O PROBLEMA DO COÑECEMENTO - Inicio · podemos illar os factores sociais, lingüísticos, etc. que...

11
1 O PROBLEMA DO COÑECEMENTO 1. QUE É O COÑECEMENTO: Este é un dos grandes temas filosóficos de todos os tempos. Dilucidar en que consiste o coñecemento, cales son as súas fontes, cales os seus límites e que certezas temos do mesmo, constitúe o obxecto dunha das principais disciplinas da filosofía: a epistemoloxía (do grego, episteme, coñecemento e logos, teoría). Podemos definir “coñecer” como o acto polo cal un suxeito aprehende un obxecto. E diremos que un suxeito aprehende un obxecto cando o representa. Si o representa tal como o obxecto é, o suxeito ten un coñecemento verdadeiro do obxecto; cando non o representa tal como é, o suxeito ten un coñecemento falso do obxecto. 2. POSTURAS FILOSÓFICAS SOBRE O COÑECEMENTO. Na actividade cognoscitiva cabe diferenciar, polo tanto, dous polos: o suxeito, protagonista da acción de coñecer, e o obxecto, aquilo sobre o cal recae a acción de coñecer, aquilo que resulta aprehendido ou recoñecido. En función do papel que deamos a cada un destes elementos no acto de coñecer, teremos dúas grandes correntes epistemolóxicas que están presentes ó longo da historia da filosofía: O Realismo e o Idealismo. 2.1 O Realismo : O pensamento reflexaa realidade O realismo defende que a realidade, é dicir, o obxecto do coñecemento, existe por si mesma, con independencia do suxeito cognoscente. O suxeito só se limita a captar ou coñecer a realidade, pero non a altera nin a modifica. Polo tanto, para o realismo podemos coñecer as cousas en si mesmas, tal e como son. Dentro desta corrente do realismo podemos distinguir, sen embargo, posturas diferenciadas polo papel do entendemento no proceso cognoscitivo. Así, temos o realismo inxenuo, identifícase co naturalismo filosófico no sentido de que o punto de partida é a existencia da natureza. É a posición intuitiva do “sentido común” que considera que as cousas son tal e como as percibimos. O entendemento limítase a reflexar o que percibimos dun modo pasivo, coma se fora un espello. Dáse nos primeiros presocráticos: Tales, Heráclito, etc. Temos tamén o realismo exaxerado. Platón é o principal representante desta postura. Dende este punto de vista as esencias, os universais, as ideas que representan as cousas son o real. Mentras que as cousas serian meras copias que nos permiten “recordar” as ideas que as representan. O realismo moderado (ou natural) distingue entre o obxecto e a percepción do mesmo. O pensamento (suxeito) representa a realidade (obxecto) e hai unha correspondencia entre ambos. Isto quere dicir que séguese considerando que a representación (idea) é un reflexo fiel esencia - do representado (obxecto). O coñecemento comeza polos sentidos, pero logo hai que ir mais alá dos datos, cara a esencia das cousas, mediante un proceso de abstracción . Polo tanto, o entendemento xa xoga un papel mais activo

Transcript of O PROBLEMA DO COÑECEMENTO - Inicio · podemos illar os factores sociais, lingüísticos, etc. que...

1

O PROBLEMA DO COÑECEMENTO

1. QUE É O COÑECEMENTO:

Este é un dos grandes temas filosóficos de todos os tempos. Dilucidar en que consiste

o coñecemento, cales son as súas fontes, cales os seus límites e que certezas temos

do mesmo, constitúe o obxecto dunha das principais disciplinas da filosofía: a

epistemoloxía (do grego, episteme, coñecemento e logos, teoría).

Podemos definir “coñecer” como o acto polo cal un suxeito aprehende un obxecto. E

diremos que un suxeito aprehende un obxecto cando o “representa”. Si o representa tal

como o obxecto é, o suxeito ten un coñecemento verdadeiro do obxecto; cando non o

representa tal como é, o suxeito ten un coñecemento falso do obxecto.

