MANUEL MARÍA
ENDLG
IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
MANUEL MARÍA
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
AUTOPOÉTICA
Cando servidor tiña vinte e poucos anos dicía que non sabía o que é a Poesía.Tamén afirmaba que a misión do poeta e da Poesía é agrandar o mundo, tódolos mundos. Cando tiña cincuenta e cinco anos intentou explicar o que é un poema. E saíronlle estes versos:
Un poema é un ser vivo que anda, respira, soña, chora, salouca, ama, berra, centila e escurece, cala, aborrece a mentira, sente odio e ternura, desángrase, fala de intimidade a intimidade coas cousas e coa xente, suxere mundos e imposibles, suda, cansa, sofre sede e fame, adoece, agoniza. E nunca morre.
Agora, despois de tantos anos e de tantas voltas que deu a vida e a Poesía, un segue na mesma: sen saber. A única certeza que ten e á que se atén, repetida infinidade de veces, é a seguinte: un de si mesmo sabe que escribe versos. O que non sabe é se será ou non será poeta.
Os lonxes do solpor serían, sen ti, tristes e escuros.
Manuel María, 1993
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
MARIÑEIRO NO MUÍÑO
Mariñeiro de luares
só sinto o teu influxo,
ai amor, a sotavento.
¡Ás veces vou muiñando
o teu querer nun muíño
que me move a barlovento! Muiñeiro de brétemas. Pontevedra, 1950
CANCIÓN Á MIÑA ABULIA ACENTUADA
Inquirín a miña inocencia no cabalo
sen brida do meu verso.
Neste verán apático rachei flores
coa miña carraxe de verdade verbeneira.
Miña nai confesoume que eu tiña
unha alma moi moderna.
As miñas verbas tiveron agullas
secretas para aquel xoven profesor
que me suspendeu literatura.
Agacheime de min mesmo algunha vez
e respirei ávidos ventos nacidos
máis aló da cursi primavera.
Escribireille lindas cartas
á miña simpática monada:
pomba de verbas sen sentido.
De aquí para diante seguirei facendo
versos, cumprirei 50 anos
e morrerei unha noite de inverno
sen silencio de estrelas nin de flores. Morrendo a cada intre. Lugo, 1952
MANUEL MARÍA AOS 45 ANOS
Algún día cecais chegue a ser
-Deus non mo permita-
un morto profesor de Historia,
de Literatura ou de Filosofía
e terei que poñer ceros
a rapazas xeitosas, con coxas
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
de non vencidas plumas
e seos de ritmos sensitivos.
Os meus amigos, ao ollarme pasar,
cecais me paren, pra dicirme:
"Manuel María: ti es unha momia
que vives a cen légoas desta vida..."
E eu marcharei insensibelmente
paseando a ridícula
caricatura de min mesmo,
escribirei poemas ben medidos,
estarei ás 9 en punto no instituto
e diranme os meus alumnos
ao atoparme no paseo vespertino:
"Boas tardes teña vostede, don Manueliño..."
Morrendo a cada intre. Lugo, 1952
O MISTERIO DA NOITE
Non debedes ferir
ese misterio branco
que levan os paxaros
nos seus pequenos beizos.
¿Non ollades aletexar
un misterioso medo
nas súas pálpebras longas, longas
lonxanas como o vento?
Non molestedes aos
pequenos paxaros: son
follas tenras, nacidas
unha longa noite de silencio.
Da penumbra
branqueada de vermello
caeron os seus chíos,
lentos, feitos de medo.
Advento. Bos Aires, 1954
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
TERRA CHÁ
A Terra Cha somentes é:
un povo aquí, outro acolá,
mil arbres, monte raso,
un ceo chumbo e tráxico
no que andan as aves a voar.
O resto é soedá.
Terra Cha. Lugo, 1954
(Son de poetas)
O CARRO
Non canta na Chá ninguén.
Por eso o meu carro canta.
Canta o seu eixo tan ben
que a señardade me espanta.
Non hai canto tan fermoso:
fino como un asubío.
Anque é, ás vegadas, saudoso,
faise, no ar, rechouchío.
O meu carro é cerna dura:
sábese carballo e freixo.
¡Que fermosa a súa feitura!
¡Que lixeireza a do eixo!
As cousas vanse aledando
por onde o meu carro pasa.
