CULTURA CLÁSICA ROMA A ORGANIZACIÓN MILITAR
Transcript of CULTURA CLÁSICA ROMA A ORGANIZACIÓN MILITAR
1
CULTURA CLÁSICA
ROMA
A ORGANIZACIÓN MILITAR
De guerras e tratados
Roma conquistou e conservou baixo o seu dominio un gran imperio cun exército
relativamente reducido1. Aínda que a guerra fora a base do seu poder, nunca se
botaron a ela os romanos se ter feito antes todo o posible por evitala. Só o
Senado e o pobo poder declarala, e antes de emprendela débense cumprir
determinadas cerimonias relixiosas. Cando Roma se consideraba agraviada,
trataba de obter a debida reparación por medios pacíficos, e só declaraba a
guerra no caso de que estes non se levaran a cabo ou a reparación lles parecera
insuficiente.
O encargado da conservación e cumprimento dos ritos relixiosos que regulaban
a declaración de guerra e a conclusión dos tratados de paz, era o colexio dos
fetiales. Estaba composto por 22 membros, recrutados entre os cidadáns máis
notables e normalmente actuaban en grupos de dous ou catro, o seu xefe era o
pater patratus e desempañaba o papel do pai ou representante do pobo romano;
outro era o verbenarius, ou portador das herbas sagradas (sagmina, verbenae).
Debían entrar en contacto co inimigo de xeito persoal e inmediato sobre o seu
territorio. O pater patratus abría as hostilidades lanzando unha xavelina
ensanguentada a territorio inimigo. Cando o territorio romano acadou unha gran
extensión, este ritual converteu o desprazamento en algo complicado, de modo
que, a cerimonia realizábase na mesma Roma, preto do templo de Belona. Unha
vez declarada a guerra abríase o templo de Xano, para que o deus puidera acudir
en auxilio do pobo romano.
1 Durante a época de Octavio Augusto non pasou dos 300.000 efectivos.
2
Os fetiales tamén interveñen nos tratados de paz. Lido e xurado o tratado
(foedus), conságrase co sacrificio dun porco, que o pater patratus bate (foedus
percutere, ferire) cun coitelo de sílex, lembranza de épocas primitivas, nas que
ese material era utilizado como instrumento cortante.
O exército
Ao longo do tempo, o exército romano sufriu sucesivas transformacións. Ao
principio, quedaban fóra do servicio militar os cidadáns pobres. Cando se
proclamaba a leva, os cidadáns agrupábanse por gentes, é dicir, por familias, e
cada un armábase pola súa conta. Unha vez rematada a campaña, todos volvían
ás súas obrigas cotiás.
Coa reforma atribuída ao rei Servio Tulio, aumentouse o número de soldados e
se regularizou o seu armamento, pero a última clase do censo aínda quedaba
excluída do exército. Os ricos seguiron formando a cabalería (equites,
cabaleiros).
Máis tarde, na época de Camilo, ao non permitir a
prolongación das operacións o
retorno dos soldados ao seu traballo,
o Estado asignoulles unha paga, e en
lugar de ser distribuídos por clases
sociais, foron agrupados segundo o
seu valor, aptitudes e tempo de
servizo, aínda que seguían a ser
propietarios-soldados. Mario
introduciu unha innovación
revolucionaria, orixe de todos os
cambios políticos que levaron á
creación do réxime imperial: alistou no
exército aos proletarios, co que o
exército pasou a ser profesional,
formado por homes cuxo medio de vida era a milicia.
Unificouse o armamento, e a cabalería deixou de ser un
corpo militar exclusivo dos cidadáns ricos. Así
Ilustración 2 Signifer
Ilustración 1 Aquilifer
3
organizouse definitivamente a lexión, cuxo símbolo (signum) era un aguia
(aquila) de prata, levada polo soldado máis forte e valente (aquilifer, signifer).
A lexión
Era unha unidade táctica completa, que comprendía infantería lixeira e pesada,
cabalería e máquinas de guerra. O seu gran espírito cívico, produto do
sentimento nacional, identifica a este corpo militar coa propia Roma e é a clave
dos seus trunfos. Para formar parte dela era condición previa ser cidadán; se
eran recrutados escravos, libertos ou bárbaros, declarábaselles ao mesmo
tempo cidadáns. Os seus membros prestaban xuramento (sacramentum) ao
xeneral (imperator), o que creaba un vínculo entre este e o exército. Isto explica
a autoridade persoal crecente dos xenerais que rematou no réxime imperial.
