriculture, Ecosystems and
Environment, 118: 93–108.
Gray, J. 2000. The Common Agricultural Policy and the re-invention of the rural in the European Community. Sociologia Ruralis, 40, 30-52.
INE. 1981 Censos de Población y Viviendas. Madrid: Instituto Nacional de
Estadística.
INE. 1991 Censos de Población y Viviendas. Madrid: Instituto Nacional de
Estadística.
INE. 2001 Censos de Población y Viviendas. Madrid: Instituto Nacional de
Estadística.
Lage, J.A. 2003. El monte, el cambo social y la cultura forestal en
Galicia. Revista de investigaciones Políticas y Sociológicas, 2 (1- 2): 109- 123
Lamo de Espinosa, J. 1997. La década perdida. 1986-1996: la agricultura
española en Europa. Madrid: Mundi-Prensa.
López-Iglesias, E. 2000a. O sector agrario galego ás portas do século XXI: Balance das súas transformacións recentes. Revista Galega de
Economía, 9(1): 167-196.
López-Iglesias, E. 2000b. A dinámica recente e futura da poboación ocupada no sector agrario. En Avellentamento demográfico e economía.
Fernández Leiceaga, X. (coord.). Xerais: Vigo .
López-Taboada, J.A. 1996. La población de Galicia 1860-1991. Santiago de
Compostela: Fundación Caixa Galicia.
Marey, M.F., Crecente, R. e Rodríguez, V. 2004. Claves para comprender los usos del monte en Galicia (España) en el siglo XX. En II Simposio
Iberoamericano de Gestión y Economía Forestal. Barcelona, 18-20 de setembro
de 2004.
MARM. 2008. Anuario de Estadística Forestal 2007. Varios anos 1980-2010.
Madrid: Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino.
MARM. 1990. Mapa de Cultivos y Aprovechamientos de España 1980-1990.
Madrid: Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino.
R Development Core Team. 2011. R: A language and environment for
statistical computing. Vienna: R Foundation for Statistical Computing.
Valero, E. 1997. Implantación del programa de forestación de superficies agrarias en Galicia. En Un Programa de Forestación de Superficies Agrarias:
Legislación y Aplicación. Gómez-Jover, F. e Jiménez, F.J. (eds.),. Madrid:
Ministerio de Agricultura Pesca y Alimentación, 277–299.