2. POSTURAS FILOSÓFICAS SOBRE O COÑECEMENTO.

Na actividade cognoscitiva cabe diferenciar, polo tanto, dous polos: o suxeito,

protagonista da acción de coñecer, e o obxecto, aquilo sobre o cal recae a acción de

coñecer, aquilo que resulta aprehendido ou recoñecido.

En función do papel que deamos a cada un destes elementos no acto de coñecer,

teremos dúas grandes correntes epistemolóxicas que están presentes ó longo da

historia da filosofía: O Realismo e o Idealismo.

2.1 O Realismo : O pensamento “reflexa” a realidade

O realismo defende que a realidade, é dicir, o obxecto do coñecemento, existe por si

mesma, con independencia do suxeito cognoscente. O suxeito só se limita a captar ou

coñecer a realidade, pero non a altera nin a modifica. Polo tanto, para o realismo

podemos coñecer as cousas en si mesmas, tal e como son. Dentro desta corrente

do realismo podemos distinguir, sen embargo, posturas diferenciadas polo papel do

entendemento no proceso cognoscitivo.

Así, temos o realismo inxenuo, identifícase co naturalismo filosófico no sentido de que

o punto de partida é a existencia da natureza. É a posición intuitiva do “sentido común”

que considera que as cousas son tal e como as percibimos. O entendemento limítase a

reflexar o que percibimos dun modo pasivo, coma se fora un espello. Dáse nos primeiros

presocráticos: Tales, Heráclito, etc.

Temos tamén o realismo exaxerado. Platón é o principal representante desta postura.

Dende este punto de vista as esencias, os universais, as ideas que representan as

cousas son o real. Mentras que as cousas serian meras copias que nos permiten

“recordar” as ideas que as representan.

O realismo moderado (ou natural) distingue entre o obxecto e a percepción do mesmo.

O pensamento (suxeito) representa a realidade (obxecto) e hai unha correspondencia

entre ambos. Isto quere dicir que séguese considerando que a representación (idea) é

un reflexo fiel – esencia - do representado (obxecto). O coñecemento comeza polos

sentidos, pero logo hai que ir mais alá dos datos, cara a esencia das cousas, mediante

un proceso de abstracción . Polo tanto, o entendemento xa xoga un papel mais activo

2

nesta representación da realidade. Practicamente esta é a postura mantida por todos

os filósofos dende Aristóteles ata o Renacemento.

Por último podemos falar tamén dun realismo crítico, representado fundamentalmente

polo empirismo moderno (Locke e Hume), e segundo o cal no proceso de captación do

obxecto podemos distinguir entre calidades primarias e secundarias. As primeiras son

obxectivas – extensión, tamaño, figura e movemento – pertencen o obxecto e son

matematizables. As segundas subxectivas – cor, olor, son, etc. prodúceas a nosa mente

a partires do obxecto, pero non están nel. Así, por exemplo, as cores non existen na

natureza, en realidade son unha elaboración da nosa mente a partires da radiación

electromagnética das cousas nunha determinada lonxitude de onda. Como vemos o

entendemento xa non se limita a reflexar o que percibimos, senón que “representa e

elabora” a realidade a partires dos datos que nos aportan os sentidos. Esta posición,

xunto co racionalismo, xa estaría a cabalo entre o realismo moderado e o idealismo

transcendental kantiano que veremos de seguido.

2.2 O Idealismo : O pensamento “construe” a realidade.

O pensamento medieval era profundamente obxectivista e realista: o home é un ser

volto cara un mundo de cuxa realidade era imposible dubidar. A partires do século XVII,

co Racionalismo, ábrese paso o subxectivismo: o home é un ser volto cara si mesmo,

que non coñece directamente mais que o seu pensamento. As cousas só son

coñecidas nas ideas, non directamente en si mesmas. Por iso é posible dubidar da súa

existencia. A realidade do mundo xa non é evidente: debe ser deducida. (por suposto a

non evidencia refírese á evidencia científica). O racionalismo cartesiano é o que abre o

camiño cara o idealismo epistemolóxico, onde o suxeito xa non reflexa a realidade,

senón que a “construe”.