Cada lexión estaba formada por entre 4200
e 6000 infantes (pedites) e 300 xinetes
(equites). Os pedites divídense en hastati,
principes e triarii. O número destes últimos
non variaba: era un título honorífico que se
lle daba aos veteranos máis bravos, que so
actuaban en situacións moi
comprometidas, polo que , para sinalar que
algunha empresa militar atravesara por
grandes dificultades, creouse a frase res ad
triarios pervenit. A infantería estaba
dividida en 60 centuriae; dúas centurias
formaban un manipulus; tres manípulos
unha cohors; dez cohortes, unha legio. A
cabalería estaba dividida á súa vez en
grupos de dez (decuria); tres decurias formaban un escuadrón (turma); en cada
lexión había dez turmae. A infantería lixeira (velites) combatía fóra das filas da
lexión.
Despois do xeneral en xefe do exército (consul, dux, imperator), o mando
supremo da lexión corresponde aos seis tribuni militum, que exercían o mando
de xeito alternativo. Antigamente eran nomeados directamente polos cónsules,
4
logo polo pobo; na época imperial, polo
emperador. Polo xeral eran nobiles adulescentes
que fixeran as súas primeiras campañas na
cabalería (equo merere) ou como contubernales
ou comites imperatoris, é dicir, no séquito dun
imperator. Despois de Augusto creouse o legatus,
con autoridade sobre os tribunos.
Os 60 centuriones eran oficiais permanentes,
cada un deles mandaba unha centuria. O seu
distintivo era un bacelo de videira (vitis) e a súa
categoría dependía do manípulo, a cohorte e a
clase de soldados que mandaban. O manípulo da
dereita era superior; a cohorte interior era a 10ª;
os soldados de máis
categoría, os triarios.
Os lexionarios ían armados cun casco (galea) de
bronce, unha coiraza (lorica) de coiro, gornecida con
placas de ferro, e un escudo cadrado longo (scutum)
de madeira cuberta con coiro e con aplicacións
metálicas, cun saínte alombado no centro (umbo). A
súa espada (gladius) era curta, ancha e de dous fíos,
e levaban unha xavelina (pilum) de case dous metros,
coa que alcanzaban unha distancia de 25 ou 30
metros.
Ían vestidos cunha túnica de manga curta e un capote
militar (sagum) e calzados coas caligae, botas de sola
grosa e con cravos e cuxas correas chegaban ata
media perna. Os velites (ou levis armatura) levaban un
casco de coiro, escudo pequeno (parma), e unha
xavelina curta (iaculum). Os equites, un casco pesado (cassis) escudo redondo
(clipeus), coiraza de bronce, lanza (hasta) un unha espada máis longa que a dos
lexionarios. O seu estandarte era vermello (vexillum).
Ilustración 3 Centurión coa súa vitis e con condecoracións (phalerae) sobre o peito.
Ilustración 4 Lexionario cargado coa súa bagaxe
5
O campamento
O exército romano acampaba sempre pola noite, tal é así que contaban as súas
xornadas de marcha polo número dos seus campamentos.
Nunca combatían sen
establecelo antes. Nas
marchas adiantábase un
tribuno con varios centurións
para elixir o emprazamento
adecuado e facer o trazado,
asignando o lugar que debía
ocupar cada unidade. Ao
chegar, as lexións debían
fortificalo, cavando arredor un foso (fossa) de 12 pés de profundidade e outros
12 de anchura. Coa terra cavada facíase un terraplén (agger) e sobre este
plantábase un valado (vallum). Se se estaba fronte do inimigo, os triarios e a
cabalería permanecían en orde de batalla, para impedir que foran molestados os
que traballaban. O campamento (castra) quedaba, así pois, convertido unha
praza forte, dentro da cal cada un tiña o seu lugar determinado de antemán. O
atrincheiramento quedaba separado das tendas por un espazo libre duns 200
pés de ancho (intervallum), que preservaba do fogo e dos dardos inimigos.
Unha vez determinado o emprazamento do campamento, sinalábase cunha
bandeira o lugar que debía ocupar a tenda do xeneral (praetorium). Ao seu redor
marcábase un cadrado, de
modo que os seus lados
estiveran a 100 pasos desa
bandeira. A ámbolos dous
lados do praetorium, e
aliñado con el, levantábase
a fileira de tendas dos
tribunos, cuxas portas
quedaban abertas cara a
parte ocupada polas tropas.
