Guia da exposición filocomic

20
FILOCOMIC A PROCURA DA VERDADE Esta exposición reúne os traballos realizados polo alumnado do IES Plurilingüe de Ames sobre os textos propostos na materia de Historia da Filosofía de segundo de Bacharelato. Todos eles representan os grandes momentos do pensamento filosófico sobre a verdade, o coñecemento e o lugar do home no Cosmos. No seu percorrido histórico podemos ver algunhas das posicións que historicamente teñen dado lugar a preguntas de investigación específicas de cada un deses momentos históricos que definiron os avances científicos, pero tamén dirixiron desde a vida humana a actividade política. Todos eles son interpretacións libres deses textos e, xa que logo, en moitas ocasións representan analoxías que requiren un esforzo por parte do espectador. Carlos Furelos, María e Lucía García, Mar Vázquez, Iria Gümil, Nerea Montes, Claudia Mosquera, Sofía Suárez e Paula Valiño

Transcript of Guia da exposición filocomic

FILOCOMIC

A PROCURA DA VERDADE

Esta exposición reúne os traballos realizados polo alumnado do IES Plurilingüe de

Ames sobre os textos propostos na materia de Historia da Filosofía de segundo de

Bacharelato. Todos eles representan os grandes momentos do pensamento filosófico

sobre a verdade, o coñecemento e o lugar do home no Cosmos. No seu percorrido

histórico podemos ver algunhas das posicións que historicamente teñen dado lugar a

preguntas de investigación específicas de cada un deses momentos históricos que

definiron os avances científicos, pero tamén dirixiron desde a vida humana a actividade

política. Todos eles son interpretacións libres deses textos e, xa que logo, en moitas

ocasións representan analoxías que requiren un esforzo por parte do espectador.

Carlos Furelos, María e Lucía García, Mar Vázquez, Iria Gümil, Nerea Montes,

Claudia Mosquera, Sofía Suárez e Paula Valiño

BANDA DESEÑADA E FILOSOFÍA: ARTE E COÑECEMENTO.

O noso alumnado é historicamente único no consumo de imaxes, tanto por ser nativos

dixitais, como por vivir nunha era de consumo onde os medios de comunicación

abondan na emisión de imaxes fixas e en movemento. Polo tanto teñen no seu “disco

duro” unha cantidade inxente de datos visuais e moreas de coñecementos,

practicamente inconscientes en moitos casos, sobre lectura de textos visuais e

narración secuenciada. Se ben é certo que a inmensa maioría non son lectores de

banda deseñada (nin lectores de texto impreso en xeral) posúen coñecementos e

destrezas aprendidos desde os primeiros anos de vida que lles facilitan moito a

adquisición das destrezas necesarias para o debuxo de historietas.

Con dar unhas poucas pautas aos alumnos de 3º e 4º da ESO e de Bacharelato que

lles axuden a ordenar a información que xa posúen son capaces de debuxar e artellar

relatos de banda deseñada en moitos casos con resultados notables. Así pois, o

emprego deste formato creativo na aula serve para cubrir varios obxectivos

pedagóxicos máis aló da área específica da EPV: reforza a alfabetización visual e a

intelixencia visual/espacial a través do debuxo e obriga a empregar a narrativa visual,

a iconicidade, a abstracción, as elipses... Obriga a perfeccionar a técnica gráfica para

crear personaxes, fondos e ambientacións; mellora a expresión literaria ao

interrelacionar narracións, descricións, onomatopeas, cuestión gramaticais e

ortográficas. E, por suposto incide directamente na capacidade oral xa que os diálogos

son expresión oral en forma escrita. A través destas actividades avanzarán en

coñecementos transmedia, mesturando debuxos e diálogos, con sons, con transicións

temporais, cambios de escenografías e así, a banda deseñada proponse coma un

exercicio que permite ilustrar as preguntas das que partirá o proceso de elaboración

da información e do que xurdirán preguntas para iniciar un traballo de investigación

persoal.