¡Carrétame herba pró gando!
¡Traime a colleita pra casa!
Terra Cha. Lugo, 1954 (Casa Museo Manuel Maria. Audio)
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
CARNÉ DE IDENTIDADE
Eu son Manuel María.
Nacín no 29, o 6 de Outono,
en Outeiro de Rei da Terra Chá.
Son dunha caste rexa de labregos
fieles á súa terra e ao seu Deus.
Agora son un namorado.
Eu son Manuel María.
Cantor da Terra Chá que algunhos din.
Cantor da terra chá que leva un
clavada nas entrañas, penso eu.
Eu son Manuel María,
labrego con algo de poeta.
Por eso gardo as albas
no fondo dos meus ollos
e ando de vagar o meu camiño,
e pídolles ás cousas a súa tenrura
e aos homes pídolles verdade.
Non teño máis tarefa:
son unha humilde folla que salaia
na noite escura movida polo vento.
Eu son Manuel María,
eu son tan só, lonxano e feble. Documentos personaes. Lugo, 1958
SUCESOS
Aconteceu unha desgracia irreparábel.
Vén no xornal de hoxe, cuarta páxina:
"Apareceu un pombo suicidado.
Aforcouse onte pola noite
na ponla florida dun cereixal.
Ignóranse os motivos, porque o morto
non tivo sequer a xentileza
de escribir unha carta desculpándose".
Recibíronse moitas mostras de pesar
e hoxe ao seu enterro asistirá,
vestida de loito rigoroso,
a Sociedade Protectora de Animais. Documentos personaes. Lugo, 1958
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
GUÍA COMERCIAL
Dende agora os poetas non precisan
andar ollando a lúa para inspirarse,
abóndalles con ler
os nosos ANUNCIOS POR PALABRAS:
"Véndense angurias, estrelas, albas, lúas e solpores. Véndense diccionarios da rima
tenros como nata. Temos almas de flores
e chíos de paxaros. Todo moi barato. Damos 30 prazos. Remesamos os pedidos a reembolso, en gran velocidade e porte pago."
Documentos personaes. Lugo, 1958
BANDO
Prohíbese, por orde da Alcaldía,
que medren porque si
as rosas do xardín municipal.
Dende agora as pombas teñen
que pedir licenza para voar.
Prohíbeselle á lúa
andar ceiba de noite polo ceo.
A lúa é unha tola que anda espida
dando mal exemplo ás nenas castas
e aos fillos de familia.
Pagarán trabucos os poetas.
Prohíbese soñar de 10 a 11.
Prohíbese tamén derramar bágoas.
Pódese chorar tan só cando hai sequía
pra que non fiquen baldeiros os pantanos.
Un só se pode emocionar
os Xoves e os Domingos
cando toca
a Banda do Concello no quiosco.
Están fóra da lei
as estrelas, a Primavera,
as flores e os paxaros.
Dáse este bando en tal e cal
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
para que se cumpra
de orde do alcalde.
Asinado, carimbado e rubricado.
Documentos personaes. Lugo, 1958 (Casa Museo Manuel Maria. Audio)
¿Cando faltará na miña alma
a inquietude...?
Salmo 12,2
¡Teño medo!
¡De todo canto
ollo
case nada
comprendo...!
¡E tremo...!
¡Tremo,
Señor,
como a folliña
movida polo vento!
Libro de pregos. Lugo, 1962
VERBAS A UN IRMAU
Escoita, irmau, as miñas verbas:
son sinxelas e impuras
como as verbas feridas
co coitelo dos beizos, cada día.
Vouche decir tan só que teño
a miña mau tendida,
aberta, núa e viva como o mar.
Que teño, irmau, maduro o corazón
pra gardar nel as verbas túas.
Que a vida é moi fermosa
aínda que hai homes
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
que teñen os beizos emporcados
con verbas de falsía,
i o corazón podre polo odio,
i as maus pingando sangue,
i agachados, no fondo dos seus petos,
en vixía,
coitelos e pistolas asesinas.
¿Que importa, irmau, que morra o día
si a súa morte
abre en nós a espranza do mencer?
Non temas.
Aínda o paxaro ten canciós
i as estrelas se alcenden cada noite. Mar Maior. Vigo, 1963
(Son de poetas)
VERBAS A MIÑA NAI
Dígoche agora, nai, estas razós
porque quero voltarche
aquelas verbas doces como o mel
que aprendín nos teus beizos
cando neno.
