O Pico Sacro - Consellería de Cultura, Educación e ... · catedrático de Arqueoloxía Sagrada no...

40
O Pico Sacro na literatura galega 1 Pico Sacro Roteiro o Pico Sacro na literatura galega Relator: Xosé M. Lobato Martínez Boqueixón, 12 de marzo de 2016

Transcript of O Pico Sacro - Consellería de Cultura, Educación e ... · catedrático de Arqueoloxía Sagrada no...

O Pico Sacro na literatura galega !1

Pico S a c r o

Roteiro o Pico Sacro na literatura galega

Relator: Xosé M. Lobato Martínez

Boqueixón, 12 de marzo de 2016

O Pico Sacro na literatura galega !2

Percorrido

1. Marcial Valladares Núñez

2. Manuel Martínez Murguía

3. Antonio López Ferreiro

4. Manuel Curros Enríquez

5. Manuel García Barros (Ken Keirades)

6. Vicente Risco

7. Florentino López Cuevillas

8. Afonso D. Rodríguez Castelao

9. Leandro Carré Alvarellos

10. Ramón Otero Pedrayo

11. Valentín Paz Andrade

12. Xosé Neira Vilas

13. Manuel María

14. Xosé Fernández Ferreiro

Aula virtual do curso: www.edu.xunta.es/centros/cafi/aulavirtual2/course/view.php?id=670

1 - Marcial Valladares Núñez

O polifacético escritor Marcial Valladares Núñez naceu en Vilancosta, no concello pontevedrés da Estrada, no ano 1821. Cursou Dereito en Santiago de Compostela (licenciaríase en 1844) e exerceu durante uns anos como xurista, chegando a desempeñar o cargo de Xefe Superior da Administración Civil. Porén, a partir de 1866 dedicaríase por completo ás letras desde a súa aldea natal. Escribiu poemas costumistas (deu a coñecer algúns deles no Álbum de la Caridad), foi asiduo colaborador de numerosas publicacións galegas e americanas e investigou as diferentes mostras da nosa literatura popular. Resultado deste interese pola oralidade foron os seus relevantes contributos á Colección de enigmas y adivinanzas e ao volume cuarto da Biblioteca de Tradiciones Populares (Folklore Español), do compostelán Antonio Machado y Álvarez.

Nun momento en que comezan a agromar os primeiros traballos lingüísticos á volta do idioma galego, Valladares publicou o seu Diccionario gallego-castellano (1884), que lle valeu o seu nomeamento como membro da Real Academia Española. Para alén da lexicografía, ocupouse tamén do estudo da nosa lingua, sendo recollidas as súas conclusións en Elementos de gramática gallega, datados en 1892 e editados en 1970. Non obstante, o traballo que máis sona lle concedeu foi a novela Majina ou a filla espúrea. Encabezada polo epígrafe Conto gallego-castellano de miña abó, con data de 1870, Majina é o primeiro testemuño de prosa de ficción da nosa literatura. Apareceu como folletín na revista La Ilustración Gallega y Asturiana durante 1880 e non voltou a ser publicada até 1970, ano en que se dedicou ao estradense o Día das Letras Galegas. O romance, de clara filiación ao costumismo, romantismo e realismo imperantes, mais sen renunciar a certos elementos da nosa narrativa tradicional, desenvólvese arredor da violación dunha muller aristócrata, que ten como resultado o nacemento dunha cativa de pai descoñecido. A evidente simplicidade e maniqueísmo no tratamento do tema, de longa tradición popular, obedece ao idealismo populista que preside a obra.

Faleceu Valladares en 1903, no mesmo lugar en que nacera, deixando un bon número de traballos inéditos, entre eles un Cantigueiro popular confeccionado en 1867 que non se sairía á luz até 1970.

O Pico Sacro na literatura galega !3

Maxina ou a filla espúrea

Primeira novela escrita en lingua galega. 1880

"Corría o ano mil oitocentos sesenta e seis: era unha mañán de maio; empezaba a esclarecer, e ladrando os cans nas eiras, daban a xente que pasaba polas congostras; cantaban xa o millangarrido, a bubela e o cuco nas carballeiras, o merlo e o reiseñor nos salgueirales, o paspallás entre os centeos, e os xílgaros e carrinciños, os chincheiros e siríns desfacíanse nos eidos mirando cada un pra o seu amor, que alí os oviños no níxaro empolaba, e adozando todos en concerto vario, traballos preludio de maternidá. Era o día vintesete, día da romería no Pico Sagro, e subindo a aquela altura de dous mil cento trinta e oi-to pes sobre o nivel do mar, altura onde, según lendas e tradicións do País, habitaron antigos mouros, e dis que algún habita aínda; onde en novecentos catorce fundóu o bispo don Sisnando menesterio de Benitos;onde en mil oitocentos trinta e un o arzobispo compostelano Frei Rafa el Veles mandóu poñer, e en primeiro de novembre daquel ano púxose no curuto mismo unha gran crus de pau pra que os pasaxeiros a adoraran, feita astelas por un raio o sábado de Ramos de mil oitocentos trinta e seis; rubindo por aquel monte de carronchiñas frolidas, queiroas e recentes tomelos, acudían de moitos lados, por diferentes carreiros, devotos que iban a visitar o Santo San Sebastián, algúns asta con ofrendas; todos a rezarlle, a oirlle misas na súa solitaria ermita, único que hoxe se ve alí, pausado como unha pombiña blanca ó pé da cresta.

Tamén escribiu: A fonte do Pico-Sagro

O Pico Sacro na literatura galega !4

2 - Manuel Martínez Murguía

Manuel Antonio Martínez Murguía, o máis destacado impulsor do noso Primeiro Rexurdimento, naceu en Oseiro-Arteixo (A Coruña) no ano de 1833. Transladado coa familia a Compostela, estudou nesta cidade Humanidades e Latín, obtendo o grao de bacharel en filosofía en 1850.

Desde moi novo comezou a colaborar con diversas publicacións e a se relacionar con outros rapaces interesados no futuro do país. Entraría en contacto con Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal e Rosalía de Castro no "Liceo de la Juventud", sociedade en que se forxaría a súa consciencia progresista e a súa inclinación literaria (publicara a súa primeira novela, Desde el cielo, aos dezasete anos), que co tempo deixaría paso á súa verdadeira paixón, o estudo da historia.

En 1853 Murguía instalouse en Madrid, onde publicou varias obras de ficción, o poema "Nena d'as soledades", ensaios de temática galega, o libro escolar La primera luz, etc. Nesta cidade reeencontraríase coa poetisa de Padrón (o coruñés publicaría unha crítica de La Flor, o primeiro poemario de Rosalía) e cinco anos máis tarde Murguía e Rosalía casarían, regresando a Galiza meses despois. O insigne historiador, presentes xunto con Rosalía no Álbum de la Caridad de 1862, foi quen prestou maior apoio á obra literaria da súa dona, de quen chegou a publicar algunha obra case sen o seu consentemento. A relevancia de Murguía no panorama intelectual da segunda metade no século XIX radica no seu intenso labor xornalístico (colaborou en La Oliva, El Miño e La Patria Gallega e dirixiu El Diario de La Coruña e La Ilustración Gallega y Asturiana ) e nas suas investigacións no campo da historiografía, que o consolidaron como unhas dos principais defensores da causa galega. Dedicado fundamentalmente á pesquisa histórica desde 1860, o seu traballo coallaría cinco anos despois na publicación do primeiro tomo da Historia de Galicia, que, combinando o mito celta coa información histórica, contribuíu decisivamente á conformación do espírito galeguista da altura. Un ano máis tarde vía a luz o segundo tomo, precedido dun discurso que vén sendo considerado como a primeira teorización nacionalista galega.

Para alén da Historia de Galicia, na produción do coruñés, toda ela relacionada co país, destacan títulos como Los Precursores (1885),

O Pico Sacro na literatura galega !5

elaborado no ano da morte de Rosalía, Galicia (1888) e un diccionario de escritores galegos que deixou inconcluso. Home de vasta erudición, traballou, ademais de como escritor, como historiador, arquiveiro (foi xefe do Arquivo Xeral do Reino de Galiza e Cronista Oficial do país) e redactor en Madrid, Compostela, A Coruña, Lugo, Vigo e Simancas.

En contacto desde a súa mocidade co provincialismo, Murguía, de ideoloxía romántico-liberal, chegaría a ser co paso do tempo unha figura clave do movemento rexionalista; así, participou nos Xogos Florais de Barcelona de 1890 pronunciando un discurso sobre a historia do rexionalismo galego e, a finais dese ano, foi nomeado presidente da Asociación Rexionalista Galega (ARG), a primeira organización política de signo decididamente galeguista, e director do seu xornal, La Patria Gallega. Nos Xogos Florais de Tui de 1891, organizados pola ARG, faríase reivindicación do uso público do galego, lingua en que Murguía pronunciaría o discurso inaugural.

Tras retirarse do Arquivo da Delegación de Facenda da Coruña en 1905, recebeu de Curros Enríquez e do Centro Galego da Habana a encomenda de organizar a comisión fundadora da Real Academia Galega, da que foi o primeiro presidente (cargo que ostentaría até a súa morte). Desde este momento colaborou en diversos actos en homenaxe a Curros, Rosalía, Pondal, Chané e Fontenla Leal (sobre Curros e Pondal escribiría dous textos en galego, "A Curros" e "Eduardo Pondal e a súa obra"), e el propio recebeu en 1913, co gallo do seu oitenta aniversario, unha grande homenaxe na Coruña. O ilustre intelectual falecería nesta cidade dez anos máis tarde.

Pico Sagro, Pico Sagro Que te consagrou ó bendito Santiago Con seus boys e con seu carro, Líbranos d’este fogo airado: Por la intersección de la Virgen María, Un padre nuestro y un Ave María (MURGUíA, M. M. 1888: 206).

