BNG Asembleas Abertas - Programa de Goberno 2015/19

16
PROGRAMA DE GOBERNO DO BNG - ASEMBLEAS ABERTAS 2015-2019 BNG Asembleas Abertas de Ribadavia Ribadavia Maio 2015

description

PROGRAMA DE GOBERNO DO BNG - ASEMBLEAS ABERTAS 2015-2019 BNG Asembleas Abertas de Ribadavia Ribadavia Maio 2015

Transcript of BNG Asembleas Abertas - Programa de Goberno 2015/19

Page 1: BNG Asembleas Abertas - Programa de Goberno 2015/19

PROGRAMA DE GOBERNO DO BNG - ASEMBLEAS ABERTAS 2015-2019

BNG Asembleas Abertas de Ribadavia

Ribadavia Maio 2015

Page 2: BNG Asembleas Abertas - Programa de Goberno 2015/19

1.  TRANSFORMAR RIBADAVIA DEPENDE DE TI! .................................. 3 

2.  RIBADAVIA PARA TRABALLAR .......................................................... 4 

2.1.  EMPREGO .......................................................................................................................... 4 

2.2.  COMERCIO ......................................................................................................................... 4 

2.3.  INFRAESTRUTURAS E SERVIZOS XERAIS ...................................................................... 5 

2.4.  MEDIO RURAL ................................................................................................................... 6 

2.5.  NOVAS TECNOLOXÍAS ....................................................................................................... 7 

3.  UNHA RIBADAVIA PARA VIVIR .......................................................... 8 

3.1.  VIVENDA E ESPAZOS PÚBLICOS ...................................................................................... 8 

3.2.  MEDIO AMBIENTE ............................................................................................................. 8 

3.3.  MOBILIDADE...................................................................................................................... 9 

4.  UNHA RIBADAVIA DO BENESTAR................................................... 10 

4.1.  SERVIZOS SOCIAIS ......................................................................................................... 10 

5.  RIBADAVIA DEPORTIVA .................................................................. 11 

6.  RIBADAVIA TURÍSTICA .................................................................... 12 

7.  RIBADAVIA CULTURAL .................................................................... 13 

8.  RIBADAVIA PARA O ENSINO, A INFANCIA E A XUVENTUDE ........ 14 

9.  RIBADAVIA PARA TODAS E TODOS ................................................ 15 

10.  PRINCIPIOS XERAIS DO NOSO TRABALLO .................................... 16 

Page 3: BNG Asembleas Abertas - Programa de Goberno 2015/19

Programa de Goberno 2015/19

Ribadavia – Maio 2015

3 / 16

1. TRANSFORMAR RIBADAVIA DEPENDE DE TI!

O BNG propón un programa de goberno centrado nos problemas da xente: o traballo, o benestar, a formación. O impulso definitivo ao plan de ordenamento urbano, dará vía libre a novos servizos públicos, infraestruturas, empresas e vivendas. En Ribadavia hai futuro xestionando con tino os potenciais que temos.

O BNG quere que Ribadavia sexa un exemplo de benestar social e de calidade mellorando a prestación de servizos públicos, o benestar social, o ensino, a cultura ou os deportes e creando un concello sostible, co coidado do medio ambiente como un valor de futuro

Page 4: BNG Asembleas Abertas - Programa de Goberno 2015/19

Programa de Goberno 2015/19

Ribadavia – Maio 2015

4 / 16

2. RIBADAVIA PARA TRABALLAR

2.1. EMPREGO

Desenvolveremos a formación ocupacional das persoas desempregadas, mediante a colaboración entre servizos sociais municipais e empresas locais. Posta en marcha de programas integrados de emprego para persoas desempregadas.

A contratación de obras e concursos públicos municipais estará aberta a toda empresa que pague impostos en Ribadavia

Xestionaremos actividade empresarial para a totalidade do solo empresarial do parque de San Cristovo, incluíndo as naves actualmente pechadas.

Recuperaremos o viveiro de empresas para emprendedores e proxectos cooperativos, favorecendo en especial os proxectos cooperativos e os participados por mozos, mozas e mulleres.

Participaremos en programas europeos de formación empresarial e laboral.

Crearemos bolsas de emprego en todos os ámbitos laborais do concello, serán accesibles publicamente en cada momento, de xeito que calquera veciño saiba a quen e por que se contrata e asegurando a igualdade de acceso aos postos laborais municipais.

