Os canteiros - A memoria da pedra

10
1

description

Unidade didáctica sobre o oficio dos canteiros

Transcript of Os canteiros - A memoria da pedra

Page 1: Os canteiros - A memoria da pedra

1

Page 2: Os canteiros - A memoria da pedra

2

HISTORIA DUN OFICIO:

O labor canteiro, a arte da pedra, procede dos albores da humanidade. Iso testemuñan os monolitos, mámoas e outros monumentos prehistóricos que se atopan por moreas en Galicia, vestixios megalíticos que se mostran na orixe mesma dun abondoso conxunto de relatos orais, convertidos en zonas de encontro de protagonistas lendarios coma os mouros e as doncelas e tamén en fontes de tesouros, só accesibles para os humanos por medio de misteriosos feitizos ou conxuros. A riqueza e calidade das consistentes rochas graníticas no noso país alicerza decisivamente a súa paisaxe e serve de asento ó seu propio hábitat e ás manifestacións existenciais e cósmicas. Non nos debería sorprender o fito cultural que supoñen as pedras, vinculadas ás crenzas, fábulas, rituais, costumes e artes, cunha proxección máxico – comunitaria que se inicia con aqueles petróglifos, monumentos megalíticos e castrexos da Prehistoria. O oficio de canteiro foi un dos máis abundantes nas épocas anteriores á revolución industrial. Dende a prehistoria ata ese período a raza humana tivo que edificar as vivendas que lle servían de acubillo e outras construcións coas propias forzas e coa propia habelencia, sen ningún tipo de maquinaria automática coma a que estamos afeitos a ver na actualidade. A pedra, paradigma do imperecedoiro, converteu en realidade o desexo de persistencia da especie humana dende tempos inmemoriais. O labor dos canteiros permitiulle transferir un legado perpetuo ás xeracións vindeiras e preservar durante séculos as expresións materiais máis importantes do seu espírito, dende os vestixios prehistóricos ata os templos, murallas ou mosteiros erguidos polos nosos devanceiros nos distintos períodos e grazas ós cales hoxe podemos testemuñar que a meirande parte da nosa memoria está escrita en pedra. No tránsito da Alta Idade Media á Baixa Idade Media, é dicir, alá polos séculos XI e XII, Santiago de Compostela constituíu un magnífico obradoiro onde exerceron a

profesión de canteiros miles de homes en torno ás obras da catedral. Desde aquela época, os canteiros foron protagonistas das sucesivas concepcións artísticas (románico, gótico, renacemento, barroco, etc). Os canteiros eran un colectivo de prestixio social, profesional e económico, tal como testemuñan os privilexios reais de exención fiscal outorgados desde o século XII ó XIV ós mestres e oficiais da catedral compostelá, os concedidos polo rei