O Idealismo parte de considerar que a realidade non existe independentemente do

suxeito que a coñece. Na postura mais radical, o idealismo cuetiona a existencia do

mundo exterior e redúceo a representacións mentais que facemos del. É, polo tanto,

unha postura gnoseolóxica e metafísica que sostén que o que verdadeiramente existe

é o pensamento, a conciencia. As cousas so existen na medida en que son “pensadas”.

Non hai obxectos independentes do suxeito que os coñece, senón que todo obxecto é

obxecto – para – un – suxeito. Podemos dubidar que exista algo mais alá da nosa

conciencia dos obxectos que pensamos ou coñecemos, pero non da conciencia e

coñecemento das ideas que os representan. Podemos ver un exemplo disto, nos nosos

soños: só podemos ter seguridade do que soñamos, non de que o soñado exista fora

da nosa mente. Polo tanto, no proceso de coñecer é o suxeito o que ten relevancia: o

suxeito do coñecemento é quen “constrúe” a realidade que coñece.

Os principais representantes desta corrente son Kant (s. XVIII), Schelling, Fichte e Hegel

(s. XIX).

O Idealismo transcendental Kantiano. Segundo Kant, no coñecemento humano

temos que distinguir dous tipos de condicións: empíricas e transcedentais.

As condicións empíricas proceden da experiencia, son os datos que nos aportan

os nosos sentidos.

3

As condicións transcendentais son previas á experiencia, e son as estructuras

que utiliza o entendemento para organizar os datos da experiencia e “construír”

o noso coñecemento das cousas.

Sen as condicións transcendentais ou a priori non poderíamos organizar a experiencia

como coñecemento obxectivo, pero tampouco poderíamos coñecer sen os datos da

sensibilidade (experiencia). Hai algo recibido da experiencia (do obxecto) e algo posto

polo suxeito no acto de coñecer.

Con esta tese Kant deu un xiro copernicano na epistemoloxía ó darlle unha volta

radical á relación entre os dous polos do coñecemento: suxeito e obxecto. No idealismo

transcendental o suxeito xa non é un mero receptor pasivo dos datos da experiencia

(como facía o empirismo), senón que “constrúe o obxecto mediante as estruturas

transcendentais. A realidade será polo tanto unha síntese entre as condicións do noso

entendemento e os datos que nos aporta a o mundo físico.

O Idealismo absoluto está representado por Hegel, que identifica ser e pensar dun

xeito radical. O obxecto é unha produción do suxeito. Non existe mais realidade que o

suxeito. Para Hegel o espírito absoluto é a Razón. Á pregunta metafísica “que é o que

existe?”, contesta: existe a Razón absoluta. Todo o demais son fenómenos da razón,

manifestacións da razón. Con Hegel culmina a identificación de Parménides entre ser e

pensar – as leis do pensar son as leis do ser; o que non se pode pensar non existe - .

O real é racional e o racional é real.

A finais do século XIX e principios do XX houbo un intento de superar a oposición entre

realismo e idealismo dende a fenomenoloxía e a hermenéutica.

A pretensión da fenomenoloxía era ir as cousas mesmas, coñecer o que son as cousas

no seu puro e simple presentarse á conciencia. Dálle prioridade á conciencia, pero non

considera que os obxectos se adapten ó suxeito, senón que se manifestan tal como son.

A experiencia intuitiva móstranos o mundo da maneira máis orixinaria e patente.

Edmund Husserl (1859-1938) foi o seu principal impulsor.

A hermenéutica pretende comprender as accións humanas e a realidade histórica

interpretando cada acontecemento na súa singularidade, tratando de captar o seu

sentido. Pero sempre coñecemos ou comprendemos dende un marco histórico, dende

unhas tradicións, prexuízos, etc. Polo tanto a razón nunca é “obxectiva” pois non

podemos illar os factores sociais, lingüísticos, etc. que determinan o meu coñecemento.