Elaboraremos listas de contratación para os eventos que realiza o concello de xeito que sexan criterios públicos e xustos os que determinen quen presta a súa colaboración nestes traballos puntuais.

Crearemos un consello interlocutor para coordinar entre o Concello e os Establecementos Asociados do Ribeiro os programas de promoción económica e comercial, así como os proxectos de subvención a presentar ante as distintas administracións, tamén plans europeos.

2.2. COMERCIO

Deseñaremos en contacto co sector comercial local e coas distintas administracións un plan de promoción comercial 2015-2019 para coordinar as iniciativas públicas das distintas administracións e dos particulares.

Habilitaremos unha central de compras telemática do Concello na que os establecementos da comarca poderán facer ofertas dos produtos demandados polo Concello. Poderán optar todas as empresas que paguen IAE ou estean establecidas en

Page 5: BNG Asembleas Abertas - Programa de Goberno 2015/19

Programa de Goberno 2015/19

Ribadavia – Maio 2015

5 / 16

Ribadavia. Os prezos serán transparentes. Os cartos que gasta o concello en subministración quedarán en Ribadavia.

Estableceremos unha redución no imposto de bens inmobles para aqueles locais pechados que sexan alugados.

Crearemos unha base de datos de locais comerciais alugables para por en contacto a emprendedores e propietarios.

Desenvolveremos un plan de renovación de locais comerciais, favorecendo o seu aluguer.

Continuaremos a reforma da Praza de Abastos, mellorando as súas instalacións e ampliando as actividades comerciais.

Elaboraremos un plan especial de promoción comercial no casco histórico, fomentando a implantación de actividades relacionadas cos produtos do Ribeiro.

Fomentaremos unha mellor reciclaxe e redución do lixo xerado nos establecementos.

Colaboraremos nas actividades de promoción enograstronómica como un medio de promover a actividade hostaleira nos períodos de menor actividade festiva e para potenciar os produtos da terra.

Fomentaremos a creación de locais de degustación e venda de viños do Ribeiro.

Favoreceremos a formación e recuperación da repostería tradicional de Ribadavia.

2.3. INFRAESTRUTURAS E SERVIZOS XERAIS

Elaboraremos un estudo de custes dos servizos de recollida e tratamento do lixo, abastecemento e saneamento de augas, recadación municipal e iluminación pública para producir un aforro no custe de prestación destes servizos.

Estudaremos a prestación destes servizos co obxectivo de municipalizala e así obter un aforro económico para o concello.

Partiremos dun plan estratéxico e racional en obras e infraestruturas, para definir que novos equipamentos públicos son posibles e viables no seu mantemento: edificios públicos, parques e zonas verdes, puntos de luz, redes de augas.

Acabaremos coa acumulación de máis e máis equipamentos sen ter claro como abaratar e racionalizar o seu mantemento.

Reformaremos os equipamentos municipais xa existentes para abaratar o seu mantemento e reducir o gasto enerxético do seu funcionamento.

Page 6: BNG Asembleas Abertas - Programa de Goberno 2015/19

Programa de Goberno 2015/19

Ribadavia – Maio 2015

6 / 16

Redactaremos un plan de eficiencia e aforro na prestación dos servizos municipais: limpeza, recollida do lixo, iluminación pública.

Elaboraremos un plan de renovación e nova dotación de redes de abastecemento e depuración de augas 2015-2019 co obxectivo de ter unha rede moderna e rematar o saneamento integral do Concello.

Desenvolveremos un plan de compostaxe colectiva e unha campaña de concienciación cidadá a prol da reciclaxe para reducir a cantidade de residuos e con elo os custes da recollida de lixo.

Contrataremos unha auditoría enerxética. Queremos revisar o estado dos contadores, potencias contratadas, etc.

Revisaremos a facturación por electricidade para controlar os consumos facturados e detectar posibles excesos.

Deseñaremos dun plan de aforro para acometer novas medidas de redución no consumo de electricidade.

Promoveremos unha nave no parque empresarial para o departamento de obras e servizos do concello.

2.4. MEDIO RURAL

Elaboraremos, mediante xuntanzas coa veciñanza e co asesoramento técnico municipal, un plan de obras prioritarias para cada localidade do concello e serán esas as que se acometan.