¡Non teño, nai, a túa tenrura!
Eu, que ando empeñado
en ser poeta,
non teño verbas
doces,
sinxelas,
claras,
amorosas,
como as verbas
con que ti me arrolaches,
miña nai.
Cecais sexa tolemia
este tentar apreixar verbas amantes
para che facer con elas un cantar.
Cecais
a vida pobre que vivín
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
me secou a fonte da tenrura
e por iso estas verbas
son secas como seixos.
Xa ves:
non teño verbas
pero teño un salouco que me enche todo o peito. Mar Maior. Vigo, 1963
POEMA DA INFANCIA PERDIDA
A infancia é a miña patria
verdadeira.
O meu paraíso perdido.
Lembro a pureza dos meus soños.
O pasmo que me causaban
as estrelas.
As paisaxes que quedaron
nos meus ollos.
Os contos do avó.
A doce voz de miña nai.
As verbas de meu pai.
Os xogos compartidos
cos irmaos.
E tantas cousas fondas
que forman parte inseparábel
de min mesmo.
Aquela pureza xa non é
e teño soedade
daquel neno sinxelo
que antes fun.
¡Deixádeme ser triste
ou senón
voltádeme outra vez
a miña infancia!
Mar Maior. Vigo, 1963
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
LABREGO
Toda a miña xente
de labregos foi,
xunguidos á terra
con xugo de boi.
Meu pai é labrego,
tamén meus avós:
¡pasáronse a vida
tripando terrós...!
Meu pai é labrego,
labrego naceu,
¡e labra nos eidos
traballando a treu!
Meu pai é labrego,
labrego naceu.
¡Meu pai é labrego,
sen terra de seu!
Meu pai é labrego,
labreguiño eu son.
¡Pasarei a vida
xunguido ao terrón! Os soños na gaiola. Lugo, 1968
(Casa Museo Manuel Maria. Audio)
O ARADIÑO
Labrado da miña mau
Fixen coa miña navalla
Un aradiño de pau.
Un aradiño de pau.
Leva timón e chavella
E unha rella furadora
Feita cunha lata vella.
Feita cunha lata vella.
Ten orelleira, rabela
Tan luída e rematada
Que namora mirar pra ela.
Que namora mirar pra ela.
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
O meu arado e tan feito
Que pode incluso esfender
Labradíos a barbeito
Labradíos a barbeito.
Teño xa que darlle éstreno
Ó meu arado arador,
Ó meu arado pequeno
Ó meu arado pequeno.
E non sei ónde hei de ir
Buscar os bois que preciso,
Buscar os bois pra xunguir,
Buscar os bois pra xunguir.
Labrado da miña mau
Fixen coa miña navalla
Un aradiño de pau.
Un aradiño de pau.
Un aradiño de pau. Os soños na gaiola. Lugo, 1968
(Casa Museo Manuel Maria. Audio)
Eu son de Outeiro de
Rei,
viliña da Terra Chá,
onde aprendín a viver
e a soñar con libertá.
Teño dous grandes amigos
de trato noble e sinxelo:
o caudaloso Pai Miño
e o regato de Cepelo.
Vivín en Lugo algúns anos,
conseguín ser bachiller
e gastei a adolescencia
en troulear e escreber.
En Lugo atopei, pra
sempre,
o meu amor, que é Saleta:
¡comigo a vida non puido
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
ser máis xentil e
perfecta!
Casamos. Quixo o destino
-ou cecais a nosa sorte-
que levemos moitos anos
con residencia en
Monforte.
Nós sempre fomos galegos
sinxelos e verdadeiros,
soñadores, trotamundos,
editores e libreiros...
Profesión... ¡procurador!
Ando a exercer como tal
pro sempre usei dese oficio
dun xeito limpo e cabal.
Hai quen dí que son autor
prolífico e incontinente.
¡Ben o sinto! ¡E teño mágoa
de non ser máis competente!
Pra que os leades na casa
e os disfrutedes na escola
escribín con moito amor,
os meus Soños na gaiola.
E aquí sigo: ledo, ufano,
satisfeito de estar vivo.