H.G. Gadamer (s.XX) di que “ a lente da subxectividade é un espello deformante...os

prexuízos do individuo son, moito mais que os seus xuízos, a realidade histórica do seu

ser..” (Verdade é método )

3. GRAOS DO COÑECEMENTO

No libro VI da República, Platón desenvolve o problema do coñecemento e establece

un paralelismo entre o seu dualismo ontolóxico e os graos de coñecemento.

Platón considera que se da unha proporcionalidade entre o ser e o coñecer: só o

verdadeiro Ser pode ser plenamente cognoscible, o non-Ser (o aparente) resulta

4

incognoscible. Por iso, o coñecer será relativo e aparente cando nos ocupamos das

cousas mudables, as cousas do mundo sensible, e será absoluto cando falamos das

cousas absolutas: as ideas.

Do mesmo xeito que temos dous mundos: un mundo sensible ou das cousas e un mundo

intelixible ou das ideas, tamén teremos dous graos de coñecemento. Un coñecemento

sensible ( doxa / opinión) , e un coñecemento intelectual (epistéme / ciencia) que

posuirán distintos niveis de certeza como vemos no seguinte cadro.

GRAOS DO COÑECEMENTO

nome OPINIÓN (en grego doxa) CIENCIA (en grego epistéme)

tipos

conxectura (eikasía)

crenza (pístis)

física

pensamento discursivo (diánoia)

matemáticas

dialéctica

(noûs)

filosofía

definición

coñecemento sensible

baseado na percepción de

sombras e reflexos

coñecemento baseado na percepción directa das

cousas sensibles

coñecemento racional pero

baseado nos signos sensibles

coñecemento puramente racional das Ideas e as súas relacións esenciais, en particular da Idea

de Ben

instrumento do coñecemento

A percepción A percepción

A razón discursiva, pero apoiada en

signos sensibles e hipóteses

A razón pura

obxecto de coñecemento

MUNDO SENSIBLE MUNDO INTELIXIBLE

Imaxes dos obxectos sensibles

Os obxectos sensibles

Entidades matemáticas

As Ideas, a Idea de Ben

5

Xa na filosofía moderna, E.Kant dira que a combinación dos planos subxectivo e

obxectivo da lugar a tres graos de coñecemento: opinión, crenza e saber.

A opinión é un estado de coñecemento no que o suxeito considera algo como

verdadeiro sen ter seguridade del: Obxectivamente non atopa ningunha xustificación

que poida comunicar ós demais que poida ser aceptada como válida. Subxectivamente

non se atreve a afirmar a súa verdade, xa que non está plenamente convencido dela.

Crenza: estado de coñecemento no que o suxeito está convencido de que o que pensa

é verdade, pero non aporta unha xustificación que poida ser aceptada por todos. A

seguridade é só subxectiva, o que creemos non ten unha xustificación obxectiva

suficiente.

O saber é unha opinión fundamentada subxectiva e obxectivamente. O suxeito está,

polo tanto, convencido dela e ademais ten razóns para convencer obxectivamente ós

demais.

4. OS INTERESES DO COÑECEMENTO.

Todo coñecemento está guiado por intereses: interésanos adaptarnos ó medio e

sobrevivir, interésanos comunicarnos cos demais e mellorar as relacións sociais,

interésanos ter autonomía e non sentirnos oprimidos, etc.. todos estes intereses son a

motivación que nos leva a desenvolver distintos tipos de coñecementos. O coñecemento

– destrezas, ciencia, tecnoloxía, etc. melloran e aumentan as nosas posibilidades

individuais e colectivas.

Segundo Kant, a razón humana actúa por dous intereses fundamentais:

Un interese teórico por lograr a maior amplitude e certeza dos nosos coñecementos, o

que motiva o interese polas ciencias teóricas.

Un interese práctico por coñecer que debemos facer ou que nos cabe esperar, o que

desenvolve coñecementos na area das ciencias humanas como a ética a política ou a

relixión.