Cuando la tormenta se cierne sobre el valle que se extiende á los pies del monte, envuélvese éste en su manto de nieblas, que al ser rasgadas por el relámpago se ilumina y fulgura de tal manera, que no parece sino que en aquella cumbre tiene asiento material la tempestad, y que allí se forman las lluvias que inundan la campiña y cría el rayo que las hiere. Su especial situación y forma, que hace que se le vea desde largas distancias, aumenta su prestigio, pues las rápidas y grandes tronadas que tan frecuentes son en el valle de la Ulla, se las ve formarse, crecer y estallar con estrépito formidable, y como quien dice, herir la cima y los flancos del monte. ¿Cómo no herir la imaginación del pueblo?” (MURGUíA, M. M. 1888: 207)

O Pico Sacro na literatura galega !6

3 - Antonio López Ferreiro

Antonio López Ferreiro naceu en Compostela en 1837. Foi o mellor novelista do século XIX. Cursou estudos de Filosofía e Letras e Dereito na Universidade Literaria e seguiu a carreira eclesiástica, ordenándose presbítero en 1862, con 25 anos. No ano seguinte real izou o doutoramento en Teoloxía na universidade central, para despois matricularse na Escola Diplomática de Madrid.

En 1866 foi nomeado sacristán maior da igrexa madrileña de San Antonio de los Alemanes, mais presentouse ao concurso de curatos da diócese compostelá e conseguiu o de Santa Eulalia de Vedra. Xa ostentando este cargo redixiu un polémico folleto que lle valería o seu nomeamento como coengo da Catedral de Santiago: "El matrimonio civil en sus relaciones con la religión, la moral y la libertad". Nel refutaba o discurso pronunciado nas Cortes por Montero Ríos en defensa da lei do casamento civil de 1870.

Moi interesado no pasado de Galiza, exerceu durante anos como catedrático de Arqueoloxía Sagrada no Seminario compostelán e realizou un labor destacado na descuberta das reliquias do apóstolo Santiago. As súas inquedanzas históricas levárono a compor máis de cincuenta obras á volta de temas como o Priscilianismo ou os foros galegos, desenvolvendo aínda un intenso labor na revista compostelá Galicia histórica (1901-1903), redixida case integramente por el propio.

A súa paixón pola historia encontrámola reflectida tamén na súa obra literaria (composta polos romances A tecedeira de Bonaval (1894), O castelo de Pambre (1895) e O niño de pombas (1905), ambientadas nos séculos XVI, XIX e XII respectivamente), onde agroman numerosas descricións de monumentos, comentarios históricos, citas de documentos non publicados, etc. Apúntase como finalidade da súa novelística a consolidación, a través da escrita literaria, dun conxunto de valores que servisen como base na construción da consciencia histórica do ser galego.

Faleceu en Vilanova (Vedra) no ano 1910.

O Pico Sacro na literatura galega !7

El Monte-Sacro de Galicia”: “É tamén digno de atención un terraplén de pouco máis de dous metros de alto, sostido pola parte da vertente por unha escarpa formada de pedra e terra que rodea o Pico dende o punto en que se levanta sobre a serra. A este terraplén chámaselle a” horta da raíña Lupa”.

Prestóuselle tamén atención os dous túneles perforados no monte que se coñecen co nome de “buratos dos mouros”. Dun deles dicíase que puido ser parte dunha mina romana.

“Sobre la cima de este pico se disfruta de una de las más bellas vistas que puede ofrecer nuestro país, tan rico en hermosas perspectivas, que remunera bien el cansancio de su agria y difícil subida. Inmenso es el horizonte que desde allí se descubre; grande la variedad de decoraciones que desde allí ostenta la fecunda naturaleza. Por la parte del N.E. se ven paradas las desnudas montañas; pero el espectador no tiene más que volver la espalda y a sus pies descubre el risueño valle del Ulla y el fértil terreno de las parroquias vecinas, cubierto de mieses, ceñido por la carretera, sombreado por pequeños sotos y pinares, y guarnecido de blancas habitaciones; más Introducción 13 adelante la elevada tierra de Tabeirós y más a la derecha el ameno valle del Vea. Por la parte del E. limitan el horizonte las gigantescas y nebulosas moles de las sierras de Campelo, Farelo y Faro; por el O. la plateada superficie del mar. Hacia el N. destacan las elevadas cúpulas de la ciudad vecina; un poco más abajo resalta el rico país de la Amaía” (LÓPEZ FERREIRO, A. 1868 [1960: 207]).

O Pico Sacro na literatura galega !8

4 - Manuel Curros Enríquez

Manuel Curros Enríquez integra, con Rosalía e Pondal, a grande tríada dos clásicos do XIX. Naceu en Celanova, en 1851, de onde fuxiu á idade de quince anos por mor das tensas relacións familiares. Instalouse en Madrid a fins de 1866, cidade en que se fixo bacharel e comezou a carreira de Dereito, ao tempo que se implicaba na vida política e colaboraba na imprensa. Nesta época, tanto a través da súa obra xornalística como da literaria, podemos ver a ideoloxía republicana e progresista de Curros que, como moitos intelectuais da súa época, acreditaba en que o progreso científico, o dereito e a educación traerían a felicidade a todos os homes. O seu ideal de goberno era unha democracia burguesa, laica e progresista, e de aí o seu anticlericalismo, posto que a Igrexa era un dos piares máis fortes de oposición a este sistema. A súa relación neste período coa lingua e a cultura galega era simplemente afectiva, de feito compuxo "A Virxe d'o Cristal", "O gueiteiro" e "Unha boda en Einibó" para as presentar a un concurso por petición da nai. O concurso fallouse en 1877, ano en que Curros se instalaba en Ourense como funcionario na Delegación de Facenda.

Nesta etapa ourensá, o noso poeta poderá aplicar á realidade galega a súa ideoloxía progresista, e este confronto aproximará Curros aos rexionalistas. Aquí compuxo o seu poemario Aires d'a miña terra, que saía do prelo en 1880 e alcanzou inmediatamente un enorme éxito, acrecentado pola denuncia do bispo de Ourense, que solicitaba que fose confiscado e que o incluía no índice de libros prohibidos. Curros foi xulgado e absolto. A obra sería reeditada en 1881 e en 1886 con novas contribucións poéticas.

Cesado no seu posto de Facenda en 1883, Curros volveu instalarse en Madrid. Alí traballou como xornalista, primeiro en El Porvenir e despois en El País, ao tempo que preparaba O divino sainete, que saiu do prelo en 1888. A crítica española recibiu este novo libro con eloxios, mais os amigos rexionalistas de Galiza cubriron a publicación cun veo de silencio. A pesar diso, Curros era un poeta recoñecido e foi coroado en Madrid, en 1893.

Quizá por motivos político, quizá por motivos económicos e profesionais, en 1894 Curros emigrou a Cuba. Alí dirixiu La Tierra Gallega e, cando esta publicación desapareceu, entrou na redacción de El Diario de las Familias, e despois no Diario de la Marina. A súa estancia cubana coincidiu co

O Pico Sacro na literatura galega !9

momento máis activo do movemento independentista, o que o levou a reflectir sobre o imperialismo; de feito, en Cuba espallou os ideais de rexeneración para Galiza e todas as iniciativas culturais: era xa máis rexionalista que republicano.

A clareza e enerxía con que defendía o seu ideario, a súa rebeldía, creáranlle problemas ao longo de toda a súa vida, e a situación volveu repetirse na emigración cubana: fora acollido con entusiasmo e acabou enfrontado con case todo. En 1904 volvía á Coruña, quizá coa intención de ficar. Foi recibido de novo con mostras de entusiasmo, coroado por segunda vez, mais non se lle deron facilidades, nin en Madrid, nin en Galiza, para establecerse. No poema "N'a tumba de Rosalía", Curros deixaba o seu testamento ideolóxico. Regresou a Cuba, onde morreu en 1908.

Aires da miña terra

Dixo verbo máis forte que o profeta Isaías, cando, a prol da verdade, se irmandaba con Cristo: ¡ o mesmo ao Gran Petroso que ás falsas teogonías, ninguén máis rexa lira batel-os se tén visto!

Agóirou para Galiza fulxentes, craros días, nun cumio de un Tabor de libertá ben quisto: ¡cando o Povo Galego, vencendo ás tiranías no Pico Sacro o lábaro ondé por sempre enfisto!

Andacios de inxusticia, trebóns de crúa guerra ao profético bardo desbotaron da Terra: ¡sen doce ollar o Atlante vío en pranto desfeito!...

I-emigrado, afundido n-unha inmenso soidade, soio as ondas dixeron de sen fin a verdade: ¡O seu gran corazón non lle coupo no peito!...

O Pico Sacro na literatura galega !10

5 - Manuel García Barros Ken Keirades

Manuel García Barros naceu en 1876 en Berres (A Estrada), onde transcorreu a súa infancia e parte da mocidade. Realizou os seus estudios de Maxisterio, como alumno libre, na Escola Normal de Santiago de Compostela.

En 1906 saiu á rúa o xornal El Estradense, do que García Barros foi fundador e director. Nos primeiros anos do século foi nomeado vicepresidente da Federación Sindical Agrícola do concello da Estrada e na década de vinte iniciou a súa colaboración no xornal O Emigrado coa sección 'Contiños da terra'. En 1923 conseguiu unha praza oficial como mestre e foi destinado á parroquia de Rubín; uns meses despois asinaba co pseudónimo Ken Keirades os seus artigos anticacicais, que publicou no apartado 'Rexoubas' do Emigrado.

Ao longo da súa vida xornalística foron frecuentes os problemas coa xustiza e determinados sectores da política e da vida social da zona. No ano 36, viuse obrigado a interromper a súa colaboración con O Emigrado, publicación que continuará a se editar nunha liña máis aproximada ao novo réxime político. Alén disto, foi suspendido de emprego e soldo como mestre, e catro anos máis tarde unha orde ministerial arredouno definitivamente do ensino.

A única peza teatral da súa autoría, Carta Da Habana, foi encenada no Nadal de 1926 e, cinco anos despois, publicou Contiños da Terra, texto financiado economicamente polas Sociedades de Emigrados da Estrada en Bos Aires e A Habana. A novela As Aventuras de Alberte Quiñói (concluída en 1942) só vería a luz postumamente, trinta anos após a súa redacción. En 1952 O Centro Cultural do Partido da Estrada sacou á luz a segunda edición de Contiños da Terra, convertida xa nun dos éxitos literarios da época.