Mentras o tempo me gasta:
¡paseo, leo e escribo...! Os soños na gaiola. Lugo, 1968
GALICIA
Galicia docemente
Está ollando ó mar:
¡ten vales e montañas
E terras pra labrar!
Ten portos, mariñeiros
Cidades e labregos
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
¡cargados de traballos
Cargados de trafegos!
Galicia é unha nai
Velliña, soñadora:
¡na voz da gaita rise,
Na voz da gaita chora!
Galicia é o que vemos:
A terra o mar, o vento...
¡pro hai outra galicia
Que vai no sentimento!
Galicia somos nós:
A xente e mais a fala.
¡si buscas a galicia
En ti tes que atopa- la!
Galicia somos nós:
A xente e mais a fala.
¡si buscas a galicia
En ti tes que atopa- la!
Os soños na gaiola. Lugo, 1968 (Casa Museo Manuel Maria. Audio)
MANUAL PARA DEPRENDER PARA SEÑORITO
Aínda que un non sexa moi bonito
non é difícil chegar a señorito.
Primeiro hai que odiar o comunismo,
e pensar somentes en un mismo,
non facerlle moito caso aos pais,
tratar con certo desprecio aos demais.
Hai que ter en conta o que convén,
adequirir modales finos,
codearse só con "xente ben",
aproveitados, cucos e cretinos,
ser socio de todos os casinos,
mercar sempre autos deportivos
e traxes e corbatas elegantes,
coñecer toda clás de aperitivos,
saberse comportar nos restaurantes,
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
distinguir os wiskis ao cheiralos,
entender de bridge e de canasta,
de golf, de tenis e cabalos,
non alternar con xente doutra casta.
Tamén é convenente ter querida,
xantar e cear sempre a deshoras,
abusar o que se poida da bebida
e ser moi galante coas señoras.
Non falar galego endexamais
(é idioma do pobo, moi vulgar),
vivir do que súan os demais,
¡e denantes morrer que traballar!
Versos para cantar en feiras e romaxes (1969)
(Casa Museo Manuel Maria. Audio)
Non creas o que din os xornais,
nin o que berran
as estaciós da radio,
nin os números xeados
que traen as estadísticas.
Non te fíes tampouco
no que se le nas guías
feitas para uso de turistas.
Non enchas o teu corazón
-tan canso e tan velliño-
coas canciós de moda.
Non lle dés creto ningún
á propaganda.
Non ergas na túa intimidade
-no lugar que algún día
ocuparon os deuses-
a imaxe dun ídolo
que pode ser un futbolista,
unha estrela de cine,
un charlatán,
cecais un falso amigo.
Recóllete en ti, ¡ouh
pobo meu!, medita,
chora longamente
os teus pecados.
E así que esteña purificado
polas bágoas:
olla a realidade
na qu vives
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
e abre, para sempre,
os teus ollos puros cara a luz. Versos para un país de minifundios. Bos Aires, 1969
CANCIÓN PRA CANTAR TODOS OS DÍAS
HAI que defender o idioma como sexa:
con rabia, con furor, a metrallazos.
Hai que defender a fala en loita rexa
con tanques, avións e a puñetazos.
Hai que ser duros, peleóns, intransixentes
cos que teñen vocación de señoritos,
cos porcos desertores repelentes,
cos cabras, cos castróns e cos cabritos.
Temos que pelexar cos renegados,
cos que intentan borrar a nosa fala.
Temos que loitar cos desleigados
que desexan matala e enterrala.
Seríamos, sen fala, unhos ninguén,
unhas cantas galiñas desplumadas.
Os nosos inimigos saben ben
que as palabras vencen ás espadas.
O idioma somos nós, povo comun,
vencello que nos xungue e ten en pé,
herencia secular de cada un,
fogar no que arde acesa a nosa fe.
Cancións do lusco ao fusco. Monforte, 1970
(Casa Museo Manuel Maria. Audio)
CANCIÓN PRA CANDO SE ESCOITA FALAR CASTRAPO
Ollade esa antroidada: son galegos,
xente do pobo, sinxela e moi normal.
Olládeos, como un fato de borregos,
falando o seu castrapo "tipical".
Esprésanse nunha estrana xerigonza,
van falando un idioma que non hai.
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
E sinten fondo reparo, gran vergonza,
en falar, como é debido, a fala nai.