Na actualidade J. Habermas, na súa obra: “Coñecemento e interese” 1968, propón

unha lixeira variante respecto da clasificación kantiana ó establecer tres tipos de

intereses: interese técnico, interese práctico e interese emancipatorio.

O interese técnico cuxo obxectivo é dominar e explotar a natureza, desenvolve un

coñecemento instrumental que trata de explicar as relacións causa-efecto e que se

leva a cabo nas ciencias empírico-analíticas, como a física, a química, bioloxía, etc.

O interese práctico, está orientado á comunicación cos demais seres humanos, e nel

xoga un papel fundamental a linguaxe. Este interese desenvolve un coñecemento

práctico que trata de comprender as relacións humanas e que se manifesta nas

ciencias humanas de carácter histórico.

6

O interese emancipador responde o desexo ou a necesidade de controlar o poder e

os efectos non desexados deste, como a dominación, a represión, falta de liberdade,

etc., polo que desenvolverá un saber crítico que se manifesta en ciencias como a

filosofía, a psicoloxía, a historia, etc.

5. AS POSIBILIDADES DO COÑECEMENTO

As posibilidades do coñecemento fan referencia as distintas actitudes respecto da

seguridade ou certeza que temos dos nosos coñecementos, e estas van dende a

confianza mais absoluta por parte dos dogmáticos hasta os escépticos que representan

a actitude mais desconfiada respecto da posibilidade de coñecer. Algunhas das posturas

respecto ó coñecemento son as seguintes:

O dogmatismo. Actitude gnoseolóxica segundo a cal aceptase todo coñecemento ou

afirmación da razón sen ningún tipo de análise previo dos límites ou validez de dito

coñecemento. Para o dogmatismo resulta comprensible que o suxeito, a conciencia

cognoscente, aprehenda o obxecto. Esta actitude fundaméntase na confianza absoluta

na razón humana. O dogmatismo supón certa, sen ningún xénero de dubida, a relación

entre o suxeito e o obxecto. Kant acusou ós racionalistas de dogmáticos por crer na

posibilidade da metafísica sen determinar con antelación as posibilidades da razón.

O escepticismo. Postura gnoseolóxica segundo a cal nada pode ser coñecido, non hai

ningún saber firme nin seguro. É, como podemos observar, a postura totalmente oposta

ó dogmatismo; pásase dunha confianza absoluta nas posibilidades do noso

coñecemento a non aceptar ningunha posibilidade de coñecemento. O escepticismo

apareceu no século III a. C da mán de Pirrón de Elis.

O subxectivismo e o relativismo. O escepticismo sostén que non hai verdade algunha.

O subxectivismo e o relativismo non son tan radicais. Con eles afírmase a existencia

dunha verdade, aínda que esta ten unha validez limitada, non hai verdades

universalmente válidas.

Así, para o subxectivismo a verdade depende do suxeito que coñece e xuzga. Este pode

ser tanto suxeito individual, coma o suxeito xeral ou o xénero humano. poderíamos dicir

que só existe “ a nosa” verdade. Non existen obxectos independentes da conciencia,

senón que todos os obxectos son enxendrados nela, produtos do pensamento. Un dos

primeiros representantes do subxectivismo foi Protágoras (Va.C), para quen “ o home é

a medida de todas as cousas”

O relativismo, que se asemella ó escepticismo filosófico, tampouco admite ningunha

verdade absoluta que teña validez universal, pero mentras o subxectivismo fai depender

o coñecemento humano de factores que residen no suxeito cognoscente, o relativismo

subliña a dependencia de factores externos: a cultura, tradicións, etc. Os primeiros

relativistas foron os Sofistas (s. VI a.C) que consideraban que non hai unha verdade

7

universal, xa que toda verde é tal en función do contexto socio-cultural no que se

desenvolve.