Ken Keirades recibiu galardóns en varios certames literarios: así, gañou o certame literario promovido pola Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela, co conto O fubol en Malpocados; o seu cartaz Falemos na nosa fala obtivo o primeiro premio no Certame de Exaltación da Muller Galega, celebrado en Pontevedra en 1929; do mesmo xeito, As Aventuras de Alberte Quiñói recibirían unha mención especial no Certame

O Pico Sacro na literatura galega !11

Literario do Centro Galego de Buenos Aires de 1949. Desde 1957 o escritor estradense foi correspondente da Real Academia Galega.

Manuel García Barros faleceu en 1972. Postumamente foron publicados dous volumes con relatos inéditos do escritor estradense: Enredos (2000), libro que contén unha serie de contos intitulados Fiunchos que o autor escribira coa finalidade de apresentalos nun certame literario en 1952, e Dos Meus Recordos (2001), unha miscelánea autobiográfica.

Unha excursión ó Pico Sagro

Xa contei outra vez como fixemos unha excursión ó Pico Sagro en honor do dibuxante da Raza, o noso Castelao.

Foi o dezanove de Santiago, n-un día morno e apacibre en qu´o paisaxe amostraba agarimosamente os seus encantos co-isa esprendidés e galanura conque sabe facelo o paisaxe galego cando colle os pirmeiros baños da lus acariciante do sol da miñán.

Fomos o Direutor do “Emigrado”, o precurador Castedo, o Doutor Nodar Magán, e mais eu, levando con nosco en crás de fotógrafo ó mestre de Arnois, noso amigo Pedro Brei.

Fomos en auto hastr´ó Vint´é seis, e alí unéusenos o Sr. Sinde, un “americano” rico e enxebre que tolea co-as cousas de Galicia. Dend´alí fomos andando, bordeando a serra, chegando á cima, sin descansar. Xa alí, andivemos mirando o terreno; vimol-as penas de croyo cristalizado; vímol-a estragueira que fan os inxenieiros, ou quen sexa, desfacendo a serra, levando xa esbandallada unha das cristas mais pintorescas, que son a verdadeira gala do Pico; collemol-as rosiñas miudas qu´alí se dán, poñéndoas na solapa; sobimos ó mesmo cume, alguns, tal coma eu, a pé, outros, os mais, a gatas: Sinde, iba detrás pra coller algún que rolase, non sin que levara o seu medo de rolar tamén. Dend´alí vimos, e ademiramos o paisaxe mais espréndido, mais orixinal e mais encantador que se pode ver no mundo. Vímol-a Estrada, e Santiago, e Castrovite, e a Rocha, c´uns prismátecos de Sinde, é uns xemelos que eu levaba. Baixamos do mesmo xeito que subiramos, e fomos ver a famosa cova. Eu entrei todo o adiante que me deixaron os outros, que me berraban que fuxira d´alí. Fomos ver a hermida, sin que viramos o Santo, porque non tiña burato a porta. Brei quitou as vistas qu´aquí vedes, dos sitios qu´ó pé de cada unha s´endica. Fomos ver a fontiña milagreira; mais

O Pico Sacro na literatura galega !12

abaixo, atopamos un preódico francés d´aqueles días, “La Croix”, que recolleu Castelao, pol-o que poidera intresar.

O descenso, fomos á finca versallesca do Sr. Sinde. Alí, debaixo do follaxe, puxémol-a mesa, e comemos do que levábamos e mais o que Sinde lle apegou, que non foi pouco. Brei quitou unha vista do cha é, con todos, da casa e de fora, na escaleira. De volta fomos a San Xuan da Cova a ademirar aquel impoñente desfiladeiro co rio aló nas fonduras. Como vise o pánico que ós outros lles daban as alturas, púdenme dar de home, saltando pol-os riscos coma un cabuxo.

Decía, no “Emigrado”, que sentía eu non ter xeito de contar as anéudotas que nos contou o sempre saladísemo Castelao en todo o tempo, prometendo contal-as se a ocaseón se me presentaba. Ahí vai algunha pra cumprir a palabra:

-Aquí, -díxonos Sinde, pol-as faldras do Pico arriba- andaban n-unha ocaseón, dous rapaces co-as ovellas. Cada un levara o seu atadallo, e un pouco pan, que deixaron pendurados d´un carballo aló abaixo, pois aquí non tiñan onde. Atoparon por alí tirado un cacharro, e ocurréuselles muxir unha cabra n´el e facer unha merendola, co pan que tiñan. A coller un pouco foi un d´eles, e non querendo levar do seu nin atreverse a levar do outro, berroulle ó d´arriba:

-¡Fulano! ¿de qué pan levo?

E respondeulle o outro:

-¡Non se ói co vento!

-¡Que de que pan léééévo!

-¡Non se ói co vento! ¡Trai do téééu!!

As de Castelao, son dous éisitos retundos que tivo alá nos seus comenzos, un como médico e outro como dibuxante.

E sabido que Castelao, anque é médico, non exerce a medicina. Así e todo, n-unha ocaseón, chegoulle unha muller a casa toda apurada:

-Veño de parte da señora Antonia, que faga o favor de chegarse alí, que tén o rapás tan maliño, que seica lle morre.

-Pero, muller, eu…

-¡Veña por Dios, señor, qu´aquela muller desfaise.

O Pico Sacro na literatura galega !13

A nai do artista, animóuno:

-Vai, home, vai e dille o qu´entendas. N´un caso apurado calquera o fai.

E alá se foi Castelao todo preocupado co que podería facerlle.

Inda bén non chegóu, bótaselle a nai ós pés :

-¡Ay, don Alfonsiño, que me morre o neno, e mandeino chamar pra que me faga un retratiño d´él, que non lle me queda ningún!!…

O outro éisito:

A casa do noso dibuxante, chegou unha veciña sua, empeñada en que lle había de facer o retrato d´un neto que lle morrera, o cal había que quital-o d´un grupo esfumado do que apenas se vían as sombras.

Castelao, expúxolle a imposibilidade de facer o que pedía, pero ela insisteu:

-¡E se osté quere, faino! Mire: eu lle direi: eralle así un pouco sobre o moreno, a narís un pouco aquelada, ¿sabe? un mirar que namoraba ¡ay! ¡meu anxeliño! Éralle bunito coma unha rosa.

E tanto fixo e supricou que Castelao non tivo outro romedio que poñerse a obra, saira o que saise.

Xa feito, chamou a veciña, e pra darlle ó auto certa solennidade, tapouno c´unha cortina que correu tan pronto ela chegou.

O vel-o a boa da muller, bótase a él a bical-o frenétecamente, escramando:

-¡Ay, meu netiño! ¡Ay, meu netiño da y-alma! ¡Ay, meu netiño… que non te pareces en nada!

E ahí tendes, pouco mais ou menos, como foi a nosa escursión. Quedádevos con Dios, e pedídelle, que se tén a ben, tolla a todos aquiles que intenten o sacrilexio de meterlle a picota ás penas sacras do Pico, ó relicario mais ergueito de Galicia, de Galicia a nosa Patrea, a nosa Patrea verdadeira.

Mes de Santiago do ano MXMXX

El Emigardo, 7 de agosto de 1924

O Pico Sacro na literatura galega !14

6 - Vicente Risco

Vicente María Agustín Gerónimo Martínez Risco e Agüero naceu en Ourense, en 1884. Licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago en 1906, tras o cal exerceu a súa profesión na delegación de Facenda da súa vila natal, mais deixou este traballo para cursar os estudos de Maxisterio en Madrid, con que obtivo a cátedra de Historia na Escola Normal de Ourense en 1916.

En 1917 fundou con Arturo Noguerol a revista literaria La Centuria, que abriu unha etapa marcada polo aristocratismo intelectual, a percepción decadentista da modernidade europea e un enorme interese orientalista. En 1918 todo o grupo de La Centuria manifestou o seu compromiso co galeguismo contactando, a través de Antón Losada Diéguez, coas Irmandades da Fala. Esta evolución ideolóxica ficou plasmada no ensaio Nós, os inadaptados (1933).

Risco desenvolveu un labor fundamental a prol da recuperación e dignificación da cultura galega, preocupación que o levou a atender a múltiples frontes, desde aconsellar e guiar a nova xeración até se transformar no ideólogo do nacionalismo co ensaio Teoría do nacionalismo galego. Foi fundador da revista Nós e colaborou no Seminario de Estudos Galegos. No campo político consolidou desde moi cedo o seu peso nas Irmandades, e conseguiu a súa desmembración creando a Irmandade Nazonalista Galega, de opción culturalista fronte ás aspiracións políticas da vella Irmandade da Fala.

Iniciou a súa andaina como narrador no ámbito da novela curta (Do caso que lle aconteceu ó doutor Alveiros, 1919; O lobo da xente, 1925,...) para seguir cunha novela fundamental na literatura galega, O porco de pé (1928). Mais tamén cultivou todos os outros xéneros: teatro, poesía e, sobre todo, o ensaio. En 1930 Risco realizou unha viaxe como bolseiro co fin de se achegar á etnografía centroeuropea. De regreso publicou "Da Alemaña" na revista Nós, un conxunto de artigos que serán compilados posteriormente en Mittleleuropa (1934), onde se pode apreciar a súa postura ideolóxica, cada vez máis tradicionalista.

A súa aportación máis destacada dentro do Partido Galeguista foi a creación e posterior escisión da Dereita Galeguista. Durante a guerra foi un afervoado cantor dos fascistas sublevados. En 1945 marchou a Madrid, mais

O Pico Sacro na literatura galega !15

voltou definitivamente para Ourense en 1948. Son anos en que Risco está centrado na súa carreira como escritor español. De todos os xeitos, a instancias dos seus vellos camaradas, baixo o título de Leria, publicou en 1961 unha escolma de traballos filosóficos, críticos e literarios, redixidos na nosa lingua entre 1920 e 1955.