6
Diante do praetorium e destas tendas dos tribunos corría unha rúa ampla (via
decumana). A ámbolos dous lados acampan os equites romani das dúas lexións,
e detrás destes, os triarii, principes e hastati. A partires dos hastati deixábase
outra rúa e enfronte acampaban os equites sociorum e pedites sociorum. Entre
a 5ª e a 6ª cohorte había outra rúa (via quintana). Detrás das tendas dos tribunos
a ámbolos lados do praetorium quedaban dous grandes espazos libres, o forum,
co tribunal das arengas (contio); o quaestorium, cos aprovisionamentos, e o
augurale, onde se tomaban os auspicios. Aos lados destas prazas acampaban
os equites delecti e algúns pedites delecti, e detrás, os equites e pedites
extraordinarii. Tiña catro portas: praetoria (fronte ao praetorium), decumana (do
lado oposto), principalis dextra e principalis sinistra. A porta praetoria quedaba
orientada cara o leste, ou cara ó inimigo, para permitir unha saída rápida e
ordenada das tropas.
Tamén había campamentos estables (castra stativa) de inverno (castra hiberna)
e navais (castra navalia).
A marcha. O combate
Os lexionarios realizaban
as súas marchas con
asombrosa rapidez (magnis
itineribus), cargados cunha
bagaxe persoal pesadísima
(sarcina), na que levaban
ferramentas, armas e
víveres, ás veces para un
mes. Naturalmente, para combater desembarazábanse (expedire) de semellante
peso, que chegaba ata os 20-25 quilos. Ás veces, sen embargo, un ataque
repentino do inimigo obrigábaos a loitar sub sarcinis, en inferioridade de
condicións.
A columna en marcha (agmen) comprendía a vangarda (primum agmen), o
centro (medium agmen) e a retagarda (agmen extremum, agmen novissimum ou
simplemente novissimi). As lexións constituían normalmente o centro e a
cabalería e os aliados cubrían os extremos e os flancos. Durante a marcha, a
7
disciplina non permitía saírse da fileira, co
obxecto de estar sempre en disposición de
entrar en combate. Cando a columna era
demasiado longa, o que aumentaba o risco de
ser cortada por un ataque inimigo de flanco, ou
cando se avanzaba preto do inimigo,
adoptábase o agmen quadratum, pilatum ou
densum, orde á vez de marcha e de combate,
coa bagaxe no centro.
Nunha primeira etapa, a orde de batalla (acies)
era compacto. Con Camilo, e logo con Mario,
a táctica foi evolucionando e o manípulo
converteuse na unidade básica de manobra.
No acies triplex, na primeira liña, colocábanse
os manípulos de hastati; detrás os de
principes, e na terceira, os de triarii ou pilani.
Para dar a orde de batalla, sonaba a trompeta (tuba), mentres o estandarte
vermello (vexillum) enarborábase (proponere) diante do praetorium. Dado o sinal
de combate (dare signum pugnae), os lexionarios botábanse con enerxía ao
ataque (facere impetum), botando o grito de guerra (clamor). Ao chegar a poucos
pasos do inimigo, botaban (conicere) a xavelina (pilum) e logo xa non loitaban
de lonxe (eminus), senón corpo a corpo (comminus) coas espadas (gladiis rem
gerere), ate que facían retroceder (loco movere) ao inimigo, que abandonaba as
súas posicións (loco cedere) e fuxía (fugae se dare, fuga salutem quaerere),
mentres a cabalería (equitatus) desbarataba aos fuxitivos (trucidare fugientes)
ou os facía prisioneiros (captivus).
Nese momento, o exército botaba o grito da vitoria (victoriam conclamare), erixía
trofeos (tropaeum) e retornaba ao campamento ao darse o sinal de retirada
(receptui canere). Logo o combate, o vencedor retiraba aos feridos, enterraba
aos seus mortos e despoxaba (spoliare) os cadáveres dos inimigos.
8
O asedio
Cando unha praza forte (oppidum) era de difícil asalto (oppugnatio), recorríase
ao asedio (obsidio). As cidades antigas estaban polo xeral rodeadas de
poderosas murallas e fortificacións (moenia, murus, munitiones) e se procuraba
a súa rendición (deditio) por fame. Para iso adoitaban trazarse liñas de
contravalación, para impedir o socorros aos da cidade (oppidani) e o ser
atacados polas costas, e outras liñas de circunvalación para rexeitar os
contraataques e saídas (eruptio) dos sitiados.