O pragmatismo. Teoría ética e gnoseolóxica segundo a cal o valor das ideas ou das

normas depende dos resultados prácticos, é dicir, da súa utilidade ou éxito. Para o

pragmatismo o home non é un ser esencialmente especulativo e pensante, senón un

ser práctico, e dende este punto de vista o valor do coñecemento virá determinado pola

súa utilidade. Afirma, polo tanto, que non existen verdade absolutas e necesarias senón

simples postulados que explican e ordenan a nosa experiencia. Algúns dos

representantes do pragmatismo son: C. S. Peirce, W.James e John Dewey, todos eles

de finais do s. XIX e principios do XX.

O Criticismo. Existe unha terceira postura intermedia entre o dogmatismo e o

escepticismo. Ó igual que o dogmatismo, o criticismo admite unha confianza

fundamental na razón humana, pero non dunha maneira inxenua ou acrítica, senón que

para evitar caer nesta postura o criticismo propón unha análise do limite das nosas

capacidades racionais ou ben contrastar criticamente os nosos coñecementos coa

realidade. O primeiro tipo refire o criticismo kantiano (XVIII) que suxire unha crítica da

razón para atopar hasta onde podemos coñecer. O segundo é propio do racionalismo

crítico (XX) e mantén que todo saber é falible, é dicir, que poder ser falsado, e por iso

debe ser posto a proba. Os seus principais representantes don Karl Popper e H. Albert.

Perspectivismo. Teoría de José Ortega y Gasset (s.XX) segundo a cal cada ser

humano ten unha perspectiva irrepetible sobre a realidade. Cada persoa vive nunhas

circunstancias históricas, económicas, culturais e políticas peculiares. Iso fai que teña

unha visión particular sobre a vida e a verdade: “ A realidade, coma a paisaxe, ten

infinitas perspectivas, todas elas igualmente verídicas e auténticas. A soa perspectiva

falsa é a que pretende ser única”. Só xuntando todas as perspectivas teríamos a

verdade absoluta.

6. QUE É A VERDADE?

A hora de reflexionar sobre o problema do coñecemento, é ineludible non formular a

cuestión da verdade do mesmo. O coñecemento está constituído de xuízos e estes

poden ser verdadeiros ou falsos, polo tanto a verdade é unha cuestión indisoluble do

coñecemento. O problema de afirmar que algo é “verdade” remítenos a unha serie de

cuestións tales como: que afirmamos cando dicimos que algo é verdade? Cales son os

criterios a partires dos cales podemos dicir que algo é verdade? Cal é o valor da

verdade? Hai verdades absolutas ?

Podemos, dende unha visión psicoloxista, empezar por considerar a verdade como un

estado da mente respecto da certeza dos nosos coñecementos, e dende esta

perspectiva falaríamos de tres estados:

8

Ignorancia: estado da mente no que se descoñece totalmente o contido dun

xuízo.

Dúbida: estado subxectivo de incerteza entre un enunciado e o seu contrario.

Non se afirma nin se nega a verdade dun xuízo, porque as razóns a favor ou en

contra teñen unha forza semellante.

Certeza: estado no que a mente acepta algo como verdade indubidable con

absoluta seguridade. Non admite a posibilidade de erro.

6.1 CRITERIOS DE VERDADE

Cando queremos discernir o que é verdadeiro do que é falso debemos recorrer a un

criterio que nos guíe.

A autoridade. Dende este criterio, unha afirmación é aceptada como verdadeira cando

procede de alguén que se considera coñecedor ou experto nunha materia. Por exemplo,

non dubidamos do diagnóstico dun médico en base ó coñecemento que ten da mediciña.

A cosmoloxía aristotélica mantívose vixente ata o Renacemento pola autoridade e

prestixio do Estagirita.

A tradición. Tómase como verdadeiro aquilo que tradicionalmente así se considera e

ninguén cuestiona. Unha das maiores dificultades para o avance da ciencia foi sempre

o peso da tradición a hora de postular unha nova teoría. Temos un claro exemplo nos

atrancos que tivo a teoría heliocéntrica de Copérnico para impoñerse a un modelo – o

xeocéntrico- que viña sendo aceptado dende que fora proposto por Ptolomeo no século

II d.C.