Tras a súa morte, acaecida en 1963, a multifacetada e controvertida personalidade de Vicente Risco continuou a exercer unha forte fascinación, e a súa obra investigadora, ensaística, crítica, etnográfica e literaria foi obxecto de numerosos estudos.

Nós, nº 34

Non hai dúbida que o Pico Sagro é un dos lugares máis cheos de misterio que hai na nosa Terra. O máis seguro é que sea o Mons Sacer de Justino, protexido de profanaciós por un tabú qu’ ainda somella qu’ o arrodeia hoxe (...). Todo lugar ond’ o misterio se manifesta, é sen dúbida unha fenestra aberta sobr’ o outro mundo; mais o que sea precisamente a porta d’ il é o que nno podo enxergar craramente, visto sobre todo, que eiquí non coñezo leenda ningunha na qu’iste feito apareza. En troques, na Bretaña, atopa a do Yeun Elez, nunha turbeira ó pé do Mont Saint-Michel, ond’ hai un burato fondo, polo que se oyen berrar os condenados. Non se pode negar que hai certas coincidenzas leendarias antr’ o Mont Saint-Michel e o Pico Sagro; mais se cadra esta é unha das cousas nas que se non imitan”

Dos estudos feitos deica hoxe, sacase que os galegos veneraban os montes, fontes , ríos e arbres . Xustino fala do mons sacer posiblemente o Pico Sacro  no que estaba prohibido andar furgando con instrumentos de ferro, podendose somentes apañá- lo ouro, de que estaba cheo , cando caía unha chispa e o sacaba afora. As fontes foron consagradas no tempo dos románs con adicación ás Ninfas, proba dun culto anterior moi entorgado.

RESTOS DE CULTOS PAGÁNS Culto dos montes, e dos penedos. O máis soado é o Pico Sagro, entre o Ulla e Santiago. Xa veremos como na epopeia xacobea aparez alí un gran dragón ou serpente. Cando a doenza chamada fogo de San Antón inzou en Galiza, os doentes iban ó Pico Sagro, puñan unha ofrenda de pan na herba, e facían a seguinte invocación, que se supón ser do século XIII: Pico Sagro, Pico Sagro, que te consagrou o bendito Santiago, librame deste fogo airado, pola intercesión de la Virgen

O Pico Sacro na literatura galega !16

María, un Padrenuestro e un Avemaría ou sinxelamente: Pico Sagro, Pico Sagro, saname do mal que eu traigo.

Grande importancia teñen en Bouzas, Vigo, Cambados, Monforte de Lemos, Viveiro e outros puntos. Polo regular, San Roque anda asociado San Sebastián, como il avogoso da peste . Póñe- nos no mesmo altar, sáca- nos ós dous en procesión e adicanlles as mesmas festas. Mais nalgures San Sebastián recibe culto independente. ten capela no Pico Sagro. No Castro de Caldelas fan na víspora unha procesión con fachós acesos. En Ribadeu, por voto feito nunha peste, iban os veciños en rogativa cantando a ladaíña dos santos e levando nas mans calquera imaxe moneca , retrato ou estampo.

Ananías de que o demo garda con moita vixianza os tesouros ocultos porque os ten reservados pró Antecristo a quen os ha entregar pra atinguir o séquito dos homes e tragué-los á apostasía. Na tradición popular galega non temos atopado deica agora esta creencia. Cita tamén o caso da baixada dalgunhas persoas á cova do Pico Sagro, onde dixeron ter atopado un ídolo de ouro gardado por xigantes. Naturalmente, o P . Feixoo dá ó mito dos tesouros unha orixe clásica.

A serpe aparez nas historias haxiográficas, nas lendas recollidas nos nobiliarios, nas lendas dos castros, nas dos tesouros e nas dos seres encantados. Das primeiras, a máis soada é a serpe ou dragón - que se confunden a cotío - do Pico Sagro, que gardaba a cova daquil monte e puña medo a todos. Os discípulos de Santiago, cando levaban o santo corpo do Apóstol, mataron a serpe facendolle o signo da cruz.

Tamén a do Barón de Rosmithal, a quen amostraron no PicoSagro unha cova que foi achego do Apóstol, na cual o que entraba, obtiña o perdón dos seus pecados. E a tradición recollida por Doña Carolina Michaelis de que en Compostela hai un burato por onde hai que pasar por forza, en morte cando non en vida. Cecais algús dos buratos que abriu nas penas o Santo Apóstol petando nelas.

O Pico Sacro na literatura galega !17

7 - Florentino López Cuevillas

Florentino López Alonso-Cuevillas naceu en Ourense en 1886. Estudou o Bacharelato na súa vila natal, tras o cal se instalou en Compostela para cursar Farmacia. Despois de se licenciar en 1906, transladouse a Madrid para facer Filosofía e Letras, mais non chegou a finalizar a carreira. Sen nunca ter exercido como farmacéutico, Cuevillas entrou a traballar como funcionario na delegación ourensá da Facenda Pública, posto en que permanecería até o retiro.

A traxectoria de Cuevillas desenvolveuse paralelamente á dos seus compañeiros no chamado "cenáculo ourensán". As súas primeiras mostras literarias foron colaboracións (en español) en distintas publicacións periódicas de ámbito local como a revista neosófica La Centuria. Mais o ingreso nas Irmandades da Fala por volta de 1918 determinou unha mudanza radical no rumo destes mozos ourensáns, que pasarían a militar nas fileiras do galeguismo. Así, Cuevillas participou no nacimento da revista Nós en 1920, onde deu a coñecer moitos dos seus textos. Entre eles resulta especialmente significativo "Dos nosos tempos" (aparecido no primeiro número), onde se dá conta da evolución do colectivo dos "inadaptados". Catro anos máis tarde, o ourensán sumouse a un novo proxecto, o Seminario de Estudos Galegos, que xurdira un ano antes. Nesta institución Cuevillas fíxose cargo, como director, da sección de Prehistoria, fornecéndoa de valiosísimas investigacións até a sublevación militar de 1936, que paralizaría toda a actividade galeguista.

Tras a guerra o ourensán continuou a publicar os resultados de diferentes pesquisas sobre a nosa prehistoria (La civilización céltica en Galicia, de 1953, unha actualización de "A Edade do Ferro na Galiza"), aínda que unha doenza dificultaría en grande medida a realización de excavacións. Dedicouse especialmente á análise da cultura castrexa a partir dos restos arqueolóxicos e dos documentos de historiadores e xeógrafos grecolatinos. En contraste co talante predominantemente creador dos seus compañeiros de xeración, Cuevillas distinguiuse por unha produción eminentemente científica. Porén, o seu cultivo da prosa e do ensaio literarios sitúano entre os protagonistas do desenvolvimento das letras galegas. Baixo o título de Prosas galegas a Editorial Galaxia compilaría postumamente (1962) un conxunto de textos literarios, ensaios de carácter científico e divulgativo, textos arqueolóxicos e semblanzas de escritores redixidos polo autor.

O Pico Sacro na literatura galega !18

Cuevillas faleceu en Ourense en 1958, dous anos despois de se retirar. Considerado o pai dos estudos prehistóricos de Galiza, foi da súa autoría o apartado de "Prehistoria" da Historia de Galiza (1973), dirixida por Otero Pedrayo.

Maxina ou a filla espúrea

Pasalle ó Coto de Nouvelle o que lle pasa ó Pico Sagro, un dos montes máis ilustres do noso país, i é que se ve dende moi lonxe e dende moitas partes, pese ó modesto das alturas.

Sin seren grandes, sin asentarense en podentes serras, teñen os dous maxestade e solenidade; e cando a cabeza do Novelle velase con branca néboa, diríase que aquelo é o fume dun sacrificio, e que os árbores e as cepas que ruben polas ladeiras, que gabean polos socalcos e que se estarrican polas veigas, están alí pra tomaren parte nunha festa de sangue e de lume, celebrada en honra dun numen pagán.

Os deuses galegos dos cumes. O Pico Sagro tiña o seu deus, un deus tempestario, dono do raio e do ouro, do que sabemos por un escritor román arranxador das historias dun escritor celta.

Por varios epígrafes temos coñecencia doutros deuses dos cumes, que andan esparexidos dende Trás os Montes deica as Asturias, e que as máis das veces alcontranse identificados con Xúpiter.

O Pico Sacro na literatura galega !19

8 - Afonso D. Rodríguez Castelao

Afonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao é a figura máis relevante da Historia da Galiza do s. XX. Naceu en 1886 en Rianxo e, con once anos, tería de sair da súa vila para coñecer de perto o mundo da emigración na Pampa arxentina. De regreso a Galiza, concluíu o Bacharelato e iniciou os estudos de Medicina (1903-1909). Nesta altura encontramos un Castelao moi dinámico, participando nalgúns episodios teatrais, pintando caricaturas e asistindo á tertulia do Café Colón.

En 1910 comezou a traballar como médico rural na súa vila, mergullándose na política local. Mais a profesión médica non conseguiu satisfacelo e unha crise de cegueira en 1914 precipitou o seu afastamento da Medicina. Pronunciou unha serie de conferencias como artista plástico. Concursou para entrar no Instituto Xeográfico e Estatístico de Pontevedra e gañou en 1916 unha praza de funcionario. Desde o ano seguinte, alternaría o novo traballo co de profesor auxiliar de debuxo no Instituto Xeral e Técnico da cidade. Nesta altura Castelao é xa un artista recoñecido e o seu labor está centrado no mundo das artes plásticas: exposicións (estampas Nós) e conferencias ("Algo acerca da caricatura"). Mais tamén son anos de reflexión sobre as relacións entre a Arte e a Terra, reflexións que exporá na conferencia Arte e Galeguismo (1919) e que coallarán definitivamente despois da viaxe que, en 1921, realiza por Europa (Diarios de Arte). A partir deste momento, a plástica facilitará a entrada da literatura: Cousas da vida (1922), Cousas (1929), Os dous de sempre (1934), Retrincos (1934). No ámbito persoal, sofre a perda do fillo e o agravamento da súa doenza ocular. Nestas circunstancias marchou para a Bretaña, onde comezou As cruces de pedra na Bretaña, dada a coñecer en 1930.