Tales liñas de bloqueo, como podemos
deducir a partires das que César
construíu diante de Alesia, eran
complicadas. Constaban, no
fundamental, dun gran foso (fossa) e un
terraplén (agger) fortificado cun vallum e
turres. Diante do foso cavábanse pozos
de lobo (lilium), trampas (stimulus) e se
construían todo tipo de obstáculos. Unha
vez cercada a cidade, colocábanse a
unha distancia convinte as máquinas de
guerra (tormenta, balista, catapulta, onager...), baixo cuxa protección comezaba
a acercase os arietes, para golpear as murallas e abrir nelas unha brecha; os
atacantes traballaban ao abrigo de vineae, testudines e plutei e ás veces tamén
se abrían grandes galerías (cuniculi), para socavar as murallas. Ás veces, os
sitiadores levantaban, con grande esforzo, unha rampa, con obxecto de igualar
a altura das murallas e permitir así o ataque, xa que por el subían as máquinas
de guerra e as turres movibles e de varios pisos (contabulata), desde as que
podían dominar aos sitiados.
Desta maneira, mentres os arietes golpean as murallas, e as béstas, catapultas
e demais tormenta botan sobre os sitiados unha chuvia de proxectís de todo tipo,
os lexionarios, formando a tartaruga (testudo), colocando os escudos coma se
fora un tellado sobre as súas cabezas e subíndose outros enriba trataban de
escalar (ascendere) os muros inimigos.
Ilustración 5 Sistema defensivo de Alesia
9
Os defensores, pola súa banda,
procuraban por todos os medios
neutralizar e destruír os traballos do
adversario, incendiando o material e
obras nas frecuentes saídas. Cando
o ariete golpeaba, tentaban enlazar
a súa cabeza cunha soga e
destruílo. Tamén minoraban o
efecto dos seus golpes colocando
diante del materiais elásticos, acolchados... Cobrían as brechas cun segundo
muro, e botaban contra os atacantes toda clase de armas arreboladeiras (tela),
pez (pix) ardendo, etc. No famoso sitio de Siracusa, Arquímedes inventou
enxeñosas máquinas de defensa que puxeron aos romanos en serios
problemas. Unha destas máquinas levantaba no aire as naves romanas para
logo botalas contra os cantís.
A guerra naval
Ao longo de moitos séculos, os romanos careceron dunha poderosa flota
permanente de guerra. Só en determinadas ocasións recorreron á construción
de escuadras, ás veces numerosas, como ocorreu durante as súas loitas contra
os cartaxineses. Unha vez vencidos estes, e sometida Grecia, Roma creuse
dona do Mediterráneo e abandonou de novo a mariña, ata que a ameaza dos
piratas fixo precisa a creación dunha forte escuadra. Logo das guerras civís e da
vitoria en Actium, Octavio Augusto, coas súas naves e as capturadas a Marco
Antonio, formou unha flota poderosa, á que asignou bases navais en Forum Iulii
(Frejus), Miseno e Rávena. Tamén había, durante o Imperio, numerosas flotas
auxiliares en Britania, Alexándría, Ponto, Siria, e nos grandes ríos fronteirizos:
Éufrates, Danubio e Rin.
As naves de guerra (navis longa) tiñan a quilla de madeira de aciñeira, para
darlles maior resistencia. A madeira traballábase antes de secarse, para podela
curvar; as xuntas calafateábanse con estopa, cera, resina e outras materias.
Para diferenciar os navíos poñíanse figuras na proa. A popa adoitaba rematar en
forma de cola de cisne e constituía un trofeo. A babor e estribor tiña uns buracos,
Ilustración 6 Modos de asalto e defensa
10
a modo de ollos, que primitivamente lle daban ao navío a aparencia dun ser vivo,
e logo serviron para facer pasar os cables das áncoras. Como medios ofensivos
dispoñían na proa dun esporón metálico (rostrum), e de outros adicionais, en
forma de tridente, para facer máis grande a brecha que producía na nave
adversaria. Tamén levaban unha torre desde onde podían lanzan proxectís.
