TEMA 1 - WordPress.com...1. A Terra A Terra é un pequeno planeta do Sistema Solar que ten como...
Transcript of TEMA 1 - WordPress.com...1. A Terra A Terra é un pequeno planeta do Sistema Solar que ten como...
TEMA 1 ROCAS.PROCESOS XEOLÓXICOS
PROGRAMA DE RETORNO EDUCATIVO
2
TEMA 1: ROCAS. PROCESOS GEOLÓXICOS
1. A Terra
A Terra é un pequeno planeta do Sistema Solar que ten como característica
máis importante que nel existe vida. Os animais e as plantas poden vivir na Terra
porque posúe o aire que necesitan para respirar, os nutrientes necesarios para
alimentarse e medrar, e un clima axeitado. Pero estas condicións non existen en
todo o planeta. Só se dan nunha parte do mesmo chamada biosfera.
A biosfera consta de tres partes que se relacionan entre si para proporcionar
as condicións necesarias para a vida:
-A litosfera, ou plataforma terrestre.
-A atmosfera, o aire.
-A hidrosfera, a auga.
A litosfera ou cortiza terrestre
A litosfera é a capa máis exterior da Terra, onde se produce a vida. Na súa
superficie atopámonos. Ten una extensión de 510 millóns de quilómetros cadrados,
dos que 149 forman a superficie dos continentes e as illas e o resto está cuberto
polas augas dos océanos e mares. Presenta dúas zonas claramente diferenciadas
polo seu grosor e pola súa constitución:
- A cortiza continental. Forma os continentes e ten un grosor medio duns 35
km. Está formada por rochas como, por exemplo, o granito.
- A cortiza oceánica. É a parte da cortiza que está situada debaixo dos
océanos e mares. Ten un grosor medio duns 10 km. É máis densa cá cortiza
continental.
O solo
O solo é a parte superficial da cortiza terrestre, ten una profundidade que
varía dende uns centímetros ata centos de metros; e é onde se cultivan as plantas,
onde viven os animais e o home, e os organismos microscópicos que tanta
importancia teñen para a vida.
Composición do solo
O solo é unha mestura de rochas descompostas, plantas e animais. Aínda
que existen diferentes tipos de solos, os compoñentes básicos do solo sempre son
os mesmos:
PROGRAMA DE RETORNO EDUCATIVO
3
- Minerais, que resultan da desintegración das rochas. Poden ser: gravas (ø
superior a 2 mm), areas (ø comprendido entre 0,05 e 2 mm) e arxilas (ø inferior a0,5
mm).
- Orgánicos, que forman o humus e son producidos pola descomposición dos
restos de seres vivos. Estes materiais, xunto co aire e a auga, son os elementos
indispensables para o crecemento e desenvolvemento das plantas no solo.
- Ademais existen outros elementos en moi pequenas cantidades como o
nitróxeno, osíxeno, fósforo, potasio, xofre, ferro, etc.
- Tamén existen no solo multitude de seres vivos como: animais (coellos,
miñocas, insectos, vermes, etc.), vexetais (árbores, arbustos, herbas, etc.) e moitos
microorganismos (bacterias, fungos, etc.).
Propiedades do solo
Cómpre diferenciar entre propiedades físicas e propiedades químicas.
a) Propiedades físicas:
- Textura, que vén determinada polo tamaño das partículas que forman o solo.
- Porosidade, ou cantidade de ocos existentes entre as partículas que o
compoñen.
- Permeabilidade. Está relacionada coa porosidade e é a maior ou menor
facilidade que ten a auga para filtrarse ao seu través.
- Humidade. É a cantidade de auga que queda retida no solo. A humidade
ideal dáse nun solo que teña unha mestura compensada da materia mineral (area,
limo e arxila).
- Aireación. Os poros que a auga deixa libres son ocupados polo aire. Un solo
pouco aireado é pouco poroso ou moi encharcado.
- Temperatura. A temperatura dun solo depende da súa textura, humidade e
aireación.
b) Propiedades químicas:
- Composición, segundo a proporción na que se encontran os elementos que
o forman (calcio, potasio, sodio, ferro....).
- Acidez. O grao de acidez dun solo mídese polo denominado pH, nunha
escala de 0 a 14.
Para establecer un determinado cultivo cómpre coñecer previamente o pH do
solo, xa que cada especie vexetal necesita un pH axeitado.
Para diminuír o pH do solo os agricultores engaden esterco, e para aumentalo
engaden cal.
Estrutura do solo
Para coñecer a estrutura do solo é conveniente observar un corte vertical que
permita apreciar as distintas capas superpostas ou horizontes do solo, que se
distinguen pola cor, composición e tamaño das partículas.
PROGRAMA DE RETORNO EDUCATIVO
4
- Horizonte A. É a capa máis superficial e
é de cor escura, formada por restos de vexetais
e animais que, ao descompoñerse, forman o
humus. As partículas que a forman son moi
finas, de area e arxila. Nesta capa viven a
maioría das plantas e animais.
- Horizonte B. De cor máis clara,
amarelado, porque posúe menos materia
orgánica. A súa composición é de arxila
fundamentalmente, polo que é menos poroso có
horizonte A. A esta capa chegan as raíces das
árbores.
- Horizonte C. É a capa comprendida
entre a rocha nai e as capas superiores. Está
composta por cantos soltos e fragmentos da
rocha nai, area e arxila. Nela non hai seres vivos.
- Rocha nai. É a capa inferior de rocha a
partir da que se orixinan as demais partes do
solo, logo dun proceso de descomposición.
Non todos os solos posúen todas as
capas, e estas non teñen todas o mesmo grosor.
Canto máis antigo sexa o solo máis capas terá e
estas serán de maior grosor.