Ollade ós moi paletos e cretinos
ladrando o seu castrapo por aí,
intentando ser lidos, cultos, finos
imitando ós "castizos" de Madrí.
Eles, probes, non poden ser culpados
polo seu idioma, tristeiro i anormal.
A culpa é de quen di: "Sede educados,
que falar galego está moi mal..."
Cancións do lusco ao fusco. Monforte, 1970
(Son de poetas)
HISTORIA DE
GALICIA
A nosa Historia
cabe
en poucas páxinas:
o sangue vertido
no Medulio,
as revoltas
irmandiñas,
Pardo de Cela,
a voz dos
Precursores
ardendo
en luminosa
profecía:
Faraldo,
Brañas,
Rosalía,
Curros,
Pondal,
os Mártires de
Carral,
Vilar Ponte,
Cabanillas,
Aleixandre Bóveda,
Castelao de Rianxo,
a ringleira sen fin
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
dos emigrados...
Ao lembrar
a nosa Historia
verdadeira
todo o noso ser
se pon en pé,
a nosa conciencia
esperta alporecida,
ferve o noso sangue,
latexa máis forte
o noso corazón,
sentimos a forza
das raigañas
que nos xuguen
á terra
e ao seu sino;
escoitamos como
a voz do vento
nos relata
os feitos memorábeis,
esquecidos adrede
nos manuais ao uso.
As árbores,
os camiños,
os penedos,
os ríos,
os cruceiros,
gardan a lembranza
daquelo que nunca
poderemos esquecer
porque é o que
nos fai sentir pobo
e nos empuxa
cara un futuro que temos que facer.
Aldraxe contra xistra (1973)
(Casa Museo Manuel Maria. Audio)
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
ACUSO Á CLASE MEDIA
Acuso á clase media —grandes e pequenos burgueses—
porque eles foron e son os que traizoan
o espírito sinxelo, enxebre e antergo de Galicia.
Pertenzo ao pobo e falo no seu nome.
Falo en nome dos mariñeiros, dos labregos,
dos ferreiros, dos criados de servir,
dos zoqueiros, dos muiñeiros e arrieiros;
dos humildes carpinteiros de ribeira,
dos alugados que ian a Castela;
dos caseiros que non teñen terra de seu;
dos que se ven obrigados a emigrar;
dos pobres de espírito e dos pobres de pedir;
do coitado xornaleiro que de sol a sol
ainda anda virando a terra co arado romano.
Falo en nome de todos aqueles que,
anque teñen razón, non llela dan.
Acuso á clase media de egoísmo,
de non ser solidaria co seu pobo,
de brutalidade e de ignorancia,
de lle bicar os pés aos poderosos,
de traficar coa fame e coa miseria,
de vivir na súa terra despreciándoa,
intentando borrar o seu ser idioma,
asasinando o seu ser diferenciado.
Acuso á clase media de servil,
de axionallarse diante dos que mandan,
traicionando aos seus, á xente súa,
ao pobo indefenso e aldraxado.
Acuso á clase media de imitar
as modas que impoñen en Madrid
e de pechar cobardemente os ollos
ás realidades que teñen diante si.
Clase media, grandes e pequenos burgueses,
comerciantes enriquecidos co estraperlo,
viñateiros, aceiteiros, contratistas,
abogados sen lei e sen conciencia,
propietarios de casas e de contas correntes,
burócratas que adulades ao amo
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
e que esquecedes ao pobo do que vides;
xentes que comerciades coa emigración,
coa fame, coa inxustiza e coa miseria;
ladróns que procurades títulos nobiliarios,
asasinos que mercades indulxencias e autos
derradeiro modelo que vos leven ao ceo,
¡no nome do pobo, eu vos acuso!
Remol. Bos Aires, 1970
(Audio na propia voz do poeta)
POEMA DO ALLEADO
Son un bilingüista
moi apaixonado,
un colonialista
ben colonizado.
Teño lingua nai,
e unha lingua pai
e unha lingua filla
que marabilla.
... ... ... ... ... ...
Son un alleado
fino e progresista
ben domesticado.