Coa chegada da República e a fundación do Partido Galeguista, sumarase ao Castelao artista o Castelao político. En 1931 foi elixido deputado por Pontevedra nas Cortes Constituíntes e defendeu en Madrid iniciativas do programa galeguista. A finais dese ano 1931 Castelao contribuíu con numerosos mitins por todo o país á unificación e consolidación do noso nacionalismo. Porén, en 1934 foi desterrado a Badaxoz, onde comezará a redixir o Sempre en Galiza. Por fin o rianxeiro regresa a Pontevedra. Convocadas eleccións en 1936, consegue o escano con maior número de sufraxios da provincia pontevedresa. Nos anos da guerra comprometeuse enteiramente coa defensa da legalidade republicana. É a época dunha maior radicalización do antifascismo e do sentimento patriótico en Castelao, que se reflicte nos álbums de guerra (Galiza Mártir, Atila en Galiza, Milicianos), de grande difusión internacional.

Símbolo do nacionalismo galego, desenvolveu unha actividade continua no exilio. Tras unha etapa de grande expectativa, iniciada co seu nomeamento en 1946 como ministro en representación dos partidos antifascistas galegos, entrou nun período de enorme desencanto que non superaría durante a súa permanencia en París en exercicio do novo cargo. No ano 1949 detectóuselle un cancro no pulmón

O Pico Sacro na literatura galega !20

que o afastou da vida pública. En 1950, ano en que se disolve o Partido Galeguista, falece en Bos Aires.

Alba de groria (1948)

Visita o Pico Sagro en 1924, acompañado dunha comitiva na que estaba García Barros (Ken Keirades). En 1948 en Alba de Groria, menciona o Pico como a gran ara e referencia da nosa terra.

Miñas donas e meus señores: SI NO ABRANTE d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías de Pontevedra, oureladas de piñeraes; dende as serras nutricias do Miño o a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas d-entrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria. O día de festa comenza en Sant-Iago. A torre do reló tanxe o seu grave sino de bronce para anunciar un novo día, e de seguida comeza unha muiñeira de campás, repinicada nas torres do Obradoiro, que se comunica a todol-os campanarios da cibdade. Pero hoxe as campás de Compostela anuncian algo máis que unha festa litúrxica no interior da Catedral, con dinidades mitradas e ornamentos maravillosos, de brocados e ouros, con chirimías e botafumeiro, capaz de dar envexa á mesma Basílica de Roma. Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica, filla, tal vez, d-un culto panteista, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra nai, alzada simbólicamente no Pico Sagro; por cobertura o fanal inmenso do universo; e por lámpara votiva, o sol ardente de xullo, o sol que madura o pan e o viño eucarísticos. Por eso a muiñeira de campás, iniciada en Compostela, vai rolando por toda Galiza, de val en val e de coto en coto, dende os campanarios pimpantes da veiramar até as homildes espadañas da montaña. E o badaleo rítmico das campás -de todal-as campás de Galiza en leda algarabía- semella o troupeleo dos cabalos astrales, que veñen pol-a vouta celeste, turrando co carro de Apolo, que trai luz e calor ao mundo en sombras. Hoxe é o Día de Galiza, e así comenza.

O Pico Sacro na literatura galega !21

9 - Leandro Carré Alvarellos

Leandro Carré Alvarellos naceu na Coruña en 1888. Era fillo do editor Uxío Carré, en cuxa libraría se celebraba a tertulia chamada Cova Céltica. Aínda que conservou o interese paterno pola cultura e a lingua galegas (deu ao prelo Compendio de Gramática galega, 1919, e os dous volumes do Diccionario gallego-castellano, de 1928 e 1931), Leandro destacou pola súa dedicación ao teatro. Cultivou así mesmo o xénero narrativo, publicando Contos e diálogos (1918), Amor malfadado (1918), Nos picoutos de Antoín (1955) e varias novelas.

Vinculado ás Irmandades da Fala desde a súa creación, o seu papel cobrou protagonismo cando Antón Vilar Ponte abandonou a agrupación da Coruña. Transformou entón o Cadro de Declamación da Irmandade en Escola Dramática Galega, agrupación dirixida por el propio en que desenvolveu tarefas de encenador, escenógrafo e formador de intérpretes.

Son moitos os textos teatrais de Leandro Carré que continúan inéditos. Entre os que viron a luz figuran Tolerías (1917), Pra vivir ben de casados (1918), O corazón dun pedáneo (1921), Coa máscara do amor (1955) e os diálogos dramáticos recollidos en Contos e diálogos. Mais aínda comporía cadros líricos para o coro coruñés "Cántigas da Terra", do que foi director artístico.

En 1924 fundou na Coruña a Editorial Lar (que tamén dirixiría), plataforma que publicou durante catro anos a colección do mesmo nome. Entre os títulos editados (ademais das novelas asinadas por el propio) figuran obras de Otero, Risco, Lesta Meis, Cabanillas, Vilar Ponte e Cotarelo.

Durante a ditadura franquista, Carré (que ingresou na Real Academia Galega en 1945) dirixiu a sección galega de "Artes e Letras" da revista bracarense 4 Ventos, levou a cabo un labor de recollida de literatura popular, publicou ensaios sobre a nosa l iteratura e colaborou frecuentemente nos xornais coruñeses, no empeño de que non se esquecese o realizado no campo teatral durante aqueles anos das Irmandades.

A mesma cidade que o vira nacer foi testemuña do seu falecemento en 1976.

O Pico Sacro na literatura galega !22

Una velliña moi vella de San Lourenzo da Granxa, contoume que, según tiña ouvido â sua avó, certa mociña da sua parroquia disparecera unha vez; e seique, por alguén que a vira entre lusco e fusco falando na corredoira c’un señor, sospeiteron se sería o Encanto do Pico Sagro, e que a levaría para o seu medoñento pazo. Pasóu moito tempo sen que ninguén a vira nen cousa soubera d’ela, hastra que ao cabo de mais de cincuenta anos aparesceu no rueiro moi avellentada, côs cabelos brancos, as faceiras asucadas pol-as cavadas rugas, e os olliños cegos. Conoceuse quen era porque ela preguntaba a toda a xente pol-a nai d’ela, que xa tiña morto había moito tempo. E contaba a probiña en como o señor que falara con ela sendo moza, que lle dixo que fora con ele que iba ser como unha reiña, e que tería fermosos vestidos e ricas arracadas e colares, e adrezos, e outras xoias de ouro e pedras coruscantes de moitas côres; e que habería de sere servida por criadas; e como ela decíalle que non quería ire, que lle deu a bebere un viño que era millor que o tostado. E como despois que bebeu aquel viño que adormecéu; e cando acordóu atopouse nun sobrado moi lindo, cheo de espellos pol-as paredes con marcos dourados, e grandes cortinados, e ricas mesas e cadeiras; e que nunha mesa cuberta c’un mantel branquísimo broslado de frores e paxaros de moitas côres, déronlle manxares que moito sabían, e viños doces e gorentosos e lambetas que endexamais na sua vida tiña catado nen maxinara que poidera catare. Foi unha vida de pracer e d’encantamento; e así antre festas xantares gostosos, e cantares e músicas e bailes, esqueceuse logo dos pais, da aldea, e de toda a súa vida devanceira... Hastra que, pasados algúns meses, paríu un meniño mouro coma un boi mouro. E aquelo deulle moita pena de ver que tiña un fillo de moura ralea; e daquela entroulle a morriña. Mas, o señor do pazo onde s’atopaba, díxolle poucos días despois, cando podía reacendere a sua vida: – Pasouche o que che pasou porque fuches desleigada para min, e te entendiches c’un dos meus criados; así d’agora en diante deixarás de ser a miña dona para seres escrava de todol-os que moramos neste pazo; e pra todos traballarás, e servirás a todos sen te queixares, pois que pol-o teu pouco siso te perdiches. E daquela a rapaza choróu os sete chorares e pedíulle ao señor Encanto que se amerceara d’ela, pois que non sabía cómo lle pasara nen que poidera terlle acontecido para que lle tal cousa pasara como lle pasou. Só se lle deran un bebedizo pra faceren pouco dela. Mais nada lle valéu, e tivo que comprire o castigo que lle fora imposto. E de tantos traballos e de tantos acedumes, e de tantos choros que choraba de cote, foise avellentando e perdendo a vista dos seus ollos, hastra dar â parroquia de onde tantos anos había que a levaran.

Na torre que en tempos moi recuados había no monte chamado Pico Sagro, quen pasar perto dela pol-a noite, podería escoitar os laios e

O Pico Sacro na literatura galega !23

queixumes d’unha dona alí encantada por un xigante, e ben gardada sen que ninguén poidera achegarse a ela. Algúns que o tentaron con ardimento, ficaron mortos; e alí están os esqueletes deles pendurados á entrada do puzo soterraño. Dous xigantes de ferro que se moven por un enxeño das portas cando alguén tentar abrilas, deixan caír os seus pesados martelos que teñen collidos a duas mans e machucan as testas dos atrevidos. E se eso non abondare disque tras das portas fan garda uns feros leóns que os esnaquizarían a zoupazos e chantadas se por acaso poideran saír con vida do primeiro enxeño. O xigante do pazo é un xentil (pagano, idólatra, mago, brujo) que por arte de magancía derrubóu as paredes do castelo e fixo coas pedras delas, e mais coas penedías que d’arredor había, grandes moreas que, encobriron a porta do pazo onde ten a sua morada.

Disque os froitos que habían coller os labregos van todos parar ás grandes tullas e celeiros do pazo do Pico Sagro, xa que ninguén sabe onde está porque as penedas encóbreno dende hai moitísimos anos; tantos que xa ningún vello recorda. Mas, malia deso, non hai solteira que se afoute a pasar ao noitecer por onde o carballo das Cambas, pois, inda encomendándose a San Lourenzo, padroeiro da parroquia, corre o risco de sere levada polos remoiños do vento hastra o sobrado do pazo do Pico Sagro, da mesma maneira que vai o pan das leiras en vísporas de seitura. (CARRÉ, L., s.a. [1969]: 120-121)

Que na loita caeron; ordena o visigodo, pra domeñá- lo reino, arrebatarlle a vida como usurpara o cetro, a tan infortunado intrépido guerreiro; mandando por aldraxe e prático escarmento: cargá-lo de cadeas, e de grillóns de ferro, e cal se for escravo cortarenlle o cabelo.