Formación do solo
O solo fórmase pola acción continuada de diversos axentes que actúan sobre
a superficie rochosa da Terra orixinando profundas transformacións. Estes axentes
podemos clasificalos en tres grupos:
- Axentes físicos. Son a calor, a chuvia, os ventos, etc. Estes axentes
interveñen nun proceso chamado meteorización que consiste na desintegración das
rochas, coa conseguinte erosión e transporte ata convertelas en areas finas
formando así unha primeira capa do solo.
- Axentes químicos. Os principais son a auga, o dióxido de carbono e o
osíxeno. A acción destas substancias sobre as rochas vainas transformando noutros
compostos que co tempo forman parte do solo.
- Axentes biolóxicos. Son os vexetais e os animais. As plantas introducen as
raíces nas gretas das rochas chegando a fendelas e fragmentalas. Outros moitos
seres vivos como os animais fenden, disgregan e perforan nas rochas.
PROGRAMA DE RETORNO EDUCATIVO
5
2 Tipos de solos
Os solos poden clasificarse utilizando diferentes criterios. Non obstante o
factor que imos ter en conta para estudar os tipos de solo será o tamaño das
partículas que o compoñen.
a) Solos arxilosos. Compostos fundamentalmente por arxilas. Son pouco
porosos e moi impermeables polo que se encharcan con facilidade e son pouco
fértiles.
b) Solos areosos. Na súa composición predominan as areas. Presentan unha
gran porosidade e permeabilidade, o que impide a retención da auga. Debido a isto
as substancias nutritivas que conteñen son arrastradas ás capas inferiores facendo
que estes solos sexan pouco fértiles.
c) Solos calcarios. Son aqueles nos que a compoñente predominante é a
pedra calcaria. Son terreos fértiles nos que abunda como vexetación principal a
herba.
d) Solos humíferos. Son os que conteñen unha gran cantidade de humus. Son
moi fértiles porque teñen moitas substancias nutritivas e capacidade para reter a
auga.
Para que un solo sexa apto para o cultivo debe ser doado de cavar, non
secarse facilmente e conter os minerais necesarios para as plantas, para o que debe
ter unha proporción semellante de area e arxila, así como algo de pedra calcaria e
humus.
Os solos de Galicia
As características que presentan os terreos da nosa Comunidade Autónoma
son as seguintes:
- Son xeralmente ácidos, xa que proveñen de rochas ricas en sílice, como o
granito.
- A súa textura é areosa, o que lles proporciona unha gran permeabilidade.
- Son moi porosos polo que no verán se secan en exceso debido á forte
aireación.
- Teñen escasa fertilidade xa que a abundancia de precipitacións lava o solo e
arrastra as substancias nutritivas ás capas inferiores.
- En xeral son pobres e pouco aptos para a agricultura intensiva, polo que
precisan a adición de fertilizantes e abonos.
3. O solo e os seres vivos
A existencia da vida na superficie dos continentes depende desta capa
delgada da cortiza terrestre na que medra a vexetación e que chamamos solo. As
raíces, bacterias, fungos, musgos, insectos, vermes, roedores, etc., colaboran na
formación do solo realizando dúas funcións: descompoñendo os restos de vexetais e
animais que forman o humus, e aireando o solo para permitir a fixación do nitróxeno
do aire. Tamén, interveñen noutros procesos que forman substancias útiles para as
plantas. No solo teñen a súa orixe todos os alimentos, tanto os de orixe vexetal
coma os de orixe animal. Nel medran as árbores das que se obteñen froitos e
materias primas que se usan para a fabricación de numerosos produtos artesanais e
industriais.
PROGRAMA DE RETORNO EDUCATIVO
6
O proceso polo que as substancias minerais se transforman en substancias
orgánicas formando parte dos seres vivos, e estas de novo en substancias minerais
coñécese co nome de ciclo da materia. As plantas nútrense de substancias
minerais. Cando as plantas e os animais morren, as bacterias e os fungos
transforman os seus restos en humus. Este descomponse liberando as sales
minerais das plantas e animais mortos, incorporándose outra vez ao solo e
transformándose en alimento para novas plantas.
Os solos silíceos ou areosos están a maior parte na zona occidental da
Península: Galicia, León, Zamora, Salamanca e Estremadura. Tamén, en zonas do
Sistema Central, Serra Morena, Perineos e illas Canarias.
Os solos calcarios forman na Península Ibérica unha Z invertida que comeza
nos Perineos, chega ata Santander e discorre por terras castelás, aragonesas e
levantinas e torce ata chegar a Cádiz. Os solos arxilosos esténdense polas dúas
mesetas castelás, polos vales do Ebro e Guadalquivir e nas illas Baleares.
As terras negras andaluzas son moi fértiles debido á presenza de limos
(materiais formados por partículas de tamaño intermedio entre areas e arxilas).
O solo e o ser humano
Os seres humanos primitivos alimentábanse das plantas que medraban
espontaneamente na natureza, xa que non as cultivaban, de xeito que cando se
esgotaban os froitos, os vexetais que lle servían de alimento ou os animais que
cazaban, desprazábanse a outros lugares á procura de máis alimentos.
Máis tarde descubriron que podían intervir no proceso de produción vexetal e
cultivaron a terra para obter colleitas.Así comezou a agricultura, que foi un dos
maiores avances na historia da humanidade.
Desde entón o ser humano comezou a tratar e preparar o solo para obter
mellores e máis abundantes colleitas. Para iso utilizou distintas técnicas e
procedementos como son os labores agrícolas, o saneamento, a rega, as emendas
e os fertilizantes.