Page 3: Os canteiros - A memoria da pedra

3

Fernando II ó mestre Mateo ou as abundantes doazóns e fundacións dedicadas a estes artesáns, que dispuñan dunha estrutura corporativa pechada, unha estrutura da que naceron movementos coma a Masonería. Catro séculos máis tarde produciuse unha gran inmigración de traballadores doutras zonas que trouxeron consigo novas formas de construción, instrumentos, costumes e mesmo xeitos de falar. Isto non supuxo a desaparición dos xeitos de vida e traballo dos canteiros nativos, algo que se puido ver na magnificencia da escola galega en torno ó século XVIII, coa resplandecente participación dos artistas das terras de Pontevedra, que conformaron a cerna máis copiosa dos canteiros e talladores da pedra. Boa parte do barroco popular de todo o noroeste, de Viveiro a Portugal e de Pontevedra ó Bierzo, foi labrado por canteiros de Cotobade, da Terra de Montes e da contorna da vila de Pontevedra. Na actualidade estamos asistindo a unha resurrección do oficio grazas ó labor das escolas obradoiro espalladas polo noso país, co rexurdimento dunha xeración de artesáns que colabora no recobramento do patrimonio cultural, é activo na construción de novos edificios en pedra e asegura a persistencia deste labor que en tempos aínda recentes se deu practicamente por perdido. A CONVIVENCIA E O LABOR COTIÁN DOS CANTEIROS: A vida dos canteiros era certamente dura. Con tan só dez ou once anos abandonaban o fogar paterno os aprendices ou pinches, soportando mil calamidade que os endurecerán. Sufrían fame, sede e longas camiñadas cos trebellos ó lombo, traballando de estrela a estrela. Os dous obxectivos iniciais dos pinches (morróns) eran a aprendizaxe das técnicas do labor canteiro e mais o Verbo, a lingua propia do gremio. Unha vez dominadas estas dúas bases do oficio, os xa canteiros pasaban a cobrar un soldo estipulado oficialmente e a súa vida xa estaba encamiñada, aínda que seguiría sendo dura. Saían exercer o oficio da pedra na primavera e no verán (posto que eran as horas de máis luz solar e os patróns esperaban ese tempo para contratalos e, dese xeito, lles renderan máis as cuadrillas). O seu alimento, durante as camiñadas que os levaban á zona onde os contrataban, era basicamente o pan de millo e a augardente, e en ocasións caldo e un anaco de touciño, dieta que, andando o tempo, iría mellorando sensiblemente. En palabras de Xosé Luís Barreiro, os canteiros eran perfeccionistas e traballadores, sempre dispostos a verse reflectidos sen reparar en que esta fose o esquinal dunha palleira ou un pináculo de catedral. Estaban afeitos a entender e memorizar proxectos e construcións nunca debuxados ou plasmados no papel e a converter en pedra as ideas funcionais ou ornamentais que lles ían transmitindo. Sabían medir e cubicar, tiñan sentido da estética e nunca esquecían que toda obra de arquitectura representa unha cultura ou simboliza unha idea. O seu viaxar polo mundo convertíaos en xente sabia, coma unha caste de elite privilexiada no inmobilismo afogador das sociedades agrarias.

Page 4: Os canteiros - A memoria da pedra

4

ALBUM DOS CANTEIROS

Page 5: Os canteiros - A memoria da pedra

5

Page 6: Os canteiros - A memoria da pedra

6

O VERBO OU LATÍN DOS CANTEIROS: Segundo o etnógrafo Xaquín Lorenzo “Xocas”, o canteiro era o herdeiro dos que traballaron nos castros, un home hábil, amante da súa arte, rexo como o material que emprega e cun extraordinario espírito de compañeirismo, traducido na existencia dunha fala especial, a “verba dos arxinas”, que lles facilita a conversa diante de persoas alleas sen que os asuntos cheguen a ser enxergados polos outros. Esa fala especial, o Verbo ou latín dos arxinas, era unha complicada xerga que particularizaba o gremio da pedra e contribuía a ese hermetismo propio das corporacións de artesáns que xurdiron na Idade Media. Impedía o intrusismo e afastaba as artes e as técnicas dos profanos, a un tempo que reforzaba a identidade grupal. O Verbo ten unha orixe ecléctica. BREVE GLOSARIO TÉCNICO GALEGO – VERBO: Albanel: arbañas Martelo: calmote Aprendiz: morrón Maza: escurria Auga: oreta Nivel: migeloiro Barro: patelo Obra: muria Canteiro: arxina Parede: xarúa Capataz: buxa Patrón: purrio Carpinteiro: corcoza Pedra: arria Casa: ciba Porta: lumia Cheminea: perrañona Punteiro: purruncho Cicel: ferruncho Tella:cachoa Fiestra: lumia Traballar: muriar, mariñar MARCAS DE OFICIO: Outro dos distintivos do oficio da pedra eran as marcas lapidarias, estudadas por unha ciencia auxiliar chamada Gliptografía. Os signos lapidarios son talvez os máis discutidos e investigados. Durante a Idade Media, o tempo dos construtores de templos e catedrais, estendeuse entre os canteiros de toda Europa o costume de gravar nos planos verticais das pedras que labraban certos sinais, inintelixibles en tanto que hoxe non somos quen de percibir o seu significado certo. Galicia non permaneceu allea a esta tendencia. Das colosais catedrais ás modestas ermidas, pasando polas pontes, casas, valos, muíños ou pombais, o espectador atento acertará a ver certos signos estampados na pedra que, se hoxe non nos comunican nada, encarnan o labor de quintas e quintas de artífices ignorados que deron pé ó noso patrimonio histórico.