No magno Pico Sacro, para as coroas tempro onde foran unxidos os reises deste reino, baixo o dosel subrime da inmensidá dos ceos, as hostes visigodas dispoñen o tormento.

Do máis irto picouto, o pobre prisoeiro, despois de mil aldraxes infames e noxentos; aqueles desalmados innobres e groseiros, do precipicio o lanzan enriba dos penedos.

O Pico Sacro na literatura galega !24

10 - Ramón Otero Pedrayo

Don Ramón Otero Pedrayo naceu en 1888 en Ourense, no seo dunha familia f i d a l g a , c u l t a e l i b e r a l . C u r s o u o Bacharelato en Ourense e a licenciatura en Dereito e Filosofía e Letras en Madrid. De volta á súa cidade natal pasou a ser unha das figuras máis dinámicas do ambiente cultural do Ateneo, xunto con Vicente Risco, Florentino Cuevillas e Primitivo Rodríguez Sanjurjo. Con este grupo, completamente desligado da cultura e política galegas, Otero dará os seus pr imeiros pasos na l i teratura, intervindo na redacción da revista La Centuria (1917-1918).

Pouco despois, a instancias de Antón Losada Diéguez, o grupo tomaba consciencia da problemática do país e ingresaba nas fileiras do galeguismo. En 1919, Otero gañou as oposicións a cátedras de ensino medio e axiña foi destinado ao Instituto de Ourense. A partir de agora vai dedicarse ao cultivo das nosas letras nos ámbitos máis diversos, distinguíndose como un dos máis insignes polígrafos galegos. Colabora en diferentes xornais e revistas, desenvolve unha intensa actividade na sección de Xeografía e Historia do Seminario de Estudos Galegos e principia o seu labor como escritor. A súa primeira obra narrativa foi a novela curta Pantelas, home libre (1925), á que seguirán Os camiños da vida, Arredor de sí, A romaría de Xelmirez... Tamén cultivou Otero o relato breve e o ensaio, fundamentalmente de carácter histórico, xeográfico e literario, ao tempo que se revelaba como orador de extraordinarias cualidades, espontáneo e exuberante.

Participa na fundación do Partido Galeguista e sae elixido, en 1931, deputado das Cortes Constituíntes. No seo do Partido, Otero situábase ideoloxicamente no bando conservador, mais acatou a decisión da maioría cando esta optou pola integración na Frente Popular. Ao comezar a guerra civil, a pesar do seu talante conservador e relixioso, Otero foi expedientado, cesado como catedrático de instituto e retirouse á casa familiar de Trasalba. Desde alí colaborou puntualmente na prensa americana, en publicacións

O Pico Sacro na literatura galega !25

madrileñas e catalanas e, xa a mediados da década de corenta, con maior asiduidade en diferentes xornais galegos.

En 1949 foi restituído na súa cátedra de Instituto e no ano seguinte gañou a cátedra de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Participou tamén na fundación da Editorial Galaxia, para a que entregará a colección de relatos Entre a vendima e a castiñeira e numerosos traballos que foron publicados na revista Grial.

Na capital galega vai morar ata 1958, etapa na que servirá de guía á mocidade galeguista que está a xurdir nos ambientes universitarios e contribuirá á súa vertebración. No momento do seu falecemento, en 1976, era considerado unanimemente o patriarca das letras galegas, creador dunha vasta e plural obra literaria e ensaística, e un grande exemplo da resistencia galeguista na longa etapa da ditadura. Home dunha vastísima cultura, Ramón Otero Pedrayo integra, con Risco, Castelao e Losada Diéguez, o denominado Grupo Nós.

Xosé Cabada Vázquez

Naceu no lugar de Barro, da parroquia de San Xurxo de Codeseda (A Estrada) . No ano 1918 comeza os estudos no seminario de Santiago de Compostela, cidade onde fará os estudos de Humanidades e Filosofia, ata rematar o primeiro curso de Teoloxía. Asiste á V e a VI asemblea das Irmandades da Fala e tamén foi socio do "Seminario de Estudos galegos”.

Traballou como profesor auxiliar na Universidade Pontificia de Santiago, en Vigo e fora de Galicia en Valladolid e Jaén. No ano 1931 foi nomeado vocal do comité provisional da “Agrupación Nazonalista” de Santiago. Part ic ipa na asamblea fundacional do"Part ido Galeguista" en Pontevedra. Cabada Vázquez faleceu en Linares (Jaén) no ano 1936 e as súas cinzas foron trasladadas á súa parroquia natal de Codeseda no ano 1962.

No ano 2001 o Exmo. Concello da Estrada adicou o ano cultural na lembranza da súa figura.

O Pico Sacro na literatura galega !26

No ano 1923 comeza a escribir os seus primeiros poemas: Na tumba de Murguía e Na fala gallega.

Comeza tamén a participar no periódico estradense “El Emigrado” e “ El Estradense”

As súas obras poéticas veranse recopiladas no seu libro Vagalumes (Seminario Central de Santiago de Compostela 1931)

Andrea Pérez Luengos

Na morte de Xosé Cabada Vázquez

Terra nai, niño amante, doce acougo as cinzas do poeta pousan na túa quentura garimosa non lonxe do val vougo onde foi volvoreta súa tenra edá naipela e señardosa.

O esprito alba fariña do petrucio muíño, xentil laio do Umia ventureiro, frol do ceo e do liño, namoro de mociño de ledo matinar alboradeiro, revóa nas outonizas carballeiras, xoga nos vagos fumes de Tabeirós fidalgo e campesío.

E si a mañán nas leiras e nas valentes cumes tolle a neboeira e o abrente lucidío, véde do poeta as íntimas lembranzas dos mortos benamados e a lareira esquecida.

E a ben tecida espranza dos días asoellados para a Nosa Terra ergueita e benquerida.

No latexar das torres de Sant Iago profeso na Galiza e a lingua feiticeira

O Pico Sacro na literatura galega !27

afundiume a sulago na foula de lediza da tradición amiga e miragreira.

Chantemos baixo a Crus, a “vita et via”, verdecente loureiro fillo do agasallado pola tremente man de Rosalía.

E para sempre na vila e no rueiro nos pozos alteirosos

se fale, e no camiño.

Foi un poeta senlleiro dos bos e xenerosos. Pra il no seixo cristaíño do Pico faíscan lumes gabanciosos.

Devalar

Nos amores de Compostela preside a luz alboreira do Pico Sacro.

Compostela latexa, Compostela admira, Compostela viaxa perturbada no vento e na procura do Pico, cando todos os seus namorados pechan a súa paixón axeonllados fronte á luz alboradeira de croio branco, este especial croio, nas noites estrelecidas preside e irradia vitalidade dende o cumio que instigou a creación da cidade eterna.

Visita

Visitou o Pico en xullo de 1926, con Vicente Risco, Antón Sánchez, Xabier Prado Lameiro, Florentino Cuevillas e Alfonso V. Monjardín.

Dous días dacabalo cruzando chairas e lombos de monte cobertos d 'uz e esmaltados polas doorosas froliñas do outono, terras ditosas de montana

O Pico Sacro na literatura galega !28

farta, de parroquias vastas, orgulosas dos seus campos de valentes carballas, val ullán fidalgo xardín por onde se paseia a modiño a sombra d ' alcipreste do Pico Sacro. Cando chegou a vé-lo de preto ó Paio decorreulle pola ialma unha nube.

Fuxiu aquila ceibe lediza do camiñar, d 'ollar cousas novas, de s 'intresar polos fumes dos logares.

Os piñeirás da encosta do Ulla, recurtanse os cotos e lombos da rexión intremedia, espallase a gandra de Meire e o campo de Melide e vese ós nosos pés as zonas sub- montanas. Polo W. as formas montesías achegadas non deixan un hourizonte tan Esteso. Son os cotos e os lombos que guían as augas ó Iso, mais o Pico Sagro loce senlleiro ordeando a confusa topografía de formas pouco acusadas. Xa o dí a frase do pobo, sinalando as ergueitas cumes que ordean o hourizonte: Faro, Farelo, Pico Sagro e Bocelo. En todo iste grande anaco da Galicia, comprendido nos marcos montesíos, domina un caráiter xeneral: a montana i a chaira matizadas en variacións infindas.

Il houbera sido un xenial artista da paisaxe. Houbera disposto bosques enteiros pra recibire dinamente ao derradeiro sol do serán, houbera esculturado o Pico Sagro en feitura de alcipreste envolveito no subir de unha roseira e pousado no cumio o paxaro da lenda da Armenteria, e tallado nas beiras da roca da badía brava, un circo de soportals pra que neles paseara a onda mol do outono con salaios de virxe perseguida polo sátiro vello e barbudo do vento salgado.

Don Breixo sorbendo seu chiculate compracía-se en dibuxar o programa dos seus paseos. Baixaría á carballeira de San Lourenzo, procuraría un libro pra ler no camiño tristeiro que vai por tras da horta de Santa Crara. Dende estudante gustaba de aquil paisaxe eisaltado pola presenza do Pico Sagro. Un rexo pisar fixoo espertare das gostosas cavilaciós. Entrou o abade berrando: Pro hom, aínda estás eiquí perdendo o tempo. Xa sabes que eu non me quero meter no voso preito. Estorbamo a miña posición. Ti debes arranxarte soíño. Xa debías ter falado co Lectoral, co Segredario e pedido audenza ao señor Provisor.

E non tiña medo de pasear polo homilde cemiterio de Sant_Iago. E naceulle outra legría nos ollos cos rídoos da conversión ao catolicismo. Aquil día tóda- las torres de Sant_Iago badelaron pra ela e o Pico Sagro revistiuse de Pontifical pra comungar co novo sol.

