Chantal Akerman

9
Chantal Akerman Bruxelas, 6 de xuño de 1950 –París, 5 de outubro de 2015

Transcript of Chantal Akerman

Chantal AkermanBruxelas, 6 de xuño de 1950 –París, 5 de outubro de 2015

Naceu en Bruxelas en 1950. Os seus pais eran refuxiados polacos que sobreviviron ao Holocausto: o pai pasou a II Guerra Mundial escondido, mentres a nai, Nelly, estivo ano e medio no campo de concentración de Auschwitz, onde morrerían os seus pais e boa parte da familia.

“A miña nai era totalmente diferente das nais dos outros. Nunca se separaba de min. En certo sentido, a miña vida pertencíalle a ela (...) Estaba resentida por non poder desenvolver unha carreira xa que despois da guerra ela quedou rota. Lembraba a nai morta, que pintaba e debuxaba e facía roupa, e ela viu en min unha continuación dela”.

Nelly apoiou a independencia creativa de Chantal, fronte ao destino típico dunha muller do seu tempo: atopar marido.

Aos 15 anos viu Pierrot le fou de Jean-Luc Godard e decidiu que quería facer filmes. Ingresou nunha escola de cinema en Bélxica aos 18 anos, para deixala logo duns meses: “non facíamos filmes, estudabamos física, matemáticas. Eu non quería aprender nada máis. Quería traballar, facer e crear”. A súa primeira curta data de 1971, Saute ma ville. Marcha a Nova York e alí fica marabillada co cinema experimental e independente. Vive “coma unha vagabunda” mais no Anthology Film Archives coñece a obra de Stan Brakhage, Jonas Mekas, Michael Snow, Yvonne Rainer, Andy Warhol: “descubrín que non tes que contar unha historia para facer un filme”. A pegada destes cineastas é evidente nos seus primeiros traballos, Hotel Monterey, La chambre. News from home recuperará a memoria deste período neoiorquino.

A súa filmografía no sucesivo moverase con naturalidade por rexistros moi diversos, da ficción máis convencional -mesmo a comedia romántica e o musical- até as pezas máis declaradamente ensaísticas e experimentais.

A consagración crítica chegou con Jeanne Dielman, 23 Quai du Commerce, 1080 Bruxelles, presentada na Quincena dos Realizadores de Cannes en 1975. Ao longo de tres horas o filme explora a rutina doméstica dunha muller, a Jeanne Dielman do título, que se prostitúe para gañar a vida e manter o seu fillo. As accións repetidas e a obsesión pola orde reforzan un vigoroso estudo da alienación con perspectiva feminista.

Anterior é Je, tu, il, elle (1974), coa directora tamén diante da cámara. A fronteira entre a vida e a obra dilúese nun filme que apunta o interese de Chantal polos xestos e as accións corporais, case na liña das “performances”.

Ese gusto polo “xesto” acada a súa sublimación en Toute une nuit (1982) colección de estampas nunha noite en Bruxelas que amosan encontros e desencontros de parellas diversas. Non hai relato explícito; o “relato” queda na imaxinación do espectador que queira completar eses “romances” apuntados a través de accións mínimas fóra de contexto.

A súa curiosidade por xogar con formas e formatos diferentes lévaa a experimentar co musical en Golden Eighties (1986) e coas novas formas do documental en D'Est (1993), viaxe pola Europa do Leste xusto despois do colapso da Unión Soviética. O seu compromiso estético e ideolóxico reaparece noutros documentais coma Sud ou De l'autre cotê.

O seu maior éxito comercial obtívoo coa comedia Un divan à New York, con Juliette Binoche e William Hurt intercambiando apartamentos en París e Nova York e transformando así de forma definitiva as súas vidas.

Logo viñeron adaptacións de Proust e Conrad -La Captive (2000) e La Folie Almayer (2011)- até chegar á final No Home Movie (2015), emocionante filme que recolle as conversas da directora coa súa nai nos meses previos á morte desta última. Un retrato familiar mais tamén unha exploración dos espazos do fogar: Chantal Akerman foi coherente até ao final.

“(No documental I don't belong anywhere) Akerman afirma que moitos espectadores consideran que un filme funciona cando senten que o tempo da proxección pasou de forma rápida. Ela oponse a esta idea e reivindica a posibilidade de sentir o tempo, de vivilo e de explorar o que a imaxe esconde. Este desexo faise evidente mediante o uso de non-lugares de tránsito ou de paisaxes desérticas que son coma unha proxección dos desertos interiores.

(...) O tempo pode ser tamén un desafío á mirada e unha opción moral. En Sud (1999) Chantal Akerman desafía o espectador ao obrigalo a mirar o traxecto da morte de James Byrd, un home negro que foi atado polo Ku Klux Klan a unha furgoneta e arrastrado até morrer. Durante sete minutos, a cineasta amosa un plano frontal da estrada. O tempo da mirada pode ser tamén o tempo da nosa confrontación ética fronte á realidade e a morte.”

Àngel Quintana, Caimán Cuadernos de Cine – novembro de 2015

Chantal Akerman nas bibliotecas da Coruña

Bibliotecas municipais

Noche y día (1991): Ágora

Pack Chantal Akerman: D'Est (1993), Sud (1999), De l'autre côté (2002), Là-bas (2006): Fórum Metropolitano

Biblioteca da Deputación

NADA :(

Biblioteca González Garcés

NADA :(