PROGRAMA DE RETORNO EDUCATIVO
7
a) Labores agrícolas. Son as distintas operacións que o ser humano realiza
para modificar as condicións do solo e aumentar o seu rendemento. Segundo a
finalidade perseguida, os labores poden ser:
- De preparación: serven para facer o solo máis esponxoso e que estea mellor
aireado, facilitando a entrada e retención da auga, por exemplo o arado.
- Complementarias ou de cultivo. Poden ser: a semente; a carda ou
eliminación das herbas nocivas; o aporcado, ou acumulación de terra ao redor das
plantas; a recolleita, que pode recibir distintos nomes segundo os casos: sega,
vendima, etc.
b) Saneamento. Cando un terreo se encharca a miúdo empobrécese, xa que
a auga non deixa circular o aire e as raíces das plantas morren por asfixia. Neste
caso, é imprescindible eliminar o exceso de humidade. O conxunto de operacións
encamiñadas a conseguilo recibe o nome de saneamento.
b) Rega. Para que as plantas poidan desenvolverse necesitan que as
substancias nutritivas do solo estean disoltas en auga. Se o solo non ten suficiente
humidade hai que subministrarlla mediante a rega.
A auga utilizada para a rega debe reunir unhas condicións determinadas que
a fagan asimilable polas plantas: unha temperatura semellante á do ambiente,
suficientemente aireada, e non conter substancias tóxicas nin exceso de sales en
disolución. As correntes de augas puras e a auga de chuvia son as mellores para o
solo.
Existen diversas variedades de rega:
- Rega por inundación, que consiste en aportar ao solo gran cantidade de
auga de forma que quede anegado.
- Rega por aspersión, que consiste en subministrar a auga pulverizándoa de
forma semellante á chuvia.
- Rega por goteo, que é o sistema máis recente. Por medio dunha serie de
tubos de plástico con orificios nos que se insiren unhas válvulas, a auga sae pinga a
pinga soamente nos lugares que se desexa, é dicir ao pé de cada planta. O
aproveitamento da auga con este sistema é máximo.
Todos os solos dedicados ao cultivo que non reciben máis auga cá
procedente das chuvias son as chamadas terras de secaño, nas que o cultivo é
extensivo. Realízase en grandes extensións de terreo que producen unha colleita ao
ano e cada dous ou tres déixanse a barbeito. Nelas
cultívanse, por exemplo, cereais como o trigo, a cebada, etc.
As terras de regadío reciben, ademais, a auga que o agricultor lles facilita por
medio da rega. Son cultivos de carácter intensivo e producen dúas ou tres colleitas
ao ano. Neles cultívanse, xeralmente, plantas de horta. Exemplos típicos de zonas
de regadío son as fértiles hortas de Valencia e Murcia.
PROGRAMA DE RETORNO EDUCATIVO
8
d) Emendas. Son operacións consistentes en engadir ao terreo determinadas
substancias que modifican as súas propiedades físicas ou químicas. Poden ser
silíceas, arxilosas, calcarias e orgánicas.
e) Fertilizantes. Son mesturas de substancias orgánicas e sales minerais que
se verten sobre o solo para enriquecelo, cando vai perdendo o contido de
substancias orgánicas e inorgánicas.
Segundo a súa orixe os abonos poden ser:
- Orgánicos ou naturais: son os producidos pola propia natureza. Por
exemplo, o esterco.
- Inorgánicos ou minerais: son os elaborados nas fábricas de fertilizantes.
Poden ser nitroxenados, fosfatados, potásicos, etc., segundo o elemento que
incorporen ao solo.
O plan hidrolóxico nacional é un dos proxectos que demostran a solidariedade
entre as comunidades autónomas de España. Nel contémplanse unha serie de
obras hidráulicas, así como transvases para levar a auga da España húmida á
España seca.
4. A degradación do solo
Á diferenza do aire e da auga contaminados, que se poden limpar, o solo
unha vez destruído non é doado de recuperar. As causas que provocan esta
degradación son moi diversas e, entre outras, podemos enumerar as seguintes:
- A tala indiscriminada de bosques, na procura de novas superficies de cultivo,
o que provoca a perda da capa vexetal do solo e favorece a erosión.
- Os cultivos abusivos, que poden chegar a provocar a perda da fertilidade do
solo de forma irreversible.
- A gandería intensiva, que provoca a destrución da capa vexetal deixando o
solo baixo a acción dos axentes erosivos (vento e auga).
- A instalación de industrias incontroladas que poden producir contaminación
no solo.
- Os abundantes incendios forestais que producen a perda dos nutrientes do
solo e favorecen a erosión debido á eliminación da capa vexetal que o protexe.
- O emprego de produtos químicos tales como insecticidas, funxicidas,
herbicidas e fertilizantes de forma indiscriminada e abusiva.
- A contaminación do solo con grandes cantidades de residuos sólidos
urbanos, industriais, agrícolas, etc.
PROGRAMA DE RETORNO EDUCATIVO
9
5. Os incendios forestais
Para entender mellor o impacto dos incendios forestais na degradación do
solo é preciso coñecer a situación forestal de Galicia a nivel de produción e de
extensión arborada.
A situación forestal galega
O monte galego cumpría antigamente múltiples usos: producía madeira,
froitos, combustible para as vivendas, cama e pasto para o gando, etc., formando
unha parte importante da agricultura mixta galega. Tanto o monte arborado como o
desarborado cumprían un notable papel na economía labrega.
A partir de 1940 prodúcense cambios drásticos no monte galego ao primar a
repoboación forestal e o monocultivo e fomentarse a plantación de coníferas
(piñeiros) e eucaliptos. No período comprendido entre 1940 e 1960 os montes
comunais, aproveitados ata daquela para o pastoreo polos veciños de cada
parroquia, foron repoboados con especies de crecemento rápido.