Xunto cos remeiros (remex) e
mariñeiros (nauta), ían soldados de
mariña (classiarii) moi exercitados
e ás veces lexionarios correntes. A
loita era parecida á terrestre. Se
non se fundira (mergere) a nave
contraria, por medio da acometida
frontal do esporón no seu costado,
procedíase á abordaxe
(trascendere in navem), para o que
os romanos inventaron uns
grandes ganchos (manus ferrea) e
unha ponte con garfos no seu
estremo (corvus). Apresada a nave
inimiga, desenvólvese un
verdadeiro combate de infantería.
Antes do comezo da batalla, o comandante da flota tomaba os auspicios e, se
estes eran favorables, izábase na nave capitana (navis praetoria) o estandarte
vermello de combate. A este sinal, as naves avanzaban procurando atacar o
costado do navío contrario.
As naves eran de diversas clases e tamaños. As máis coñecidas son as de tres
fileiras de remos (triremes).
As recompensas militares. O trunfo
Os romanos concedían condecoracións e premios ao valor: colares (torques),
brazaletes (armillae), placas (phalerae), coroas (coronae). Esas podías ser de
diversas clases: cívica, obsidional, mural, valar, naval, etc., segundo foran
Ilustración 7 Trireme romana armada co corvus
11
concedidas por salvar a un cidadán, liberar unha cidade do asedio ou ser o
primeiro en escalar unha muralla, asaltar un campamento ou pasar á nave
contraria nunha abordaxe.
Pero o maior honor que
ofrecía o Senado a un
xeneral vencedor é o trunfo
(triumphus), honra que máis
tarde quedaron para si os
emperadores. Desde o
campo de Marte entraba o
cortexo pola Porta
Triumphalis na cidade en
festa. Espectáculo incomparable na antiga Roma. Avanzaba o desfile vitorioso
pola Via Sacra; abrían a marcha os trompeteiros, diante dunha longa fieira de
carros onde ía o botín. Tocadores de frauta (tibicines) precedían á vítima, un
touro branco adornado con bandas de lá (infulae); detrás, os sacerdotes que
realizarían o sacrificio. Estandartes arrebatados ao inimigo, prisioneiros de
guerra encadeados, líctores con fasces... Por último, o xeneral triunfador, vestido
cun manto de púrpura sobre a túnica bordada con palmas de ouro, coroado con
loureiro, co cetro de marfil na dereita, avanzaba orgulloso no carro triunfal, tirado
por catro cabalos brancos. No seu carro o acompañaban os seus fillos máis
novos e un escravo, que, mentres sostén sobre a súa cabeza unha coroa de
ouro lémbralle que só é un mortal. Detrás, os fillos maiores, no medio dun séquito
formado por legados, tribunos e cabaleiros. Servidores que levaban pancartas,
nas que aparecen escritos os nomes das súas vitorias e dos países
conquistados, precedían ás lexións, que avanzaban cantando himnos de
louvanza ou cancións de burla.
Entre as aclamacións do pobo, o xeneral triunfador chegaba ata o Capitolio, onde
ofrecía un sacrificio a Xúpiter e poñía aos pés da súa estatua a coroa triunfal.
Despois do trunfo, a ovatio constituía a maior recompensa militar.
Outorgábaselle aos xenerais que obtiveran importantes vitorias, sen poñer fin a
unha guerra, ou aos vencedores de inimigos irregulares (piratas, escravos,
pobos semisalvaxes...), ou cando a guerra non fora declarada segundo os ritos
12
tradicionais prescritos. O xeneral galardoado entraba na cidade a pé ou a cabalo,
ao son de frautas, precedido das súas tropas, que levan ramas de oliveira. Ía
vestido de branco con bordados de púrpura e coroado con mirto. Senadores,
cabaleiros e destacados cidadáns acompañábano ata o Capitolio onde se
sacrificaba unha ovella.
A disciplina: os castigos
Unha das características propias das lexións romanas era a súa disciplina e a
orde, esta orde non era consubstancial senón que había de manterse mediante
a vixilancia e a corrección cando se torcía. As penas ían desde unha mera rifa
ata o décimo dunha lexión.
Estes son algúns dos castigos aplicados aos homes ou exércitos que
desobedecían ou amosaban un comportamento indigno no campamento ou no
campo de batalla:
Castigos individuais
castigatio: Este castigo era impartido polo propio centurión e consistía nun golpe
co vitis ou unha verdadeira malleira a paus. É ben coñecida a anécdota dun
centurión do século I d.C. que era coñecido como “dame outra” debido a que
adoitaba romper estes bastóns nas costas dos seus lexionarios.