¡Son un castrapista
como está mandado! Cantos rodados para alleados e colonizados (1976)
(Casa Museo Manuel Maria. Audio)
INVOCACIÓN A CASTELAO
Home cabal,
conciencia comunal,
forte penedo
contra a noite e o medo,
trono
que nos tirou o sono
facéndonos acordar
e camiñar,
fe poderosa
que estea á patria nosa,
limpa aurora,
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
vida fecunda e creadora,
voz que berra
a verdade da Terra,
guieiro,
compañeiro
preciso como o pan,
tremor humán,
facho puro
alumando o escuro.
Castelao:
pai e irmao.
Verba de luz inxel:
¡Daniel! Cantos rodados para alleados e colonizados (1976)
IDIOMA MEU
Idioma meu, homilde, nidio, popular,
labriego, suburbial e mariñeiro
que fas avergoñar
ó burgués, ó señorito i o tendeiro:
levas sangue do povo
e raigañas escuras
que anuncian un día novo
sin mágoas nin tristuras.
Idioma proscrito,
asoballado,
soterrado,
refugado,
negado
como a probeza i o delito,
fala do emigrante e do maldito:
soio resoas nos lares
das xentes populares.
¡Ti tés que rexurdir puro,
poderoso, enteiro
pra erguer noso futuro
de povo ausoluto e verdadeiro!
Cantos rodados para alleados e colonizados (1976)
(Casa Museo Manuel Maria. Audio)
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
Teoría ético-poética ou poema
para non cheirar unha flor
poema popular
para espallar
polo ar
poema popular
para cantar
e chorar
REFRÁN:
un poema non é un pan
e moito menos un can
poema con rima
de feitura prima
do pé deica a cima
poema chorima
sen ningún enigma
que mesmo dá grima
MOR-ALEXA:
hai unha estrela que mexa
poema medido
con tino, sentido
e moi fino ouvido
poema luído,
moído
remata en oulido
ASI-OMA:
¡mala centella te coma! poema paixón
con indignación
contra a emigración
poema con NON,
faltón,
protestón
Cantos rodados para alleados e colonizados (1976).
POEMA HOMENAXE A XOSÉ RAMÓN REBOIRAS
Xosé Ramón Reboiras Noia,
amigo, camarada, estrela
vermella-azul-branca no mencer
prometedor da nosa patria,
heroe en tempo de traizón,
corrupción/covardía,
martelo
proletario,
remo
con saibo e sal e iodo;
fouce labrega/vingadora;
espiral que vén dendes do
fondo do tempo para abrirse
en claridade e futuro.
Ti eres
a pedra=mestra para
re-edificar a nosa casa.
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
Puideron segarche a vida,
¡ouh, Moncho, meu irmao!,
a – se – si – nar – te.
O que eles non puideron,
nin poderán endexamais,
é arrincar / esmagar a
semente que deixache
esparexida no corazón
do pobo,
na vixiante
conciencia colectiva
e que
xa está a agromar en
patria-ceibe / socialista.
Este é, ¡ouh camarada,
amigo e irmao
i
nes
quen
cí
bel!
A túa vin-gan-za,
a nosa
vinganza i-ne-xo-rá-bel. Poemas para construír unha patria. Galiza, 1977
A FALA
O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.
O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.
O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.
O idioma é un herdo,
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.
O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.
O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!
O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.
Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!
As rúas do vento ceibe. A Coruña, 1979
(Son de poetas)
OS MÁRTIRES DE 1846
Foi polo mes de Abril,
no século dezanove.
¡Un berro forte, baril
a toda a patria conmove!
Solís en Lugo berrou
un berro de rebeldía.
¡Galiza enteira acordou!
¡O pobo enteiro se erguía!
Pois a patria desta feita
cumpriría as súas angueiras.
¡Pro logo veu a desfeita!
¡Perdeuse todo en Cacheiras!
Solís e os seus oficiais
foron no intre xulgados.
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
¡Aqueles homes leais
remataron fusilados...!
En Carral está a cova
dos Herois da Liberdade
¡sempre fecunda e nova
que un día será verdade...! As rúas do vento ceibe. A Coruña, 1979
A BANDEIRA
A bandeira de Galiza
é dun branco inmaculado
con unha banda de azul
que a atravesa lado a lado.
E no medio do azul
-cores do ceo e do mar-
a estrela de cinco puntas
como un facho a relumbrar
Esa estreliña vermella
de sangue roxa e caudal
é signo liberador
do asoballo nacional.