Esta política forestal converteu a Galicia na primeira produtora de madeira de
piñeiro e de eucalipto de España, alcanzando case o 40% da produción total de
madeira. Esta política tivo consecuencias tan importantes como as seguintes:
- Gran impacto ambiental, empobrecemento do solo, alteración dos recursos
hídricos, aumento da erosión...
- Incendios forestais, que producen gran impacto no solo, na fauna e na flora
e fortes perdas económicas.
- Diminución da cabana gandeira de ovino e de caprino.
- Destrución do bosque autóctono pola plantación de especies foráneas de
crecemento rápido.
- Introdución de importantes industrias de aglomerado de madeira, chapa e
pasta de papel.
O impacto dos incendios forestais
O maior impacto ecolóxico negativo sobre o solo forestal deGalicia é o
provocado polos incendios forestais. Cada ano afectan aos montes galegos
destruíndo una importante riqueza. Os danos que ocasionan no medio ambiente son
de varios tipos, afectando ao solo, á flora, á fauna e á atmosfera, así como á estética
e á paisaxe.
a) O solo
As altas temperaturas dos incendios producen a combustión da materia
orgánica da terra. Por esta razón tamén diminúe a súa capacidade de retención de
auga, xerándose unha maior sequidade do solo que repele mesmo a auga da
chuvia, acentuándose deste xeito a escorredura e o arrastre da terra.
O equilibrio ecolóxico do solo tamén se rompe cos incendios xa que moitos
microorganismos sofren os efectos do lume e pode producirse unha esterilización
temporal nas súas capas superficiais.
A fertilidade inmediata que producen os incendios en nutrientes como fósforo,
potasio, calcio, etc., contidos antes na materia orgánica que se queima, remata
axiña e co paso do tempo a fertilidade do solo diminúe.
PROGRAMA DE RETORNO EDUCATIVO
10
b) A flora
A mortalidade das plantas e a desaparición da cuberta vexetal é evidente nos
incendios. Non obstante, algunas plantas saen beneficiadas con eles, como os
piñeiros e os eucaliptos, xa que as súas sementes atopan nel un medio idóneo para
xerminar e abrochar nas cinzas.
c) A fauna
A mortaldade animal é manifesta cos incendios forestais. Algúns animais
poden fuxir deles, pero a maioría non. A microfauna ligada á parte máis superficial
do solo é a que sofre as maiores perdas, pero todas as especies sofren baixas moi
notables ao perderen as fontes de alimentación, o seu propio hábitat, etc.
A rotura do equilibrio biolóxico provocada polo lume pode dar lugar á
aparición de pragas e de enfermidades antes descoñecidas. Así sucede cos insectos
e cos fungos.
d) A atmosfera
A combustión da madeira e da vexetación produce emisións á atmosfera de
partículas e gases como o monóxido de carbono, dióxido de carbono, compostos de
xofre e de nitróxeno.A respiración destes gases por parte dos animais pode dar lugar
a problemas de asfixia e á morte no caso de estaren nas proximidades do foco do
incendio e de resultar envoltos no fume.
As partículas prexudican a vexetación e a respiración dos seres humanos, ao
tempo que son foco de formación de néboas e diminución da visibilidade.
e) A estética e a paisaxe
Ás perdas citadas anteriormente temos que sumarlle a perda cultural, de lecer
e paisaxística que se produce cos incendios forestais.
Os incendios forestais son provocados case que na súa totalidade pola acción
do home. Unhas veces prodúcense por descoido ou neglixencia e outras veces
teñen unha orixe intencionada, sexa por pirómanos ou por especuladores da
madeira ou urbanísticos. A nosa colaboración é fundamental para erradicar da nosa
terra esta grave praga ecolóxica.
A propagación dos incendios tamén se pode ver favorecida por unha
desacertada xestión forestal, en canto a:
- Falla de criterio no deseño da rede de cortalumes.
- Non rozar os montes periodicamente.
- Realización de repoboacións ou plantacións con especies que arden con
máis facilidade que outras especies autóctonas que ofrecen máis resistencia ao
lume.
As alternativas
Existen moitas medidas para a prevención e a loita contraos incendios
forestais, mais ningunha campaña será eficaz sen unha política forestal que
contemple, ademais de criterios económicos, criterios ecolóxicos relacionados cos
ciclos dos nutrientes, o ciclo da auga, a protección do solo, a mellora da terra e a
PROGRAMA DE RETORNO EDUCATIVO
11
influencia positiva sobre a fauna, así como a adopción de medidas que primen a
plantación de especies frondosas adaptadas ás condicións do país.
Na nosa Comunidade Autónoma existen moitas especies forestais autóctonas
que poden igualar en rendibilidade económica as repoboacións realizadas a base de
coníferas. Estas especies son, entre outras, o bidueiro, o castiñeiro, a nogueira, a
abeleira, o carballo, a cerdeira, o ameneiro, o choupo, a faia, etc.
6. Compoñentes da codia terrestre: rochas e minerais
A superficie do noso planeta está constituída por fluídos e por sólidos que
forman os continentes sobre os que vivimos. A parte sólida ou litosfera ten unha
profundidade duns 90 km e está formada por rochas. As rochas están formadas por
mesturas de materiais que chamamos minerais. Polo tanto os minerais son a
materia prima que forma a litosfera.
7. As rochas
As rochas son os compoñentes sólidos da codia terrestre e están formadas
pola asociación de fragmentos minerais. Cada rocha ten unha serie de carácteres
como son o aspecto, a composición, a orixe, etc., que serven para diferencialas
unhas das outras. As rochas forman parte do noso relevo e da nosa paisaxe e teñen
unha gran importancia económica como fonte de materias primas. Ao estudar con
detalle unha rocha podemos apreciar que está formada pola agregación dunha serie
de corpos máis elementais que son os minerais.