Procederemos cun calendario de rozas e limpezas establecido de antemán, seguindo as necesidades públicas e sen que se poida alterar por intereses particulares.

Actuaremos en rede nos centros cívicos das parroquias para a dinamización da vida veciñal e que a prestación dos servizos municipais chegue a toda a veciñanza.

Estableceremos un servizo de apoio ás comunidades de montes e particulares para a prevención de incendios e un mellor aproveitamento dos nosos recursos forestais.

Melloraremos os accesos a núcleos rurais, a viñedos e montes.

Colaboraremos na creación de novas adegas e na reestruturación das parcelas vitivinícolas.

Page 7: BNG Asembleas Abertas - Programa de Goberno 2015/19

Programa de Goberno 2015/19

Ribadavia – Maio 2015

7 / 16

2.5. NOVAS TECNOLOXÍAS

Crearemos unha plataforma telemática de contratación de servizos e persoal municipal para garantir o acceso público e a transparencia das actividades do Concello.

Potenciaremos a web municipal e do uso da administración electrónica na relación municipal coa cidadanía.

Elaboración de solucións de mobilidade para potenciar a introdución de Ribadavia dentro do eido das Smart Cities

Dinamizaremos o Centro para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica, fomentando a súa utilización especialmente entre a infancia e a terceira idade.

Page 8: BNG Asembleas Abertas - Programa de Goberno 2015/19

Programa de Goberno 2015/19

Ribadavia – Maio 2015

8 / 16

3. UNHA RIBADAVIA PARA VIVIR

3.1. VIVENDA E ESPAZOS PÚBLICOS

Completaremos a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para o fomento dun urbanismo equilibrado e moderno.

Facilitaremos a resposta ás alegacións presentadas ao Plan Xeral.

Fomentaremos a renovación de núcleos históricos a través reforma parcial do PERI do Casco Histórico de Ribadavia e impulso de novas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) nos núcleos rurais que carecen dela.

Incentivaremos ás institucións públicas, bancarias e empresariais para que aluguen os seus inmobles actualmente baleiros a prezos asequibles.

Crearemos un catálogo público de vivenda a alugar e rehabilitar, para por en contacto a propietarios e interesados en vivir no noso Concello e dinamizar a rehabilitación e ocupación do parque de vivenda xa existente.

Colaboraremos coas iniciativas privadas de creación de vivenda e solo en Ribadavia baixo criterios de interese pública.

Promoveremos a creación de vivenda de protección pública.

Deseñaremos un estudo de parques e zonas verdes municipais para racionalizar e abaratar o seu mantemento, co obxectivo último de ampliar as zonas verdes, en especial na marxe esquerda do Avia.

3.2. MEDIO AMBIENTE

Elaboraremos un planeamento de recuperación natural das ribeiras do Avia, en colaboración coa Confederación Hidrográfica e demais concellos afectados.

Oporémonos á ampliación e/ou creación de novas centrais hidroeléctricas nos nosos ríos.

Procederemos á limpeza e eliminación dos vertedoiros ilegais de lixo.

Estenderemos a rede de saneamento de augas para clausurar as fosas sépticas.

Deseñaremos un plan de aforro enerxético integral para o concello de Ribadavia: incidindo na redución do consumo en iluminación e fomento do uso da enerxía renovable en equipamentos municipais e domésticos.

Page 9: BNG Asembleas Abertas - Programa de Goberno 2015/19

Programa de Goberno 2015/19

Ribadavia – Maio 2015

9 / 16

Difundiremos de educación ambiental que incidan na redución do consumo enerxético, no uso das enerxías renovables e nunha menor produción de lixo doméstico.

Estableceremos un convenio entre Concello e as asociacións animalistas para habilitar e coxestionar un espazo no que atender nas mellores condicións posibles ás mascotas custodiadas. Participaremos en colaboración co voluntariado na atención dos animais que estean sendo atendidos en dito espazo.

Evitaremos os modelos doutras administracións na recollida de animais abandonados. Non se enviará ningún animal á canceira.

Levaremos a cabo campañas de sensibilización cidadá en materias como: fomento da colocación de chips de identificación, da castración de mascotas, da recollida e adopción de mascotas abandonadas.