A bandeira de Galiza
sen a estreliña vermella
parece que algo lle falta:
¡un soño morto semella!
Vermello, branco e azul
berran na nosa bandeira
¡a nosa esperanza de hoxe
e a da Galicia vindeira! As rúas do vento ceibe. A Coruña, 1979
Son un forasteiro na cidade en que vivo,
na propia tribo natal,
incluso na patria do corazón,
na que escollín e me escolleu,
na que máis amo.
¿Qué fado tráxico, qué estraña
maldición ou odio mostruoso
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
fan de min un raro forasteiro
na miña propia, irrenunciábel patria?
Eu, que son nube, vento, río,
árbore, penedo, mar, tremor,
fala e terra desta miña terra,
non poderei ser nunca un forasteiro:
aínda que o queirades. E eu o queira. A luz resucitada. A Coruña, 1984
Un sigue sereno, teimudo e confiado
agardando o sinal, a luz que poña
a camiñar de vez a xente nosa
e faga desta tribo tenebrosa
un pobo enteiro verdadeiro.
Por un non sentiu, nin sinte
premuras, urxencias, agonías:
sabe que a existencia dun home
é sempre corta
e que a vida dun pobo vai ao lonxe.
A luz resucitada. A Coruña, 1984
TENRURA
Pouco importa que a ave da esperanza
ou a chispa amarela do desexo
crucen por nós como un salouco
para converterse en néboa
ou sombra esvaída na lembranza.
O que de verdade importa,
amada e irrenunciábel compañeira,
é a chama delicada da tenrura
coa que alcendemos o lume
no que queimamos a monótona
tristeza dos días e onde arde,
serea e mansamente, a árbore
fidel e rumorosa da nosa propia vida.
Preguntas e preguntas e preguntas,
decote a preguntar. Ninguén responde.
A luz resucitada. A Coruña, 1984
(Son de poetas)
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
A ROSALÍA
Santiago de Compostela, alma do mundo:
non podo ollarte enteira
no teu silencio claro e amoroso de campana
que chora sobre o corazón do mundo
e sobor do teu propio corazón cuberto de aves [...]
[...] Santiago de Compostela, alma de ti o do teu pobo:
¿que fantasma te habita eternamente?
¿Que luz cha dá a claridade?
¿Que arcanxo vive a garda as túas fronteiras?
[...] Aí estás Compostela, sempre miña,
téndote a ti mesma, aluado corazón,
na túa alma, no teu sangue e na túa carne.
[...] Compostela, alma dun pobo que chora, sorrí
e que te ama.
Santiago de Compostela, noiva da morte,
nas túas rúas de pedra,
nos teus ceos de pedra,
no teu ser de pedra e lume,
no teu ollar de boi feito escultura,
no teu deus lonxano, fondamente perdido
aboiando no teu soño de séculos.
Compostela da morte, da choiva e dos pregos
sempre a buscar a Rosalía que cante as túas campanas,
a túa alma e os teus anxos inquedos.
Compostela, dime dos teus beizos:
¿por que
me fas sentir como unha morte a túa saudade...?
Poemas a Compostela. Santiago, 1993
AGORA QUE GASTEI OS MEUS OUTONOS
Agora, que gastei os meus outonos
e ben entrado xa no propio inverno,
acredito no fugaz e no eterno
e só me asusta o raio, non os tronos.
Un, dende fai moitos anos, comprendeu
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
que todo é asegún e relativo
e ninguén é tan bo nen tan cativo,
nen podemos prescindir do propio eu.
Gardo dentro de min toda a fragancia
dos amados rincós da miña infancia
e os recendos que tiña a vella casa.
Foi chama o meu amor. Agora é brasa.
Saleta sempre. Perdón pola arrogancia:
"A luz é poderosa. A tebra, escasa."
Sonetos á Casa de Hortas. A Coruña, 1997
(Son de poetas)
Eu, que ía pra maorazgo ou vinculeiro,
da grande e vella casa de labranza,
perdín -cousas da vida- tal herdanza,
que o destino marcoume outro roteiro.
E convertinme case en extranxeiro,
nun excluído da fe e da esperanza,
do que moito se esforza e non alcanza
a condición auténtica de herdeiro.
Usei o tempo, teimudo e ilusionado,
na procura do lugar máis axeitado
para vivir a vida verdadeira...