Page 7: Os canteiros - A memoria da pedra

7

AS CANTIGAS DA PEDRA: As cantigas dos canteiros pódense agrupar en dúas vertentes, as chamadas de labor e as de lecer e xolda. Dentro das primeiras había un subgrupo cuxo obxectivo era acompañar e acompasar o labor das distintas tarefas dos canteiros, por exemplo a erguer unha pedra pesada. O labor de carrexar pedras precisaba a manobra compartida de varios homes. Co fin de concertar a actuación e unificar a faena, entoaban cantigas coma estas dúas que seguen, asociadas a un ritmo musical que regulaba o esforzo común: Vai, pedriña, vai! E vai, miña pedriña, vai! Pedriña, vai...! E vai..., e vai..., e vai! A... un... pedreiro a... unha... pedra alá compañeiro que podemos con ela ¡Vamos, todos! ¡Vamos con alma! ¡Todos a tempo, non afloxare! Arriba con ela, valentes todos, non afloxare ¡Ora que vai, arriba, e sobe, ¡E vai!, vamos todos xuntos, ¡E vai! ¡Vamos todos con forza! ¡Agarren! ¡Non afloxare! ¡E vai! ¡Arriba con ela, que vai ó alto! ¡Ir arriando! Máis un pouquiño, ¡Fóra! En canto ás de lecer e de xolda, a meirande parte falaban dos amores: Vosoutros ben o sabedes, por unha nena bonita rompedes sete paredes. Canteiriño, pica e canta deixa en paz á costureira, ela perde de casarse e ti de picar na pedra. Non te fíes, rapariga, no canteiro que ben canta, éche a fariña da pedra que se lle pon na garganta.

Canteiriños, canteiriños, que traballades na pedra, aquí falta unha rapaza, tendes que dar conta dela. Canteiriño, pica e canta, pica na ama do cura; mentres ti picas na pedra, outro picará na túa. Pica, canteiriño, pica, pica na pedra miúda, pica na muller allea, que outro picará na túa.

Page 8: Os canteiros - A memoria da pedra

8

Garda, Santiña do Castro, o meu amor que traballa de canteiro na Castela, co calor e a xeada. Heiche de botar un tiro, canteiriño polo vran; á muller que non é túa nunca lle poñas a man. Inda que ti non me queiras, miña nena heiche querer; o amor do canteiriño non remata ata morrer

Lévame contigo, leva, meu canteiriño da ialma; lévame contigo, leva, cando te vaias da casa. Meu San Gonzalo bendito, cantos milagres fixeches; pedinche un bo canteiriño e un canteiriño me deches. Téñoche un fillo canteiro moi lanzal e resalado; ten coidado, Maruxiña, Maruxiña, ten coidado.

Tamén as había que falaban do traballo e da terra: Benia a Deus que vos criou, canteiriños de Pereira; de día traballás pouco de noite estirás a perna. De onde son os canteiriños que pasan a ponte de pedra? son de Tomonde e Quireza, que se van pra Compostela. Broslador canteiro, home rexo e forte; brosla rosas de pedra no azur raso do ceo. Dous de Xeve e un de Bora botan o mestre fóra e se ven un de Marcón tamén botan o patrón.

Canteiros e carpinteiros da vila de Pontevedra, botai polo mundo adiante buscando madeira e pedra Son un canteiro novo inda non gaño diñeiro boto barro nas paredes levo os picos ó ferreiro Canta miña pedra, canta, ó compás deste punteiro, canta, miña pedra canta, faille compaña ó canteiro... Os canteiros vanse, vanse, Para Santa Liberata, Levan os picos de aceiro, Hanos de traer de plata.

BREVE DESCRICIÓN DOS CARGOS DO OFICIO: CAPATAZ ou BUXA: Era o encargado de que os choios fosen adiante de xeito correcto (muriar xidavante). Coordinaba o labor de todos os demais membros da cuadrilla APRENDIZ ou MORRÓN: O rapaz que, con once ou doce anos, comezaba no mundo da pedra e tiña dous cometidos, aprender o oficio e mais o Verbo ou latín. CANTEIRO ou ARXINA: Mestre canteiro, consumado artista da pedra en todas as súas facetas. PATRÓN ou PURRIO: Era quen encargaba o choio e vixilaba que se cumprira o pactado co buxa. PEDREIRO ou MARIÑADOR DE ARRIAS: Nel comezaba todo, pois era o encargado de arrincar do monte a pedra que logo ían traballar os canteiros nas murias.

