OUeC: principios e obxectivos

4

Click here to load reader

description

cidadanía de Ourense, como parte da cidadanía galega, ten unha longa historia de loita e defensa dos seus dereitos: cívicos, sociais, de igualdade, culturais, lingüísticos e ambientais. Lembremos o triunfo popular que impediu a instalación dunha celulosa, a recuperación do topónimo Ourense, a reivindicación dun campus propio ou a oposición ao espolio do noso Xardín do Posío....

Transcript of OUeC: principios e obxectivos

Page 1: OUeC: principios e obxectivos

PRINCIPIOS E OBXECTIVOS DE OUeC

CONSENSUADO NA ASEMBLEA EN COMÚN DO MARTES 02/12/2014

A cidadanía de Ourense, como parte da cidadanía galega, ten unha longa historia de loita e

defensa dos seus dereitos: cívicos, sociais, de igualdade, culturais, lingüísticos e ambientais. Lembremos o triunfo popular que impediu a instalación dunha celulosa, a

recuperación do topónimo Ourense, a reivindicación dun campus propio ou a oposición ao espolio

do noso Xardín do Posío.

En maio de 2011 as ourensás e ourensáns ocuparon a Praza Maior contra as mentiras e

abusos dun estado decadente gobernado polos poderes financeiros. O 15M actuou como

catalizador dun contexto de indignación colectiva empoderando á cidadanía politicamente e

enriquecendo o concepto de democracia participativa.

Este acontecemento motivou tamén, a quitarlle a máscara a aquilo que se nos estaba a

vender como unha crise, e que non era máis que o inicio dun proceso artellado de

empobrecemento da poboación para o enriquecemento das elites económicas.

Comezaba así unha nova época na que o bipartidismo, co Partido Popular e o Partido Socialista

alternándose no goberno durante máis de 30 anos, entraba en decadencia. Era a sociedade civil organizada a que por fin comezaba a liderar a axenda política.

Foi na rúa onde comezou a confluencia das distintas voces, anteriores e posteriores ao

15M, que agora se materializa nun novo movemento municipalista que cuestiona tamén o

monopolio partidista nos gobernos dos nosos concellos. Nace así Ourense en Común, un colectivo

no que participa a veciñanza da cidade, persoas de xeito individual, e axentes cunha traxectoria

previa de traballo en diferentes movementos sociais e políticos, en defensa do dereito á vida e ao

traballo digno, da sanidade pública (gratuíta e universal), do ensino público (gratuíto e de

calidade), do dereito á vivenda, do uso normalizado do galego como lingua propia e dunha cultura

de nós para o mundo; defendemos tamén a transparencia nas administracións, as auditorías

cidadás das contas públicas, as auditorías enerxéticas, a dispoñibilidade dunha renda básica, a

defensa dun sistema de finanzas éticas e a unha banca pública.

Nacemos como unha plataforma de confluencia cidadá para trasladar ao ámbito

institucional os valores de progreso, solidariedade, tolerancia, igualdade e transparencia que

caracterizan a nosa cidadanía. Polo que nos comprometemos a crear as ferramentas de

participación cidadá efectiva, necesarias para cumprir a máxima de gobernar obedecendo e

ampliar os límites do noso sistema democrático municipal, máis alá de votar cada catro anos.

O traballo e o esforzo que se están a realizar neste proceso de transformación denominado

Ourense en Común, non deben ser desaproveitados simplemente en ocupar espazos de poder

dentro da administración local. Esta confluencia debe permitir á cidadanía exercer o control das

institucións, dende fóra e en calquera ocasión e circunstancia, independentemente de quen sexa

responsable das mesmas.

Page 2: OUeC: principios e obxectivos

Non nos identificamos co modelo de cidade dominante dirixida por unha minoría

corrupta, que goberna para enriquecerse e servir aos seus propios intereses. Fronte a estas

propostas baseadas na corrupción, na especulación inmobiliaria, no malgasto e na falta de

transparencia das contas públicas, ao carón da privatización sistemática de servizos públicos e ao

distanciamento e deshumanización das administracións, é necesario mudar o xeito de facer

política.

Ourense en Común xorde, polo tanto, coa intención compartida de poñer fin a esta

situación, de xuntar esforzos e ilusións para construírmos unha cidade aberta e solidaria, unha cidade para todas. Serán as achegas de toda a cidadanía convocada a participar no

proceso, das que nacerá o programa para materializar estas intencións baseadas en catro

principios básicos: a xustiza social, a igualdade de xénero, unha economía sostible e do ben

común e a democracia participativa. Satélites todas dun forte compromiso ético para coa

cidadanía, que deberá ser sempre a parte activa e protagonista da política municipal.

... para garantir unha vida digna a todas as persoas...

A estafa á que nos veñen sometendo os partidos tradicionais mantennos nunha situación

crítica dende o ano 2007, e atópase no marco histórico dunha política neoliberal de

enriquecemento dunha minoría por conta da cidadanía, á que arrastra ao límite da pobreza. A

primeira acción municipal por tanto de Ourense en Común, estará dirixida a satisfacer as

necesidades máis básicas das veciñas e veciños de Ourense, e que poidan levar unha vida digna,

independentemente da súa situación económica.

