XVI ENCONTRO REDE SOLIDARIA DA MOCIDADE ENTRECULTURAS
Un ano máis iniciamos o curso cun encontro en Rede, para poder compartir unha xornada
lúdica e pedagóxica con outros mozos e mozas da Rede Solidaria da Mocidade Entrecuturas. Nesta
ocasión un total de 22 alumnos/as (a representación masculina recaeu en dúas novas incorporacións:
Zito (1º ESO) e Álex (3º ESO) e dúas profesoras dedicamos un soleado sábado (25 outubro 2014) para
viaxar cara a Santiago e dirixímonos ao Instituto Arcebispo Xelmirez I, centro anfitrión deste encontro.
A xornada comezou cunha cálida acollida, non só polo sol que brillaba no ceo neste anodino día
outonal, senón por parte dos alumnos/as e profesores/as do Xelmirez, que prepararon este evento con
moito cariño e ilusión. Tras unha breve presentación do planning do día, todos os rapaces e rapazas
realizaron diferentes dinámicas centradas na temática dos dereitos humanos, mentres que os docentes
realizabamos a nosa formación, adquirindo novas ferramentas didácticas para abordar a educación
emocional.
E despois de tanto traballar… devoramos ao aire libre o xantar que nos estaba esperando, pizza
e macarroni, mamma mía!! E de postre… a elaboración das axendas solidarias. O multitudinario grupo
do CPI Virxe da Cela (coidadosamente uniformados coas súas xa características camisetas amarelas)
reuniuse nunha escaleira para decidir as posibles actividades a realizar durante este curso académico
2014-2015: as que xa son case que “oficiais” (rastro solidario, operación quilo, recollida de tapóns, etc),
e tamén novas ideas como visitar un asilo de anciáns, realizar unha “chiculatada solidaria”, gravar un
videoclip, etc. E antes de que cada centro expuxese a súa axenda, dúas alumnas do Xelmirez impartiron
unha interesantísima charla sobre a súas vivencias en Nicaragua. Como broche final os/as profes
asistentes ao encontro subiron ao escenario a facer unha pequena actuación-homenaxe á Rede
Solidaria, que en Galicia cumpriu nin máis nin menos que 10 anos de existencia!!
A despedida foi espectacular, a ritmo de capoeira. Todos os rapaces e rapazas asistiron a unha
demostración desta curiosa danza afro-brasileira realizada no patio, e non soamente ollaron coa boca
aberta as acrobacias dos bailaríns, senón que tiveron a oportunidade de recibir unha pequena clase de
achegamento a esta disciplina, tanto na práctica instrumental como no movemento. Está claro que con
este tipo de encontros a Rede Solidaria da Mocidade Entreculturas ten garantidos polo menos outros
dez anos máis de andainas!!!
Top Related