A correspondencia ou adecuación. Un enunciado será verdadeiro se o que dí se

corresponde co que observamos. É o criterio propio das ciencias naturais, onde unha

teoría será aceptada como verdadeira na medida en que sexa contrastada

empíricamente.

A coherencia lóxica. Este é un criterio lóxico-matemático, que consiste en comprobar

que non existe contradición entre os enunciados ou teoremas que pertencen a un

mesmo sistema e que estes se derivan necesariamente dos axiomas do mesmo. É un

criterio propio das ciencias formais: lóxica e matemáticas. Ex.: Un enunciado da

xeometría será certo na medida en que non entra en contradición con outros enunciados

da mesma ou cos axiomas de Euclides.

A evidencia. Este criterio non exclúe a verdade como coherencia ou contradición, senón

que o complementa. É o criterio exposto por Descartes, para quen só son verdadeiras

aquelas proposicións que non conteñan a mais mínima dúbida, é dicir que se presenten

á nosa mente de forma clara e distinta. Aquilo que se lle presenta á nosa razón como

intuitivamente evidente. ex.: os axiomas da lóxica ( Principio de identidade, A = A ).

9

A utilidade. Un enunciado será verdadeiro cando nos é útil ou conveniente. Este criterio

dáse fundamentalmente nas ciencias éticas e políticas.

6.2 INTERPRETACIÓNS FILOSÓFICAS DA VERDADE

Os criterios de verdade levan aparellada unha teoría da verdade que os fundamenta.

Algúns dos mais significativos son os seguintes:

Teoría da verdade como correspondencia ou adecuación.

Esta teoría proporciónanos a estrutura básica da verdade e que está na base

das demais teorías. Na súa metafísica Aristóteles escribe: “ a verdade é dicir do

que é que é, e do que non é que non é.....di a verdade quen xulga que o separado

está separado e que o unido está unido”. A verdade enténdese, polo tanto,

como a correspondencia ou adecuación entre un xuízo sobre un obxecto e o

que ese obxecto é ou a súa representación.

Esta mesma interpretación é a que fai a Filosofía Escolástica na Idade Media.

Tomás de Aquino dirá que “verdade é a adecuación entre o entendemento e as

cousas” . A adecuación dáse no xuízo. O xuízo consiste en afirmar ou negar un

concepto de outro. O mar é azul é un xuízo no que o predicado afirma ou nega

algo do suxeito. Se a afirmación ou a negación está conforme coa realidade e

verdadeira, no caso contrario sería falsa. Por iso a verdade é unha propiedade

do xuízo, non das cousas.

Esta teoría da verdade caracterízase polos seguintes trazos:

1. Hai unha realidade obxectiva externa ó pensamento.

2. A verdade consiste na concordancia pensamento-realidade.

3. O coñecemento racional é a representación da realidade.

A verdade como coherencia. Esta teoría foi formulada por primeira vez por

Hegel (1770-1831) non pon como criterio de verdade a adecuación á realidade,

senón a coherencia – non contradición - entre o conxunto de proposicións dun

sistema. Nada é verdadeiro ou falso illadamente, senón que cada un dos nosos

coñecementos está esencialmente referido e conectado co resto do sistema de

coñecementos no que se integra. Só así cobra sentido a verdade, pois “ a

verdade é un todo” como dicía Hegel.

Como xa vimos, trátase dunha teoría da verdade cuxo criterio é válido para as

ciencias formais: lóxica e matemáticas.

A verdade como evidencia. Descartes (1596-1650) introduce un novo

concepto de verdade: a verdade como evidencia. A razón ten dous modos de

10

coñecer, a intuición e a dedución. A intuición é o coñecemento directo da mente

pura e atenta, tan claro e tan distinto que é absolutamente imposible dubidar del.

A verdade xa non consiste, polo tanto, na adecuación do pensamento coa

realidade, senón que é unha propiedade dos xuízos, e inmanente ó

entendemento. A dedución sería a ferramenta que a partir das ideas que a

intuición descobre como verdadeiras nos permite deducir ou “demostrar” o resto

dos coñecementos.