3.3. MOBILIDADE

Promoveremos un plan comarcal de transportes públicos para favorecer a conectividade dos concellos do Ribeiro coa estación de tren, estación de autobuses, centro de saúde e zonas comerciais de Ribadavia.

Elaboraremos unha nova ordenanza de tráfico, para favorecer a mobilidade peonil e en bicicleta, habilitando novas zonas peonís como un treito da estrada do Consello.

Reclamaremos un servizo de tren de cercanías entre Ribadavia e Ourense así como a recuperación de servizos ferroviarios en horarios acaídos na liña Ourense-Vigo.

Page 10: BNG Asembleas Abertas - Programa de Goberno 2015/19

Programa de Goberno 2015/19

Ribadavia – Maio 2015

10 / 16

4. UNHA RIBADAVIA DO BENESTAR

4.1. SERVIZOS SOCIAIS

Elaboraremos un programa de emerxencia social con medidas como:

Atención a dependentes: Na axuda no fogar a dependentes de grao II e III. Desde o momento da resolución de agravamento de situación de dependencia ate que a persoa sexa incluída no Programa de atención á dependencia o Concello asumirá cos seus medios a axuda no fogar como unha axuda de emerxencia social de cara a que durante eses meses de espera a persoa dependente reciba a axuda á que ten dereito.

Axuda complementaria ao tícket eléctrico da Xunta de Galicia.

Redución das taxas de abastecemento de auga a familias con rendas baixas.

Extensión do programa de axudas para a adquisición de material escolar.

Extensión das axudas de emerxencia social a familias con rendas baixas.

Facilitaremos a construción do novo centro de saúde como base do mantemento e ampliación dos servizos sanitarios para a nosa comarca.

Promoveremos a renovación das instalacións da fundación asilo Nosa Señora dos Anxos, co obxectivo de mellorar a súa habitabilidade, garantir a súa viabilidade económica e ampliar os seus servizos cun centro de día.

Page 11: BNG Asembleas Abertas - Programa de Goberno 2015/19

Programa de Goberno 2015/19

Ribadavia – Maio 2015

11 / 16

5. RIBADAVIA DEPORTIVA

Elaboraremos un estudo da prestación de actividades deportivas co obxectivo de levalas a cabo con persoal propio do Concello.

Realizaremos un estudo de aforro de custes de mantemento das instalacións do Servizo Municipal de Deportes.

Consultaremos cos usuarios e usuarias do SMD un plan de mellora de instalacións e dotación de material deportivo municipal para as fixar prioridades a realizar en 2015-2019.

Consultaremos cos usuarios e usuarias do SMD a elaboración do calendario e horario de actividades.

Redactaremos un programa de fomento da vida saudable.

Impulsaremos as escolas deportivas de base, a práctica de novos deportes e a práctica deportiva saudable nos distintos núcleos do concello.

Page 12: BNG Asembleas Abertas - Programa de Goberno 2015/19

Programa de Goberno 2015/19

Ribadavia – Maio 2015

12 / 16

6. RIBADAVIA TURÍSTICA

Deseñaremos en contacto co sector turístico e comercial local e coas distintas administracións un plan de promoción turística 2015-2019 para coordinar as iniciativas públicas das distintas administracións e dos particulares.

Facilitaremos o desenvolvemento de novas fases das Termas de Prexigueiro.

Promoveremos a reactivación dos proxectos conxuntos de ámbito comarcal: Ruta do Viño do Ribeiro, mancomunidade turística Terras do Avia, camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro. e promoción da calidade turística entre os seus asociados.

Demandaremos a creación do Museo Galego do Viño.

Elaboraremos un plan de mantemento de rutas de sendeirismo e de creación de rutas cicloturísticas.

Participaremos en novos programas de promoción do enoturismo e o legado sefardí que poidan obter financiamento externo.

Colaboraremos na difusión turística de Ribadavia (páxina web), a posta en valor do noso patrimonio histórico-artístico e a creación de novas prazas hoteleiras.

Page 13: BNG Asembleas Abertas - Programa de Goberno 2015/19

Programa de Goberno 2015/19

Ribadavia – Maio 2015

13 / 16

7. RIBADAVIA CULTURAL

Elaboraremos un plan de infraestruturas culturais para avaliar os custes de mantemento das xa existentes, estudar o aforro no seu mantemento e redactar proxectos para un novo auditorio para a Mostra Internacional de Teatro e para a Casa da Música (conservatorio e escola municipal de música, Banda La Lira) de Ribadavia.