Page 9: Os canteiros - A memoria da pedra

9

TRABALLOS DA UNIDADE: Despois de ler os textos e ollar as fotos desta unidade, levade a cabo as seguintes tarefas:

a) Inventade a historia dun neno que soña con ser canteiro, porque seu pai e seu avó tamén o foron.

b) Investigade que hai detrás dos mouros e das doncelas como personaxes protagonistas da nosa máis fonda mitoloxía. A profesión da pedra tamén se perde nos tempos e é orixe, así mesmo, de moitas lendas e mitos da tradición oral de Galicia. Recompilade algunhas desas historias que se contan sobre canteiros no voso contorno e comparádeas coas fábulas que falan de personaxes como os mouros e as doncelas.

c) Analizade o que é unha xerga e cales eran as súas principais funcións dentro dun grupo humano ¿Que significa a palabra ecléctica que se aplica á orixe da xerga gremial dos canteiros? ¿De onde vos parece que procede a palabra arria? Investigádea e analizade tamén que outras linguas están na orixe do Verbo ou latín dos canteiros.

d) Pescudade máis a fondo que significa a palabra Gliptografía, de que se ocupa ou que estuda. Descubride os nomes de máis ciencias que teñan que ver coa pedra e, por extensión, coas artes.

e) A partir das fotografías do álbum (sacando fotocopias del) creade unha pequena fotonovela, ben a partir da historia que vós inventastes co cativo que soña con ser canteiro, ou ben unha nova historia que conte como é o oficio segundo o voso punto de vista. Tamén podedes, como alternativa, crear vós as imaxes a xeito de banda deseñada.

f) Respondede por grupos este pequeno cuestionario de preguntas concretas relacionadas co contido da unidade:

a. ¿Que vos parece que é traballar de estrela a estrela? Comentade a orixe e o significado desta expresión.

b. ¿Que ideas vos trae á mente o pensamento que sobre os canteiros expresou Xosé Luís Barreiro no apartado A CONVIVENCIA E O LABOR COTIÁN DOS CANTEIROS: nunca esquecían que toda obra de arquitectura representa unha cultura...?

c. ¿De onde procedían os mellores canteiros de Galicia e porque credes que sería desa provincia?

g) Retádevos a compoñer algunha peza rimada coma as que se evocan no apartado AS CANTIGAS DA PEDRA que teñan que ver co mundo dos canteiros e a súa vida profesional. Utilizade, se queredes, un dicionario de rimas (en internet podedes atopar un que tamén achega rima galega en http://www.rimas.es). Cando teñades as pezas compostas, lédeas en alto na clase e compartídeas.

h) Buscade exemplos que fagan boa a expresión utilizada no apartado HISTORIA DUN OFICIO “podemos testemuñar que a meirande parte da nosa memoria está escrita en pedra”. Facédeo con exemplos galegos (p. ex. a catedral de Santiago), logo españois (p. ex. o acueduto de Segovia) e logo universais (p. ex. o Coliseo de Roma)

Page 10: Os canteiros - A memoria da pedra

10

Un dos cometidos desta unidade didáctica sobre os canteiros e a arte da pedra é infundir no alumno o respecto pola profesión da cantería e preservar ese conxunto de técnicas e xeitos de ver a vida que representan unha parte esencial do noso herdo cultural e artístico. Tamén intenta fornecer materiais para a interpretación das variadas circunstancias do ambiente natural e social do mundo corporativo da pedra, detectar unha nova linguaxe perdida e críptica, o coñecido como Verbo ou latín dos canteiros e desenvolver a identificación cos grupos sociais de pertenza e de referencia, coñecendo, polo menos, os rudimentos sobre o contorno profesional e vital deste fermoso oficio, así como sobre a súa orixe e a súa historia.