E se algunha materia ten por función a xeración de preguntas de investigación esa é a

Filosofía. Así que a nosa proposta foi xuntar a expresión plástica en formato cómic e a

lectura e interpretación dos grandes textos da Historia da Filosofía Occidental. Cando

o noso alumnado le textos filosóficos dos grandes autores, custa saber o grao de

comprensión que xeran neles, por iso, a expresión gráfica a través deste formato é tan

interesante. Non só por que é unha forma de expresión que permite usar facetas

intelectuais como as mencionadas xa (abstracción, narrativa visual, as elipses ou os

elementos icónicos). senón tamén porque a banda deseñada permite, coma ningún

outro medio de expresión plástica, a ironía e a analoxía con situación reais, de forma

que achegan o coñecemento máis abstracto dunha forma lúdica e comprensible e

amosan, con iso, o grao de comprensión do texto dunha forma evidente.

Cando visualizamos cada unha das propostas realizadas, decatámonos de que o autor

ou autora foi quen de plasmar o sentido do texto, facer bromas con el ou sobre el e

traelo ao noso presente permitindo que o comprendamos mellor. E, ademais, cada

unha destas obras é un luxo para os nosos sentidos, un produto estético que non

precisa ningunha xustificación a maiores.

Alicia Eva Garea, Profesora Filosofía no IES Plurilingüe de Ames

1ª Parada: O MITO DA CAVERNA. Platón. Século IV a. C

Este traballo de Paula Valiño é unha representación gráfica das diferentes etapas do

coñecemento polas que pasa o ser humano na procura da verdade. Alcanzar o mundo

das verdades absolutas está representado pola saída difícil dunha cova para acadar o

mundo da luz, da razón, única via de conseguir verdadeiro coñecemento. A autora

comprende que a verdadeira mensaxe que o Mito quere transmitir é a obriga do sabio

de regresar á cova, a liberar os prisioneiros que non conseguiron saír por si mesmos,

pese a que estes se revolvan contra el. O traballo de Paula, literal case ao texto ate a

súa última viñeta, cobra nesta derradeira parte unha calidade especial por mor da

ironía. O mestre Platón di ao seu discípulo que esa tarefa o fará feliz, pese ao seu

maltreito estado físico.

TEXTO: Platón. República libro VII, 514a—517c

Comentarios persoais:

2ª Parada: O SÍMIL DA LIÑA. Platón. Século IV a. C

Nerea Montes realiza aquí unha versión libre e actual do texto no que Platón describe

os tipos de coñecemento, a gradación e relación entre eles. No texto platónico os graos

de coñecemento son verdadeiros chanzos na procura dunha verdade que só acadamos

ao final do percorrido, pero que nos chama continuamente enviándonos, a través dos

nosos recordos ou reminiscencias, mensaxes que nos impulsan a seguir ascendendo

ate un mundo que xa non é o mundo dos sentidos, abandonando estes para liberarnos

da escuridade e a confusión á que nos someten. Hugo Cazapantasmas é a personaxe

elixida para investigar nestes diferentes chanzos, convertidos agora en partes dunha

estraña casa. E, coma unha personaxe platónica, vai de habitación en habitación

seguindo a voz dunha “pantasma”. O uso desta misteriosa personaxe está en relación

directa co que o texto quere dicir. Recordemos que a palabra “pantasma” ten a súa

orixe no grego antigo υάντασμα a través do latín “phantasma” (phántasma). O termo

facía referencia para os gregos ao que se facía visible, amosábase e relucía. Así a

verdade vaise desvelando tamén pouco a pouco para o ser humano que a busca e vai,

pouco a pouco aproximándose a ela. Pero esa voz pantasmal que dirixe a Hugo tamén

é ilusoria, porque non é completa e desaparece totalmente na derradeira estancia,

chea de luz que representa a verdade á que se accede a través da Filosofía.

TEXTO: Platón. República libro VI, 509c—511e

Comentarios persoais:

3ª Parada: A XUSTIZA. Platón . Século IV a.C

A busca da verdade non era para os antigos unha actividade só teórica, senón unha

actividade vital. A verdade era necesaria para dirixir correctamente a vida, para facer

progresar a sociedade, para convivir e relacionarnos mellor. En fin, para ser máis

xustos. Todas as teorías de Platón xúntanse finalmente nunha explicación de como

levar a cabo unha cidade máis xusta. Un modo de vida máis humano. As alumnas

Claudia Mosquera e Sofía Suárez abordaron esta idea platónica nun fermoso tríptico

no que a representación dunha xustiza feminina ten o papel fundamental. Non é casual

a elección dunha figura de muller para representar á xustiza, pois foi Platón un dos

filósofos que máis defendeu, na antigüidade clásica, a igualdade de homes e mulleres

na cidade.