O val do Deza leva seu comén deica o cerne dos montes da terra esgrevia do Dozón. Nado nos ermos de Nosa Señora da Pena de Francia, recolle en val afondado en penichaos augas da Terra de Montes e procura o val ullán ó que se conxunta o dezán en paraxes de xurdia beleza. Manda nos hourizontes a figura xentil do Pico Sagro, os pazos, prioratos, fartas

O Pico Sacro na literatura galega !29

parroquias, sonadas pontes amestanse co decorrer das formas, a vila de forte valencia de comercio e importante xuntoiro de camiños, da Estrada, capital da terra de Tabeirós, conxuga moitas relaciós ulláns.

No hourizonte as feituras das Medas son saudadas dende Sarria e o Caurel, dende o Miño e as Fáridas, e astra dende as espalladas gandras da terra melidense. Ó encobrirese por Dozón o PicoSagro no hourizonte, xurden as Medas enxergadas dende toda a larganza das Fáridas deica Avión e dende as Leboreiridas que por aparentes serras pouco difrenciadas ou por fondas soleiras se xuntan co elas. Non hai conxunto de composición atal de castiñeiro de grande sombra, ou do xénero petrucio.

O marco de poente vai sinalado nas abas do erguemento mestro da Medas. Cecais poiderase coller como cerne o curuto do San Bernabeu cos seus 1 . 227 metros, aspeito senlleiro, réprica lonxana do Pico Sagro dentro do mundo das serras.

A Basebe, soan nas vellas crónicas. Deitan no Ulla despoixa do Furelos o rego de Besoña e o forte Iso pola dreita, o Iso entre Viñós e Bisantoña, e xa perto de Novefontes o Laña das terras de Touro. Por Camba o Arnego, pé de Brocos e Loño. O Castro, Marcelín semella unha imitanza do Pico Sagro, o Pico sin outra cousa reitor dos hourizontes dende a despidida da Ulloa. Entre Brandariz e Gres ca ponte Ledesma que xunta Camanzo e Bendaña, o Ulla dibuxa e afonda o grande e fermoso meandro que se pode chamar de Añobre, encurvado á dereita por Encrentes baixo as costas alumiadas no outo polo sol raioso na ermida do San Bastián.

Do Castro de Loxo, fino risco que dispón á proba e beleza do asucamento entre outas ribeiras de Cira, onde chega, fondo e ben herdado de memorias, o río Deza, do estreito de San Xoán da Cova e os alicerces do PicoSagro pra repousar nun tramo deitado e reito deica Sarandón. A paisaxe, impresoante pola fina mistura do rexo dos roquedos e o levián das xeórxicas no amparo dos piñeirás, semella ordeado pola resistencia dunha rexa soleira siñificativa cecais do xuntoiro de dúas grandes pezas da vouta esencial.

Nos hourizontes ordeanse en cambeantes proporciós as cumes sinaladas e ó norde, máis achegada cecais do que ningunha delas, enxergabre como un persoaxe esencial, como o protagonista das paisaxes, Pico Sagro. Non hai outro de semellante sona e amor entre os labregos. Goberna o tempo e as lembranzas. Máis na Ulla, dende logo, pro tamén en Trasdeza e Merza. Podese dicir dista e da outra banda do río moito ben do senlleiro monte feituco de lonxe.

No ben alicerzado goberno eclesiástico, Beariz, a soia freguesía antiga da diócesi compostelán na provincia de Ourense, chamase de Montes. O coto

O Pico Sacro na literatura galega !30

do San Bastián atal raioso e case por moitas leguas de andadura tan bon compañeiro do peleriño e o arrieiro como o Pico Sagro, xa cai nos roleiros de Trasdeza, comarca en vivente figuranza de val. Unha coroa de vilas podese artellar sin fantasía demasiada pra cinguir de lonxe a Terra de Montes: A Estrada, Silleda, Lalín, o Carballiño, Ponte Caldelas.

A estadea ou pranto polo Seminario de Estudos

Galegos (1936)

A estadea ou pranto polo Seminario de Estudos Galegos (1936)

Longa tebra de brétemas chorosas riba do maino devecer dos soutos, randear de moitas follas, dubidosas, i o salaiar do vento nos petoutos,

canto saudoso e verde dos arumes, decrebamento vago das paisaxes, historias que á serán contan os fumes de lebiacáns, espeitros e romaxes.

Algo fuxe levián coma un salaio, algo pasa no vento, silandeiro… Hoxe boa na testa do Domaio, pousa mañán nos adros do Ribeiro,

treme na paz de pedra da Quintana, peta nos cravos vidros da Marina, cas ondas galga por A Buserana, do Pico Sagro ronda a testa fina.

O Pico Sacro na literatura galega !31

11 - Valentín Paz Andrade

Valentín Paz-Andrade (Lérez, Pontevedra 1898-Vigo, 1987) exerceu como xurista, político e escritor galego. Estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e licenciouse en 1921. Introduciuse no mundo da literatura por medio do seu tío, o poeta Xoán Bautista Andrade. Este último presentoulle a Castelao, que influiría de forma relevante na súa obra.

Canto á súa actividade política, pasou a formar parte do movemento galeguista e en 1919 participou na II Asamblea Nacionalista. Foi presidente do Grupo Autonomista Gallego (1930) e militante e secretario, desde 1934, do Partido Galeguista. Foi candidato ás Cortes Constituíntes de 1931 e participou na redación do Estatuto de Galicia (1936). Xa na época da Restauración Borbónica fixo parte da Xunta Democrática, da Comisión dos 10 e da Plataforma de Organizaciones Democráticas. Asimesmo, foi senador por Pontevedra pola Candidatura Democrática Gallega nas Cortes Constituíntes (1977-1978).

Grazas ao seu labor como xurista axudou, durante a Guerra Civil Española a moitos galeguistas a fuxir e defendeunos das penas que se lles imputaban. Foi desterrado a Verín, Castro Caldelas, A Pobra de Trives e finalmente a Badaxoz. Foi detido varias veces debido aos seus artigos e á súa orientación política.

A respecto da súa actividade xornalística, cómpre mencionar que foi director do xornal Galicia (1922-1926), colaborador da Gaceta de Galicia, publicou tamén artigos políticos en El Pueblo Gallego, ademais de no Faro de Vigo e no xornal La Noche. Alén disto, foi director da revista Industrias Pesqueras (1942).

Foi colaborador en O Ensino, Grial e Outeiro elaborando artigos literarios, nomeadamente sobre Castelao. Tamén redixiu artigos de carácter económico e político en El País, La Vanguardia e en Industrias Conserveras.

Foi un dos principais promotores e logo vicepresidente do grupo industrial Pescanova. Exerceu tamén como técnico da FAO. Debido a isto publicou o primeiro tratado sobre Principios de economía pesquera (1954).

O Pico Sacro na literatura galega !32

Cómpre destacar o seu papel de escritor polifacético pois escribiu ensaios literarios, históricos e económicos, mostrando a súa preocupación polo progreso de Galicia, así como tamén redactou diversas obras especializadas en temas pesqueiros.

Porén, non só se dedicou ao ensaio, pois Valentín Paz-Andrade formou parte, asemade, da Xeración poética de 1925 onde observamos unha importante orientación patriótica. Algunhas das súas obras poéticas son Pranto Matricial (1954), Sementeira do Vento (1968) e Cen chaves de sombra (1979). Tamén fixo algunha incursión pola narrativa coa obra inédita Soldado da morte (1921).

Como consecuencia de todo o seu labor, tanto xornalístico como literario foi galardoado en númerosas ocasións: en 1964 foi elixido membro da Real Academia Galega e da Academia Galega das Ciencias, recibiu o Pedrón de Ouro en 1975 e o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (1986), entre outros.

Pranto matricial e outros poemas (1979)

Pico sagro da palabra

Agora eres canzón de lonxe ouvida bocarribeira adentro serra a serra, matri-solar da oestreminiana xente onde a escuma da caste se alporiza. A Mariña na brétema enfoulada, a facer contraponto no teu canto, a do Caurel de cervos enramada, de Manzaneda e de Avión finxindo vertebración azul dos verdes eidos. Eras o Pico Sagro da palabra, oral orografía dos espíritos que no barro enfornaron unha patria.

O Pico Sacro na literatura galega !33

12 - Xosé Neira Vilas

Xosé Neira Vilas naceu en novembro de 1928 en Gres (Vila de Cruces), moreu no 2015. En 1949 emigra a Buenos Aires, onde desempeña traballos diversos. Realiza estudios de comercio, música, xornalismo, l iteratura. Toma conciencia da identidade de Galicia, en contacto, sobre todo, cos intelectuais do exilio: Luís Seoane, Rafael Dieste, Ramón Suárez Picallo, Lorenzo Varela, Ramón de Valenzuela. Desenvolve un intenso activismo cultural galego. Secretario Xeral das Mocedades Galeguistas e co-director do periódico Adiante. Participa na comisión organizadora do Primeiro Congreso da Emigración Galega. Casa en 1957 con Anisia Miranda, cubana. Xuntos fundan a organización libreiro-editorial "Follas Novas" para difundir o libro galego en América. Publica en 1960 o poemario Dende lonxe, e en 1961 a novela Memorias dun neno labrego. Nese mesmo ano, 1961, Neira e Anisia van residir a Cuba. Traballa na Administración e fai xornalismo literario. En 1969 funda a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, que dirixiu durante vintedous anos. Dende 1983 ata que se xubilou, desempeñouse como redactor-xefe da revista infantil Zunzún. Nos trinta e un anos que viviu en Cuba escribiu a maior parte da súa obra literaria. Na Arxentina e en Cuba fixo investigacións sobre a presencia da emigración galega neses e noutros países de América, e deu a coñecer diversos libros arredor do tema. Radicouse, con Anisia (escritora e xornalista) en Gres, na aldea natal, onde preside a Fundación cultural Xosé Neira Vilas.

Foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña. É membro numerario da Real Academia Galega. Premio da Crítica Española (narrativa) e Premio da Crítica Galega (ensaio). Fóronlle outorgadas as medallas Castelao, Pedrón de Honra e Celanova Casa dos Poetas. Parte da súa obra foi traducida a outras linguas.