Formación das rochas
Desde que a Terra quedou constituído como tal as rochas estanse a formar e
a destruír continuamente. As primeiras rochas formáronse pola solidificación dos
materiais fundidos que existen no interior da Terra que, ao arrefriarse, deron lugar ás
chamadas rochas magmáticas. Posteriormente, debido ás grandes presións e
temperaturas ás que estiveron sometidas, fóronse modificando estas primeiras
rochas dando lugar ás rochas metamórficas. Máis tarde aparecerían as rochas
sedimentarias formadas por fragmentos procedentes da destrución na superficie da
Terra das rochas xa existentes.
Clasificación das rochas
Ao examinar algunhas rochas, como por exemplo ogranito, podemos apreciar
facilmente que están formadas por minerais diferentes. Outras rochas como o
mármore vese que están formadas por un só mineral. As rochas que están formadas
por un único mineral reciben o nome de rochas simples e as rochas formadas por
varios minerais chámanse rochas compostas.
Todas as rochas teñen unha orixe. De acordo coa súa procedencia as rochas
clasifícanse en dous grandes grupos:
a) Esóxenas: Fórmanse na superficie da Terra e son as rochas
sedimentarias.
b) Endóxenas: Nacen no interior da Terra e poden ser de dous tipos:
- Rochas magmáticas: Fórmanse ao arrefriarse o magma fundido.
PROGRAMA DE RETORNO EDUCATIVO
12
- Rochas metamórficas: Fórmanse no interior da Terra ao se transformaren
unhas rochas noutras polas altas presións e as elevadas temperaturas que existen
no seu interior.
Ciclo das rochas
Cada tipo de rocha mantén estreitas relacións cos outros tipos, xa que
calquera rocha pode sufrir a acción dos axentes externos e producir sedimentos, así
como metamorfismo. Este proceso de transformacións dunhas rochas noutras ou
nelas mesmas é no que consiste o chamado ciclo das rochas.
8. Rochas magmáticas
Nas partes máis profundas da codia terrestre existen zonas nas que os
materiais están fundidos a altas temperaturas (nalgúns casos superiores a 1.000 ºC).
Estes materiais forman o chamado magma, e os lugares onde se atopan
denomínanse focos magmáticos.
Formación das rochas magmáticas
Cando a temperatura do magma descende por calquera circunstancia, ao
arrefriarse solidifícase, dando lugar ás rochas eruptivas ou magmáticas.
Ás veces este arrefriamento que produce a consolidación do magma ten lugar
no propio foco magmático. Outras veces prodúcese en lugares máis superficiais da
codia, ao ser impulsado o magma pola presión á que está sometido a través de
gretas ou aberturas que se van formando. Nalgúns casos as gretas da codia
terrestre chegan ata a superficie e o magma sae ao exterior. Así se forman os
volcáns nos que o magma que sae forma a lava, que se arrefría no exterior.
En cada un destes casos o magma orixina un tipo de rocha diferente.
Clasificación das rochas magmáticas
a) Plutónicas: Orixínanse cando o
magma se solidifica no interior da
Terra, no mesmo foco magmático,
sen chegar a saír á superficie. A
rocha plutónica máis abundante no
noso planeta é o granito, que forma
a masa fundamental dos
continentes.
b) Volcánicas: Orixínanse cando o
magma se solidifica na superficie da
Terra. A rocha volcánica máis
abundante no noso planeta é o basalto, que forma o solo dos océanos.
O granito
É un tipo de rocha formada no propio foco magmático, aínda que na
actualidade se pode encontrar en moitos lugares na superficie, debido a que as
capas de rochas que estaban enriba foron destruídas pola erosión. Atópase
formando grandes masas chamadas plutóns, polo que se di que é unha rocha
magmática plutónica.
PROGRAMA DE RETORNO EDUCATIVO
13
Se observamos un anaco de granito podemos apreciar que está formado por
grans de diferente cor e composición mesturados entre si. Os grans escuros teñen
moito brillo e pódense separar facilmente. Estes grans están formados por un
mineral chamado mica.
Entre os grans claros podemos distinguir uns de cor gris azulada que son moi
duros e que corresponden a un mineral chamado cuarzo.
Os outros grans claros son máis brandos e teñen a cor branca ou rosada
correspondente a outro mineral chamado ortosa.
O granito é, polo tanto, unha rocha composta que está formada por tres
minerais: mica, cuarzo e ortosa.
É unha rocha que abunda en moitas rexións españolas: Macizo Central,
Galicia, Estremadura, Perineos, etc.
O basalto
O basalto é unha rocha magmática de cor negra que a simple vista se
observa que está composta por grandes cristais de diferente tamaño. Con frecuencia
preséntase formando unha especie de columnatas de aspecto moi curioso.
9. Rochas sedimentarias
Todas as rochas da superficie terrestre están sometidas a un proceso
continuo de destrución por diferentes causas ou axentes, como son a calor, o frío, a
auga, as olas, o vento, etc.
Os materiais arrincados (anacos de rocha de maior ou menor tamaño) son
transportados a outros lugares e depositados alí. O acto de depositarse os materiais
transportados recibe o nome de sedimentación, e os materiais denomínanse
sedimentos.
Formación das rochas sedimentarias
Os materiais que son arrastrados corresponden a fragmentos de rochas máis
ou menos transformados que se depositan polo seu peso, dando lugar á chamada
sedimentación mecánica.
As substancias disoltas na auga sediméntanse cando reaccionan
quimicamente con outras substancias, dando lugar a outro tipo de sedimentación
chamada sedimentación química.
Finalmente, pódese producir tamén a sedimentación dos restos de seres
vivos, plantas e animais que abundan en moitos lugares. Esta é a chamada
sedimentación orgánica.