Teoría pragmatista da verdade. A teoría pragmatista, desenvolta por J. Dewey

(1859-1952) e W. James (1842-1910), equipara a verdade coa utilidade.

Partindo da función práctica do coñecemento, o pragmatista reduce a verdade a

esa función e estima que un coñecemento é verdadeiro (adecuado) se nos

permite actuar con éxito e falso se nos conduce ó fracaso. ( un mapa de estradas

é verdadeiro (adecuado) se nos orienta e nos permite chegar ó noso destino, e

falso no caso contrario).

No ámbito da ciencia empíricas, a verdade manifestase no éxito da

experimentación. E no ámbito das ciencias humanas, sobre todo ética e política,

no éxito – beneficios na convivencia – das ideas que lexitiman as normas.

Un dos problemas desta teoría é o carácter relativo do útil, que varía coas

persoas, as sociedades ou no tempo. Isto lévanos a unha verdade sempre cun

carácter provisional. Ademais, en aras do pragmatismo ou da utilidade pódense

xustificar ideas tan “maquiavélicas” coma : “ o fin xustifica os medios”, recurso

utilizado en numerosas ocasións ó longo da historia para lexitimar réximes

totalitarios.

Tamén podemos argumentar que hai verdades inútiles e mentiras útiles.

Teoría do consenso. A teoría do consenso como medio para acadar a verdade

ten a súa orixe en Sócrates e foi desenvolvida no século XX por Apel e

Habermas. Destaca a importancia do diálogo como o mellor dos procedementos

para descubrir a verdade. De un diálogo libre, limpo de coacción e de intereses,

sen ignorancia de datos relevantes. Quen sosteñen esta teoría danse conta que

piden unha situación ideal, moi difícil de conseguir. Saben tamén que o consenso

non é criterio de verdade, pois ó longo da historia déronse consensos

maioritarios radicalmente falsos: a escravitude, a inferioridade da muller, a pena

de morte, o racismo... Tampouco ignoran que, mais que derivar a verdade do

consenso, é o consenso o que deriva do común recoñecemento da verdade. A

súa principal aportación consiste en mostrar que a mellor forma de acceder á

verdade é aducir razóns propias, escoitar as alleas e dialogar con rigor e

serenidade.

A verdade como perspectiva. A realidade é tan ampla e complexa que é

inabarcable dende un só punto de vista. Isto supón que podemos vela dende

11

diferentes puntos de vista, e cada un deles é unha perspectiva única desa

realidade. Dous dos filósofos mais destacados desta teoría da verdade como

perspectiva foron F. Nietzsche (1844-1900) e Ortega y Gasset (1883-1955).

O perspectivismo de Ortega y Gasset. É unha teoría a medio camiño entre o

racionalismo e o relativismo. Cada ser humano vive inmerso nunhas

circunstancias que constitúen a súa perspectiva vital e danlle unha visión

particular da realidade. Di Ortega que “eu son eu e a miña circunstancia” , para

destacar que as circunstancias – culturais, sociais, económicas, etc. –

condicionan (non determinan ) a miña visión da realidade e o meu modo de ser.

A verdade consistirá en saber dar conta da realidade dende a perspectiva vital

na que vivimos e complementándoa coa dos demais. A verdade é algo que se

alcanza paulatinamente, a medida que se unifican as perspectivas.

Perspectiva de Nietzsche. Este pensador non cree nas ideas universais, non

hai ningunha verdade eterna. Os conceptos cos que nos referimos ás cousas, a

realidade, non son mais que metáforas, que responden á necesidade do ser

humano de apropiarse do mundo e dominalo. Cada ser humano e cada época

teñen unhas determinadas necesidades. En función desas necesidades

interprétase a realidade, que se manifesta desde múltiples perspectivas. Ás

veces, unha perspectiva imponse sobre as demais como a única verdadeira e

cobra valor absoluto, é dicir, convertese nunha “verdade universal”.