TEXTO: Platón. República libro IV, 427e—435c

Comentarios persoais:

4ª Parada O MOTOR INMOBIL. Aristóteles. Século V a. C

A busca da verdade, na súa faceta mais científica, abordou a pregunta sobre a orixe do

Cosmos, por que se moven as cousas? Que son as estrelas? Como inflúen no

movemento da Terra? Preguntas que tardariamos moito en poder respostar, foron

propostas xa por Aristóteles na súa obra de Física. Na súa Metafísica abordará unha

das solución máis famosas sobre estes temas que será recollida pola Filosofía

Medieval e Cristián e converterá a Deus no “motor do mundo” ademais de ser o seu

creador. As alumnas Claudia Mosquera e Sofía Suárez, abordan aquí a tarefa de

representar este concepto aristotélico que lonxe de proporse como un concepto

relixioso que explica como un concepto físico. O Motor Inmóbil representa a forza que

atrae a todos os corpos do Universo poñéndoos en movemento cara el.

TEXTO: Aristóteles, Metafísica 1073a 3-13.

Comentarios persoais:

5ª Parada: LINGUAXE E RAZÓN. Aristóteles. Século V a. C

Lucía García lémbranos co seu debuxo que, a xuízo de Aristóteles, o home está rodeado

de palabras. O Logos, que une linguaxe e razón, é a base da natureza humana e a súa

expresión e, na relación cos demais homes, produce a política. A viñeta tamén nos

lembra que, para Aristóteles, esa razón tiña a súa base no corazón e a súa función era o

coñecemento do mundo. As figuras humanas que xorden do corazón do home poñen de

manifesto a necesidade de “educar o corazón para educar a cabeza”.

TEXTO:Aristóteles. Política. Libro primero. Capitulo III

Comentarios persoais:

6ª Parada: RAZÓN Y FE. Agustín de Hipona. Siglo IV d. C

O mundo medieval buscou as fronteiras entre a razón e a fe. Desde que a relixión cristiá

comezou a súa expansión polo Imperio Romano, que María García introduce no seu

debuxo coa “iluminación de Pablo de Tarso”, precisaba convencer e, para o ser humano,

iso pasa sempre pola comprensión. A relixión busca na Filosofía un apoio para

racionalizar as súas crenzas e, na ilustración, pódese ver esa unión na academia romana

na que discuten o filósofo e o monxe. E, que ocorre cando fe e razón opóñense? a quen

deberá obedecer o home? A resposta de San Agustín estará na correcta elección do

xuíz: “Cre para que entendas”, porque a fe lévanos a entender o que, coa soa razón, non

podo. Tamén nos di “Entende para que creas”, porque a razón amosános a quen se

debe crer.

Así, a viñeta móstra case todos os procesos desta época histórica e a súa particular

procura da verdade: a conversión do cristianismo nunha doutrina que se pretende

universalizar, a unión entre Filosofía e Fe e por último a confrontación entre lei divina e

lei positiva, un dos debates crave da baixa Idade Media.

TEXTO: San Agustín. Sermón 43

Comentarios persoais:

7ª Parada: O PENSO, LOGO EXISTO. Descartes. Século XVII d. C

Neste percorrido pola historia unha parada importante foi o momento no que o ser

humano se decatou de que para conseguir a verdade necesitaba, a máis de investigar

no mundo que o rodeaba, investigar tamén en si mesmo. A mente humana é a

responsable do coñecemento e coñecer os seus procesos, os seus límites e tamén as

súas deficiencias é cousa importante se queremos evitar o erro. Paula Valiño tenta

representar nesta banda deseñada o proceso de Meditación de Descartes.

Efectivamente Descartes non quere caer como o Emperador do conto na ilusión de ir

vestido, cando camiña nu pola rúa. O camiño máis doado para comprender a nosa

mente é indagar nela a través dun proceso de reflexión que Descartes anota

coidadosamente no seu diario: os seus soños, a súa reflexión sobre os sentidos e as

posibilidade de que entes malignos nos confundan. Mais todas estas dúbidas quedan

superadas pola conciencia da propia existencia. Se hai unha verdade sólida e que eu,

que penso (aínda erradamente), estou a existir, pero ese só é o punto de arranque da

investigación. Queda aínda moito traballo por diante tanto para saber do funcionamento

da mente, coma do mundo.