PROGRAMA DE RETORNO EDUCATIVO
14
Ao cabo de moito tempo os sedimentos, transportados como partículas
sólidas ou disoltas na auga, pódense chegar a consolidar e converterse noutras
rochas, dando lugar ás chamadas rochas sedimentarias.
Clasificación das rochas sedimentarias
Normalmente as rochas sedimentarias preséntanse en forma de capas ou
estratos. Este proceso de formación de estratos recibe o nome de estratificación.
As rochas sedimentarias poden ser:
a) Detríticas: Son as formadas a partir de fragmentos arrincados doutras
rochas, recibindo distintos nomes segundo o tamaño destas partículas como, por
exemplo, areas, conglomerados, arxilas, etc.
b) Químicas: Orixínanse pola precipitación das substancias disoltas na auga,
sexa por evaporación da mesma ou por un cambio químico. Ás veces, xunto con
estas substancias precipitan tamén outras partículas, cunchas, restos orgánicos, etc.
Por exemplo: estalactitas, estalagmitas, sílex, etc.
c) Orgánicas: Orixínanse pola acumulación de restos de seres vivos. Cando
morren, quedan soterrados e sofren transformacións que os converten en rochas.
Por exemplo, carbón, petróleo, ámbar, etc.
O carbón
O carbón procede de restos vexetais soterrados en augas pantanosas, nas
que non existe aire. Estes restos transformados pola acción das bacterias e os
fungos, convértense en carbón cando acadan grandes profundidades.
A orixe do carbón tivo lugar fundamentalmente nos grandes bosques que
existiron na Terra hai millóns de anos, cando os seus restos quedaron soterrados a
gran profundidade.
Existen varios tipos de carbón que se diferencian sobre todo pola proporción
que teñen de carbono. Pódense clasificar así en orde de maior a menor contido en
carbono:
- Antracita. É o carbón máis antigo e con maior riqueza en carbono.
- Hulla. É bastante rica en carbono e extráese de capas profundas nas
chamadas cuncas hulleiras en diversos lugares da Terra.
A hulla arde con facilidade e desprende unha gran cantidade de calor; por iso
é tan importante na industria como subministradora de enerxía. Tamén ten usos
domésticos nas calefaccións urbanas.
PROGRAMA DE RETORNO EDUCATIVO
15
- Lignito. É menos rico en carbono e nel pódense apreciar facilmente restos
de vexetais.
- Turba. É o carbón máis moderno e con menos proporción de carbono. Pola
súa riqueza en materia orgánica utilízase como fertilizante e como combustible
doméstico.
O petróleo
O petróleo é unha rocha porque se atopa de forma natural na litosfera. O
petróleo bruto, que brota dos pozos petrolíferos, é unha substancia líquida de cor
escura, de aspecto oleoso, menos densa cá auga e de forte olor. Está constituído
por unha mestura de substancias químicas chamadas hidrocarburos, compostos,
case en exclusiva, de carbono e hidróxeno.
A partir do petróleo obtéñense unha gran cantidade de produtos: gasolina,
gasóleo, fuel, aceites pesados, alcatrán, etc. Tamén se fabrican a partir dos seus
compoñentes centos de miles de produtos que son moi importantes na nosa
sociedade como son os plásticos.
Os depósitos petrolíferos atópanse sempre en terreos formados por rochas
sedimentarias, formando bolsas de petróleo nas que existe unha gran acumulación
de gas (metano) e auga salgada.
A orixe do petróleo é orgánica, é dicir formouse a partir de restos de seres
vivos, non vexetais, senón seres microscópicos, que vivían en mares pouco
profundos e que ao morrer, se depositaron no fondo, descompoñéndose para formar
este combustible tan valioso.
Os depósitos de petróleo están moi repartidos por todo o mundo, pero os
principais países produtores son:
- En América: EEUU, Venezuela, Canadá e México.
- En Asia: Kuwait, Arabia Saudita, Irán e Iraq.
- En Europa: Rusia, Gran Bretaña e Noruega (no mar do Norte).
A palabra “petróleo” deriva de dúas palabras latinas, petra e oleum, e significa
“aceite de rocha”. É unha rocha líquida coñecida xa na antigüidade. Os chineses
utilizábano para a cocción dos alimentos, a Biblia cítao como impermeabilizante da
arca de Noé e sábese que foi utilizado por bizantinos e árabes durante a Idade
Media como compoñente das súas armas incendiarias. Pero non chega a alcanzar
unha gran importancia económica ata que en 1859 E. L. Drake perfora, no estado
norteamericano de Pensylvania, o primeiro pozo petrolífero da historia.
A partir desta data, a prospección e explotación de depósitos petrolíferos foi
alcanzando tal intensidade que chegou a constituír un dos factores fundamentais da
economía e da política a nivel mundial.
10. Rochas metamórficas
Son rochas que se formaron pola transformación doutras rochas existentes
anteriormente, ao seren sometidas á acción de enormes presións e altas
temperaturas no interior da Terra. Este proceso de transformación recibe o nome de
metamorfismo.
PROGRAMA DE RETORNO EDUCATIVO
16
Clases de metamorfismo
Existen dous tipos de metamorfismo:
a) Metamorfismo rexional: É o producido pola presión dos sedimentos e
afecta a grandes áreas.
b) Metamorfismo de contacto: É o que experimentan as rochas como
consecuencia da temperatura, en lugar da presión, por atoparse próximas ao
magma.
Tipos de rochas metamórficas
Existen diversos tipos de rochas metamórficas segundo o grao de
metamorfismo que tiveran experimentado.