E todo inútil. Non din enraizado.
Gracias a ti, Saleta, compañeira,
non ando polo mundo desnortado. Sonetos á Casa de Hortas. A Coruña, 1997
A infancia é a patria verdadeira,
o país puro
no que os soños se cumpren.
Para un neno os homes son
seres estraños
e a morte non existe.
Existen grandes ríos misteriosos,
o medo que chega de súpeto coa morte,
a tenrura da nai
e cecais Brancaneves e os Reis Magos.
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
Cando un é neno
o soño máis sutil pode cumprirse.
Despois da infancia todo é escuro
e un xa non comprende a marabilla
sinxela e natural que hai no milagre.
Camiños de luz e sombra (2000)
Un muiñeiro perdido na cidade
é algo exactamente semellante
a un xílgaro sulagado
nos piagos máis fondos do océano.
Un muiñeiro
-eu, poño por caso,
xa que son polo intre
a persoa que teño máis lonxana-
é algo pintoresco nunha rúa.
A cidade non nos pertence:
é o látego,
a domesticación,
os funcionarios,
a antinatureza,
o veleño que usan contra nós
para exterminarnos
como lobos, ratos ou escaravellos.
As rúas non son regatos,
os bares non son fontes,
os prostíbulos non son turreiros,
os rañaceos non son carballos,
a polución non é a brétema.
As cidades non son nosas:
roubáronnolas hai séculos
e deixáronnos
suburbios e arrabaldos.
Pero nós, nós mesmos sen ninguén,
reconquistarémolas
e faremos circular por elas
con toda a fachenda e liberdade
unha brisa mariñeira
e un vento potente,
inocente, mozo e montañés.
Brétemas de muiñeiro (2000)
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
Os meus inimigos
cando falan de min
poñen xofre nas súas verbas,
tan íntimas,
tan sinxelas,
tan saídas dese anaco de carne
que leva por nome corazón.
E eu case son feliz
coas súas intrigas,
coa súa dozura,
coa súa morte que non ma dan a min
por covardía.
O seu sorriso amargo
esvara pola miña carne como un peixe,
e as súas frases amarelas finxen rosas
cando me chaman amorosamente
"meu querido amigo".
Eu e mais eles
imos andando distraídos pola vida,
imos ao mesmo café,
ao mesmo cinema,
e agachamos as mesmas mentiras
debaixo dos mesmos estúpidos sorrisos:
e ás veces até me convidan a fumar
cerimoniosamente.
Os meus inimigos cando me acoitelen
aínda me han de seguir chamando
"meu querido amigo".
Elexías á miña vida pequeniña. Vilalba, 2004
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
OBRA POÉTICA DE MANUEL MARÍA
Muiñeiro de brétemas. Pontevedra, 1950
Morrendo a cada intre. Lugo, 1952
Advento. Bos Aires, 1954
Terra Cha. Lugo, 1954
Documentos personaes. Lugo, 1958
Libro de pregos. Lugo, 1962
Mar Maior. Vigo, 1963
Os soños na gaiola. Lugo, 1968
Versos para cantar en feiras e romaxes (1969)
Versos para un país de minifundios. Bos Aires, 1969
Cancións do lusco ao fusco. Monforte, 1970
Remol. Bos Aires, 1970
Aldraxe contra xistra (1973)
Cantos rodados para alleados e colonizados (1976)
Poemas para construír unha patria. Galiza, 1977
As rúas do vento ceibe. A Coruña, 1979
A luz resucitada. A Coruña, 1984
Poemas a Compostela. Santiago, 1993
Sonetos á Casa de Hortas. A Coruña, 1997
Brétemas de muiñeiro (2000)
Elexías á miña vida pequeniña. Vilalba, 2004
FONTES
Casa Museo Manuel María
365 días para Manuel María / Arredor de Manuel María
PosesíaGalega. Org (Autopoéticas)
1 | Autopoéticas 2 | Manuel María (1993). “autopoética”. Boletín Galego de Literatura:
9,151-157.
ESCOLMA DE POEMAS MANUEL MARÍA
LETRAS GALEGAS 2016 ENDL, IES FÉLIX MURIEL-RIANXO
Galiza somos nós: a xente e máis a fala. Se buscas a Galiza, en ti tés que atopala!
Top Related