TEXTO: René Descartes; Meditacións Metafísicas (1641), «Meditación 2ª: Da natureza

do espírito humano, e de que é máis doado de coñecer que o corpo»

Comentarios persoais:

8ª Parada: A ILLA É O RELOXO OU O DOMINÓ de Hume. Século XVIII d. C

TEXTO: HUME; Investigación sobre el conocimiento humano, Sec. IV. Dudas escépticas acerca

de las Operaciones del entendimiento.

De novo Nerea Montes produce unha analoxía que nos permite entender que as

conexión causa-efecto son unha cuestión de supervivencia. Tal é como explicaba

Hume os seres humanos relacionamos fenómenos entre si a través das secuencias

temporais, como o lóstrego e o trono, que sempre se seguen e por iso, agardamos que

de novo sempre sucedan do mesmo xeito. A nosa mente establece de forma natural

esas relacións e busca sempre explicacións causais aos fenómenos. Que sería

efectivamente do noso mundo se esas relacións non foran máis ca un froito do costume?

Poderiamos sobrevivir coma humanos?

Na viñeta, como no texto de Hume, unha persoa nunha illa deserta atopa un elemento

artificial e extrae consecuencias dese feito, despois explora a natureza e establece

hipóteses causais que lle permiten buscar explicacións que guían as súas decisións e a

súa vida.

Comentarios persoais:

María García afonda coa súa viñeta na idea de relación causal, usando como símbolo

icónico un dominou, no que cada peza pode mover á anterior nunha secuencia causal

infinita. Pero non esquece tampouco situar ao ser humano como a causa inicial que

provoca esa cadea causal. O homiño negro empuxando a peza inicial lémbranos que

as conexións causais son algo “creado” polo ser humano e vánnolo lembrando ao

longo deeste dominou en varios momentos, vinculando esa actividade humana á

natureza (que nos lembra a imaxe do homiño entre as árbores) , á lingua (que nos

lembra o bocadillo que xorde do homiño), á relación con outros seres humanos (o

sobre e as mans xuntas, os ideais da Ilustración que nos lembra a bandeira francesa),

aos descubrimentos de terras afastadas (propios do espírito inglés da Ilustración). Ao

final está a investigación científica da Natureza e por suposto a creación da experiencia

humana.

Comentarios persoais:

9ª Parada: EL NOMBRE DE LA ROSA. KANT. Século XVIII d. C

TEXTO: KANT; Crítica de la Razón Pura, (A51/B75-A52/B76) I. Doctrina trascendental de los

elementos, 2ª parte: La Lógica trascendental.

Como se forman os xuízos na nosa mente? Esa é a pregunta básica que propón Kant na súa obra

Critica da Razón Pura. O seu obxectivo: solucionar a discusión entre empirÍstas e racionalistas,

buscando unha explicación definitiva que permita asegurar a “verdade” dos contidos da nosa

mente. Como na actualidade, conxugar sensibilidade con razoamento é a base do noso

coñecemento, e harmonizar ciencia e arte a lección que aprendemos con este proxecto. Sofía

Suárez é capaz de traer a tese de Kant á actualidade para axudarnos a entender mellor como

aproveitar a totalidade do potencial da nosa mente.

Comentarios persoais:

10ª Parada: O CONTRATO SOCIAL. ROUSSEAU. Siglo XVIII d. C

Se a verdade depende en boa medida da nosa mente, como non o fará a nosa capacidade de

organización, a nosa vida social, as nosas leis. Os selos da igualdade e a liberdade, son os selos

dunha época na que a racionalidade humana ponse ao servizo da política e exprésase a través da

palabra impresa e o contrato. Lucía García selecciona como frases fundamentais aquelas que

recalcan estas ideas e tamén aquelas que poñen a atención sobre a necesidade de xerar unha

sociedade xusta, na que a pobreza non condicione as nosas decisións e a nosa vontade. É

interesante a idea de representar os principais conceptos mediante selos, pois eses conceptos

foron presentados como os elementos fundamentais para as sociedades humanas precisamente

neste texto.