Reactivaremos o consello municipal de cultura e o diálogo cos colectivos culturais na definición de prioridades de actuación e na elaboración da axenda cultural municipal.

Editaremos unha guía de actividades lúdicas e espectáculos para difundir os eventos que programan Concello, asociacións, hostalería e evitar coincidencias nos actos programados.

Potenciaremos as festas locais, patronais e etnográficas, así como os festivais e xornadas culturais cun novo plan de axudas municipais trazado dende o consello municipal de cultura en colaboración coas asociacións que as promoven.

Disporemos dun servizo de normalización e dinamización da lingua galega.

Fomentaremos acordos coas institucións e entidades eclesiásticas para a rehabilitación e acceso público ao patrimonio cultural e histórico.

Page 14: BNG Asembleas Abertas - Programa de Goberno 2015/19

Programa de Goberno 2015/19

Ribadavia – Maio 2015

14 / 16

8. RIBADAVIA PARA O ENSINO, A INFANCIA E A XUVENTUDE

Recuperaremos o programa de apertura de centros escolares fora de horario lectivo, que en colaboración cos centros educativos e as ANPAS fai viable a implantación da xornada escolar continua.

Esixiremos as melloras pendentes na escola infantil.

Demandaremos o ciclo superior de FP en vitivinicultura e o nivel superior de inglés na escola de idiomas.

Dinamizaremos a promoción lectora e educativa da biblioteca municipal.

Desenvolveremos un programa de lecer formativo en períodos vacacionais: ludoteca de Nadal, campamentos de verán...

Dinamizaremos o local municipal de ensaio

Promoveremos maiores horarios de apertura da casa da xuventude en colaboración coas asociacións xuvenís

Page 15: BNG Asembleas Abertas - Programa de Goberno 2015/19

Programa de Goberno 2015/19

Ribadavia – Maio 2015

15 / 16

9. RIBADAVIA PARA TODAS E TODOS

Desenvolveremos o regulamento municipal de participación cidadá para facilitar: peticións, propostas, consultas cidadás ou iniciativas cidadás.

Poremos en marcha os orzamentos participativos para o planeamento de obras prioritarias para cada localidade do concello.

Promoveremos dunha nova cultura política, a do traballo en rede: entre os distintos equipamentos municipais, e tamén nos centros sociais das parroquias para coordinar e facilitar a prestación de servizos nas parroquias.

Page 16: BNG Asembleas Abertas - Programa de Goberno 2015/19

Programa de Goberno 2015/19

Ribadavia – Maio 2015

16 / 16

10. PRINCIPIOS XERAIS DO NOSO TRABALLO

1. Mellores servizos, máis benestar. Fronte aos recortes comprometémonos a mellorar a atención ás persoas dependentes, ás persoas desempregadas. O concello xestionará directamente os servizos para xerar os recursos que nos permitan mellorar os servizos públicos de todas e todos.

2. Traballo e compromiso. O apoio para os proxectos locais: autónomos, cooperativas, son a nosa prioridade, apostando por unha economía diversa (industria, comercio, turismo, viño) que ofreza traballo estable. Compre dar máis oportunidades de formación profesional á xente moza e desempregada para favorecer o seu emprego

3. Un concello novo e sostible. É urxente a aprobación do plan xeral (PXOM) para renovar equipamentos públicos, impulsar a rehabilitación de vivendas e espazos naturais. Queremos un concello que faga da reciclaxe, do aforro de enerxía e a posta en valor da terra un obxectivo compartido por veciños e veciñas.

4. Igualdade e transparencia. Co BNG-Asembleas Abertas non haberá máis contratos sen publicidade no noso concello. Poderá acceder a contratos municipais a toda empresa que pague impostos en Ribadavia. Listas de contratación para cubrir todo emprego municipal, tamén o de carácter eventual.

5. Somos a alternativa aos outros partidos. Non temos ataduras con ninguén e o obxectivo de traballar nun goberno de proveito para todos. Depende de ti dar a Ribadavia o goberno máis útil para a xente coma ti. Ti decides o 24 de maio.