As principais son as seguintes:
a) Gneis. Son rochas metamórficas
producidas por unha gran presión. Teñen unha
composición moi parecida ao granito, só que
no granito non existe orde na distribución dos
grans que o forman mentres que no gneis
existe unha clara ordenación en capas.
b) Lousas. Son rochas afíns ao
gneis de cor moura, con reflexos de
distintas cores, suaves ao tacto e de
gran moi fino.
c) Mármores. Proceden das rochas calcarias próximas ás zonas magmáticas.
Ráianse facilmente coa navalla e poden ser de moitas cores: negro, vermello ,
verde, etc.,sendo os máis abundantes os de cor branca.
A cuarcita e o grafito son tamén rochas metamórficas.
11. Os minerais. Clasificación.
Como xa vimos anteriormente, os minerais son os compoñentes das rochas.
Ao estudar con detalle unha rocha podemos apreciar que está formada por unha
serie de elementos máis sinxelos que son os minerais.
Un mineral é unha sustancia natural inorgánica, sólida, que forma parte da
litosfera, cunha composición química determinada e que se presenta formando
PROGRAMA DE RETORNO EDUCATIVO
17
cristais (cristal é unha forma xeométrica que resulta da orde que posúen
internamente as partículas que forman o mineral).
Se observamos un anaco de granito podemos distinguir pequenos grans de
cores diferentes unidos entre si. Cada un destes grans corresponde a un mineral
distinto e recibe o nome de cristal.
Formación dos minerais
Os minerais orixínanse como consecuencia da acción de diversos axentes
xeolóxicos internos e externos. Algúns dos rocesos de formación dos minerais son
os seguintes:
- Por solidificación do magma como, por exemplo, o cuarzo.
- Por sublimación, ao arrefriarse os gases das erupcións volcánicas como, por
exemplo, o xofre.
- Por alteración doutros minerais, coma a limonita.
- Por sedimentación de substancias disoltas na auga, como o sal común.
Identificación dos minerais
Os minerais caracterízanse por presentaren diferentes propiedades físicas
que nos permiten identificalos con facilidade. Entre elas cómpre sinalar as seguintes:
a) Densidade: É a relación que existe entre a masa do mineral e o seu
volume. Mídese en g/cm3, kg/dm3, etc.
b) Tenacidade: É a resistencia que ofrece un mineral á súa rotura.
c) Fraxilidade: É a facilidade coa que un mineral se pode romper.
d) Dureza: É a resistencia a ser raiado e pode ser moi brando (talco), duro
(cuarzo), moi duro (diamante).
e) Exfoliación: É a propiedade dalgúns minerais de dividirse en láminas ou
escamas.
f) Cor: Para coñecer a verdadeira cor dun mineral é preciso raialo ou reducilo
a po. A cor da raia ou do po é a do propio mineral.
g) Brillo: É o aspecto que presenta a superficie dun mineral cando reflicte a
luz coa que é iluminado. Pode ser:metálico, vítreo, diamantino, etc.
h) Transparencia: Segundo deixen pasar a toda, unha parte ou ningunha luz
poden ser transparentes, translúcidos e opacos.
Localización dos minerais
Cando se producen en determinados lugares da codia terrestre
concentracións de minerais fórmanse os denominados xacementos. Estes poden
ser:
- Filóns: Son aberturas do terreo cheas de mineral, como a galena.
- Bolsas: Son masas de mineral sen forma determinada, como a bauxita.
- Estratos: Son capas de mineral superpostas, como o sal común.
Utilidade dos minerais
Un dos descubrimentos máis transcendentais na historia da humanidade foi
que a partir de determinados minerais se podían obter metais. O desenvolvemento
da metalurxia permitiu a elaboración de multitude de utensilios e ferramentas con
PROGRAMA DE RETORNO EDUCATIVO
18
todo tipo de metais. Tamén se descubriu que as calidades dalgúns metais se podían
mellorar mesturándoos con outros metais ou outras substancias. Son as chamadas
aliaxes.
Pero, ademais da obtención de metais, os minerais teñen outras utilidades
como por exemplo:
- Materiais de construción: xeso, cal, etc.
- Abonos: nitratos, fosfatos, etc..
- Alimentación: sal común
- Decoración: diamante, rubí, esmeralda, etc.
- Usos industriais: cuarzo, etc.
- Tratamento de pragas e enfermidades: xofre.
- Illamento térmico: amianto.
Clasificación dos minerais
Para estudar os minerais máis importantes que son obxecto de explotación,
procederemos a clasificalos en catro grupos.
Minerais metalíferos
Algúns metais como o ouro e a prata encóntranse na natureza en estado
puro. Non obstante a maioría encóntranse combinados con outros elementos
formando minerais que teñen aspectos moi diferentes dos metais que os integran.
A parte do mineral que se aproveita para a obtención do metal recibe o nome
de mena e a parte non aproveitable que acompaña é a ganga.
A metalurxia é o conxunto de procedementos técnicos que se utilizan para a
obtención, transformación e elaboración dos metais, separando previamente os
minerais da ganga.
Os minerais metalíferos máis importantes son os que se indican na táboa
seguinte, así como os correspondentes metais que se obteñen deles.
PROGRAMA DE RETORNO EDUCATIVO
19
Metal Mineral Propiedades e utilidades
Ferr
o
Magnetita
Está composto por ferro e osíxeno. É o mineral que
contén un 72 % de ferro. É gris escuro e moi denso. Pode actuar como imán.
Olixisto
Presenta distintos aspectos pero a súa raia é sempre de
cor vermella. Emprégase para a obtención do ferro
polo seu gran contido deste metal
Limonita Á parte de osíxeno e ferro
tamén contén auga. É de cor parda e amarelada
Pirita
Está composto de ferro e xofre. Mineral que presenta xeralmente cor dourada e brillo metálico. Emprégase
na industria para obter ácido sulfúrico mediante un
proceso que se realiza nos altos fornos.