TEXTO: ROUSSEAU, El contrato social, libro II, cap. 11

Comentarios persoais:

11ª Parada: A HISTORIA QUE SE REPITE. Marx. Siglo XIX d. C

Carlos Furelos recrea o espírito de decadencia que Marx reflicte na súa análise do 18 Brumario,

lémbranos que a historia está condenada a repetirse se non nos enfrontamos á verdade. A

verdade materialízase na historia e só comprendendo a sucesión de acontecementos poderá o ser

humano avanzar. Esta é a verdadeira esencia do Materialismo histórico de Marx. A súa análise

da sociedade do século XVIII, e dos momentos anteriores á Toma da Bastilla, achégannos ao

concepto central do marxismo para a comprensión da historia: a loita de clases

TEXTO: Karl Marx: 18 Brumario de Napoleón Bonaparte. Fundación Federico Engels P.18

Comentarios persoais:

12ª Parada: HAI QUE TRANSFORMAR O MUNDO. Marx. Siglo XIX d. C

Iria Gümil interpreta para nós a Tese 11 sobre Feuerbach na que Marx aborda a importancia da

acción sobre a reflexión, propoñendo para a Filosofía a tarefa de transformar o mundo. A

verdade non é unicamente unha cuestión teórica, é fundamentalmente unha obrigación práctica.

Para Marx, como o fose para Platón, o coñecedor da Verdade debe usar este coñecemento en

beneficio da sociedade, transformándoa nunha sociedade máis xusta e equitativa. Marx critica

aos filósofos que, como nosa protagonista só pensan sen levar nada á práctica e ve neles un

egocentrismo intelectual que os separa do mundo e pecha á Filosofía dentro das paredes do

edificio do coñecemento e as súas institucións e convérteno nun coñecemento inútil e baleiro.

TEXTO: Karl Marx: Tesis 11 sobre Feuerbach

Comentarios persoais:

Sofía Suárez pola súa parte recrea os elementos fundamentais das teses económicas de Marx no

Prólogo á Contribución da Economía Política: A Inglaterra de finais do século XIX, as

condicións do traballo, as loitas obreiras no seo do Capitalismo e, coma un visionario, predí o

avance do capitalismo sobre a natureza coas columnas de chemineas que sobresaen sobre un

conxunto de casas uniformes, visibles á luz dos farois dun parque ordenado seguindo os criterios

máis racionais.

Comentarios persoais:

13 ª Parada: AS 3 IDADES DO HOME E O VERDADEIRAMENTE HUMANO.

Nietzsche. Século XIX d. C

O estilo Naif do debuxo de Mar Vázquez é en grao sumo apropiado para un dos textos centrais

da Filosofía de Nietzsche. O Ser humano desenvólvese na historia, e tamén quizais na súa vida,

grazas ás súas transformacións. O espírito humano escravo dos seus deberes sociais, relixiosos

morais, representado polo camelo convértese en león fero, liberando os seus instintos naturais e

opoñéndose ao dragón, para finalmente converterse en neno que xoga. Os símbolos están moi

próximos ao texto: a cruz que carga o camelo, excesivamente grande; o dragón, enroscado sobre

se mesmo, remítenos a unha estrutura moral retorta e oposta á evolución; por fin o neno vestido

de superheroe pero cunha cara infantil que lembra ao pequeno príncipe de Exupery tráenos o

amor á vida e o xogo, única verdade do Ser humano. E así, o estilo infantil da viñeta, dá forma á

mensaxe do texto que transmite a necesidade de ser neno, coa liberdade dun neno, os desexos

dun neno e a inocencia dun neno.

Comentarios persoais:

Houbo moitas paradas antes, moitas consideracións sobre o proceso adquisición da

verdade, pero ninguén coma Nietzsche para amosarnos o que verdadeiramente

importa. Se no camiño da verdade abandonamos as emocións, as paixóns, os

sentimentos, por unha racionalidade fría e afastada do natural e da vida, entón non

seremos xa humanos, senón meras máquinas. O riso, é a calidade especificamente

humana, a diversión e o xogo o que nos permiten aprender, por iso pensar que o

coñecemento debe ser algo serio non é mais ca un prexuízo. Nerea Montes elabora de

novo unha analoxía que nos permite ver o importante dos sentimentos para a vida

humana, cunha fábula que non se afasta dos perigos que corre a civilización de hoxe:

un progresivo afastamento do natural a prol do artificial.

Comentarios persoais: