MARGA DO VAL
-
Upload
martires-sobredo -
Category
Documents
-
view
214 -
download
0
description
Transcript of MARGA DO VAL
BOS DÍAS:
FAMILIARES DE JOAQUÍN ESTÉVEZ BESADA,
VENANCIO GONZÁLEZ ROMERO, CANDIDA
RODRÍGUEZ,
BOS DÍAS, FAMILIAS E AMIZADES, COMPAÑEIROS E
CAMPAÑEIRAS QUE HONRADES A MEMORIA
DAQUELAS VECIÑAS E VECIÑOS QUE NOS
PRECEDERON E ESCRIBIRON UNHA PÁXINA
FUNDAMENTAL DA NOSA HISTORIA,
BOS DÍAS CIDADANÍA E GALIZA TODA.
90 ANOS PASARON DO QUE NON FOI UN DÍA
CALQUERA, MARTES, 28 DE NOVEMBRO DE 1922, UN
DÍA E UN LUGAR, SOBREDO, QUE XA TEMOS NA
MEMORIA, POR QUE HOUBO PERSOAS QUE O
GARDARON PARA NOLO transmitir, COMO UN TESOURO:
A DIGNIDADE.
Somos o que somos como pobo por sucesos como o de Sobredo,
mareas de homes e mulleres, convocados polos sinos das igrexas
de Guillarei, Baldráns e Paramos que tocan a arrebato... Mulleres
e homes que abandonan o campo e camiñan desde Pazos de Reis,
San Estevo de Budiño, Ribadelouro, Rebordáns.... parroquias da
contorna, para conformaren unha barricada solidaria que defenda
o dereito á terra que traballan. Por iso estaban aquí. Por iso os
máis de corenta gardas civís, seis deles a cabalo, tamén estaban
aquí. Por iso despois o gobernador, tal e como relata o xornal
Galicia de Vigo, o gobernador no día dos feitos, nun hotel de
Tui, daba a sensación de home satisfeito. Por iso sabían en quen
mallaban, por iso sabían a quen mataban. Sabíano Hai 90 anos,
soubérono despois na terríbel represión iniciada no 36 e tamén o
saben hoxe.
Por iso o pobo garda a memoria, restaura a memoria, aprende da
memoria e actualiza a memoria e sen memoria non somos nada.
Por iso a importancia destas pedras, anacos de nós.
Sobredo ilumina a historia da humanidade. Desculpade agora, se
eu hoxe, tamén 25 de novembro, día contra a violencia de
Xénero, vos leo unha carta que lle escribín a Cándida Rodríguez.
Benquerida Cándida:
Quero imaxinar a túa decisión, muller aínda moza, nai de seis
criaturas, preñada, quero imaxinar o teu paso seguro, cara aquí.
Mans para traballar, corpo para querer e voz para berrar. Cándida
a túa voz, coa de Josefa Alonso Martínez, de Guillarei, ferida
nese martes, coa de tantas outras mulleres tamén estaba aquí.
Difícil é recuperarmos os nomes dos mortos, dos seres
aldraxados, difícil é escribirmos a propia historia, difícil foi o
camiño que nos levou de sermos mulleres a sermos persoas,
cidadanía, por iso Cándida, nai, preñada, muller, nese camiñar até
Sobredo, nese andar firme, contra a historia que non te incluiría,
contra o patriarcado, fuches persoa e escribes historia.
Cándida, 90 anos despois, conseguíronse moitos dereitos para a
cidadanía, a vosa morte non foi en van e supuxo a “redención”
dos foros, a República foi un breve e fermoso tempo de
entusiasmo e realidades, se vivises poderías ter votado, a
educación converteuse nun valor tamén para as mulleres; logo
unha longa ditadura fechounos na escuridade onde outra vez
ameazaba como no teu tempo a política do tricornio e do casco, e
as mulleres volvían ser corpos secuestrados nas casas, visitadoras
de igrexas, eternas menores de idade que pasaban da dependencia
legal do pai ao marido, moitas traballadoras coma ti, non tiñan os
mandos da súa vida. Cándida, unha democracia que chegou
enterrando a memoria, tamén o teu nome, mais un pobo que
restaurou esa memoria, estas pedras, este monumento. Un pobo,
hoxe, século XXI, que ve como vai perdendo os dereitos que
tanto custou conseguir, cunha lei laboral que o escraviza, que
observa atónito como a fantasma de sempre percorre Europa e a
enche de fome. Unha fantasma que nos enche de miseria, que
emprega a miseria como coartada, para ir en contra da sanidade
pública, para ir en contra da educación pública....
Hoxe somos Sobredo, cando nos indignamos pola defensa dos
nosos sectores produtivos, cando observamos a condena da nosa
mocidade a ser man de obra, cerebro, intelixencia, emigrante,
Hoxe toda a terra e dos homes e das mulleres para seren escravos.
Somos Sobredo, temos que ser máis Sobredo, esa barricada
humana en que ti tamén estás, Cándida, diante das casas, desas
persoas que perden o seu dereito constitucional teren unha
vivenda digna e son desafiuzadas, diariamente, diante dos nosos
ollos. Somos Sobredo, diante dos abusos dos bancos, nesta guerra
moderna con moitas mortes anónimas, que está aquí, cando
homes e mulleres, co seu traballo construíron o mundo en que
viven, soñárono mellor e ven roubados os seus aforros con
enganos preferentes. Somos tamén, Sobredo, Cándida, cando con
paso seguro, nai, muller, persoa, berramos contra a violencia de
xénero tolerancia cero, cando nomeamos: Julia, Juventina, Iria e
Marisol, as catro mulleres galegas asasinadas, vítimas da
violencia machista este ano.
Somos Sobredo, Xaquín, Venancio, Cándida, cando
defendemos a dignidade do traballo, o dereito da sanidade
pública e universal, da educación pública, o dereito a vivirmos en
galego e sermos felices aquí. Porque queremos vivir aquí e volver
felices cada ano a Sobredo para iluminar o mundo coa vosa loita
que non foi en van.
Grazas Cándida, pola lección que nos destes, polo teu andar
seguro, por ser unha solidaria cidadá, grazas, polo voso legado de
liberdade.
Marga do Val.