Siderita Composto por osíxeno, ferro e carbono. É o mineral máis
pobre en ferro
Cobre
Calcopirita
Está formada por cobre, xofre e ferro. É de cor amarelo verdoso e de
aspecto metálico e brando, que se pode raiar cunha
navalla
Malaquita
É de cor verde, ten pouco interese pero chama a
atención pola súa beleza. Utilízase como obxecto de
adorno
Azurita É de cor azul. Emprégase para fabricar cables, cadros eléctricos, motores, etc.
PROGRAMA DE RETORNO EDUCATIVO
20
Chumbo Galena
Está formado por chumbo e xofre. É un mineral pesado,
brando e de cor gris. O chumbo emprégase para
fabricar baterías de automoción, tubos, etc
Cinc Blenda
Mineral formado por cinc e xofre. O cinc é un metal que se emprega sobre todo en aliaxe co cobre formando o latón. Ta mén se utiliza para protexer o ferro da corrosión mediante un proceso chamado galvanización.
Estaño Casiterita
Mineral pesado formado por estaño e osíxeno, de cor negra. O estaño aliado co cobre recibe o nome de
bronce. Emprégase como recubrimento protector do
ferro, na folla de lata, como metal de soldar, etc.
Aluminio Bauxita
É un composto hidratado de aluminio e osíxeno, de cor
rosada. O aluminio, polo seu consumo é o metal máis
utilizado despois do ferro. É un metal lixeiro e resistente á corrosión. Emprégase en
avións, coches, construción, etc
Minerais non metalíferos
O seu número é moi amplo, abundando sobre todo os compostos de silicio.
Os minerais que forman o granito, cuarzo, ortosa e mica, teñen diversas
aplicacións: o cuarzo utilízase como adorno, a mica como illante e a ortosa en
cerámica.
Outro grupo de minerais é o formado polas xemas ou pedras preciosas, que
teñen como características a súa beleza, brillo, dureza e facilidade para ser tallados.
O máis apreciado é o diamante.
O diamante é carbono puro cristalizado. É o mineral máis duro coñecido,
incoloro e cun brillo especial chamado diamantino. Os depósitos máis importantes
son os situados en África do Sur.
O cinabrio é un mineral pesado de cor vermella formado por mercurio e xofre.
O depósito máis importante do mundo está en Almadén (Cidade Real). España e
Italia son os países que producen máis mercurio do mundo.
PROGRAMA DE RETORNO EDUCATIVO
21
Outras pedras preciosas
As esmeraldas son pedras preciosas de gran valor, que
proceden dun mineral chamado berilo que ten variedades de cor
verde.
A ametista (violeta), o topacio (amarelo), o rubí (vermello) e o
zafiro (azul) forman as chamadas pedras preciosas orientais, que
proceden dun mineral chamado corindón, que se presenta
cristalizado en varias cores.
Outros minerais
A calcita é un mineral moi importante por ser moi
abundante en todo o mundo. Está formado por carbono,
osíxeno e calcio, que se combinan en forma de carbonato
cálcico. É branda e incolora.
O xeso está formando por xofre, osíxeno, calcio e auga.
Presenta distintos aspectos e cores: incoloro e
transparente, branco ou vermello.É o mineral máis
brando xa que se pode raiar coa unlla. Emprégase na
industria do cemento, na construción, en agricultura, etc.
12 Utilidade das rochas
Desde a prehistoria o ser humano aprendeu a sacar proveito das rochas. Nun
primeiro momento empregáronse para fabricar instrumentos: puntas de frecha,
proxectís, pesas e moas de muíños, etc. Posteriormente empregáronse na
construción de vivendas e, máis tarde, en monumentos e obras públicas: pontes,
acuedutos, etc.
O granito, pola súa dureza e resistencia á auga resulta un excelente material
de construción.
A lousa por ser impermeable e de corte fácil serve de material de cubrición na
construción de vivendas nas zonas húmidas.
Pola súa resistencia, durabilidade e, nalgúns casos, pola súa beleza, o
mármore emprégase na creación de esculturas e monumentos e na ornamentación
de edificios
A pedra calcaria é un dos materiais máis utilizados na construción e na
ornamentación dos grandes edificios, xa que se trata dunha rocha doada de cortar.
PROGRAMA DE RETORNO EDUCATIVO
22
O barro é arxila húmida e resulta moi fácil de manexar pola súa plasticidade,
polo que se utilizou desde a antigüidade como material de construción así como
para a fabricación de recipientes, louza, etc.
A maioría dos edificios actuais están construídos con rochas artificiais
fabricadas a partir doutras rochas como o xeso, a arxila ou o cemento. O cemento
obtense a partir dunha mestura feita con arxila e rocha calcaria deshidratada en
fornos especiais a alta temperatura.
O formigón é unha mestura de cemento, area, grava e auga que, ao fraguar,
alcanza unha gran resistencia. O formigón armado é formigón cunha estrutura de
aceiro no seu interior que lle proporciona unha maior resistencia á tracción e á
flexión, polo que é o material máis utilizado na actualidade na construción de
edificios, pontes, viadutos, etc.
Podemos clasificar as rochas e minerais en catro grupos segundo a súa
utilidade económica:
- Minería enerxética: explota os xacementos de carbón e de petróleo. En
Galicia os maiores xacementos son os de lignito que se atopan nas localidades de
As Pontes de García Rodríguez e Meirama. Utilízanse como combustible nas
centrais térmicas emprazadas nestas localidades para producir enerxía eléctrica.
- Minería metálica: ouro, estaño, volframio, chumbo, cinc, etc.
- Minería non metálica: cuarzo, caolín, arxila, magnesita e áridos para a
construción.
- Rochas ornamentais: granito, lousa, etc.