O Pico Sacro na literatura galega !34

Cartas a Lelo

Tamén do Pico Sagro se din unha chea de cousas. Tanto é que hai pouco estivemos catro de nós alá. Con Tamboril de xefe, coma sempre. Porque Tamboril –xa cho teño contado- é o armandanzas máis espelido de toda a volta, e enriba deso ten un pai que lle mete ós libros. Díxonos: nada de patuleas; connosco abonda para esta vez. Os outros dous eran Bolecho e o Marxado.

Saímos ben cedo, dispostos para un andar longo. Sentámonos unhas tres veces no camiño. E volta a seguir. Era coma se o Pico tamén camiñase. Viámolo preto, case a beiriña, pero non dabamos chegado. Bolecho propuxo avanzar de arrecú, e logo deu en rir a cachón. Ríase da súa propia estrucia. Cando empezou a costa, o monte a chupe, case non falabamos. Veña suar e xemer. Bolecho non podía consigo. Foise quedando. Botaba man das uces, ollaba para atrás. Tamboril faloulle, alentouno. E así puidemos chegar ó curoto. ¡Como se ve mundo! E é un pico de certo, estreito e aguzado. Na cima terá o anchor dun palleiro. O aire, que alí zoa sempre, abaneábanos.

Comezamos a baixar. Tamboril falou das covas e alá fomos. Unha semellaba un pozo con escaleiras cobregueantes. Guindamos nela pedras que caían en longo chouqueleo. Na segunda metémonos sen moito pensalo. De seguida que se entra hai que subir, e dalí a pouco baixar. Eu levei unha lanterna de pila que nos veu ben. Pero a cova fóisenos poñendo moi a chupe e recuamos. De volta para a casa vimos o paso da raíña e a ermida de San Sebastián.

Foi unha boa andaina. Cando chegamos á aldea, anoitecía. Na fonte bebemos a picho enteiro. Sentámonos un chisco e logo fomos ver ó vello Severino. ¡Pobre! Decote só. Falámoslle da nosa aventura, e aí botouse el a contar. Malia que non o visitamos denantes. Sabe un eito de cousas do Pico Sagro. Verás.

No fondo da cova hai unha corredoira que disque vai dar ó pozo de Gundián, un lugar moi estreito e fondo, no río Ulla. Cóntase que a fixeron os mouros para levar os cabalos a beber. ¡Sempre os mouros! Tal se ven dicindo dende antiga data. Hai tempo baixaron a ela, atados con adivais, catro homes da vila. A pouco de andar bateron cun vello que estaba derriba dunha peneda. Colleron grimo. O vello dixo : Non teñades medo. Eu son o trasno; son un home cama vós, forasteiro que dende hai moitos anos veño

O Pico Sacro na literatura galega !35

arreo por aquí. Busco a ferradura branca; tras dela hai un tesouro. Fuxeu polo escuro e non volveron a velo.

Na romaría do San Sebastián, a mantela vermella dunha moza saíu voando. Deu unhas cantas voltas alá enriba, darredor do Pico, e logo entrou na cova. Non a vion máis, En Lestedo cóntase que hai moitos anos, no tempo da malla, o gran voaba das eiras e ía dar ó Pico. Víase ir polo aire en roladas coma enxamios.

Tamén é de misterio a historia de arrieiro. Disque cargaba as mulas de centeo e con elas subía ó Pico Sagro. Escollía sempre algunha noite ben escura. Alí deitábase a durmir e cando espertaba xa non había gran e si o diñeiro da paga nas alforxas. Era un segredo que lle non podía dicir a ninguén.

Pero tanto teimou a súa muller, unha vez e outra, que el un día contoullo todo. E acabóuselle o choio. Dalí en diante non lle descargaban as mulas. Por eso non volveu. Ós poucos anos, a este home veulle a morte. Vestírono coa roupa boa, metérono na caixa, e cando foron enterralo non estaba. Cóntase que o levaran encantado para o Pico porque non gardou o segredo.

O Pico Sacro na literatura galega !36

13 - Manuel María

Manuel María Fernández Teixeiro naceu en Outeiro de Rei o 6 de outubro de 1929. En 1942 trasladouse a Lugo para estudiar o bacharelato e aquí comezou a súa precoz carreira literaria participando, á idade de 20 anos, no ciclo de conferencias "Jóvenes valores lucenses". Esta primeira conferencia serviulle para entrar en contacto cos integrantes da tertulia do café Méndez Nüñez (Pimentel, Fole, Rof Codina...) que o poñerán en contacto coa realidade galega, tanto interior como do exilio. Nesta primeira etapa da súa vida, publica o primeiro poemario dun poeta da nova xeración, Muiñeiro de brétemas (1950), co que se inaugura a denominada "Escola da Tebra".

En 1958 instálase en Monforte como Procurador dos Tribunais e ao ano seguinte casa con Saleta Goi. Nos axitados anos sesenta e setenta, Manuel María participa na reorganización política, na clandestinidade, dos partidos nacionalistas, e atende os chamamentos e peticións que lle chegan de todas as organizacións que, ao longo e ancho do país, andan a traballar pola recuperación cultural: desde impartir conferencias ou recitar poemas a presentar á Nova Canción Galega. A súa obra literaria diversifícase e multiplícase de acordo cos novos tempos: ensaio, narrativa, teatro... sen abandonar o cultivo da poesía. Do existencialismo e o seu pesimismo radical evolúe cara á unha poesía que rompe, tanto no formal como na temática, con esta liña subxectiva para se comprometer co ser humano, coa súa xente, coa súa realidade social, en definitiva, co seu pobo.

A súas actividades políticas culminaron coa súa elección como concelleiro en 1979. Son anos duros, e a súa participación nas campañas en defensa da lingua foi moi activa. En 1985 abandonou a militancia política para se dedicar por completo á actividade literaria e cultural e, desde a súa xubilación, reside na cidade da Coruña. A súa xenerosa entrega foi recoñecida en 1995, na Homenaxe organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega na Coruña.

Non é doado resumir en poucas liñas a obra deste insigne poeta, referencia imprescindíbel no panorama literario da segunda metade do século XX, pola amplitude dos seus rexistros, das súas propostas e da súa temática: intimismo, paisaxismo, socialrealismo crítico ou satírico, preocupación

O Pico Sacro na literatura galega !37

relixiosa, reivindicación lingüística... e, como fío conductor de todo este mundo poético, a construción da patria.

Manuel María faleceu na Coruña o 8 de Setembro de 2004.

Memoria da terra. Prosa xornalística escollida (1015)

E as néboas do Ulla semellan unha irrealidade case máxica. E o azul lonxincuo do Pico Sacro é cousa de fantasía. Todo ese azul, ou eses azuis, case inconcibibles, están na pintura de Colmeiro. Son azuis da terra de Silleda, do Ulla, da bisbarra santiaguesa e non fórmulas de escola, deprendidas en París.

O Pico Sacro na literatura galega !38

14 - Xosé Fernández Ferreiro

Xosé Fernández Ferreiro (Nogueira de Ramuín, 1931 - A Coruña, 2015) traballou como xornalista en La Noche, El Correo Gallego e La Voz de Galicia. A súa actividade profesional foi recoñecida co Premio Galicia de Xornalismo (1985) e coa Letra E da Asociación de Escritores en Lingua Galega (2003). Membro do grupo literario Brais Pinto, comezou a súa andaina publicando os libros de poemas Ribeirana do Sil (1952) e A noite (1959). Como narrador publicou as seguintes novelas: A morte de Frank González (1975), Morrer en Castrelo do Miño (1978), A saga dun afiador (1980), A ceo aberto (1981), Corrupción e morte de Brigitte Bardot (1981), Reportaxe cósmico (1983), A fraga dos paxaros salvaxes (1985), O minotauro (1989), Agosto do 36 (1991, Premio Xerais de Novela, traducida ao castelán por Alianza Editorial), A cidade das chuvias (1994), O atentado (1999, Premio Losada Diéguez), O último paraíso (2001), Millo verde (2002), Os últimos fuxidos (2004), e Tempo de centeo (2009). Ademais, publicou o libro de relatos Co medo nas mans (1996) e o relato infantil O conto da boa e da mala pipa (1996). De Xente Nova a Brais Pinto. Memorias dun afiador rebelde (Xerais, 2012) recolle as súas inquietudes mozas.

A cidade das chuvias

Todo o levaba, xa que logo, irremediablemente, de cara a aquela misteriosa e brumosa Atlántida, emerxida entre o Ulla e o Tambre, entre os montes Pedroso, o Pico Sacro, o do Gozo e o do Viso, á beira do Sarela. Era o gran milagre que anunciaba o camiño das estrelas. A Vía Láctea. Alí ao lado daquel mar que se incendiaba cando o sol se afogaba nel.

Algunhas tardes ían toma-la tortilla a Cacheiras. Incluso o facían a pé. Despois de pasar Ponte Pedriña e o Castiñeiriño, alcanzaban os cumes de Montouto –desde onde tan ben se vía o Pico Sacro-, baixaban logo as pronunciadas curvas da estrada e chegaban á taberna onde llelas facían.

O Pico Sacro na literatura galega !39

O Pico Sacro na literatura galega !40

Roteiros

G1501088- ViaxeásorixesdeValle-Inclánno150aniversariodoseunacemento.

G1502018- EnCambadosconCabanillasG1503090- RoteiroManuelMaríanasCantigasecantos

dePantónG1503091- RoteiroManuelMaríaeosVersosflorecidos

enlouvanzadeFozG1503093- RoteiroManuelMaríaeoCantigueirodeOrcellónG1503095- RoteiroCostadoSolpor G1503096- RoteiroApraiadosafogados G1503097- RutasmatemáticasporCompostela,teoríaepáctica

Xornadas

G1502020- XornadasobreLorenzoVarelaealiteraturadoexilioG1502021- XornadadoDíadasLetrasGalegas.ManuelMaría

Lamas de Abade, s/n. 15702 Santiago de Compostela A Coruña. Teléfono: 981522411

Correo electrónico: [email protected] [email protected]