Pecuniaria multo: Consistía nunha redución da paga dun lexionario ben por ter
causado danos á poboación ou por ter perdido parte do seu bagaxe sen importar
a situación, xa fora en combate, por despiste ou roubo. Os cartos reducidos eran
empregados na reparación dos danos ou na compra da parte do bagaxe perdida.
Munerum indicto: Realización de traballos extra, como a limpeza de latrinas, as
cortes e incluso, realizar as gardas sen cingulum (cinturón) facéndolle parecer
que o lexionario ía vestido de muller. Segundo as fontes, como este castigo
adoitaba ir acompañado de algunha humillación, evitábase, ás veces, por medio
dun intercambio por pecuniaria multo que poderíamos considerar como unha
especie de suborno a o centurión que lle impuxera o castigo. O que podía levar
a que algún centurión puxera algún castigo inxusto para sacar unha paga
adicional.
13
Cando a falta era máis grave obrigaba aos oficiais a empregarse máis a fondo
na aplicación do castigo e, en ocasións podía levar á morte do infractor.
Militiae mutatio: Cando un lexionario perdía o grao ou os beneficios gañados
por antigüidade.
Gradus deiectio: Engadía ao castigo da militiae mutatio, o traslado a outra
unidade de rango inferior, chegándose incluso a trasladalo á infantería de mariña
ou ás tropas auxiliares.
Animadversio fustium:
Aplicábase aos que
quedaban durmidos
durante a garda. Castigo
público e vergoñento
diante da lexión, cohorte
ou centuria na que o acusado é flaxelado co látego.
Fustuarium: Se o soldado quedaba durmido estando en campaña, era
condenado a ser batido ata a morte polos seus compañeiros, aos que puxera en
perigo, ben por medio dunha malleira ou lapidándoo. A sentencia só podía ser
ditada polos rangos máis altos da lexión cun grao mínimo de tribuno militar.
En caso de traizón ou roubo,
era normal que os lexionarios
introduciran ao preso espido
nun saco cheo de serpes e
tiralo a un río.
Agora ben, se un lexionario
morría durante a aplicación
dun castigo pola brutalidade do mesmo, o executor do castigo podía recibir a
mesma pena cando a orde disciplinaria non implicara pena de morte.
Castigos colectivos
Frumentum mutatum: Castigábase á unidade co alimento (frumentum) e perdía
o dereito a algún alimento extra, ou pasaba a consumir alimentos de peor
calidade. Por exemplo, eliminando a carne e substituíndo o trigo por centeo o
14
cebada, que eran alimentos propios do gando. Ás veces o centurión engadía a
redución de salario xeneralizada a este castigo.
Extra muros: Neste caso, a unidade castigada era obrigada a acampar fóra do
campamento e estar así exposta aos posibles perigos que habería fóra do
perímetro amurallado. Moitas veces este castigo acompañaba á decimatio ata
que a unidade recuperara a súa honra.
Misso ignominiosa: Era un dos castigos máis duros para a unidade. Consistía
na expulsión “con deshonra” do exército.
Decimatio: Quizás o máis cruel e duro dos castigos do exército romano e un dos
máis coñecidos pola súa brutalidade. Consistía en diezmar unha unidade ou
incluso unha lexión. É dicir, executar a un de cada dez homes elixidos ao azar e
ser executados polos seus compañeiros por medio de lapidacións ou golpes de
vara e onde non se tiña en conta nin a posición nin os logros militares
acumulados. Se se negaban a facelo eran executados. Aos sobreviventes se lles
aplicaban ademais outros castigos, como o extra muros e o frumentum
mutatum e, ás veces, se lles obrigaba a prestar de novo o xuramento militar
(sacramentum) para garantir que non habería unha nova insubordinación.
Aínda que durante a etapa do Imperio este castigo estaba case en desuso, foi
utilizado en varias ocasións durante a República. A decimatio aparece citada
como castigo xa durante a Primeira Guerra Púnica contra os cartaxineses e só
era empregada en casos
estremos de sedición e
covardía.
Segundo as fontes, foi o
emperador Galba (69
d.C.) o que aboliu este
castigo. Aínda así, os lexionarios que cometían o tipo de faltas que antes levaban
á decimatio, agora acababan crucificados ou botados ás feras.