Ourense en Común considera a vivenda un dereito fundamental, polo tanto é

imprescindible e urxente desenvolver políticas encamiñadas a crear un parque social de vivendas

en propiedade ou aluguer, suficiente para cubrir esta necesidade. Crearemos unha comisión

específica para buscar solucións axeitadas ás familias e individuos de diferentes perfís.

Proporemos ademais, accións complementarias a outras políticas de solidariedade

encamiñadas a garantir, mediante exención de impostos e convenios, os servizos básicos de auga e electricidade. Tamén se estudarán todas as alternativas para garantir unha alimentación

axeitada as familias que o necesiten.

Reclamamos unha sanidade pública, universal e gratuíta. Consideramos que a

sanidade non é un produto de consumo, razón pola que dende as posibilidades que ofreza a

política municipal e os posibles acordos e colaboracións con entidades da sociedade civil

organizada, o noso obxectivo será frear os intereses neoliberais de privatización deste dereito

básico.

Ourense en Común considera primordial o acceso a unha educación pública, universal, gratuíta, laica, científica de calidade e en lingua galega. Sen educación non

Page 3: OUeC: principios e obxectivos

hai posibilidade de crear unha sociedade xusta e igualitaria. Dende o goberno municipal esixirase

do goberno autonómico o exercicio da súa responsabilidade nesta materia, e a mudanza da súa

política de inversións en centros privados, en detrimento da calidade do ensino público. Debemos

proporcionar tamén suficientes prazas públicas de garderías e garantir os requirimentos en

material escolar das familias sen recursos.

Entendemos que a consolidación dunha vida digna pasa tamén por outro tipo de

principios complementarios pero substanciais ao ser humano, como a defensa do laicismo ou a

transmisión do legado cultural e da memoria.

... para garantir a equidade e a paridade legal e social, independentemente do xénero...

Ourense en Común fai da igualdade de xénero un elemento esencial na súa identidade.

Esta igualdade servirá como premisa para analizar e informar de todas e cada unha das accións

políticas que se implementen.

... para garantir unha economía ao servizo do ben común...

Dende Ourense en Común cremos que se pode crear unha economía do ben común ao

servizo das persoas, baseada na igualdade de xénero, na creatividade, na sustentabilidade

ambiental e na soberanía alimentaria; retomando o abastecemento das prazas, o aproveitamento de

enerxías renovables, a protección do comercio de proximidade fronte ás grandes superficies

comerciais e a progresividade fiscal.

Ourense é unha cidade galega que só pode acadar estes ou outros obxectivos no contexto

dunha ordenación e estruturación territorial, que teña como criterio básico a necesaria simbiose entre o medio rural e o urbano, fronte as actuais estratexias de hexemonía material e

imaxinaria das grandes cidades. Asemade é imprescindible que Ourense se sinta o nó dunha rede

que se artella nas sucesivas escalas comarcais, galegas, euro rexionais, europeas e planetarias

como unha cidade participativa e protagonista.

Consideramos fundamental facer unha auditoría pública das contas do concello

para garantir a transparencia, evitando a corrupción, coa máxima publicidade do sistema de xestión

do concello, de tal xeito que a cidadanía poida constituírse nun observatorio municipal. Tamén nos

permitiría determinar o custo de servizos a prestar dende o público ou o privado, e de ser preciso,

retomar as prestacións públicas que supoñan aforro, conservando ou mellorando a

Page 4: OUeC: principios e obxectivos

calidade. Tamén remataremos coa política de soldos irracionais e co endebedamento

desproporcionado coas entidades financeiras.

... para garantir o acceso da cidadanía aos asuntos públicos...

A democracia non pode consistir en votar cada catro anos e agardar a que os que din

representarnos, decidan en despachos a porta pechada cuestións fundamentais para as nosas

vidas. Por iso, crearemos ferramentas axeitadas para a participación cidadá nos asuntos públicos, garantindo o acceso a toda a información do concello do xeito máis sinxelo

posible, cumprindo cos principios básicos de publicidade e transparencia.

Os orzamentos participativos son a ferramenta indispensable para exercer unha

democracia real. Tamén cremos con firmeza que determinados proxectos que supoñan inversións

elevadas deberán ser consultados coa cidadanía.

Apoiaremos toda iniciativa cidadá encamiñada a auto-organización e mellora do

tecido social e cultural da cidade, de tal xeito que a sociedade se sinta suficientemente autónoma e

emponderada, independentemente de quen se atope gobernando. Permitindo deste xeito un control

real da administración local.

Ourense en común nace co compromiso ético de estar en permanente contacto coa cidadanía, de tal xeito que esta se sinta activa e protagonista da política municipal. Polo tanto

estableceremos un compromiso ético vinculante que garanta o mantemento dos seus

principios.

Ourense en común tamén se compromete a que as persoas electas non poidan exercer máis de dous mandatos, e cobrarán un soldo acorde co traballo e responsabilidade

exercidos, sempre axustado aos principios de aforro, servizo público e solidariedade coas que

menos teñen. Os seus ingresos e patrimonio publicaranse de xeito periódico. Ademais,

evitaremos a acumulación de responsabilidades.

Os cargos electos de Ourense en Común estarán na obriga de someter a súa actuación ao

principio de transparencia; facilitarán a participación da cidadanía na súa toma de decisións, e

comunicarán periodicamente o desenvolvemento do seu exercicio público.

Ourense en común dotarase dos mecanismos precisos para facilitar a revogación inmediata dos cargos electos que incumpran todos estes compromisos coa cidadanía.